Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Luns, 30 de xuño de 1997 Páx. 6.327

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de maio de 1997 pola que se regulan as probas de acceso ós ciclos formativos de formación profesional específica e de artes plásticas e deseño.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 32.1º establece que os interesados que non reúnan as condicións de titulación académica esixibles para acceder ós ciclos formativos poderán facelo trala superación dunha proba na que demostren te-la preparación suficiente para cursar con aproveitamento estas ensinanzas. Así mesmo, establece no seu artigo 48.3º que será posible acceder ós graos medio e superior das ensinanzas de artes plásticas e deseño sen cumpri-los requisitos académicos esixidos para cada caso, sempre que o aspirante demostre ter tanto os coñecementos e aptitudes propios da etapa educativa anterior como as habilidades específicas necesarias para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes.

O Decreto 239/1995, do 28 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais e as directrices sobre os seus títulos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, determina no seu artigo 5.2º, que a proba de acceso ós ciclos formativos será convocada e regulada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Regulada a admisión de alumnado ós ciclos formativos de formación profesional específica de grao medio en centros sostidos con fondos públicos na Orde do 6 de abril de 1995 (DOG do 12 de maio) e ós ciclos formativos de formación profesional específica de grao superior en centros sostidos con fondos públicos na Orde do 22 de maio de 1997, e aproveitando a experiencia acumulada ó longo dos cursos precedentes sobre o acceso ós ciclos formativos, procede regulamenta-lo acceso a estas ensinanzas no ámbito da Comunidade Autónoma. Polo tanto, esta consellería,

DISPÓN:

I. Disposicións de carácter xeral.

Primeiro.-A presente orde será de aplicación ós procesos de admisión de alumnado que desexe cursar ensinanzas de ciclos formativos pola vía de acceso mediante proba, en centros sostidos con fondos públicos do ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará en cada provincia unha proba para o acceso ós ciclos formativos que nela se impartan, cando menos unha vez ó ano. A esta proba unicamente poderán concorrer aquelas persoas que non reúnan os requisitos académicos que permitan o acceso directo ós ciclos formativos.

Terceiro.-A inscrición para realizar a proba farase na secretaría dos centros docentes públicos nos prazos que se determinen na convocatoria.

O modelo de solicitude para a inscrición nas probas de acceso ós ciclos formativos de grao medio recóllese no anexo VIII da presente orde, mentres que para o acceso ós ciclos formativos de grao superior figura como anexo I á Orde do 22 de maio de 1997.

Para a inscrición nas probas de acceso ós ciclos formativos de artes plásticas e deseño o modelo de solicitude xúntase como anexo I á presente orde.

Cuarto.-En cada convocatoria, as probas para o acceso a cada un dos ciclos formativos de formación profesional específica, xa sexa de grao medio ou grao superior, realizarana tódolos aspirantes nas mesmas datas e ás mesmas horas.

Os delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria proporán á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional os centros públicos da provincia nos que se realizarán as probas.

Quinto.-As probas e os criterios de avaliación delas serán elaborados pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Sexto.-Do desenvolvemento e avaliación das probas en cada centro responsabilizarase unha comisión avaliadora nomeada polo delegado provincial á proposta da Inspección Educativa e composta por un presidente/a e catro vocais.

O/a presidente/a será un inspector/a ou director/a dun centro público.

Os vocais serán funcionarios/as do corpo de profesores/as de educación secundaria e do corpo de profesores/as técnicos de formación profesional. Para os ciclos formativos de artes plásticas e deseño, serán funcionarios/as do corpo de profesores/as de artes plásticas e deseño e do corpo de mestres de taller de artes plásticas e deseño.

Á comisión avaliadora poderán incorporarse os asesores/as que se consideren necesarios en función das características da proba e do número de inscritos. Os asesores tamén serán nomeados polo delegado provincial despois da proposta razoada do presidente da comisión.

Sétimo.-A cualificación da proba expresarase do seguinte xeito:

1. Ciclos formativos de grao medio de formación profesional específica: a valoración de cada unha das partes de que consta a proba expresarase mediante a cualificación de apto ou non apto. Para a superación da proba será necesario obte-la cualificación de apto en ámbalas dúas partes dela.

2. A valoración da proba específica de acceso a ciclos formativos de artes plásticas e deseño efectuarase conforme o que se establece no parágrafo seguinte para os ciclos formativos de grao superior.

3. Ciclos formativos de grao superior: a valoración de cada unha das partes de que consta a proba expresarase mediante unha cualificación numérica, de 1 a 10. Para a superación da proba será necesario acadar en cada unha das partes a cualificación mínima de 5. A puntuación final será a media aritmética, con dous decimais, das cualificacións obtidas en cada exercicio.

