Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Xoves, 26 de xuño de 1997 Páx. 6.169

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 148/1997, do 24 de abril, polo que se aproban os estatutos do Colexio de Odontólogos e Estomatólogos das provincias de Pontevedra e Ourense.

O Colexio de Odontólogos e Estomatólogos, con competencia nas demarcacións xeográficas das provincias de Pontevedra e Ourense (XI Rexión), aprobou por xunta xeral os seus estatutos, solicitando da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, a súa aprobación definitiva co fin da súa entrada en vigor.

Na súa virtude, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, ó abeiro do artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, sobre transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado na materia de colexios oficiais ou profesionais e no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado e, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de abril de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar de seren adecuados á legalidade os estatutos do Colexio de Odontólogos e Estomatólogos das provincias de Pontevedra e Ourense.

Disposición adicional

Dispoñe-la publicación no Diario Oficial de Galicia dos indicados estatutos, que figuran como anexo ó presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de abril de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

ESTATUTOS DO COLEXIO OFICIAL DE ODONTÓLOGOS E ESTOMATÓLOGOS

DA XI REXIÓN

TÍTULO I

Sobre o colexio e as súas relacións coas administracións

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Definición.

O Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos da XI Rexión, -desde este momento Colexio- está integrado polos profesionais da clase odontoestomatolóxica con exercicio nas provincias de Ourense e Pontevedra, é unha corporación de dereito público con personalidade xurídica, que goza de plena capacidade de obrar.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

O funcionamento e o réxime xurídico do Colexio, no ámbito da súa competencia, rexeranse pola Lei de colexios profesionais, tanto estatal como autonómica, os presentes estatutos e subsidiariamente os do Consello Xeral de Colexios de Odontólogos e Estomatólogos de España.

Tamén subsidiariamente, será aplicable a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 3º.-Colexiación.

O Colexio, dentro do ámbito da súa competencia, será a única organización que encadre obrigatoriamente a tódolos profesionais da clase referida no artigo 1º.

Artigo 4º.-Principios.

Rexerán a actuación de tódolos órganos do Colexio, principios de independencia, representatividade, actuación democrática e seguridade xurídica.

Capítulo II

Relacións con outras administracións

Artigo 5º.-Relación coa Administración pública.

O Colexio, a través dos seus órganos, relacionarase coa Administración autónoma da Comunidade galega para tódalas cuestións que afecten a profesión.

Artigo 6º.-Relación con organismos colexiais.

Así mesmo, estará representado no Consello Xeral de Colexios de Odontólogos e Estomatólogos da Comunidade Galega, calquera que sexa a denominación que adopte a partir da creación deste. Relacionarase coas demais organizacións colexiais.

Artigo 7º.-Consello xeral.

O Colexio estará integrado igualmente no Consello Xeral de Colexios de Odontólogos e Estomatólogos de España, no que participará plenamente.

TÍTULO II

Denominación, domicilio, territorialidade e fins

Capítulo I

Denominación, domicilio e ámbito territorial

Artigo 8º.-Denominación.

O Colexio denomínase Ilustre Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos da XI Rexión, con competencia nas demarcacións xeográficas das provincias de Ourense e Pontevedra.

Artigo 9º.-Tratamento.

O Colexio terá o tratamento de ilustre, e o seu presidente o de ilustrísimo.

Artigo 10º.-Domicilio.

O Colexio establece a súa sede na cidade de Pontevedra, rúa Virxe do Camiño, número 2-1ª planta dereita. Poderá ser modificada, por acordo da xunta de goberno aprobado pola asemblea xeral.

Artigo 11º.-Escudo.

Toda a documentación colexial utilizará o escudo oficial do Colexio.

Logo da autorización da xunta directiva, os colexiados poderán usar na súa documentación profesional o devandito escudo.

O escudo estará constituído pola Cruz de Malta, en cor marrón, con bordo branco, sobre un áspide, marrón entrelazado a un instrumento de plástico de color branca, e todo isto sobre unha coroa de loureiro de color verde, cunha cinta marrón. A Cruz de Malta leva ó centro un escudo branco atravesado da esquina superior esquerda á inferior dereita por franxa azul celeste. A aspa esquerda da cruz leva a inscrición Ilust. Colexio Oficial; a superior Odontólogos; a esquerda Estomatólogos; e a inferior Galicia XI Rexión.

Capítulo II

Competencia do Colexio

Artigo 12º.-Fins.

Son fins específicos do Colexio os seguintes:

1. Uni-las actividades dos profesionais en servicio dos altos intereses da Comunidade Autónoma e do Estado.

2. Desempeña-la representación legal do colectivo odontoestomatolóxico dentro da súa demarcación e os órganos de que forma parte. Así mesmo, poderá desempeña-la representación individual de calquera dos seus colexiados.

3. Mante-la disciplina e ética dos colexiados, a cooperación entre estes, facendo observa-los principios deontolóxicos e ético-sociais da profesión, a súa dignidade e prestixio. Poderá elabora-los códigos e regulamentos necesarios para tal fin.

4. Amparar e defende-los dereitos e o prestixio profesional dos colexiados, en xeral, ou de calquera dos seus grupos ou individuos en particular, cando fose mester.

5. Promover actuacións de todo tipo, orientadas a perfecciona-lo exercicio da profesión odontoestomatolóxica dos seus colexiados, e a eleva-lo seu nivel moral, cultural, social, científico e material.

6. Crear, soster e fomentar obras de previsión, crédito, consumo aseguramento e calquera outra, nos seus diversos aspectos, xa sexa con carácter obrigatorio ou voluntario. Promover, colaborar ou participar en mecanismos ou institucións de protección social dos colexiados, xubilados, enfermos, inválidos, viúvas e orfos colexiais ou doutras profesións afíns.

7. Manter unha relación constante e activa coa universidade, para recibir e proporcionar orientacións actuais e útiles, e para o coñecemento das características desexables para os novos profesionais.

8. Propoñerlles ás autoridades competentes as medidas necesarias para obte-lo maior perfeccionamento do sistema asistencial, tanto privado coma público, promovendo e fomentando toda iniciativa que teña por obxecto a súa mellor eficacia.

9. Estudiar, e informar cando sexa requirido, tódalas cuestións que afecten a tributación e exercicio dos seus colexiados, representándoos corporativamente ante os organismos administrativos e fiscais de toda orde; organizar, se procedese, de acordo coa legislación vixente.

10. Denunciar e persegui-lo intrusismo profesional, acudindo ante as autoridades gobernativas, xudiciais e sanitarias.

11. Prestárlle-lo auxilio pertinente ás autoridades, emitindo os informes técnicos e profesionais que se lle soliciten.

12. Organiza-los servicios estatísticos necesarios para os fins da organización colexial.

13. Colaborar cos organismos competentes para establece-las condicións de exercicio profesional nas distintas modalidades ou especialidades odontoestomatolóxicas, regulando e impoñendo as condicións de prestación de servicios que sexan de obrigado acatamento, garantindo o respecto e observación das normas reguladoras de traballo en tódolos seus aspectos.

14. Intervir informándolles ós organismos pertinentes, en tódalas disposicións oficiais que afecten, na nosa comunidade, a profesión que encadra.

15. Establece-lo réxime económico do Colexio e tódolos órganos que cree.

16. Leva-lo censo de profesionais e rexistro de títulos.

17. Exerce-la xurisdicción disciplinaria, conforme as disposicións establecidas neste estatuto.

18. Edita-las publicacións necesarias para información xeral e científica de tódolos colexiados, así como circulares e cursos que sexan precisos.

