Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Venres, 06 de xuño de 1997 Páx. 5.420

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de maio de 1997 pola que se convocan licencias por estudios para o curso 1997-1998 destinadas a funcionarios docentes non universitarios e se aproban as súas bases de concesión.

O artigo 55 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece que os poderes públicos prestarán unha atención prioritaria ó conxunto de factores que favorecen a calidade e mellora da ensinanza, citando entre estes factores a cualificación e formación do profesorado.

Á súa vez a citada lei, no seu artigo 56, determina que a formación permanente constitúe un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade das administracións educativas e dos propios centros e na súa disposición adicional terceira sinala que as administracións educativas proverán os recursos necesarios para garantir, no pro

ceso de aplicación da lei, a inclusión de plans institucionais de formación permanente do profesorado de licencias por estudios ou outras actividades para lles asegurar a tódolos profesores ó longo da súa vida profesional a posibilidade de acceder a períodos formativos fóra do centro escolar.

Así mesmo, o actual proceso de implantación do novo sistema educativo, a súa estructuración en distintos tramos e a adopción dun currículo aberto levan aparelladas necesidades de formación específicas. Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria proponse dar satisfacción ás devanditas necesidades formativas, facendo fincapé no afondamento dos coñecementos e a ampliación de estudios co obxectivo, en todo caso, de consegui-la mellora do sistema educativo, a través da formación dos seus profesionais.

Na súa virtude, esta consellería,

DISPÓN:

Convocatoria.

Primeiro.-Convócanse licencias por estudios para o curso 1997-1998, dirixidas a funcionarios docentes que pertenzan ós corpos detallados no seguinte apartado, destinados actualmente e durante o próximo curso 1997-1998 en centros docentes, en equipos de orientación e en centros de recursos de centros dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo as condicións, a distribución por corpos e modalidades que se establecen e relacionan no anexo I desta orde.

Candidatos.

Segundo.-Os corpos ós que se refire o apartado precedente son os que se detallan a continuación:

1. Mestres.

2. Profesores de ensino secundario.

3. Profesores técnicos de formación profesional.

4. Profesores de artes plásticas e deseño.

5. Mestres de taller de artes plásticas e deseño.

6. Catedráticos de música e artes escénicas.

7. Profesores de música e artes escénicas.

8. Profesores de escolas oficiais de idiomas.

9. Corpos e escalas docentes declaradas a extinguir.

Condicións.

Terceiro.-Os candidatos deberán reuni-los seguintes requisitos:

1. Estar en situación de servicio activo e prestando servicios ininterrompidos durante os cursos 1995-1996 e 1996-1997 e en 1997-1998 seguir tendo destino en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. Ter, como mínimo, cinco anos de antigüidade como funcionario de carreira nos corpos e escalas a que se alude no punto primeiro desta orde, dos

que, cando menos, tres fosen exercidos no corpo actual. Para estes efectos computarase o presente curso académico.

3. Non estar destinado en comisión de servicios durante o período para o que se solicita a licencia. Para tales efectos será de aplicación o disposto na base décimo primeira, segunda da presente convocatoria.

4. Non estar destinado en adscrición temporal no exterior durante o curso 1996-1997 nin durante o período para o que se solicita a licencia. Para tales efectos será de aplicación o disposto na base décimo primeira, segunda, da presente convocatoria.

5. Non ter que realiza-lo servicio militar ou servicio social substitutorio no período de desfrute da licencia por estudios.

6. Obter como mínimo catro puntos no apartado 1.2 do baremo que figura no anexo IV a esta convocatoria ou, no caso da modalidade 3 para o corpo de mestres, ser seleccionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para realizar algún dos cursos de especialización que, en convenio coas universidades, convoque para funcionarios do devandito corpo e de acordo co baremo específico que en cada convocatoria de cursos se estableza.

7. Non ter desfrutado de licencia por estudios outorgada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, agás os funcionarios do corpo de mestres que resulten seleccionados para realizar algún dos cursos de especialización ós que se alude no apartado anterior.

Solicitudes e documentación.

Cuarto.-Os candidatos ás licencias por estudios que se convocan deberán presenta-la súa solicitude segundo o modelo do anexo II e segundo o procedemento establecido no punto sétimo, agás os que opten ás da modalidade 3 para o corpo de mestres, que non deberán presentar solicitude nin documentación ningunha nesta convocatoria.

