Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Luns, 16 de xuño de 1997 Páx. 5.721

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 136/1997, do 5 de xuño, sobre a determinación dos méritos que lle corresponde fixar á Comunidade Autónoma nos concursos para a provisión de prazas reservadas a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

No artigo 99.1º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, modificada polo Real decreto lexislativo 2/1994, do 25 de xuño (BOE nº 154, do 19 de xuño), en relación coa provisión de postos de traballo de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, establece que o concurso será o sistema normal de provisión dos devanditos postos e nel, entre outros, teranse en conta os méritos correspondentes ó coñecemento das especialidades da organización territorial de cada comunidade autónoma e da súa normativa propia. Estes méritos serán fixados polas propias comunidades, e poderán alcanzar ata un dez por cento da puntuación total posible do concurso de méritos.

Posteriormente, o Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, no seu capítulo IV, regulamenta a provisión destes postos mediante concurso de méritos. Segundo o seu artigo 14.1º, do total de 30 puntos acadables polos méritos valorables no concurso, consonte co establecido no artigo 99.1º da Lei 7/1985, do 2 de abril, as comunidades poderán fixar un baremo ó que lle corresponderán ata 3 puntos, relativos á organización e normativa autonómica.

En desenvolvemento da dita normativa, procede concreta-los diferentes méritos e a puntuación correspondente na porcentaxe mencionada, así como a forma de acreditalos.

Con tal fin e por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de xuño de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Méritos polo coñecemento das especialidades da organización territorial e da normativa de Galicia.

Os méritos correspondentes ó coñecemento das especialidades da organización territorial e da normativa de Galicia ós que, de conformidade co establecido no artigo 99.1º da Lei 7/1985, do 2 de abril, se lle atribúe o 10% da puntuación total posible nos concursos para a provisión de postos de traballo de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, son os seguintes:

a) Experiencia profesional: consistente no exercicio de funcións na Administración autonómica ou nas entidades locais de Galicia, que impliquen o coñecemento das especialidades da organización territorial e da normativa de Galicia.

b) Cursos de formación e perfeccionamento superados, homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública e que teñan por obxecto a aprendizaxe das especialidades da organización territorial e da normativa de Galicia.

c) Actividade docente: dirixida ó ensino das materias sobre organización territorial e normativa de Galicia, réxime local, urbanismo e réxime económico financeiro das entidades locais en cursos organizados pola EGAP ou en colaboración con esta.

d) Publicacións: en materias relativas ás especialidades de organización territorial e da normativa de Galicia.

Artigo 2º.-Valoración de méritos.

A proporción que corresponde a cada unha das clases de méritos expresados no artigo anterior, dentro da porcentaxe do 10% da puntuación total posible asignada para o coñecemento das especialidades autonómicas, que é de 3 puntos, é a seguinte:

a) Experiencia profesional: ata un 30% do total de puntos que, na puntuación total, correspondan ó 10% atribuído ós méritos polos coñecementos das especialidades autonómicas.

b) Cursos de formación e perfeccionamento: ata un 50% do total de puntos que, na puntuación total, correspondan ó 10% atribuído ós méritos polos coñecementos das especialidades autonómicas, en función do nivel académico do curso.

c) Actividade docente: ata un 10% do total de puntos que, na puntuación total, correspondan ó 10% atribuído ós méritos polos coñecementos das especialidades autonómicas.

d) Publicacións: ata un 10% do total de puntos que, na puntuación total, correspondan ó 10% atribuído ós méritos polos coñecementos das especialidades autonómicas.

Artigo 3º.-Regras para a puntuación de méritos.

a) Experiencia profesional: os servicios prestados valoraranse do xeito seguinte:

-Servicios prestados en postos de traballo do mesmo grupo ou superior de funcionarios có correspondente á subescala á que se concursa: 0,02 puntos/mes.

-Servicios prestados en postos de traballo asignados ó grupo de funcionarios inmediatamente inferior á subescala á que se concursa: 0,01 puntos/mes.

Máximo: 0,90 puntos.

b) Cursos de formación e perfeccionamento: a valoración dos cursos, con exclusión dos que formen parte dos procesos selectivos correspondentes, efectuarase da forma seguinte:

Teranse en conta, unicamente, os cursos impartidos pola EGAP ou, en colaboración con esta, polas universidades, centros de ensino superior ou outros órganos competentes en materia de formación e perfeccionamento dos funcionarios, sempre que sexan homologados pola EGAP, para efectos deste artigo.

A puntuación de cada curso dentro da escala de 0,10 a 1,5 será establecida pola EGAP en función da relación da materia impartida coas funcións reservadas ós funcionarios con habilitación nacional, o grao de dificultade do curso, o número de horas lectivas e o sistema de avaliación.

As convocatorias dos cursos formuladas pola EGAP indicarán a puntuación outorgada para os efectos deste precepto.

Para o suposto de que a puntuación dos cursos non estivese determinada nas súas convocatorias, a valoración farase exclusivamente respecto daqueles cursos nos que a materia impartida teña relación coas funcións reservadas ós funcionarios con habilitación de carácter nacional, da forma seguinte:

-Cursos con certificado de asistencia: 0,10 puntos por curso.

-Cursos con certificado de aproveitamento de ata 40 horas: 0,20 puntos por curso.

-Cursos con certificado de aproveitamento de máis de 40 horas: 0,40 puntos por curso.

Non se valorarán os diplomas relativos á celebración de xornadas, seminarios, simposios e similares.

Máximo: 1,5 puntos.

c) Actividade docente: valorarase cun máximo de 0,30 puntos, a razón de 0,01 puntos por hora impartida en cursos, excluíndose xornadas, seminarios, simposios ou similares.

d) Publicacións de monografías ou artigos sobre materias relativas ás especialidades da organización territorial e da normativa de Galicia. Por cada monografía: 0,10 puntos; por cada artigo 0,05 puntos. A puntuación máxima será de 0,30 puntos. Só se valorarán as monografías ou artigos aparecidos en publicacións con ISBN ou ISSN.

Artigo 4º.-Acreditación de méritos.

Os concursantes acreditarán os méritos que aleguen mediante a presentación do certificado correspondente ou a copia do título debidamente compulsada.

Artigo 5º.-Valoración dos méritos polos tribunais.

O tribunal de valoración do concurso comprobará e valorará os méritos alegados de acordo coas regras e as puntuacións establecidas neste decreto.

Disposición adicional

As disposicións deste decreto son aplicables ós concursos unitarios e ordinarios para cubri-las prazas reservadas ós funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan total ou parcialmente ó disposto neste decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de xuño de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

4561