19. Organiza-los servicios de asesoramento xurídico, e de calquera orde, en xeral, que se consideren convenientes.

20. Fomentar actos de tipo cultural e científico.

21. Intervir e dictar laudos que se consideren procedentes dos conflictos derivados da actividade profesional entre colexiados, entre eles e os seus pacientes, ou as administracións, cando sexa solicitada e aceptada a súa intervención.

TÍTULO III

Organización colexial

Capítulo I

Organismos colexiais

Artigo 13º.-Órganos do Colexio.

O Colexio constitúese nos seguintes órganos:

a) A asemblea xeral de colexiados.

b) A xunta directiva.

Artigo 14º.-Seccións.

Poderanse crear cantas seccións se consideren pertinentes para a boa marcha e goberno e desenvolvemento dos fins concretos do Colexio, adscribindo a estas aqueles colexiados que se consideren necesarios.

No caso de que a xunta directiva o considerase necesario, poderá contratar un secretario xeral técnico, que dependerá directamente do secretario e presidente do Colexio, e que dirixirá a oficina colexial e terá as competencias que lle fosen asignadas pola xunta directiva e a asesoría xurídica, que se ocupará do asesoramento en dereito.

Capítulo II

Composición dos organismos

Artigo 15º.-Asemblea xeral.

A asemblea xeral estará formada por tódolos colexiados, e será o órgano máximo de decisión da organización.

Artigo 16º.-Xunta directiva.

1. A xunta directiva constituirase en pleno e en comisión permanente.

2. A xunta directiva do Colexio representará o colexio e os colexiados en tódolos actos e organismos oficiais, exercendo as funcións corporativas da súa xurisdicción con tódolos dereitos e obrigas que se deriven das disposicións en vigor antes referidas; adoptará cantas medidas sexan precisas, dictando os regulamentos que se consideren pertinentes, logo da ratificación pola asemblea xeral, para asegurar e logra-lo cumprimento dos seus fins.

3. Os membros da xunta directiva, unha vez elixidos, exercerán os cargos para os que foron nomeados, durante catro anos, e poderán ser reelixidos.

4. Serán elixidos de acordo co procedemento que establecen estes estatutos.

Artigo 17º.-Pleno.

O pleno da xunta directiva estará constituído polo presidente, o vicepresidente, o secretario, o tesoureiro-contador e catro vocais.

Artigo 18º.-Comisión permanente.

A comisión permanente estará formada polo presidente, o vicepresidente, o secretario e o tesoureiro-contador.

Capítulo III

Das eleccións

Artigo 19º.-Condicións.

Serán condicións para ser elixidos como cargos da xunta directiva: ser español, estar colexiado neste Colexio, atoparse no exercicio da profesión, estar ó corrente de tódalas obrigas corporativas, non encontrarse afectado por prohibición ou incapacidade legal ou estatutaria, nin estar sometido a expediente.

En todo caso, esixiranse en especial, os seguintes requisitos:

a) Para ser presidente e vicepresidente da xunta directiva, débese levar un mínimo de oito anos no exercicio profesional e colexiación neste Colexio.

b) Para ser secretario, catro anos de iguais condicións.

c) Para os demais cargos abondará cun ano de exercicio profesional e colexiación neste Colexio.

Artigo 20º.-Candidaturas.

As candidaturas poderán ser individuais; por listas, deberán ir avaladas por un dez por cento do censo colexial e presentarse por escrito dentro do prazo sinalado para o efecto.

Artigo 21º.-Eleccións.

A elección será directa, entre tódolos colexiados inscritos no colexio que resulten candidatos.

Artigo 22º.-Convocatoria.

A convocatoria para as eleccións dos membros da xunta directiva, corresponderá ó Pleno desta, e sinalará os prazos para a presentación de candidaturas, establecendo un termo non inferior a vinte días naturais para a presentación de candidaturas, data da votación e forma do proceso electoral.

A convocatoria designará ademais a mesa electoral que terá como misión levar a bo fin todo o proceso electoral, vixia-lo exacto cumprimento dos prazos e requisitos previstos, resolver cantos recursos se presenten, subscribi-las as actas necesarias.

Artigo 23º.-Mesa electoral.

A mesa electoral constituirase o día e hora que sinale a convocatoria, e estará constituída por un presidente, que será un membro da xunta directiva non candidato, e por dous colexiados exercentes, como vocais, que serán os dous de máis recente incorporación, así como o secretario da xunta direc

tiva, se tampouco fose candidato, ou outro membro desta, se é o caso. Nomearanse, así mesmo, os suplentes da respectiva mesa.

Se non houesen membros da xunta directiva para constituí-la mesa na forma establecida no apartado anterior, será substituído polo colexiado exercente de maior idade que designe a xunta directiva.

Os membros da mesa electoral non poderán ser candidatos nesas eleccións.

A mesa electoral redactará acta da aceptación do seu cargo e de cada unha das súas reunións ata que estas concluísen, proclamando os elixidos.

Artigo 24º.-Proclamación de candidatos.

Ó día seguinte da expiración do prazo para presentar candidaturas, reunida a mesa electoral, proclamará a relación dos candidatos que reúnan as condicións de elixibilidade, e redactará acta na que constarán, motivadamente, as causas de exclusión de candidato. Se existise un só candidato válido para un cargo, será proclamado electo sen máis. A lista publicarase no taboleiro de anuncios do Colexio.

No mesmo día ou ó seguinte da publicación das candidaturas proclamadas no taboleiro de anuncios, os candidatos que non fosen aceptados poderán presentar escrito de alegacións impugnando a súa exclusión, solicitando a modificación do acordo e a súa admisión como candidatos; a mesa electoral resolverá no prazo dos dous días seguintes, inseríndoos na lista, se a resolución fose favorable, ou denegándoo definitivamente, sen prexuízo de que poidan formula-los afectados, os recursos establecidos nestes estatutos.

Aprobadas as candidaturas, os admitidos poderán designar, mediante escrito dirixido á mesa, interventor para elección, quen terá dereito a participar, unha vez aceptado o nomeamento, en tódolos actos electorais, presentando as reclamacións, recursos e alegacións que considere pertinentes, e asinando as actas que se redacten.

Artigo 25º.-Propaganda electoral.

Os candidatos poderán realiza-las actividades e propaganda electoral que consideren pertinentes, sempre que non supoñan descrédito ou falta de respecto persoal ós demais candidatos, ou atente directamente contra estes estatutos, os do Consello, ou o código deontolóxico profesional. O quebrantamento desta obriga motivará a súa exclusión como candidato, oída a comisión deontolóxica do Colexio. O acordo de exclusión poderá ser impugnado na mesma forma expresada no artigo 24º. A mesa electoral, con cargo ó Colexio, será a encargada de emiti-las papeletas electorais e os sobres para o voto tanto directo coma por correo, únicas válidas para o proceso electoral.

As papeletas serán iguais e conterán tódolos candidatos, ben por listas separadas, ben en lista única.

Artigo 26º.-Votación.

O acto electoral celebrarase no día e lugar sinalados na convocatoria, desde as 10 da mañá ás 20 horas. O voto non será delegable.

Terase en conta:

1. O voto poderá ser emitido persoalmente, o día da elección, ou por correo certificado mediante as papeletas na forma dita no artigo anterior.

