Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Luns, 30 de xuño de 1997 Páx. 6.320

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de maio de 1997 pola que se regula a admisión de alumnado nos ciclos formativos de formación profesional específica de grao superior en centros docentes sostidos con fondos públicos.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4), e o Real decreto 676/1993, do 7 de maio (BOE do 22), establecen as características da formación profesional específica, organizada en ciclos formativos de grao medio e superior.

A Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo (BOE do 4), reguladora do dereito á educación, establece os criterios básicos para a admisión de alumnos e alumnas nos centros docentes sostidos con fondos públicos.

A Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro (BOE do 21), de participación, avaliación e goberno dos centros docentes, no seu apartado 2 da disposición adicional terceira, regula os procedementos de admisión do alumnado nas ensinanzas de grao superior de formación profesional, establecendo que cando non existan prazas suficientes, terá prioridade quen cursase a modalidade de bacharelato que en cada caso se determine. Unha vez aplicado este criterio, atenderase ó expediente académico dos alumnos/as.

A disposición derradeira primeira do Decreto 239/1995, do 28 de xullo (DOG do 16 de agosto), que establece a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional e as directrices sobre os seus títulos, autoriza o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a dicta-las disposicións correspondentes para o desenvolvemento deste decreto.

O Decreto 87/1995, do 10 de marzo (DOG do 28), polo que se regula a admisión de alumnos e alumnas en centros sostidos con fondos públicos de educación infantil, primaria e secundaria, establece na súa disposición adicional cuarta que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá as normas específicas para regula-lo acceso ós ciclos formativos de grao superior. Na súa virtude, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Ámbito de aplicación.

A presente orde será de aplicación ós procesos de admisión do alumnado que desexe cursa-las ensinanzas de ciclos formativos de formación profesional específica de grao superior en centros sostidos con fondos públicos do ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-Formas de acceso ós ciclos formativos de grao superior.

1. O acceso a ciclos formativos de grao superior realizarase mediante acceso directo ou a través dunha proba. O acceso directo regúlase na presente orde e o acceso mediante proba pola Orde do 23 de maio

de 1997. Ó acceso mediante proba unicamente poderán concorre-las persoas que carezan de requisitos académicos que posibiliten o acceso directo.

2. Os centros sostidos con fondos públicos distribuirán as prazas dispoñibles para cursar ciclos formativos entre o alumnado procedente do acceso directo e do acceso mediante a proba, segundo as porcentaxes que a tal fin estableza a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Terceiro.-Prazo de presentación das solicitudes de preinscrición para o acceso directo.

1. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesionais establecerá anualmente, considerando a planificación que debe realizar, as datas nas que as persoas solicitantes poderán formaliza-la preinscrición.

2. Antes do inicio do período de preinscrición, a correspondente delegación provincial comunicaralle ós centros o número de grupos e prazas que ofertará para cada ciclo formativo autorizado.

Cuarto.-Solicitude para o acceso directo e documentación que hai que presentar:

1. Cada solicitante presentará unha única instancia, segundo modelo que se xunta no anexo I, que entregará no centro solicitado en primeiro lugar e na que constarán, por orde de preferencia, os centros e, dentro de cada centro, os ciclos nos que desexa ser admitido para cursar estas ensinanzas. Xuntarase á solicitude a documentación acreditativa de tódolos requisitos académicos e xustificantes dos criterios de baremación establecidos:

-Fotocopia do DNI ou partida de nacemento.

-Certificado de estudios no que figuren as cualificacións das diferentes materias cursadas e ter realizado o depósito do título se é o caso.

-Certificado da superación da proba de acceso ó ciclo formativo se fora o caso.

2. No caso de que a persoa solicitante presente máis dunha instancia, non se terá en conta ningunha delas e procederase á súa escolarización ó final do proceso, se houbese praza. De igual forma procederase respecto das instancias que se presenten fóra de prazo.

Quinto.-Requisitos e proceso de admisión por acceso directo.

1. Para acceder directamente ós ciclos formativos de grao superior de formación profesional específica, será preciso estar en posesión do título de bacharelato establecido na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo e se é o caso, ter superado as materias de bacharelato relacionadas na columna terceira do anexo II desta orde.

