Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Xoves, 29 de maio de 1997 Páx. 5.060

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de maio de 1997 pola que se regulan os programas de garantía social na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a competencia plena para a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece, no seu artigo 23, puntos 2 e 3, que para o alumnado que non alcance os obxectivos da educación secundaria obrigatoria se organizarán programas específicos de garantía social, co fin de proporcionarlle unha formación básica e profesional que lle permita incorporarse á vida activa ou prosegui-los seus estudios nas distintas ensinanzas reguladas nesta lei e, especialmente, na formación profesional específica de grao medio. Así mesmo, establece que as administracións educativas garantirán unha oferta suficiente dos programas específicos a que se refire o apartado anterior.

Tamén se establece, no seu artigo 63.1º dentro do capítulo «Da compensación das desigualdades na educación» que, co fin de facer efectivo o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación, os poderes públicos desenvolverán as accións de carácter compensatorio en relación coas persoas, grupos e ámbitos territoriais que se encontren en situacións desfavorables.

A propia lei sitúa os programas de garantía social á saída da etapa de educación secundaria obrigatoria, para o alumnado que a abandone sen ter acadado os seus obxectivos, e tamén apunta unha finalidade que os conecta simultaneamente co mundo laboral e coas ensinanzas regradas posteriores, especialmente coa formación profesional específica de grao medio.

Un dos trazos máis importantes que posúen os programas de garantía social é que constitúen un paso máis na serie de medidas de atención á diversidade de capacidades e intereses do alumnado, que se deben de poñer en práctica ó longo da educación secundaria obrigatoria.

Así mesmo, ofrecen ós xoves a formación integral necesaria para posibilitar unha inserción social e laboral satisfactoria e aportan os apoios necesarios para desenvolver ó máximo as capacidades xerais e afianza-los coñecementos relacionados co obxectivos do ensino obrigatorio, proporcionando unha formación que anime ós xoves a seguir formándose,

a continuar estudiando, ben en formación profesional a través de ciclos formativos de grao medio, ben na formación permanente das persoas adultas para a consecución do título de graduado en educación secundaria.

Por todo iso, e coa finalidade de facilita-la reinserción no sistema educativo dos xoves que o desexen, ou ben posibilita-lo principio constitucional de acceso a un posto de traballo, nas mellores condicións posibles, para aqueles que decidan incorporarse á vida activa, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria proponse con esta orde regula-la implantación dos programas de garantía social que se poñan en marcha no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia, a través de distintas modalidades adaptadas ás necesidades do alumnado, nos centros educativos ou en réxime de colaboración ou convenio da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria con outras administracións ou institucións públicas ou privadas.

En virtude do exposto, visto o Decreto 346/1996, do 13 de setembro, polo que se establece a estructura orgánica e competencial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-Os programas de garantía social que se establezan no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma galega, desenvolveranse de acordo co disposto na presente orde.

Segundo.-Considerando a finalidade que se establece no artigo 23.2º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo para os programas de garantía social, estes deberán orientarse á consecución dos seguintes obxectivos:

a) Desenvolver e afianza-la madurez persoal mediante a adquisición de hábitos e capacidades que lles permitan participar, como persoas responsables, no traballo e na actividade social e cultural.

b) Desenvolve-las actitudes e dotalos dos recursos e da orientación necesarios para a busca dun posto de traballo e/ou para o autoemprego.

c) Amplia-la súa formación, co obxecto de adquirir coñecementos e capacidades propios do ensino básico, co obxecto de permiti-la súa incorporación á vida activa e, se é o caso, proseguir estudios, especialmente na formación profesional específica de grao medio.

Terceiro.-Os programas de garantía social están destinados a xoves menores de vinteún anos que, polo menos, cumpran 16 anos no ano natural en que inician o programa e que non alcanzaran os obxectivos da educación secundaria obrigatoria nin posúan titulación ningunha de formación profesional.

Cuarto.

1. Poderán acceder ós programas de garantía social xoves, cos requisitos de idade indicados no apartado anterior, que cumpran algunha das seguintes condicións:

a) Xoves escolarizados no segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria que, tendo accedido a un programa de diversificación curricular, a xuízo do equipo educativo que os atende, non estean en condicións de acada-los obxectivos da etapa por esa vía. Excepcionalmente, alumnado ó que non lle fora posible acceder a un programa de diversificación e se atope, a xuízo do equipo educativo, en grave risco de abandono escolar.

b) Xoves desescolarizados que non posúan titulación académica superior á do graduado escolar ou que tendo acadado esa titulación, carezan do título de formación profesional de primeiro grao.

2. No caso do alumnado citado no apartado 1 a), o acceso ós programas de garantía social realizarase logo de avaliación psicopedagóxica, oídos os alumnos e os seus pais ou titores legais.

3. O alumnado que siga os programas de garantía social poderá compatibilizalos coa obtención dunha titulación académica mediante as probas de ensinanzas non escolarizadas para a obtención do título de técnico auxiliar e/ou as probas libres para a obtención do título de graduado en educación secundaria que convoque, anualmente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Quinto.