4. A comisión avaliadora cubrirá unha acta segundo o modelo que figura no anexos II e III que se xuntan a esta orde, que quedará arquivada no centro no que se realicen as probas, remitindo unha copia autentificada ó Servicio de Inspección Educativa.

Oitavo.-A superación da proba acreditarase mediante unha certificación expedida pola secretaría do centro no que se realizou, segundo o modelo que figura nos anexos IV, V e VI da presente orde, indicando nela os ciclos formativos de grao superior ós que pode acceder.

Esta acreditación deberá retirala o interesado/a na secretaría do centro no que realizou a proba.

A certificación que se obtén trala superación da proba de acceso ó grao medio das ensinanzas de artes plásticas e deseño regulada no artigo 48.3º da Lei orgánica xeral do sistema educativo terá validez como requisito de acceso ós ciclos formativos de grao medio de formación profesional específica.

A certificación de ter superada a proba terá unha validez para acceder ós ciclos formativos no curso que se corresponde coa súa celebración e para o curso académico seguinte.

II. Requisitos de admisión ás probas de acceso a ciclos formativos de formación profesional específica e artes plásticas e deseño.

Noveno.-Para poder concorrer á proba de acceso ós ciclos formativos de grao medio, deberase estar nalgunha das seguintes condicións:

a) Ter cumpridos 18 anos de idade ou cumprilos no ano en que se realicen as probas.

b) Acreditar, cando menos, un ano de experiencia laboral ou de inscrición como demandante de emprego no correspondente organismo mediante certificación oficial da Tesourería da Seguridade Social ou INEM.

c) Ter superado un programa de garantía social. Neste caso, o/a alumno/a poderá solicitar, no momento da inscrición, a exención dalgunha das partes que compoñen a proba de acceso. A solicitude será resolta individualizadamente pola comisión avalia

dora, tomando como base os contidos desenvolvidos no correspondente programa; para tal efecto, o interesado xuntará coa solicitude a certificación a que se fai referencia no punto dous do apartado décimo primeiro da Orde do 5 de maio de 1997 (DOG do 29).

d) Ter esgotada a escolaridade na educación secundaria obrigatoria.

e) Posuí-lo certificado de escolaridade de formación profesional de primeiro grao ou equivalente.

f) Ter cursado o primeiro ciclo das ensinanzas experimentais autorizadas polas ordes do 6 de novembro de 1983 e 1 de marzo de 1985.

Décimo.-Para poder concorrer á proba de acceso a ciclos formativos de grao superior será preciso ter cumpridos 20 anos de idade no momento da inscrición.

III. Probas de acceso ós ciclos formativos de formación profesional específica.

Décimo primeiro.-A ciclos formativos de grao medio.

O contido da proba de acceso ós ciclos formativos de grao medio tomará como referencia os vixentes currículos oficiais da educación secundaria obrigatoria e valorará os coñecementos e habilidades suficientes para cursar con aproveitamento os novos estudios. Esta proba constará de dúas partes:

1º. Parte de contidos de tipo sociocultural.

2º. Parte de contidos de carácter científico-tecnolóxico.

As persoas que acrediten ter superadas totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de vintecinco anos poderán quedar total ou parcialmente exentas de realizar esta proba de acceso ós ciclos formativos, en función do grao de afinidade da proba de acceso á universidade e o ciclo formativo ó que queira acceder.

A resolución sobre a exención correspóndelle á comisión avaliadora que se indica no apartado sexto desta orde; para tal efecto a persoa que o solicita xuntará o certificado de acceso á universidade para maiores de 25 anos, no que conste a opción efectuada e a puntuación acadada.

Décimo segundo.-A ciclos formativos de grao superior.

Os contidos da proba de acceso ós ciclos formativos de grao superior adecuaranse ós currículos das correspondentes modalidades de bacharelato previstas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo. A citada proba constará de dúas partes:

a) Parte xeral.

b) Parte específica.

A parte xeral acreditará a madurez en relación coas materias comúns e de modalidade da correspondente modalidade de bacharelato. As persoas que acrediten ter superadas totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de vintecinco anos poderán quedar exentas de realizar esta parte da proba, en función do grao de afinidade da proba de acceso á universidade e o ciclo formativo ó que queiran acceder.

A resolución sobre a exención correspóndelle á comisión avaliadora que se indica no apartado sexto desta orde; para tal efecto a persoa que a solicita xuntará á solicitude o certificado de acceso á universidade para maiores de 25 anos, no que conste a opción efectuada e a puntuación acadada.