2. Non obstante o disposto no apartado anterior, tamén terán acceso directo as persoas que superaran o bacharelato experimental regulado pola Orde ministerial do 21 de outubro de 1986 (BOE do 6

de novembro), o curso de orientación universitaria ou equivalente, as que estean en posesión do título de técnico superior, técnico especialista de formación profesional ou titulación equivalente así como aquelas persoas que posúan unha titulación universitaria ou equivalente.

3. Na admisión de alumnado en centros sostidos con fondos públicos, ás ensinanzas de ciclos formativos de grao superior de formación profesional específica, cando non existan prazas suficientes, aplicaranse sucesivamente os seguintes criterios de prioridade:

a) Ter cursado algunha das modalidades de bacharelato que se determinan para cada ciclo formativo na cuarta columna do anexo II da presente orde.

b) Persoas que superaran modalidades de bacharelato establecido na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, distintas das establecidas no apartado anterior.

c) Persoas que teñan superado o segundo ciclo da modalidade de bacharelato experimental que se corresponda coa do bacharelato establecido na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, que se determina para cada ciclo formativo, segundo as equivalencias que a tal efecto, se indican no anexo III desta orde.

d) Persoas que teñan superado o curso de orientación universitaria ou equivalente

e) Persoas que estean en posesión do título de técnico especialista, técnico superior ou equivalente

f) Persoas que estean en posesión dunha titulación universitaria ou equivalente.

4. Dentro de cada un dos colectivos indicados nos apartados anteriores, a orde de admisión nos ciclos formativos de grao superior establecerase segundo a maior puntuación media do seu expediente académico que, para estes efectos, se calculará segundo se indica a continuación:

4.1. No caso do alumnado que cursara o bacharelato que se establece na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, a puntuación obtida como media aritmética das cualificacións acadadas nas diferentes materias de ámbolos dous cursos, expresada con dúas cifras decimais. En caso de empate neste colectivo, procederase á súa ordenación segundo á maior puntuación da nota media obtida nas materias que figuran no real decreto que regula as ensinanzas ás que se pretende acceder.

4.2. Para efectos do cálculo da cualificación representativa do expediente académico das persoas que soliciten acceder ós ciclos formativos de grao superior de formación profesional específica, despois de ter aprobado o bacharelato experimental, o curso de orientación universitaria ou equivalente, ou estean en posesión do título de técnico especialista de formación profesional ou equivalente, ou dunha titulación universitaria ou equivalente, aplicaranse as seguintes equivalencias:

-Suficiente: 5,5.

-Ben: 6,5.

-Notable: 7,5.

-Sobresaliente e matrícula de honra: 9.

O resultado de aplica-la táboa de equivalencias indicada anteriormente, expresarase coa media aritmética das diferentes materias que integran os cursos dos respectivos plans de estudio, con dúas cifras decimais.

4.3. Para determina-la media do expediente académico non se considerarán as materias ou áreas que o alumno ou alumna teña validadas ou nas que estivera exento ou exenta.

5. Aplicados os anteriores criterios e no suposto de subsistir situacións de empate nun mesmo colectivo, procederase a sorteo público, que será efectuado polo órgano competente.

Sexto.-Órganos competentes para resolve-la admisión do alumnado.

1. Tal e como se establece no artigo 17 do Decreto 87/1995, o Consello Escolar de cada centro público é o órgano competente para decidi-la admisión das persoas que o solicitaran, como primeira opción, no devandito centro público. Nos centros privados concertados, as persoas titulares serán as responsables do estricto cumprimento das normas xerais sobre a admisión de alumnado e corresponde ó Consello Escolar garanti-lo seu cumprimento.

2. Unha vez concluído o proceso de admisión, o Consello Escolar publicará as listas de persoas admitidas e non admitidas, en orde decrecente segundo a puntuación asignada. Contra a resolución do Consello Escolar, as persoas interesadas poderán presentar reclamación segundo se establece no apartado 9.1 desta orde.

3. Os centros comunicarán á delegación provincial o número de persoas admitidas e o número de prazas vacantes en cada ciclo formativo nos prazos que dispoña a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional. Asemade, remitiranlle as solicitudes e documentación de todas aquelas persoas que non obtiveran praza no centro.

Sétimo.-Información pública do proceso.

Os centros docentes sostidos con fondos públicos que oferten ciclos formativos deberán expoñer nos seus taboleiros de anuncios:

a) Normativa reguladora da admisión do alumnado.

b) Prazas que oferten nos diferentes ciclos que teñan autorizados.

c) Calendario de publicación da relación do alumnado admitido, así como dos prazos para presentar reclamacións sobre as resolucións do Consello Escolar.

d) Calendario e normas para formaliza-la matrícula.

