Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Martes, 24 de xuño de 1997 Páx. 6.065

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 1997, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se modifican as bases do concurso-oposición convocado pola do 24 de outubro de 1996, para o ingreso nas clases de médicos titulares, practicantes titulares e matronas titulares do Servicio Galego de Saúde.

A resolución do 24 de outubro de 1996 (DOG nº 219, do 8 de novembro) convocou concurso-oposición libre para a provisión de 3 postos de traballo na clase de médicos titulares, 4 na clase de practicantes titulares e 3 na clase de matronas titulares, segundo o disposto no Decreto 269/1995, do 5 de outubro (DOG nº 200, do 18 de outubro) polo que se aproba a oferta de emprego para o ano 1995 do persoal sanitario funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

O artigo 8, punto 1 do Decreto 269/1995, do 5 de outubro, dispón que na convocatoria do concurso-oposición se reservará o 25% dos postos ofertados para a súa provisión polo sistema de promoción interna.

Por contra, a citada resolución, do 24 de outubro de 1996, non necesitaba recoller este sistema de provisión, pois soamente podía establecerse para o ingreso na clase de médicos titulares e, pola súa vez, o número de prazas ofertadas nesta clase é inferior a catro.

Sen embargo, en execución da sentencia nº 279/1997, con data do 17 de abril de 1997, da sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia recaída no recurso 01/1578/1996, cómpre formaliza-lo acceso, polo sistema de promoción interna, a un dos postos de traballo ofertados na clase de médicos titulares.

Non obstante o anterior, débese respecta-lo sistema de acceso libre para a provisión dos tres postos

de traballo convocados na devandita clase, en estricto cumprimento co establecido no dereito transitorio da Lei 17/1989, do 23 de outubro, no Decreto 303/1990, do 31 de maio, que a desenvolve, e no derradeiro parágrafo da disposición transitoria segunda do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia na redación dada a ela polo Decreto 161/1996, do 25 de abril, que modifica o anterior, polo que o persoal afectado nas citadas clases pertencentes á subescala de atención primaria terá aínda a posibilidade de participar na realización do terceiro e último dos procesos selectivos previstos para o acceso á condición de persoal sanitario funcionario, que nestes momentos se está a executar.

Xorde, pois, a necesidade de modifica-la resolución do 24 de outubro de 1996, no sentido de reservar un posto de traballo da clase de médicos titulares para a súa provisión polo sistema de promoción interna, en execución da referida sentencia, pero garantindo o respecto ó dereito transitorio citado, relativo ós tres postos de traballo inicialmente ofertados, e mantendo os actos administrativos válidos derivados da execución do proceso selectivo convocado pola Resolución do 24 de outubro de 1996.

Polo tanto, este centro directivo,

RESOLVE:

Primeiro.-Modifica-lo segundo parágrafo da base primeira da Resolución do 24 de outubro de 1996, polo que do número de postos de traballo que se van cubrir na clase de médicos titulares, 3 corresponden ó sistema de acceso libre e 1 ó sistema de promoción interna, que de non ser cuberto acrecentará a quenda libre.

Segundo.-Abrir novo prazo de presentación de instancias dun mes, contado a partir da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, cos mesmos requisitos previstos na base terceira da devandita resolución, para ingreso na clase de médicos titulares polo sistema de promoción interna.

Terceiro.-Os participantes admitidos definitivamente no proceso selectivo convocado pola Resolución do 24 de outubro de 1996 da clase de médicos titulares non terán que presentar nova instancia, agás os que queiran acceder pola quenda reservada a promoción interna, que deberán facelo constar expresamente.

Cuarto.-Os novos aspirantes, se é o caso, á clase de médicos titulares, referirán a certificación de servicios prestados para a súa valoración na fase de concurso, ata a data do 8 de novembro de 1996, inclusive.

Quinto.-Os aspirantes só poderán participar nunha das quendas, polo que, se da instancia que presenten non se deducise a súa opción, se entenderá que participan pola quenda de acceso libre.

En todo caso, o contido da fase de concurso e da fase de oposición será o mesmo para tódolos aspirantes.

Sexto.-Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 1997.

Valeriano Martínez García

Director xeral de Recursos Humanos

4373