A parte específica pretende avalia-las capacidades de formación profesional de base correspondentes ó campo profesional de que se trate. Desta última parte poderán quedar exentas as persoas que acrediten, polo menos, un ano de experiencia laboral en campos profesionais que se correspondan cos estudios que pretende cursar. A solicitude de exención deberá formularse no momento da inscrición e irá acompañada da seguinte documentación:

-Certificación da empresa na que se faga constar especificamente as actividades laborais desenvolvidas pola persoa interesada e número de horas dedicadas a elas.

-Certificación da Tesourería da Seguridade Social e/ou mutualidade laboral na que estivese afiliada onde conste a empresa e o período de contratación.

As solicitudes de exención serán resoltas pola comisión de avaliación. Unha copia da resolución (anexo VII) deberá incorporarse ó expediente académico do alumno/a.

No caso de resolución denegatoria, esta deberá ser motivada (artigo 54, a, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico e procedemento administrativo común) e contra a ela poderase interpor recurso no prazo dun mes ante o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

IV. Probas de acceso ós ciclos formativos de artes plásticas e deseño para aqueles aspirantes que non reúnen os requisitos académicos.

Décimo terceiro.-Tal e como se establece no punto segundo da presente orde, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, anualmente, convocará cando menos, unha proba de acceso ós ciclos de grao medio e superior de artes plásticas e deseño para aqueles aspirantes que non reúnan os requisitos académicos esixidos no real decreto polo que se establece cada título. A superación das referidas probas permiten, pola súa vez, acceder ás probas específicas

de cada familia profesional de artes plásticas e deseño que se regulan no apartado V da presente orde.

Décimo cuarto.-O contido da proba de acceso ós ciclos formativos de grao medio terá relación cos obxectivos xerais dos vixentes currículos da educación secundaria obrigatoria e valorará a madurez intelectual necesaria para cursar con aproveitamento o correspondente ciclo formativo acreditada a través do dominio das capacidades lingüísticas, de razoamento e de coñecementos fundamentais, relacionadas coas ensinanzas ás que aspira. Os contidos da proba agruparanse en dúas partes:

1. Sociocultural.

2. Educación plástica e visual.

Décimo quinto.-O contido da proba de acceso ós ciclos formativos de grao superior adecuarase ó currículo de bacharelato da modalidade de artes agrupado en dúas partes, referentes:

1. As materias comúns.

2. As materias específicas da modalidade.

Da parte da proba relativa ás materias comúns quedarán exentas as persoas que acrediten ter superadas totalmente as probas de acceso á universidade para maiores de vintecinco anos, en función do grao de afinidade entre a proba de acceso á universidade e o ciclo formativo ó que queiran acceder.

A resolución sobre a exención correspóndelle á comisión avaliadora que se indica no apartado sexto desta orde; para tal efecto, o/a solicitante xuntará á solicitude a oportuna documentación e que se recolle no anexo I desta orde.

V. Probas específicas de acceso ós ciclos formativos de artes plásticas e deseño para aqueles aspirantes que reúnen os requisitos académicos.

Décimo sexto.-Para acceder ós ciclos formativos de grao medio será preciso estar en posesión de:

-Título de Graduado en Educación Secundaria ou ter superados os estudios equivalentes a este, segundo se establece no Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo.

-Ter superada a proba de acceso definida no punto décimo cuarto desta orde.

E supera-la proba específica que se define a continuación:

a) Primeiro exercicio: desenvolvemento por escrito, no tempo máximo dunha hora, dun tema proposto sobre artes plásticas e coñecementos histórico-artísticos. Neste exercicio valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico-artísticos.

b) Segundo exercicio: realización, nun tempo máximo de dúas horas, de debuxos e bosquexos sobre un tema proposto para a súa aplicación posterior. Neste exercicio valoraranse as destrezas específicas e as capacidades de observación, percepción e aptitude para os estudios concretos das distintas familias profesionais.

c) Terceiro exercicio: execución, durante un tempo máximo de dúas horas, cos bosquexos e debuxos realizados no exercicio segundo. Valorarase a capacidade artística e a creatividade dos aspirantes, o sentido do espacio, a composición e a predisposición para os estudios concretos das distintas familias profesionais.

Décimo sétimo.-Estarán exentos de realiza-la proba de acceso anterior:

-Quen estea en posesión do título de técnico ou técnico superior en ciclos formativos da mesma familia profesional á que pretende acceder.

-Os que teñan superados os tres cursos comúns correspondentes ó plan de estudios que establece o Decreto 2127/1963, do 24 de xullo (BOE do 6 de setembro), desenvolvido pola Orde do 27 de decembro de 1963 (BOE do 23 de xaneiro de 1964).

