Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Martes, 27 de maio de 1997 Páx. 4.934

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de maio de 1997 pola que se clasifica como de interese docente a Fundación Forum Galicia de Estudios Sociales.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Forum Galicia de Estudios Sociales, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. Manuel Rodríguez Sedano, na súa calidade de secretario da fundación, en escrito de 24 de abril de 1997, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 23 de abril de 1997 ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña Manuel Julio Reigada Montoto co número mil trescentos corenta e tres do seu protocolo, por Manuel Rodríguez Sedano, quen actúa no seu propio nome e ademais de por si, en representación de Jaime Rodríguez-Arana Muñoz e de Álvaro Torres Gestal. Esta escritura foi emendada por outra posterior de data 12 de maio de 1997, ante o mesmo notario e co número mil cincocentos corenta e dous do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, o obxecto e finalidade da fundación son, entre outros, a organización de actividades docentes de carácter universitario e profesional, sociais ou culturais, relacionadas, entreoutros, con aspectos estratéxicos do desenvolvemento de Galicia, levando á práctica todo tipo de actividades docentes.

4. O padroado da fundación estará constituído por Jaime Rodríguez-Arana Muñoz como presidente, Álvaro Torres Gestal como vicepresidente e Manuel Rodríguez Sedano como secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese docente da Fundación Forum Galicia de Estudios Sociales, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese docente e a súa adscrición á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de maio de 1997.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese docente a Fundación Forum Galicia de Estudios Sociales e adscribila á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

97-3880