Quinto.-Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

1. Folla de servicios, segundo modelo do anexo VII, certificada pola delegación provincial correspondente e pechada o 31 de agosto ou o 30 de setembro de 1997, segundo se trate de funcionarios do corpo de mestres ou do corpo de profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, profesores de música e artes escénicas, profesores de escolas oficiais de idiomas e funcionarios dos corpos e escalas declaradas a extinguir.

2. Esquema da tese de doutoramento ou proxecto de estudios que se pretenda realizar durante o período da licencia, segundo o contido no anexo III. Unicamente se poderá solicitar unha das modalidades.

3. No caso de solicitudes de licencias por estudios para obter por primeira vez o título de licenciado ou equivalente deberá presentarse promesa ou declaración xurada de non obter previamente unha titulación equivalente.

No suposto de licencia por estudios para obter unha segunda licenciatura deberá presentarse promesa ou declaración xurada de non obter previamente dúas titulacións equivalentes.

4. Acreditación dos méritos académicos, profesionais ou de calquera índole que se considere conveniente alegar. Estes serán xustificados mediante os documentos que se especifican no anexo IV desta orde.

5. Relación numerada e asinada da documentación presentada, seguindo a orde que aparece no indicado anexo IV.

6. Non serán tidos en conta nin, xa que logo, valorados os méritos alegados e non xustificados debidamente, nin os que aleguen fóra do prazo ó que se refire a base sexta da presente convocatoria.

Prazo de presentación.

Sexto.-As solicitudes, xunto coa documentación expresada anteriormente, deberán presentarse no prazo de quince días naturais, contados a partir do seguinte ó da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a través do rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo imprescindible que na instancia apareza a data de recepción no organismo público correspondente. Se, en uso deste dereito, o expediente é remitido por correo, é necesario que se presente en sobre aberto para que sexa datado e selado polo funcionario de correos antes de que se proceda á súa certificación.

As oficinas receptoras remitiranlle os expedientes á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, San Caetano, s/n, 15771, Santiago de Compostela, dentro das corenta e oito horas seguintes á súa recepción.

Informe da inspección.

Sétimo.-Na mesma data de presentación da documentación citada no punto anterior, o profesorado que solicite licencia deberá presentar, dirixida ó Servicio da Inspección de Educación da delegación provincial correspondente, a seguinte documentación:

1. Solicitude de informe segundo o modelo que aparece como anexo V a esta orde, co fin de que o servicio de inspección emita o informe correspondente de acordo co anexo VI a esta orde.

2. Fotocopia da instancia de solicitude da licencia por estudios (anexo II).

Oitavo.

1. Vistas as solicitudes, os servicios de Inspección de Educación emitirán informe segundo o modelo recollido no anexo VI da presente convocatoria. O dito informe deberán remitilo directamente ó presidente da comisión seleccionadora dentro dos quince días naturais seguintes ó da presentación da documentación aludida no punto sexto.

2. O dito informe referirase ós seguintes aspectos:

a) Organización da súa actividade docente (programación, metodoloxía, utilización de recursos, criterios de avaliación, actividades extraescolares, etc.).

b) Participación no funcionamento dos centros (traballo cos equipos docentes, departamentos, seminarios, colaboración cos órganos de goberno, titorías, etc.).

c) Participación en programas educativos de innovación e reforma.

O informe adaptarase en función do contido específico que se vai desenvolver no suposto de profesores solicitantes que estean destinados en comisión de servicios en postos fóra dos centros docentes.

3. O resultado deste informe traducirase nunha valoración global de cero a tres puntos, segundo se especifica no apartado 2.2 do anexo IV.

Comisión de selección.

Noveno.

1. A selección dos candidatos realizaraa unha comisión integrada polos seguintes membros:

-O director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, ou persoa en quen delegue que será o presidente.

-O subdirector xeral de Ordenación Educativa, ou persoa en quen delegue.

-O subdirector xeral de Formación Profesional e Educación de Adultos, ou persoa en quen delegue.

-O inspector central da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, ou persoa en quen delegue.