-Os que superasen os dous cursos comúns do plan experimental de ensinanzas artísticas establecidas para a Comunidade Autónoma de Galicia polo Decreto 179/1988, do 7 de xullo (DOG do 18).

Décimo oitavo.-Para acceder ós ciclos formativos de grao superior será preciso estar en posesión de:

-Título de bacharelato establecido na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, ou ter superada a proba que se establece no apartado décimo quinto e ademais supera-la correspondente proba específica que se estructura nos seguintes exercicios:

a) Primeiro exercicio: desenvolvemento por escrito, durante un tempo máximo dunha hora, de temas propostos nun texto ou por medio de documentación gráfica relacionados coas artes plásticas. Valoraranse as capacidades lingüísticas e os coñecementos histórico-artísticos.

b) Segundo exercicio: realización, durante un tempo máximo de dúas horas, de bosquexos sobre un tema proposto que servirán de base para a realización posterior. Valoraranse as destrezas, as habilidades, capacidades de percepción, de observación e de aptitude á predisposición para os estudios concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.

c) Terceiro exercicio: execución, durante un tempo máximo de dúas horas, do xeito que determine o tribunal, cos bosquexos realizados no exercicio anterior dun traballo relacionado co ciclo ó que o alumno aspira a acceder. Valorarase a capacidade compositiva así como a predisposición para os estudios concretos dos ciclos correspondentes á familia profesional.

Décimo noveno.-Estarán exentas de realiza-los tres exercicios da proba específica indicados anteriormente as persoas:

-Que estean en posesión do título de bacharelato na modalidade de artes e teñan superada a materia de Fundamentos do Deseño, así como as dúas materias desta modalidade de bacharelato que no seu momento se determinen.

-Que superasen a modalidade de artes de bacharelato experimental definido na Orde do 21 de outubro de 1986 (BOE do 6 de novembro).

-Que posúan o título de técnico superior de artes plásticas e deseño noutro ciclo formativo da mesma familia profesional.

-Graduadas en artes aplicadas e oficios artísticos da familia profesional á que pretenden acceder.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 24 de xuño de 1996 polo que se regula as probas de acceso ós ciclos formativos de formación profesional específica e de artes plásticas e deseño e todas aquelas disposicións de igual o inferior rango que se opoñan ó disposto na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para dictar as instruccións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do previsto na presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Director Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Director Xeral de Centros e de Inspección Educativa.

ANEXO IV

D/Dª

Secretario/a do centro docente

de provincia de

CERTIFICA:

Que D/Dª

superou, coa cualificación de ...., a proba que lle permite o acceso ós ciclos formativos de formación profesional específica de grao medio.

En ......, ... de ..... de 19...

O/A secretario/a do centro docente

Vº e Pr.

O/A DIRECTOR/A

Selo do centro docente

ANEXO V

D/Dª

Secretario/a do centro docente

de provincia de

CERTIFICA:

Que D/Dª

superou, coa cualificación de ..., a proba que lle permite o acceso ós ciclos formativos de formación profesional específica de grao superior que a continuación se indican:

1.

2.

3.

4.

En ...., ... de ..... de 19...

O/A secretario/a do centro docente

Vº e Pr.

O/A DIRECTOR/A

Selo do centro docente

ANEXO VI

D/Dª

Secretario/a do centro docente

de provincia de

CERTIFICA:

Que D/Dª

superou, coa cualificación de ..., a proba que lle permite a realización dos exercicios correspondentes á proba específica de acceso ós ciclos formativos de artes plásticas e deseño de grao ....... que a continuación se indican:

1.

2.

3.

4.

En ...., ... de ..... de 19...

O/A secretario/a da escola de arte

Vº e Pr.

O/A DIRECTOR/A

Selo da escola de arte

ANEXO VII

Vista a solicitude de execución da parte específica da proba de acceso ó ciclo formativo de grao superior

(denominación)

correspondente á familia profesional que

formula D/Dª á comisión

de avaliación constituída no centro

Vista a documentación que xunta o interesado/a, que se corresponde coa requirida no apartado .... da Orde do 23 de maio de 1997.

Considerando que a súa experiencia laboral ..... lle proporciona as capacidades de formación de base requiridas para cursa-lo ciclo formativo ó que solicita acceder.

Esta comisión avaliadora resolve:

q Declarar exento/a de realiza-la parte específica da proba.

q Que o interesado/a deberá realiza-la parte específica da proba polas razóns que se indican:

En ...., .... de ..... de 199..

A comisión avaliadora

5053