1. Coa finalidade de acada-los obxectivos establecidos no apartado segundo desta orde, os programas de garantía social desenvolveranse en distintas modalidades adaptadas ás características, necesidades e expectativas do alumnado e que con carácter xeral son:

a) Programas que se vaian desenvolver integramente nun centro educativo no que se impartan ensinanzas de formación profesional, ensinanzas de educación secundaria ou ensinanzas artísticas ou en centros de educación de adultos. Contarán coa autorización expresa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

b) Programas nos que a área de formación básica se desenvolva no centro educativo e a de formación profesional específica en colaboración con entidades da Administración local, institucións públicas ou privadas sen ánimo de lucro ou en empresas e outros talleres autorizados cos que previamente a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecera convenios de colaboración para o desenvolvemento de programas de garantía social.

c) Programas que se desenvolvan na súa totalidade en entidades da Administración local, institucións públicas ou privadas sen ánimo de lucro ou en empresas e outros talleres, previa autorización da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Sexto.

1. O deseño dos programas de garantía social ten por finalidade conseguir unha formación integral dos xoves en tódalas súas facetas. Con carácter xeral o programa comprenderá as seguintes áreas:

a) Área de formación profesional específica.

b) Área de formación e orientación laboral.

c) Área de formación básica.

d) Actividades complementarias.

e) Titoría.

2. A área de formación profesional específica comprenderá as actividades prácticas e os coñecementos necesarios que lle permitan ó alumnado consegui-las capacidades relacionadas co desempeño dun posto de traballo para o cal non se requira a cualificación de técnico ou equivalente coa finalidade de prepara-lo alumnado para a súa incorporación á vida activa.

3. A área de formación e orientación laboral está encamiñada a familiariza-lo alumnado co marco legal, de condicións de traballo e de relacións laborais, e de dotalo dos recursos e da orientación necesaria para a busca dun posto de traballo e para o autoemprego.

4. A área de formación básica posibilitará o desenvolvemento persoal e social así como afianza-los coñecementos e capacidades xerais básicas, relacionados cos obxectivos do ensino obrigatorio, en especial as capacidades de desenvolvemento lingüístico, numérico e, na medida do posible, todas aquelas que sexan necesarias para o desenvolvemento da área de formación profesional.

5. As actividades complementarias promoverán entre os xoves a posibilidade de realizar actividades variadas, orientadas cara a unha utilización adecuada do tempo de ocio. Experiencias deportivas e culturais que contribúen ó desenvolvemento das capacidades, favorecendo a súa formación como persoa.

6. A acción titorial como un conxunto de accións educativas que se deseñan e realizan para favorecer no alumnado a aprendizaxe, a integración dos coñecementos e experiencias, a socialización, a toma de decisións e o desenvolvemento da súa personalidade.

Sétimo.

1. Os programas de garantía social terán unha duración variable, en función da modalidade, o momento do seu desenvolvemento e niveis de acceso, así como das expectativas do alumnado, entre 800 e 1000 horas e desenvolveranse nun curso académico.

2. Cando se prevexa a realización dun traballo productivo relacionado co ámbito profesional do programa, o dito traballo considerarase parte del para efectos de formación. En consecuencia, os contidos e horario da área de formación profesional específica

sinalada no apartado sexto serán convenientemente adaptados.

Oitavo.-Os programas de garantía social desenvolveranse en grupos de 15 alumnos como máximo.

Noveno.

1. Os centros e institucións responsables do desenvolvemento dun programa de garantía social deberán elabora-la programación xeral deste así como as programacións didácticas e envialas para a súa aprobación ás delegacións provincias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria segundo as orientacións e prazos que para tal fin se establezan.

2. A programación xeral do centro, á que se refire o punto anterior, incluirá o horario semanal dos diferentes módulos e actividades, o horario de dedicación do profesorado, a organización dos espacios e materiais didácticos.

3. A Inspección educativa supervisará as devanditas programacións co obxecto de asegura-la súa adecuación ó que se establece na presente orde e, se é o caso, á normativa que a desenvolva, debendo elaborar para tal fin un informe.

Décimo.-Ó rematar cada programa de garantía social o profesorado responsable del elaborará a memoria, que deberá incluír un informe sobre o progreso do alumnado que o seguiu, a súa inserción laboral, se é o caso, unha valoración xeral do programa e propostas para a súa mellora. A dita memoria remitirase á delegación provincial correspondente.

Décimo primeiro.

1. A avaliación do alumnado que participe en programas de garantía social será continua e farase tomando como referencia os obxectivos establecidos polo equipo educativo nas programacións didácticas, así como o grao de madurez acadado en relación cos obxectivos indicados no apartado segundo desta orde.

2. O alumnado que realice un programa de garantía social recibirá un certificado no que consten as diferentes áreas cursadas, con expresión da súa duración en horas, e as cualificacións que se expresarán mediante unha escala numérica de un a dez, sen decimais. Son positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco.

A certificación deberá ir acompañada dunha orientación sobre o futuro académico e profesional do alumno; a dita orientación preservará o dereito do alumno á confidencialidade e non terá, para o alumno, carácter prescritivo.

Décimo segundo.-Ó alumnado dos programas de garantía social que se impartan nos centros docentes seralles de aplicación a normativa vixente sobre dereitos e deberes dos alumnos.

Décimo terceiro.-Autorízase expresamente a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa e á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para dictar cantas normas sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Décimo cuarto.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Directores Xerais de Ordenación Educativa

e Formación Profesional e de Centros e Inspección Educativa.

97-3996