-A xefe do Servicio de Formación do Profesorado.

-Tres membros da Inspección de Educación.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario, con voz e sen voto.

2. Cada un dos sindicatos da mesa sectorial docente nomeará un representante que poderá asistir ás sesións da comisión con voz e sen voto.

3. A comisión poderá dispoñe-la constitución de subcomisións técnicas especializadas só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos, proxectos de estudio ou traballos dos candidatos.

Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio, esta comisión considérase incluída na categoría primeira.

Resolución da convocatoria.

Décimo.-A comisión seleccionadora realizará unha preselección segundo a puntuación obtida conforme o baremo que figura como anexo IV desta convocatoria e tendo en conta, ademais, os seguintes criterios prioritarios, para efectos de outorga-la puntuación ó proxecto de traballo ou estudios:

a) Na modalidade 1 (teses de doutoramento) terase en conta como criterio prioritario a súa relación con algunha das áreas do currículo da educación secundaria obrigatoria ou materias do bacharelato, así como as de pedagoxía, psicoloxía ou psicopedagoxía. Excluiranse aquelas teses de doutoramento que non se atopen na fase final da súa elaboración, de xeito que se poidan presentar para a súa defensa no período da licencia, extremo este que deberá certifica-la persoa que dirixe a tese.

b) Na modalidade 2 (licenciaturas) daráselles prioridade a aquelas solicitudes que coincidan con algunha das distintas áreas do currículo da educación secundaria obrigatoria ou materias do bacharelato, así como as de pedagoxía, psicoloxía ou psicopedagoxía.

Excluiranse os solicitantes que no momento de presenta-la documentación:

1. Teñan só pendente unha ou dúas materias para remata-la licenciatura.

2. Teñan pendente para rematar un curso completo ou número equivalente de materias e tres ou máis. Para estes efectos consideraranse superadas tódalas materias das que o solicitante estea matriculado no momento de presenta-la documentación ata un máximo dun curso completo.

Considerarase como unha materia aquela que ten a duración dun curso académico ou entre doce e quince créditos. A comisión poderá face-las equivalencias pertinentes de acordo coa duración deles.

c) Na modalidade 3, para funcionarios do corpo de mestres, as licencias por estudios concedaránselles automaticamente ós funcionarios do corpo citado que resulten seleccionados para participar nos cursos de especialización que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoque en convenio coas universidades, de acordo co baremo específico que en cada convocatoria se estableza, e polo período de duración da fase presencial, facendo constar ámbolos dous extremos na resolución da convocatoria dos correspondentes cursos.

No caso de funcionarios dos restantes corpos abranguidos na presente orde terase en conta como criterio prioritario e excluínte que os estudios se orienten á promoción dos mestres de taller a titulacións mínimas esixidas polos distintos ciclos formativos, ou ben á realización de cursos de posgrao relacionados coa especialidade que imparte o solicitante, coa orientación ou coa titoría, agás os cursos de doutoramento.

1. En caso de empate entre os funcionarios, este dirimirase atendendo sucesivamente ós seguintes criterios:

a) Maior puntuación no punto 1.2 do baremo.

b) Maior puntuación no punto 2.1 do baremo.

En ningún caso poderá superase o número total de licencias anunciado, respectivamente, para o profesorado numerario dos corpos que imparten ensinanzas de bacharelato, formación profesional, artísticas e idiomas e para o corpo de mestres.

2. A relación dos preseleccionados farase pública nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e das delegacións provinciais, abríndose un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións. Transcorrido este prazo, unha vez estudiadas e, se é o caso, atendidas as ditas reclamacións, a comisión seleccionadora remitiralle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a proposta de resolución da presente convocatoria, xunto coa acta ou actas definitivas con expresión das valoracións outorgadas a cada un dos candidatos, así como a relación final dos seleccionados.

No mesmo prazo establecido no parágrafo anterior, poderán presentarse renuncias á concesión das licencias por estudios perante a mencionada comisión seleccionadora.

Décimo primeiro.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, unha vez comprobado que os candidatos reúnen os requisitos establecidos na presente convocatoria, publicará a resolución definitiva de licencias por estudios no Diario Oficial de Galicia, expedindo, así mesmo, as credenciais singulares correspondentes.

