Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Luns, 23 de xuño de 1997 Páx. 6.037

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

AUGAS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 1997 pola que se anuncia o sometemento a información pública das peticións de concesión e autorización administrativas para a instalación dun aproveitamento de augas con destino á producción de enerxía eléctrica de potencia nominal non superior a 5.000 kVA no río Brandelos, xunto cos proxectos e estudios de avaliación medioambiental do expediente DH.A15.9351 (5/244/46).

Neste organismo autónomo Augas de Galicia achegáronse as peticións de outorgamento de concesión e autorización administrativas para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico con potencia nominal de ata 5.000 kVA dun tramo libre do río Brandelos, presentadas cos proxectos das obras e instalacións e estudios medioambientais correspondentes.

No anexo que se inclúe máis abaixo transcríbese a relación individualizada por peticionarios dos aproveitamentos solicitados, onde figuran os datos máis relevantes que os definen, ademais dunha breve descrición das obras que se van executar, facendo constar, se é o caso, a petición de declaración de utilidade pública do aproveitamento para os efectos de expropiación forzosa e imposición de servidumes, e a relación concreta na que se recollen os bens e/ou dereitos afectados cos seus propietarios. Tamén se fai mención da clase de estudio ambiental achegado polo promotor, logo da cualificación do proxecto do aproveitamento, segundo dispón a lexislación vixente.

Co presente anuncio, para darlle cumprimento ó disposto nos artigos 6 do R.D. 916/1985, do 25 de maio, en concordancia co artigo 2.1º do dito R.D. 916/1985 segundo a redacción establecida polo R.D. 249/1988, do 18 de marzo; e 2.4º do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, que regula a avaliación dos efectos ambientais para Galicia, sométense de forma simultánea, unha vez rematadas as actuacións de comprobación e de remisión ás consellerías e organismos competentes por razón da materia dos documentos presentados, ó trámite de información pública, no uso das facultades conferidas polo Decreto 63/1997, do 14 de marzo, as peticións e documentación técnica e ambiental que se tratan en concreto no anexo para os efectos do seu coñecemento xeral, co fin de que aquelas persoas naturais ou xurídicas que se consideren afectadas nos seus dereitos poidan formular, por escrito, cantas alegacións, observacións, suxestións e reclamacións consideren procedentes (indicando a clave do concurso sinalada no

encabezamento e o proxecto ou estudio do peticionario ó que se refiran), persoalmente ou por medio do seu representante con poder suficiente, perante o rexistro xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda -Edif. Advos. San Caetano, s/n, 15071 Santiago de Compostela- e dentro do prazo improrrogable de vinte (20) días hábiles.

O prazo comezará a contarse e entenderase aberto a partir da data da derradeira das publicacións que corresponden facer da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Lugo. Transcorrido o dito período de tempo non se admitirá nin se terá en conta escrito ningún.

Para os expresados efectos, este anuncio, ademais da súa inserción nos diarios oficiais mencionados, será obxecto de exposición ó público no taboleiro de anuncios da Casa do Concello de Touro (A Coruña).

Este trámite realízase igualmente para os fins do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, cando os titulares dos bens e/ou dereitos propostos polos peticionarios sexan descoñecidos e así dirixirlle ó Ministerio Fiscal no seu momento as dilixencias que se produzan destes, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Os que se consideren interesados terán para os devanditos efectos informativos á súa disposición copias das peticións e dos exemplares da documentación técnica e estudios ambientais para que poidan ser examinados, nos días e horas habituais de oficina, nas seguintes dependencias administrativas:

-Proxectos das obras constitutivas dos aproveitamentos e das instalacións electromecánicas da central, subestacións de transformación e liñas de media e baixa tensión e copias das peticións.

* Servicios centrais do Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia: Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Edif. Advos. San Caetano, s/n, 15071 Santiago de Compostela.

* Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Industria e Comercio: Edif. Advos. Monelos, Praza Luis Seoane, 1ª planta, 15008 A Coruña.

* Secretaría Xeral da Comisión Galega de Medio Ambiente: r/ Algalia de Arriba nº 31, 15071 Santiago de Compostela.

-Estudios de efectos ambientais.

* Secretaría Xeral da Comisión Galega de Medio Ambiente.