Oitavo.-Comisión de escolarización.

Para resolver sobre a escolarización daquelas persoas que non obtiveron praza no centro solicitado en primeira opción, poderanse constituí-las seguintes comisións:

8.1. Comisión de escolarización provincial:

8.1.1. Os delegados provinciais constituirán unha comisión de escolarización de formación profesional

específica de grao superior para resolver sobre as solicitudes que non obtiveron praza nos centros que se solicitaban en primeira opción.

8.1.2. No caso de constituírse, as funcións da comisión de escolarización serán:

-Informar das prazas existentes para este tipo de ensinanzas nos centros sostidos con fondos públicos.

-Resolver sobre as solicitudes non atendidas polos centros solicitados en primeiro lugar e

-Resolve-las reclamacións presentadas.

8.1.3. As comisións provinciais de escolarización estarán compostas por:

a) Un/a inspector/a de Educación designado/a polo delegado provincial, que será o/a presidente/a e a quen lle corresponderá a dirección técnica do proceso.

b) Tres directores/as de centros, designados/as polo delegado provincial, do ámbito territorial da comisión, que impartan este tipo de ensinanzas.

c) Un representante dos pais de alumnos/as designado/a polas asociacións ou federacións de asociacións de pais.

Actuará como secretario/a da comisión, con voz e sen voto, un funcionario/a da correspondente delegación provincial.

8.1.4. No caso de non constituírse a comisión de escolarización provincial, as súas funcións serán asumidas pola Inspección Educativa.

8.2. Comisión de escolarización autonómica.

8.2.1. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá constituír, cando o estime oportuno, unha comisión de escolarización que resolverá sobre o que se indica a continuación.

8.2.2. Unicamente serán remitidas a esta comisión as solicitudes daquelas persoas que non foron escolarizadas pola comisión provincial e que solicitaron algún ciclo formativo que non se imparte na súa provincia. Asemade, a comisión provincial, comunicará o número de prazas dispoñibles en cada un dos ciclos formativos do seu ámbito territorial

8.2.3. A comisión de escolarización autonómica estará composta por:

a) O subdirector xeral de Formación Profesional e de Educación de Adultos que actuará como presidente.

b) Un inspector ou inspectora de Educación de cada unha das provincias por proposta do delegado provincial e designados/as pola Inspección Central.

Actuará como secretario/a da comisión, con voz e sen voto, un funcionario/a da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Noveno.-Reclamacións.

9.1. Contra as resolucións dos consellos escolares, das comisións de escolarización ou da inspección educativa, se é o caso, as persoas interesadas poderán presentar reclamación no prazo de dous días,

contados a partir da data da súa publicación, ante o órgano que as dictou, que deberá resolver no prazo máximo de cinco días.

9.2. Contra as resolucións que se indican no apartado anterior, a persoa interesada, poderá interpoñe-lo recurso ordinario previsto no artigo 110.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, perante o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da provincia na que se dictou a resolución recorrida no prazo dun mes. A resolución deste poñerá fin á vía administrativa.

9.3. Contra a resolución da comisión de escolarización autonómica, a persoa interesada poderá interpoñe-lo recurso ordinario previsto no artigo 110.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, perante o director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional no prazo dun mes; a resolución deste pon fin á vía administrativa.

Décimo.-Matriculación.

A formalización da matrícula nos centros sostidos con fondos públicos, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quedará condicionada a que haxa un número mínimo de 15 alumnos/as admitidos/as para cada un dos ciclos formativos de grao superior. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional poderá autorizar excepcionalmente a impartición de ciclos formativos con menor número de alumnos/as.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 21 de xuño de 1996 pola que se regula a admisión de alumnos e alumnas nos ciclos formativos de formación profesional específica de grao superior en centros sostidos con fondos públicos e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional pora dictar tódalas normas precisas para o desenvolvemento desta orde, así como para fixar prazos diferentes dos previstos nesta disposición para a admisión de solicitudes e formalización de matrícula nas ensinanzas obxecto dela e para regular ofertas de formación profesional específica para determinados colectivos de poboación con necesidades especiais.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Director Xeral de Ordenación Educativa

e de Formación Profesional. Director Xeral

de Centros e Inspección Educativa.

4966