2. No suposto de voto por correo, o colexiado que desexe utilizar este procedemento deberá solicitalo por escrito ó Colexio e utilizarase a papeleta oficial convenientemente dobrada no sobre tamén oficial, remitidos ámbolos dous polo Colexio, sen ningunha anotación. O sobre, así pechado co voto no interior, introducirase, á súa vez, noutro de maior tamaño no que se achegará escrito asinado polo colexiado dirixido á mesa electoral no que exprese o seu desexo de emiti-lo voto por correo, acompañado de fotocopia do seu documento nacional de identidade e carné colexial, enviándoo por correo certificado, e constando no sobre «contén voto para a elección de xunta directiva do Ilustre Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos da XI Rexión». Este sobre terá entrada na Secretaría do Colexio con corenta e oito horas, como mínimo, de antelación ó inicio da votación. O secretario da mesa electoral custodiará os sobres, sen abrilos, para poñelos á disposición da mesa no momento de iniciarse

a votación, na que se procederá á súa apertura e a deposita-los votos na urna ó remate da elección individual. Os sobres que chegasen á Secretaría do Colexio unha vez iniciada a votación, serán destruídos sen abrilos, facendo constar na acta a incidencia con todo detalle.

3. A hora e lugar previsto para a votación instalará unha urna a mesa electoral, e no lugar onde se asegure a intimidade da votación, dispoñeranse as papeletas oficiais que serán utilizadas polos votantes, que as introducirán persoalmente na urna, logo da súa identificación ante a mesa.

4. A mesa resolverá cantas incidencias sucedan durante a celebración do acto.

5. O voto persoal anulará o emitido por correo, polo que a mesa electoral comprobará no listado de colexiados tal circunstancia previamente a introduci-los votos por correo.

6. Finalizada a votación procederase seguidamente ó escrutinio dos votos emitidos. Declararanse nulas as papeletas que conteñan expresións alleas á votación, ou veñan riscadas ou emendadas, ou vote por persoa non candidata. Igualmente aquelas que sexan distintas ás editadas pola mesa electoral.

En ningún caso se poderá anular parcialmente unha papeleta.

7. Do desenvolvemento da votación e o resultado do escrutinio redactarase acta que será asinada por tódolos membros da mesa e os interventores que estean presentes ó escrutinio. Unha copia inserirase no taboleiro de anuncios do Colexio.

8. Se se producise empate a votos para calquera dos cargos da xunta directiva, resolverase en favor do colexiado de maior antigüidade.

9. Dentro das corenta e oito horas seguintes á proclamación de elixidos, poderase, por escrito, impugna-la totalidade do acto electivo ou solicita-las correccións de erros cometidos. A mesa electoral resolverá no prazo dos dous días seguintes á impugnación, accedendo ou denegando o solicitado. No primeiro caso, poderá invalidarse, se procedese, a elección, convocándoa novamente, dentro dos quince días seguintes, ou realizando, en todo caso, as correccións que non afecten o fondo da elección. En caso de denegación da impugnación, poderanse utilizar polos recorrentes os recursos na forma establecida nestes estatutos.

10. Transcorridos os prazos previstos sen impugnación ou resolta definitivamente a elección, a xunta directiva cesante, no prazo de quince días expedirá os correspondentes nomeamentos que obtivesen a maioría de votos, comunicándoos ó consello xeral, á comunidade autónoma, e ó Consello de Colexios de Odontólogos e Estomatólogos de Galicia, se estivese creado.

Capítulo IV

Toma de posesión e cesamento

Artigo 27º.-Toma de posesión.

Dentro dos trinta días desde a elección, a nova xunta directiva tomará posesión, redactándose a correspondente acta, que forman os membros salientes e entrantes.

Artigo 28º.-Cesamento.

Os cargos da xunta directiva cesarán polas causas seguintes:

a) Expiración do prazo para o que foron elixidos.

b) Renuncia do interesado.

c) Nomeamento para un cargo do Goberno central ou autonómico, ou das distintas administracións públicas, sexa central, autonómica, local ou institucional.

d) Condena por sentencia firme que leve aparellada inhabilitación para cargos públicos.

e) Sanción disciplinaria por falta grave ou moi grave imposta polo Colexio en virtude do correspondente expediente.

f) Perda da condición da elixibilidade de acordo cos presentes estatutos.

g) Baixa por enfermidade incapacitante por tempo superior a seis meses.

h) Por falecemento de calquera membro.

Artigo 29º.-Vacantes.

No suposto de producirse o cesamento de calquera dos cargos directivos na forma mencionada no artigo anterior, observarase o seguinte:

1. O presidente substituirase polo vicepresidente, quen desempeñará o cargo ata novo nomeamento. O secretario polo vocal máis novo da xunta, e o tesoureiro polo de maior idade dos vocais.

2. Inmediatamente convocaranse eleccións para cubri-lo cargo, polo tempo que reste ata a próxima elección, na forma establecida nos artigos precedentes, se quedase máis da metade do período de mandato. Se pola brevidade do período que quede ata a nova elección estatutaria se entendese innecesario producir un proceso electoral, así o acordará a xunta de goberno, en resolución motivada que deberá ser ratificada na primeira xunta xeral que se celebre.

3. Se se producise o cesamento da metade máis un dos membros da xunta de goberno, deberán convocarse eleccións xerais polo período de tempo que falte ata as eleccións estatutarias.

TÍTULO IV

Sobre a actuación dos órganos colexiais

Capítulo I

As reunións

Artigo 30º.-Pleno.

1. O pleno da xunta directiva deberá reunirse ordinariamente catro veces ó ano, e extraordinariamente cando o solicite, polo menos un tercio dos seus membros, ou sempre que as circunstancias o aconsellen, a xuízo da comisión permanente ou do presidente.

2. Para que o Pleno poida celebrarse validamente será necesario que concorran, en primeira convocatoria, a metade máis un dos membros que o forman. En segunda convocatoria, que se citará para media hora máis tarde no mesmo lugar e na mesma convocatoria, serán válidos os acordos calquera que fose o número dos asistentes.

3. As convocatorias serán efectuadas polo secretario, por escrito, con catro días de antelación, logo do mandato do presidente; sinalará día e hora para a reunión, en primeira e segunda convocatoria, a orde do día e lugar en que debe celebrarse.

4. Durante a sesión plenaria, só se poderán trata-los asuntos que figuren na orde do día. Para a validez dos acordos necesitarase a maioría simple dos asistentes, e decidirá o voto do presidente en caso de empate.

5. A asistencia dos membros ás reunións será obrigatoria, e constituirá falta grave con sanción de cesamento no cargo, a falta de asistencia, sen xustificar, a tres reunións consecutivas.

Artigo 31º.-Comisión permanente.

1. A comisión permanente deberá reunirse ordinariamente unha vez ó mes, ou cada vez que o xulgue conveniente o presidente ou dous membros desta.

2. A reunión será convocada por escrito polo secretario, por orde da presidencia, fixando a orde do día, día e hora para a reunión, en 1ª e 2ª convocatoria, figurando como último punto rogos e preguntas.

3. As convocatorias serán efectuadas polo secretario, por escrito, con catro días de antelación, logo do mandato do presidente, sinalando día e hora para a reunión, en primeira e segunda convocatoria, a orde do día e lugar da reunión.

4. Durante a sesión, só se poderán trata-los asuntos que figuren na orde do día, agás aqueles que polos asistentes á reunión ou por proposta do presidente, se consideren de interese e urxencia suficientes. Para a validez dos acordos necesitarase a maioría simple dos asistentes, e decidirá o voto do presidente en caso de empate.

5. A asistencia dos membros ás reunións será obrigatoria, considerándose falta grave con sanción de cesamento no cargo, a falta de asistencia, sen xustificación, a tres reunións consecutivas.

Artigo 32º.-Asemblea xeral.

1. A asemblea xeral celebrarase ordinariamente, unha vez ó ano, ou extraordinariamente, cando o solicite, por escrito, un vinte por cento dos colexiados, ou cando as circunstancias o aconsellen a xuízo do presidente, a xunta de goberno ou a comisión permanente.