* Comisión Provincial de Medio Ambiente da Coruña, Praza de Pontevedra, 22-2º, 15003 A Coruña.

* Concello de Touro, r/ Fonte Díaz, s/n, 15822 Touro-A Coruña.

(O pagamento do importe deste anuncio, así como das anteriores actuacións realizadas neste procedemento e daquelas que se vaian realizar con posterioridade a esta publicación, serán por conta, no caso de que o houbese, do adxudicatario).

Santiago de Compostela, 27 de maio de 1997.

Emilio García Gallego

Presidente de Augas de Galicia

ANEXO

-Peticionario e promotor: Minicentrales Automatizadas de Galicia, S.L.

Representante: Emilio Fernández Gómez.

Enderezo: r/ Padre Feijoo, 5-1º, 15004 A Coruña.

Denominación do aproveitamento: Salto de Ereixa Foxáns.

* Os aspectos máis destacados son:

Obxecto: producción de enerxía eléctrica.

Caudal: 2.500 l/s.

Corrente de derivación: Brandelos.

Tramo ocupado (cotas): 135-96 m.

Desnivel: 39 m.

Altura do azude: 9 m.

Potencia: 938 kV.

Termo municipal onde radica a toma e demais obras: Concello de Touro (A Coruña).

* Breve descrición das características principais das obras e instalacións:

Azude de derivación e obra de toma.

O azude de derivación é de tipo gravidade cunha lonxitude de coroación aproximada de 37,46 m (cota de coroación 139 m). Presenta un vertedoiro de perfil Creager do cal o labio se encontra á cota 135 m, cunha lonxitude de vertido de 20 m. O azude de derivación ten unha planta recta e sitúase transversalmente ó leito, presentando no seu estribo dereito unha escala para peixes e un desaugadoiro na súa parte central.

A obra de toma sitúase transversalmente ó azude no seu estribo dereito e presenta unha reixa inclinada. A cámara de toma encóntrase cuberta e ten unha planta de dimensións 13,2x4 m cun escorredoiro lateral e unha comporta de limpeza e baleirado.

Canle de derivación.

A canle de derivación esténdese na marxe esquerda do río Brandelos, ten unha lonxitude de 2.500 m e está construído en formigón cunha sección cuberta rectangular de 1,7 mx1,6 m escavada no terreo a media ladeira.

Cámara de carga.

A cámara de carga ten unhas dimensións en planta de 15 mx4 m e unha altura de caixeiros de 3 m, dispón de comporta electrónica automatizada que conecta coa tubería de carga. A cámara de carga proxéctase á cota 132 m.

Tubería forzada.

A tubería de carga proxéctase cun diámetro de 1,2 m de material aceiro ó carbono cunha lonxitude de 168,5 m, desenvolvéndose na súa totalidade na marxe esquerda do río Brandelos.

Central.

Proxéctase un edificio de planta rectangular de dimensións 12,2 mx6,15 m situado na zona denominada Foxáns, próxima a Sobrado á cota 96 m. A estructura do edificio é de formigón armado e prevese un camiño de acceso desde a estrada que discorre pola marxe esquerda do río Brandelos.

Canle de desaugamento.

A descarga proxéctase mediante unha canle de restitución de 10,4 m de lonxitude, de aliñación recta, cunha sección de 2,2 m de largo e 2,5 m de altura construída en formigón. A cota de desaugamento é a 96 m.

Equipos electromecánicos.

Na casa de máquinas do aproveitamento proxéctanse os seguintes equipos electromecánicos:

-Dous grupos xeradores xemelgos formados por turbinas Francis de cámara espiral, 750 r.p.m., para 1,75 m/s e un salto de 31 m (potencia de 469 kW cada unha); os alternadores son asíncronos de 2.500 kVA, 6 kV de tensión e 750 r.p.m.

-Transformador de 3.300 kVA e elevación de 6 kV a 20 kV.

-Equipos auxiliares.

* Afeccións:

Efectúase a solicitude de declaración de utilidade pública do aproveitamento, sendo os bens e/ou dereitos afectados polas obras e instalacións para os fins da necesaria expropiación forzosa, os que de seguida se indican cos seus propietarios:

* Estudio de efectos ambientais:

Este documento presentouse conforme a normativa aplicable.

4531