O Concello de Moeche (A Coruña), en sesión celebrada o día 3 febreiro de 1997, acordou aproba-lo proxecto de construcción dunha nova casa do concello e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 10 de abril de 1997 baixo o número 4681.
Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.
A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de maio 1997, nº 6113.
Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque son os terreos idóneos para a construcción dunha nova casa do Concello, construcción permitida urbanisticamente, xustificando a urxencia no estado
lamentable no que se atopa a actual casa do Concello, que carece das mínimas condicións de salubridade e seguridade, que fan precisa a utilización do procedemento de urxencia, e igualmente debido á necesidade de dispor de terreos con celeridade para consegui-lo cofinanciamento do proxecto por outras administracións, dentro deste exercicio orzamentario.
A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de maio de mil novecentos noventa e sete,
DISPOÑO:
Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Moeche (A Coruña) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de construcción dunha nova casa do concello.
Santiago de Compostela, vintenove de maio de mil novecentos noventa e sete.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Jesús C. Palmou Lorenzo
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais
5054