2. Para que a asemblea poida celebrarse validamente, será necesaria, en primeira convocatoria, a metade máis un do censo colexial; en segunda convocatoria, que se convocará media hora despois no mesmo local, bastará con calquera que fose o número dos asistentes, serán válidas as resolucións e acordos.

3. A convocatoria farase por escrito, polo secretario, co visto e prace do presidente e conterá día, hora e lugar para a reunión, fixando as correspondentes á primeira e segunda convocatoria e a orde do día, no que, figurará como último punto rogos e preguntas. A convocatoria será remitida con oito días de antelación, como mínimo, ós colexiados, salvo que se trate dunha reunión acordada con carácter de urxencia, que bastará con corenta e oito horas.

4. Na asemblea trataranse unicamente os temas que figuren na orde do día, sen prexuízo de que, no último capítulo, se lles encomenden á xunta directiva e/ou á comisión permanente o estudio daqueles que se consideren necesarios.

5. Para a validez dos acordos, será necesaria a maioría simple dos asistentes, e decidirá en caso de empate o voto do presidente.

Artigo 33º.-Libro de actas.

De cada reunión que celebren tanto a asemblea xeral como a xunta directiva, sexa en Pleno ou en comisión permanente, estenderase a correspondente acta, que será transcrita nun libro que, con tal fin, existirá na secretaría, sendo custodiado polo secretario, e que previamente estará debidamente legalizado polo xulgado.

Capítulo II

Competencia dos órganos colexiais

Artigo 34º.-Asemblea xeral.

A asemblea xeral será a competente para:

a) Aprobar, se procede, a memoria e actuación da xunta de goberno, da que dará lectura o secretario.

b) Aprobar, se procede, o orzamento de gastos e ingresos para o exercicio seguinte.

c) Aprobar, se procede, a liquidación do orzamento do exercicio anterior, e as contas de gastos e ingresos, así como a contabilidade xeral do colexio.

d) Ratificar cantos acordos adoptara a xunta directiva, e que precisen de tal aprobación conforme os estatutos que preceden.

e) Censura-la actuación da xunta directiva, na súa totalidade, ou de calquera dos seus compoñentes cando proceda.

f) Modifica-lo domicilio social do Colexio, ou a súa demarcación.

g) Aqueloutras que se lles sometan a exame.

Artigo 35º.-Xunta directiva.

Son facultades da xunta directiva:

a) Representa-lo Colexio ante os poderes públicos e organismos oficiais.

b) Realizar cantas xestións sexan precisas en beneficio dos colexiados.

c) Promover todos aqueles temas e cuestións que se consideren necesarias en beneficio da clase odontoestomatolóxica.

d) Prestárlle-la cooperación necesaria ás administracións públicas en xeral, sexan central, autonómica ou locais.

e) Informar, como peritos, en cantos temas sexa requirida.

f) Prestarlles colaboración ás autoridades administrativas, académicas, en xeral, en cantas cuestións interesen á profesión.

g) Representar ante a Facenda Pública estatal ou autonómica, ó colectivo profesional que encadra.

h) Esixi-lo cumprimento das normas relativas ó exercicio profesional conforme o establecido nas leis nestes estatutos, ou as que puidesen dictarse polas autoridades competentes.

i) Velar pola boa actuación dos colexiados no exercicio da profesión, esixido o cumprimento das normas relativas á deontoloxía profesional.

l) Impoñe ós colexiados, se a iso houbese lugar, as correccións disciplinarias que se establecen nos presentes estatutos, e dar conta, cando fose mester, ás autoridades competentes, das conductas que poidan ser constitutivas de delicto, ou constitúen un risco para a saúde dentaria.

m) Inspeccionar, a teor do establecido nestes estatutos, as clínicas dentais dos colexiados, previamente á súa apertura, informando favorable ou desfavorablemente nas solicitudes realizadas ás autoridades sanitarias.

n) Denunciar ante as autoridades sanitarias, xudiciais, e gobernativas en xeral, aqueles establecementos onde se practique a odontoestomatoloxía sen

reuni-las condicións establecidas nestes estatutos, ou as disposicións vixentes, aqueles que se atopen rexentados por persoas non profesionais, ou por titulados que non estean colexiados, presentándose nos procedementos en trámite e instando ó que, en dereito, proceda.

ñ) Persegui-lo intrusismo profesional en calquera das súas formas, utilizando para tales efectos as accións legais pertinentes, ante as autoridades xudiciais, sanitarias e gobernativas en xeral.

o) Instruí-los correspondentes expedientes disciplinarios, conforme o procedemento que se establece nestes estatutos, para persegui-las infraccións referidas máis adiante.

p) Dirimir e/ou resolver conflictos e/ou discrepancias entre colexiados, entre estes e os seus pacientes, ou entre estes e as diferentes administracións, empresas ou compañías coas que teñan subscrito contratos.

q) Declarar logo do exame médico pertinente e as demais probas que se estimen, a incapacidade dun colexiado para o exercicio profesional, cando se mostren evidentes alteracións que así o aconsellen.

r) Confecciona-las tarifas mínimas de honorarios que deberán ser obrigatoriamente aplicadas como tarifas orientadoras de honorarios, para o efecto de que poidan ser tidas en conta, e constitúan baremo para a análise da actuación ética de cada colexiado.

s) Estudia-la regulación das relacións contractuais, de toda clase entre os profesionais e os seus clientes, informando sobre a súa precedencia e actuando de mediadores para a resolución amigable dos conflictos que puidesen formularse.

t) Defende-los colexiados, mesmo xudicialmente, naquelas situacións en que resultasen prexudicados, perseguidos ou aldraxados no seu exercicio profesional, xa sexa persoas individuais, públicas, ou organismos públicos.

u) Cursar tódolos escritos dirixidos a calquera organismo polos colexiados, apoiándoos cun informe puntual, cando así fose procedente.

v) Promove-lo sentido corporativo en favor de toda obra de cooperación que poida contribuír ó benestar individual ou colectivo da clase profesional.

w) Resolver tódolos expedientes que se sometan.

x) Convoca-la asemblea xeral.

z) Calquera outra que se considere procedente e axustada ás competencias do Colexio.

Artigo 36º.-Comisión permanente.

Son facultades da comisión permanente:

a) Desenvolver cantas competencias correspondan á xunta directiva e lle sexan encomendadas, e resolve-las incidencias que xurdan.

b) Propoñer canto procedese ó Pleno da xunta directiva, e á asemblea xeral.

c) Propoñer á asemblea xeral premios ou mencións honoríficos para aqueles profesionais que se fixesen acredores diso.

d) Realizar aquelas actividades que encomende o pleno da xunta directiva, ou a asemblea xeral.

e) Promover cantas actuacións, cursos, ou edicións de toda clase, que conveñan á profesión odontoestomatolóxica na nosa demarcación.

f) Mante-los servicios de asesoramento xurídico e fiscal da xunta directiva que se xulguen necesarios.

g) Prestárlle-lo asesoramento ós colexiados que se acorde na asemblea xeral.

h) Redacta-los orzamentos que, aprobados previamente polo Pleno da xunta directiva, se someterán á aprobación da asemblea xeral.

i) Igualmente, e na mesma forma, confecciona-la liquidación do orzamento do ano anterior e as contas de gastos e ingresos, así como a contabilidade xeral do Colexio.

l) Propoñer á aprobación do Pleno da xunta directiva, para ser elevado á asemblea xeral, os investimentos e disposicións do patrimonio colexial que se consideren procedentes.

k) Establece-la contía de cotas, tanto ordinarias coma extraordinarias, que deben aboa-los colexiados, así como as demais cargas que se coiden procedentes, as cales se someterán ó Pleno da xunta directiva, previamente a sometelas, cando sexa previo á asamblea xeral.

l) Establece-las tarifas ou cotas por emisión de certificados, impresos, receitas, formularios, informes, e cantos labores realice o colexiado.

m) Propoñerlle ó Pleno da xunta directiva, as modificacións dos regulamentos vixentes no Colexio, e dos presentes estatutos, que se xulguen pertinentes, para o seu sometemento á aprobación da asemblea xeral, cando fose necesario.