1. Unha vez resolta a presente convocatoria non se admitirán renuncias ás licencias concedidas, salvo casos de excepcional gravidade e libremente apreciados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. No caso de que un profesor obtivese simultaneamente un posto en réxime de comisión de servicios, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria concederá a licencia ou a comisión atendendo ás necesidades do servicio.

3. As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de tres meses, desde a data do remate da súa presentación.

Períodos de duración das licencias por estudios.

Décimo segundo.-O período improrrogable de duración das licencias será, como máximo, do 1 de setembro de 1997 ó 31 de agosto de 1998, para o profesorado de educación infantil, educación primaria e as súas modalidades, e desde o 15 de setembro de 1997 ó 14 de setembro de 1998, para o profesorado de ensinanzas medias, artísticas e de idiomas.

Para as licencias por estudios por cuadrimestres dos proxectos de estudios, sinalarase o tempo que se pensa realizar.

Cando a licencia por estudios fose solicitada para poder desfrutar dunha bolsa concedida por algún organismo oficial, e o período de duración non coincida co do curso académico 1997-98, poderá autorizarse o desfrute desta durante doce meses consecutivos, sen pasar, en ningún caso, a data do 31 de decembro de 1998, e sempre que as necesidades do servicio o permitan.

Décimo terceiro.-Ó longo do período de licencias por estudios, os profesores beneficiarios presentarán perante o Servicio de Formación do Profesorado da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a seguinte documentación:

1. Enviarase durante o mes de outubro de 1997, orixinal ou fotocopia compulsada do resgardo da matrícula no centro no que se realizarán os estudios e pagamento das taxas dela.

2. Certificado de asistencia ás clases feito por cada profesor referido ata o 15 de marzo de 1998 que se remitirá entre o 16 e o 31 do dito mes, ou no segundo mes da licencia cando sexa cuadrimestral.

3. No prazo dun mes, contado desde a finalización do período da licencia por estudios:

Para a modalidade 1: xustificante de ter depositada a tese para a súa lectura.

Para a modalidade 2: certificación académica dos estudios realizados ou fotocopia compulsada.

Para a modalidade 3: certificación dos estudios realizados ou fotocopia compulsada dela.

4. Quedan excluídos da obriga de presenta-la documentación solicitada nos tres apartados anteriores os funcionarios do corpo de mestres ós que se lles conceda licencia pola modalidade 3 para realizar cursos de especialización.

Situación administrativa e compromisos dos seleccionados.

Décimo cuarto.-Durante o tempo de duración da licencia por estudios os profesores seleccionados recibirán os emolumentos correspondentes ás súas retribucións básicas e complementarias.

Décimo quinto.-A concesión de licencias por estudios implicará a incompatibilidade con calquera outra actividade pública ou privada.

Décimo sexto.-O non cumprimento do disposto nesta convocatoria poderá dar lugar á rescisión da licencia por estudios ou á posible incursión en responsabilidades disciplinarias de acordo co vixente Regulamento do réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Seguimento.

Décimo sétimo.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional a través dos servicios de Inspección de Educación efectuará o adecuado seguimento e control dos estudios e traballos que se realicen durante o período da licencia.

Retirada de documentación.

Décimo oitavo.-Durante o mes de decembro de 1997 os concursantes poderán retira-la súa documentación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (rúa San Lázaro, 107 - Santiago de Compostela), directamente ou a través de persoa autorizada. Transcorrido o prazo, entenderase que renuncian á súa recuperación, perdéndose todo dereito sobre ela.

Décimo noveno.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para dicta-las instruccións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Vixésimo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Director Xeral de Ordenación Educativa

e de Formación Profesional

ANEXO I

Distribución das licencias por estudios que se convocan para o curso 1997-98 segundo as modalidades e corpos ou escalas do profesorado:

ModalidadesCorpos, os relacionados no apartado segundo agás os de mestresCorpo de mestres

Estudios de carácter académico, en temas propios da área, ciclo ou materia que imparte.

1. Teses de doutoramento53

2. Licenciaturas.

2.1. Primeira licenciatura

(Curso completo)

1240

2.2. Segunda licenciatura

(Un cuadrimestre)

10

3. Outros estudios.10100
Totais37143

4333