Artigo 37º.-Presidente.

Correspóndelle ó presidente:

a) Facer cumpri-los preceptos destes estatutos, e cantos acordos adopte a asemblea xeral ou a xunta directiva.

b) Desempeñar para tódolos efectos a representación legal do Colexio, e comparecer no seu nome en tódolos organismos de tipo administrativo, xudicial e de calquera orde, estando facultado, sen necesidade de ningún outro acordo, para designar avogados e procuradores que desempeñen a representación e defensa dos intereses do Colexio e dos colexiados.

c) Convocar, presidir e dirixi-las sesións da asemblea xeral e a xunta directiva, tanto en Pleno como en comisión permanente, sexan sesións ordinarias

ou extraordinarias, subscribindo a acta correspondente.

d) Autoriza-los informes, convocatorias e comunicacións que se lles dirixan ós colexiados, e a tódalas autoridades, corporacións ou persoas particulares ou xurídicas.

e) Autorizar, co tesoureiro, as contas bancarias do Colexio, as imposicións e os talóns, cheques o reintegros que desta se fagan.

f) Visar tódalas certificacións e escritos expedidos pola secretaría do Colexio.

g) Autorizar, xuntamente co tesoureiro, os libramentos e ordes de pagamento, así como os libros de contabilidade.

h) Nomea-las seccións acordadas polo pleno da xunta directiva e as persoas que se nomeen para formar parte destas.

Artigo 38º.-Vicepresidente.

Correspóndelle ó vicepresidente, asistir e substituír en casos de ausencia, enfermidade ou falecemento o presidente, desempeñando cantas funcións lle confira este, de acordo coas súas competencias.

Artigo 39º.-Secretario.

Correspóndelle ó secretario:

a) Redactar e remiti-las convocatorias para as distintas reunións dos órganos do Colexio.

b) Redacta-las actas de tódalas reunións da asemblea xeral, da xunta directiva, en comisión permanente ou en Pleno, ordenando a súa transcrición ó libro correspondente, unha vez aprobada, co visto e prace do presidente.

c) Custodiar e leva-los libros e arquivos, rexistros, ficheiros e expedientes do Colexio e dos colexiados.

d) Custodiar e coidar da anotación do rexistro nos libros de entradas e saídas de todo tipo de oficios, comunicacións e escritos.

e) Asinar co presidente os escritos que emanen dos distintos órganos do Colexio.

f) Expedir, co visto e prace do presidente, as certificacións que sexan procedentes, coidando do pagamento da taxa correspondente.

g) Confecciona-la memoria das actividades dos distintos órganos do Colexio, en cada exercicio, e lela ante a asemblea xeral.

h) Organizar e dirixi-las oficinas do Colexio, de acordo cos estatutos deste sendo responsable da súa marcha e do persoal.

i) Tódalas demais que lle asigne a xunta directiva.

Artigo 40º.-Tesoureiro contador.

Correspóndelle ó tesoureiro-contador:

a) Levar, autoriza-los libros de ingresos e gastos, e, en xeral, de contabilidade do Colexio, co visto e prace do presidente.

b) Autorizar e ordenar cantos pagamentos deba realiza-lo Colexio, co referendo do presidente.

c) Librar toda clase de recibos, cotas, taxas e demais que lle deban de ser aboados ó Colexio.

d) Prepara-los orzamentos para cada exercicio anual e a liquidación do orzamento do exercicio anterior e as contas de gastos e ingresos anuais, dando conta delas á asemblea xeral.

e) Confecciona-lo inventario de mobles, aparellos e efectos do Colexio, dando conta diso á xunta directiva.

f) Dirixir toda a contabilidade do Colexio coa aprobación da xunta directiva.

Artigo 41º.-Vocais.

Correspóndenlles ós vocais, ademais das susbstitucións indicadas, desempeñar tódalas comisións, actividades ou cometidos que lles sexan sinalados pola asemblea xeral, a xunta directiva, ou o presidente, e informarlles sobre o seu resultado a estes.

TÍTULO V

Sobre o exercicio profesional

Capítulo I

Da profesión

Artigo 42º.-Colexiación.

Será requisito indispensable e previo para o exercicio da profesión odontoestomatolóxica, dentro do ámbito da demarcación deste Colexio, a inscrición como colexiado deste.

Un.-A solicitude de primeira colexiación efectuarase mediante instancia dirixida ó presidente do Colexio, achegando a esta:

a) Declaración xurada de coñecemento dos estatutos do Colexio, os do consello xeral, autonómico e o código deontolóxico vixente, comprometéndose ó seu cumprimento.

b) Comunicación do lugar en que efectuará o seu exercicio profesional.

c) Solicitude de inspección e autorización para a apertura da clínica profesional, se fose de seu.

d) Título profesional en orixinal ou fotocopia autenticada deste.

e) Tres fotografías tamaño carné.

f) Impreso de solicitude de ingreso nas seccións colexiais o institucións que sexan de obrigada permanencia.

g) Solicitude de alta no imposto de actividades económicas.

h) As coberturas que a xunta directiva sinale como obrigatorias.

i) Calquera outro impreso que teña establecido o Colexio, por acordo da xunta de goberno, aprobado pola asemblea xeral.

Dous.-Se procedese doutro Colexio pertencente á Comunidade Europea, bastará certificación acreditativa da baixa neste, como exercente, e de non ter

sido sometido a expediente sancionador ningún, ter cumprido tódolos seus deberes socio-profesionais e atendido as cargas económicas que teñan establecido.

Artigo 43º.-Sobre a admisión.

A xunta directiva, no prazo máximo de trinta días hábiles desde a solicitude de colexiación, resolvéraa, comunicandolle ó interesado, quen no prazo de dez días poderá interpoñe-los recursos establecidos nestes estatutos.

Unha vez admitida a colexiación, expedirase a correspondente tarxeta de identidade e o título acreditativo de pertenza ó Colexio.

A solicitude de calquera documento que se considere necesario para completa-lo expediente de solicitude, suspenderá o prazo para resolver, reanudándoo unha vez que sexa cumprido o requirimento, o que deberá facerse nos 15 días seguintes a térselle solicitado ó peticionario. Transcorrido o prazo, declararase caducada a solicitude.

Artigo 44º.-Sobre a baixa.

Perderase a condición de colexiado nos supostos de:

a) Deixar de satisfacer dentro dos prazos sinalados as cotas ordinarias ou extraordinarias acordadas, así como a cantas cargas colexiais estivese obrigado o colexiado.

b) A condena firme dictada por autoridade xudicial que leve consigo a accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

c) A expulsión do Colexio acordada en expediente disciplinario, conforme os trámites que se sinalan nos artigos 73º e seguintes destes estatutos.

d) A baixa voluntaria.

e) Polo falecemento do colexiado.

Artigo 45º.-Peche da clínica.

A perda da condición de colexiado levará consigo o peche inmediato da clínica, e o cesamento de toda actividade profesional nesta nos supostos de exercicio en clínica de seu e individual. O Colexio adoptará as medidas pertinentes en tal sentido adoptando as medidas convenientes para a atención dos pacientes e os dereitos dos herdeiros, se é o caso.

Artigo 46º.-Tipos de colexiación.

Os colexiados terán a condición de:

1.a) Numerarios, que poderán colexiarse como en exercicio o sen exercicio.

b) De honra.

2. Serán colexiados con exercicio cantos profesionais se dediquen á odontoestomatoloxía exercéndoa con pacientes.

3. Serán considerados sen exercicio os que, desexando pertencer ó Colexio, non exerzan a profesión con pacientes.

4. Consideraranse de honor aquelas persoas profesionais ou non, que polo seu labor relevante e meritorio desde o punto de vista colexial, científico ou profesional, en relación coa odontoestomatoloxía, así o acorda asemblea xeral, por proposta da xunta directiva.

Capítulo II

Dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 47º.-Dereitos dos colexiados.

Os colexiados na súa condición de tales, terán dereito a:

a) Seren defendidos polo Colexio, cando sexan aldraxados ou perseguidos no exercicio profesional.

b) Obte-lo asesoramento de calquera tipo que teña acordado a asemblea xeral.

c) Gozar da condición de colexiado con tódolos dereitos dimanantes deste.

d) Elixir e ser elixidos para os cargos da xunta directiva ou para seccións que se creen.

Artigo 48º.-Deberes dos colexiados.

Os colexiados están obrigados a:

a) Cumprir tódalas obrigas dimanantes destes estatutos, dos do consello xeral, o autonómico, e cantos afecten a odontoestomatoloxía.

b) Cumprir tódalas cotas ordinarias o extraordinarias, e cantas exaccións acorde o Colexio a través dos seus órganos competentes.

c) Comparecer perante a xunta directiva, sempre que fose requirido por iso.

d) Domicilia-los pagamentos acordados pola xunta directiva e asemblea xeral.

e) Adapta-los anuncios, emblemas e publicidade ás normas aprobadas polo Colexio, ou polo consello xeral ou o autonómico.

Capítulo III

Sobre as consultas

Artigo 49º.-Clínicas.

O exercicio profesional por conta propia efectuarase nun consultorio ou clínica dental, que estará instalado nun local pechado, que reúna as condicións que se sinalan no Regulamento sobre apertura de clínicas deste colexio e as normas relativas a estas dictadas pola Administración central e autonómica.

Artigo 50º.-Anuncio de clínica.

Toda clínica dental deberá ter na porta de entrada ó local, un rótulo de cincocentos centímetros cadrados como máximo, no que conste, nome e apelidos do colexiado, e o seu número de colexiación, coa titulación de que dispoña, ademais de figura-la lenda Clínica dental ou outra similar aceptada pola xunta directiva.

Non poderán colocarse rótulos en ventás, balcóns ou fachadas.

No interior da clínica e na súa sala de espera, deberá figura-lo título original ou fotocopia autenticada deste, e o acreditativo da colexiación co certificado de inspección para apertura da clínica.

Artigo 51º.-Ficheiro.

En cada clínica dental deberá existir un arquivo no que figure unha ficha por cada paciente tratado nesta.

Na ficha indicaranse, como mínimo, os seguintes datos: nome e apelidos do paciente, enderezo e teléfono, características e antecedentes médicos especiais do paciente, diagnóstico previo, plano de tratamento, data das visitas efectuadas con indicación do traballo efectuado e honorarios percibidos.

Existirá un expediente no que conste todo o historial clínico do paciente.

Artigo 52º.-Ficheiro profesional.

No suposto de traspaso da clínica dental a outro colexiado, faráselle entrega a este do ficheiro e expedientes médicos que posúa o transmitente.

Ó peche dunha clínica, dental o Colexio conservará o ficheiro durante un período mínimo de cinco anos, e poderá entregarllo a calquera profesional colexiado mediante resolución motivada, que se dictará en expediente que se iniciará con solicitude do colexiado que así lle interese, ou acordo da xunta directiva, e do que se lles dará conta a tódolos colexiados co fin de que poidan formular dentro dos 15 días seguintes.

Artigo 53º.-Apertura de clínica.

A apertura da clínica dental precisará da autorización expresa da xunta directiva, logo da autorización administrativa.

O Colexio inspeccionará se reúne os requisitos precisos para a súa apertura, dándolles conta ó concello e á Delegación de Sanidade do resultado da visita.

Artigo 54º.-Ausencia do titular.

En caso de ausencia do colexiado, a clínica permanecerá pechada, salvo que un profesional colexiado quede á fronte dela, e deberá comunicárselle a circunstancia, en todo caso, ó Colexio.

Artigo 55º.-Traspaso de clínica.

O colexiado, ou os seus herdeiros ó falecemento deste, terán dereito a traspasa-la súa clínica dental a outro profesional colexiado, logo da comunicación á xunta directiva, e expediente aprobatorio de tal cesión.

Artigo 56º.-Inspeccións de clínicas.

A xunta directiva poderá acordar posteriores inspeccións das clínicas dentais abertas ó público, cando o xulguen necesario, ou exista constancia ou indicios de incumprimento das normas destes estatutos,

a comisión de calquera falta contra a deontoloxía profesional, ou se reciba calquera denuncia de feitos perseguibles.

A xunta directiva determinará as persoas e a forma en que a inspección se realizará. Do resultado desta darán conta á xunta directiva que, en pleno, resolverá o pertinente.

Constitúe falta grave non permiti-lo acceso e a inspección mencionada neste artigo.

Artigo 57º.-Orzamento.

Todo paciente recibirá do profesional un orzamento detallado do importe do tratamento con especificacións concretas, así como a forma de pagamento que se acorde. Expedirase por duplicado que asinarán ámbalas dúas partes, se un exemplar será para cada unha delas.

Realizado o pagamento, expedirase o correspondente recibo de liquidación.

TÍTULO VI

Sobre a deontoloxía profesional e responsabilidade

Capítulo I

Normas deontolóxicas

Artigo 58º.-Actuación profesional.

Só os colexiados están autorizados para realizar intervencións odontoestomatolóxicas na boca do paciente, cirúrxicas, protésicas ou de calquera outra índole. Incorrerá en falta moi grave quen autorice tales intervencións a persoas que no estean adscritas ó noso Colexio.

Artigo 59º.-Persoal auxiliar.

O persoal auxiliar da clínica dental poderá desenvolver funcións simplemente complementarias e auxiliares da do seu principal, e, en todo caso, sempre en presencia do colexiado e baixo a súa atenta inspección e vixilancia. Incorrerá en falta leve o colexiado que descoide a vixilancia e control do persoal auxiliar.

Artigo 60º.-Secreto profesional e hixiene.

O colexiado garantirá o segredo profesional de cantas intervencións realice cos seus pacientes, a máxima hixiene tanto propia coma de todo o persoal auxiliar, incluíndo a limpeza e hixiene do local e das pezas de vestir apropiadas que se utilicen. Constitúe falta moi grave a inobservancia desta obriga.

Artigo 61º.-Tratamento.

Todo profesional deberá procura-la saúde dental do paciente, coidando en canto sexa posible facer unha odontoloxía conservadora, absténdose de efectuar extraccións innecesarias ou perigosas, e informándolle adecuadamente ó paciente, sempre que lle sexa solicitado e xulgue conveniente. Non coida-la saúde dentaria e non desenvolver unha clínica conservadora constitúe falta moi grave.

Artigo 62º.-Liberdade no exercicio profesional.

O colexiado, tanto cando traballe por conta propia como cando o faga por conta allea, deberá actuar con absoluta independencia e responsabilidade, defendendo a liberdade de prescrición e tratamento, rexeitando ou denunciando, se a iso houbese lugar, todo tipo de intromisión ou presión, sexa dos pacientes, sexa dos propietarios das clínicas, ou de calquera outra persoa, entidade ou aseguradora. Constitúe falta moi grave a inobservancia deste precepto.

Artigo 63º.-Diagnóstico.

O paciente terá dereito a recibir do profesional un diagnóstico previo do seu estado bucal, con detallado informe das operacións que se pretenden realizar, así como o orzamento do tratamento con especificacións concretas da forma de pagamento que se acorde, asinando o correspondente contrato por duplicado ámbalas partes, do que un exemplar será para cada un deles. A infracción tipifícase como falta moi grave.

Artigo 64º.-Recibo de pagamento.

Cada profesional expedirá recibo das cantidades que lle fosen aboadas, sen outros cargos que os legalmente autorizados. A omisión considérase falta grave.

Artigo 65º.-Responsable de clínica.

Nas clínicas en que traballen varios profesionais, figurará un deles como o director e responsable oficial desta, en tódalas ordes, sen prexuízo da que concretamente corresponda a cada un dos profesionais adscritos á clínica.

Capítulo II

Responsabilidade dos colexiados

Artigo 66º.-Responsabilidade en xeral.

Os colexiados incorrerán en responsabilidade civil, penal ou administrativa, nos termos establecidos nas leis, como consecuencia da súa actuación profesional.

Artigo 67º.-Arbitraxe.

O Colexio actuará como mediador e dictará o laudo resolvendo, cando así o solicitaran, as discrepancias xurdidas entre colexiados, ou estes e os pacientes, ou os mesmos e calquera compañía, entidade o corporación, sempre que ámbalas partes o acepten.

Artigo 68º.-Responsabilidade colexial.

O Colexio poderá exercita-las accións que a lei lle recoñeza contra calquera colexiado, e esixir aquelas responsabilidades que con respecto ó mesmo colexio incorrese.

Artigo 69º.-Responsabilidades do colexiado.

Sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas mencionadas, os colexiados que incumpran as normas deontolóxicas, ou os deberes, obrigas ou prohibicións establecidos nos presentes estatutos, poderán incorrer en responsabilidades disciplinarias, que serán sancionadas pola xunta directiva.

Artigo 70º.-Infraccións.

As faltas en que poden incorre-los colexiados clasifícanse en moi graves, graves ou leves.

1. Son faltas moi graves:

a) As que se sinalaron como tales nestes estatutos.

b) Aqueles feitos que afecten gravemente ó prestixio da profesión e ó dos colexiados.

c) Incorrer en tres faltas graves sancionadas no expediente correspondente.

d) Calquera tipo de enfrontamento coa xunta directiva ou cos colexiados. Entenderase como enfrontamento a postura intransixente e insultante reiterativa que impide o normal desenvolvemento dunha reunión ou actividade colexial.

e) A falta de respecto e consideración ós membros da xunta directiva ou do consello xeral ou do consello galego nas súas funcións, ou calquera postura ou manifestación que supoña demérito, inxuria ou desprezo ó Colexio, ó consello xeral, ou ó consello galego.

2. Serán faltas graves:

a) As que como tales estean cualificadas nestes estatutos.

b) A comisión de tres faltas leves sancionadas conforme se establece nestes estatutos.

c) Calquera incumprimento ou infracción ó preceptuado nestes estatutos que non revistan notoria gravidade.

d) A desobediencia ou incumprimento de calquera orde emitida pola xunta directiva ou a falta de consideración ou respecto persoal a calquera colexiado.

e) Calquera outra de igual tipoloxía e análoga gravidade a xuízo da xunta directiva, atendidas as circunstancias de cada caso.

3. Serán faltas leves tódalas non incluídas nos dous apartados anteriores.

Artigo 71º.-Sancións.

As faltas establecidas no artigo anterior terán as seguintes sancións:

a) Para as faltas leves poderanse impoñe-las sancións de:

a.1. Amoestación verbal privada, que será imposta polo presidente.

a.2. Amoestación por escrito, que subscribirá o presidente.

a.3. Amoestación pola xunta directiva.

b) Ás faltas graves poderán aplicárselles como sancións as que seguen:

b.1. Amoestación pública ante a asemblea xeral.

b.2. Imposición de multa de 1.000 a 25.000 pesetas.

b.3. Amoestación pública e imposición de multa en igual cantidade.

b.4. A suspensión no exercicio profesional durante o prazo dun mes, e multa de 25.000 a 50.000 pesetas.

c) Ás faltas moi graves poderán impoñérselles algunhas destas penas:

c.1. Suspensión no exercicio profesional polo período dun mes e un día a seis meses, e multa de 50.000 a 100.000 pesetas.

c.2. Suspensión no exercicio profesional polo prazo da seis meses e un día a dous anos e multa de 100.000 a 200.000 pesetas.

c.3. Suspensión do exercicio profesional de dous anos e un día a cinco anos e multa de 200.000 a 500.000 pesetas.

c.4. Expulsión e baixa no Colexio.

d) A imposición das ditas sancións, salvo a c.4, levará aparellada a obriga de arranxar ou corrixi-los defectos ou irregularidades observadas, rectifica-las situacións ou conductas improcedentes e executar, en definitiva, o acordo que adopte a xunta directiva como consecuencia dos feitos denunciados e comprobados no expediente.

As penas serán determinadas dentro de cada categoría, en atención á gravidade do feito e á conducta do colexiado.

Artigo 72º.-Depuración dos feitos denunciados.

As faltas leves poderá sanciona-la a xunta de goberno sen necesidade de expediente contradictorio, coa simple información previa realizada pola comisión permanente, logo da audiencia do colexiado para que no prazo improrrogable de dez días poida formula-las alegacións que considere pertinentes.

Para a imposición de sancións en faltas graves ou moi graves, será necesaria a incoación de expediente.

Artigo 73º.-Expediente sancionador.

O expediente iniciarase de oficio ou por instancia de parte, mediante acordo da xunta directiva, no que se designará xuíz instructor e secretario deste, nomeados entre os colexiados que forman parte da xunta directiva, de acordo co seguinte procedemento:

a) Designados xuíz e secretario, comunicaránselle ó colexiado incurso no expediente para que, no prazo de oito días poida alegar calquera circunstancia de recusación destes. A xunta directiva resolverá a petición.

b) Firme a designación de xuíz e secretario, comunicaráselles a estes o acordo da xunta directiva, con remisión da investigación previa realizada pola comisión permanente da xunta directiva.

c) Recibida a comunicación, o xuíz ordenará a apertura do expediente, colocará os nomeamentos como cabeza deste, e citará inmediatamente a declarar ó expedientado, comunicando a presente infracción que motiva o expediente; indicaralle o dereito a designar avogado que defenda os seus intereses, do que poderá estar asistido en tódalas súas comparecencias. Este, nos oito días seguintes á súa declaración, ou no momento desta, poderá achegar

cantas probas testificais, documentais ou de calquera orde, das que pretenda valerse.

d) O xuíz nos cinco días seguintes admitirá a proba que xulgue pertinente, rexeitando a restante, e comunicaralle o acordo ó expedientado, quen poderá interpoñer contra el recurso nos termos establecidos nos artigos 79º e seguintes destes estatutos.

e) Practicada a proba acordada polo xuíz, dentro do prazo máximo de vinte días, con intervención do expedientado e os denunciantes, faráselles saber da súa práctica indicando a data e lugar, se procedese para os efectos oportunos.

f) Practicada a proba, o xuíz instructor formulará prego de cargos, que lle comunicará ó expedientado para que este, nos oito días seguintes improrrogables, formule as súas alegacións contra este.

g) Formuladas as alegacións, ou transcorrido o prazo sen facelas, o xuíz instructor elevará á xunta directiva proposta de resolución. Se non encontrase probas suficientes das supostas infraccións perseguidas, proporá o sobresemento das actuacións e arquivo das dilixencias.

h) Recibida a proposta de resolución, a xunta directiva, da que non formarán parte para esta decisión os designados como xuíz instructor e secretario do expediente, en Pleno resolverá nos cinco días seguintes, comunicando o acordo ó expedientado e ó denunciante, se o houbese, quen poderá interpoñer contra esta os recursos establecidos nos presentes estatutos nos artigos 79º e seguintes.

i) Corresponderalle á xunta directiva a execución das sancións impostas.

Artigo 74º.-Extinción de responsabilidade.

A responsabilidade colexial extinguirase:

a) Por morte do inculpado.

b) Por prescrición da sanción imposta.

c) Por prescrición da infracción.

d) Por indulto acordado na asemblea xeral por proposta do Pleno da xunta directiva.

Artigo 75º.-Prescrición das infraccións e as sancións.

As faltas leves prescribirán ós dous meses; as graves ó ano, e as moi graves ós dous anos, que comezará a contar desde o coñecemento da suposta infracción pola xunta directiva.

As sancións prescribirán polo transcurso de igual prazo sen o seu cumprimento.

O prazo de prescrición interromperase por calquera comunicación relativa ó expediente ou á infracción dirixida ó colexiado.

Artigo 76º.-Publicidade das sancións.

As sancións impostas por faltas graves ou moi graves poderán publicarse na prensa ordinaria. En todo caso, tódalas sancións impostas serán comunicadas

ó Consello Xeral de Colexios Oficiais de Odontólogos e Estomatólogos de España, para que este os traslade ós demais colexios do Estado español.

A resolución que se dicte con referencia ó expediente farase constar no expediente individual de cada colexiado.

Artigo 77º.-Rehabilitación.

Polo transcurso de igual prazo que o establecido para a prescrición, sen ter incorrido en ningunha outra infracción, o sancionado será rehabilitado de oficio, e farao así constar no seu expediente.

No caso da expulsión do Colexio, o colexiado só poderá solicitar de novo a súa colexiación unha vez transcorridos cinco anos da sanción.

Artigo 78º.-Responsabilidade da xunta directiva.

Os membros da xunta directiva poderán incorrer nas mesmas responsabilidades cós colexiados antes referidos. Se se seguise expediente contra un membro da xunta directiva, haberá que suspendelo no seu cargo inmediatamente despois de que a xunta directiva acorde a incoación deste.

TÍTULO VII

Réxime xurídico, económico e administrativo do Colexio

Capítulo I

Procedemento xurídico

Artigo 79º.-Procedemento.

A impugnación de actos emanados de calquera órgano colexial axustarase ó procedemento administrativo común aprobado pola Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Contra os actos indicados no apartado anterior poderá interpoñerse recurso de reposición no prazo dun mes, que comezará a contar a partir da data da notificación deste.

Artigo 80º.-Recurso ordinario.

Transcorridos os prazos indicados, nos quince días seguintes a xunta directiva resolverá o recurso, entendéndose desestimado tacitamente se transcorresen outros dous meses desde a interposición do recurso, sen notificar resolución expresa. Contra o acordo desestimatorio do recurso de reposición caberá recurso ordinario ante o Consello Xeral de Colexios de Odontólogos e Estomatólogos de España, que o resolverá de acordo co procedemento establecido nos seus propios estatutos.

Artigo 81º

Tódolos actos que afecten individualmente a algún colexiado, e cantos acordos e resolucións dicte calquera órgano do Colexio, serán motivados e notificados por escrito ós interesados. A notificación fará consta-los recursos que contra esta procedan e o prazo hábil para este.

Artigo 82º.-Réxime supletorio.

Será supletoria destes preceptos a Lei 30/1992, do 26 de novembro, sobre o procedemento administrativo.

Capítulo II

Réxime económico do Colexio

Artigo 83º.-Aprobación de orzamento.

A asemblea xeral de colexiados aprobará os ingresos anuais da entidade para o exercicio seguinte e a liquidación do orzamento do ano anterior, sobre ingresos e gastos, na asemblea ordinaria.

Así mesmo, a asemblea xeral aprobará as cotas e cantas exaccións cumpran para facerlles fronte ós gastos de Administración e cumpri-los fins e funcións que lle competen ó Colexio.

Artigo 84º.-Preparación do orzamento.

Os ingresos anuais e a liquidación do exercicio anterior serán preparados, redactados e presentados polo contador-tesoureiro, co visto e prace do presidente, e, previamente a se presentaren ante a asemblea xeral, serán aprobados pola xunta directiva en Pleno.

Artigo 85º.-Contabilidade colexial.

Os libros de contabilidade, os ingresos e tódolos soportes que xustifiquen os gastos e ingresos do Colexio, estarán arquivados no Colexio, e baixo a custodia do tesoureiro-contador.

Os colexiados poderán examinalos dentro das setenta e dúas horas anteriores á asemblea xeral en que se teñan que someter á aprobación, ou cando o solicite o 20% do censo colexial.

Capítulo III

Réxime administrativo

Artigo 86º.-Do Colexio.

Todo colexiado, desde o momento da súa incorporación ó Colexio, recibirá o carné que o acredita como tal, co seu número colexial, expedido polo secretario co visto e prace do presidente, no que figurará a sinatura do colexiado e a súa fotografía. Así mesmo, recibirá certificación de acordo de admisión.

O modelo de carné será aprobado pola asemblea xeral por proposta da xunta directiva.

Artigo 87º.-Expediente persoal.

Tamén desde o momento da súa colexiación, abrirase o expediente persoal de cada colexiado, no que se farán consta-la solicitude para a súa alta colexial e a tramitación ata a súa admisión. Faranse constar neste cantas vicisitudes referentes ó colexiado vaian sucedendo durante o seu exercicio profesional.

Artigo 88º.-Talonarios de receitas, impresos e certificados.

Así mesmo, desde o momento da súa incorporación ó Colexio, o colexiado terá dereito a que se lle vaian

entregando talonarios de receitas odontoestomatolóxicas que aprobase e confeccionase o Colexio. Igualmente, impresos para certificado, e o certificado de aprobación para a súa clínica dental.

TÍTULO VIII

Da disolución do Colexio

Artigo 89º.-Disolución.

O Colexio disolverase en acordo de asemblea xeral, co voto favorable da totalidade dos asistentes.

Artigo 90º.-Liquidación do Colexio.

Os bens dos que dispuxese o Colexio no momento da súa disolución serán destinados, despois de se faceren efectivas tódalas débedas pendentes de pagamento, e tódalas cargas que pesen sobre o Colexio, a unha institución de carácter benéfico designada pola asemblea xeral, e situada dentro da demarcación do Colexio. A asemblea designará unha comisión, que se ocupará da disolución do Colexio.

Disposición derradeira

Estes estatutos entrarán en vigor dentro dos vinte días seguintes á aprobación do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Odontólogos e Estomatólogos de España e, unha vez publicados no taboleiro de anuncios do Colexio, a aprobación e comunicado a tódolos colexiados.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados cantos acordos adoptados polos órganos do Colexio con anterioridade á aprobación estes estatutos, se opoñan a este.

Aprobado en Pontevedra o vinte de xullo de mil novecentos noventa e cinco.

4740