Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Xoves, 22 de maio de 1997 Páx. 4.760

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 7 de maio de 1997 de concertación e acreditación de centros sociosanitarios.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º asígnalle á Comunidade Autónoma unha competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no artigo 33.1 establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

Por outra banda, a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais estructura un sistema integrado de servicios sociais como servicio público da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa promoción.

O Decreto 63/1996, do 15 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no seu preámbulo, destaca o papel da consellería como órgano

responsable das políticas sanitarias, sociais e sociosanitarias, así como a importancia da atención sociosanitaria para darlles resposta ás necesidades de determinados sectores sociais especialmente vulnerables ou insuficientemente protexidos.

Precisamente, a integración dos servicios sociais e sanitarios nunha mesma consellería permite que se produza un proceso de complementariedade e integración da asistencia, evitando frecuentes e custosas duplicidades entre ámbalas estructuras. Preténdese, a través do programa de atención sociosanitaria, que os servicios sociais e sanitarios se complementen, na medida que sexa necesario, en función do tipo e características de usuarios que atenderán conxuntamente. O programa de atención sociosanitaria abrangue sectores asistenciais netamente diferentes, como son, a atención a persoas maiores, enfermos mentais crónicos, discapacitados e pacientes terminais. A atención de persoas maiores é un dos eidos onde se manifesta con maior intensidade a necesidade dunha continuidade asistencial, desde os aspectos puramente sanitarios ás necesidades sociais, precisándose unha intervención combinada de servicios, fundamentalmente en persoas maiores con déficit funcional transitorio, pluripatoloxía

recuperable, ancián fráxil médico social, demencias leves e moderadas, graves ou evolucionadas e precariedade social. O perfil deste tipo de usuarios require unha organización de coidados de media estancia (rehabilitación, convalecencia) e de longa estancia cun marcado compoñente social que non encadra na estructura dun hospital xeral.

En consecuencia, é obxectivo primordial do Programa de Atención Sociosanitaria da consellería, crear recursos e orienta-los actualmente existentes cara ás necesidades formuladas por estes colectivos, así como a elaboración de plans e propostas de normas reguladoras da prestación de servicios sociosanitarios.

Por iso, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establece-lo réxime de concertos entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e as persoas naturais ou xurídicas, públicas ou privadas, titulares de centros, servicios e establecementos sanitarios, para a atención sociosanitaria a persoas maiores con enfermidade e dependencia funcional e enfermos crónicos con déficits funcionais e de relación, que estean protexidos pola Seguridade Social.

Artigo 2º.-Requisitos para poder concertar.

1. Só poderán subscribirse concertos de asistencia sociosanitaria con centros, servicios e establecementos sanitarios que, de acordo co Decreto 99/1984, do 7 de xuño, conten coa correspondente autorización de apertura e posta en funcionamento e estean inscritos no rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais

regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro e demais disposicións que o desenvolven.

2. As entidades deberán cumpri-la lexislación vixente que lles sexa aplicable e a de ámbito sanitario, mercantil, laboral e fiscal, sen que poidan estar incursos en ningunha das prohibicións para contratar que establece o artigo 20 da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas.

3. Será requisito previo á concertación de servicios sociosanitarios, a obtención de acreditación cos requisitos que se establecen no anexo I en, polo menos, algunha das modalidades de asistencia que establece o artigo 4.1 da presente orde.

Artigo 3º.-Solicitude de acreditación.

A acreditación será outorgada polo secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, logo da solicitude do titular ou representante legal do centro, servicio ou establecemento sanitario, de acordo co modelo que se establece no anexo II da presente orde, á que se achegará a seguinte documentación por duplicado:

1. DNI do solicitante.

2. Documentos que acrediten propiedade e dependencia xurídica do centro solicitante.

3. Documentación acreditativa da representación que ostenta o solicitante.

4. Memoria técnica e funcional do servicio sociosanitario que se solicita acreditar.

5. Documento que acredite e especifique o cadro de persoal dedicado ó servicio sociosanitario, co tempo de dedicación contratado.

Artigo 4º.-Procedemento de acreditación.

1. Examinada a solicitude e a documentación achegada e constatados polos servicios de inspección o cumprimento das condicións e requisitos establecidos na presente orde, a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais resolverá a solicitude no prazo máximo de tres meses.

Transcorrido o dito prazo sen dictar resolución expresa, a solicitude entenderase rexeitada.

2. Contra a resolución de acreditación poderá interporse recurso ordinario perante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, na forma e prazo que establece a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As acreditacións concederanse por un prazo máximo de catro anos, aínda que poderán renovarse cunha antelación mínima de tres meses ó remate do período da súa vixencia, mediante solicitude dirixida ó secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no modelo que recolle o anexo II desta orde.

Artigo 5º.-Procedemento de formalización de concertos.

O procedemento de concertación axustarase ó establecido na Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, a súa normativa de desen

volvemento e demais normas complementarias na materia, así como ás previsións establecidas na presente orde.

Os concertos serán formalizados polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 6º.-Modalidades de asistencia.

Os concertos poderán outorgarse para unha ou varias das modalidades e réximes asistenciais seguintes:

1. En unidades de internamento sociosanitario, en réxime de:

1.1. Media estancia, con fins de convalecencia e rehabilitación en usuarios con déficit funcional recuperable. Terán unha duración inferior a un mes, prorrogable ata tres meses por necesidade de prolonga-lo período de convalecencia e rehabilitación, ou, no caso de evolución inadecuada, por busca de recursos de carácter social.

Os usuarios de media estancia, transcorridos tres meses desde o seu ingreso, independentemente da súa causa, pasarán a ser clasificados como usuarios de longa estancia.

Igualmente, no caso de que se indicase a alta médica e o usuario non puidese ser trasladado ó seu domicilio ou medio residencial alternativo, continuará no centro concertado como paciente de longa estancia e confinanciará a súa asistencia.

1.2. Longa estancia, coa finalidade de proporciona-los coidados de mantemento precisos en usuarios con déficit funcional estable ou non recuperable, mediante a aplicación de medidas de apoio e preventivas, incluíndo apoio social e tratamento psicolóxico, médico e rehabilitador axustado ás necesidades do usuario.

1.3. Longa estancia psico-xeriátrica, con idéntica finalidade có anterior, en usuarios de idade superior ós 65 anos e excepcionalmente con idade inferior, con mingua moderada ou grave das súas funcións superiores.

2. Asistencia domiciliaria, orientada a dar continuidade á asistencia a usuarios en réxime domiciliario en colaboración cos servicios de asistencia primaria -sanitaria e social- con carácter temporal.

O prazo máximo de duración da presente prestación será dun mes. Transcorrido este período, será preciso o informe favorable da Xerencia de Atención Primaria do domicilio do usuario para que o centro concertado poida continuar prestándoa.

Artigo 7º.-Réxime de acceso.

Os mecanismos ordinarios de acceso dos usuarios ó centro concertado serán, salvo supostos específicos que se establezan nos propios concertos:

a) Por remisión desde o nivel de atención primaria:

-A instancia do facultativo correspondente autorizado pola xerencia ou dirección médica.

b) Por remisión desde o nivel de asistencia especializada:

-Autorizada pola xerencia ou dirección médica dos centros hospitalarios do Servicio Galego de Saúde.

c) Por autorización da unidade de control de concertos da dirección provincial correspondente, incluíndo as

situacións orixinadas en centros alleos á titularidade do Servicio Galego de Saúde.

Artigo 8º.-Facturación dos servicios.

1. A facturación dos servicios prestados polo centro concertado realizarase de acordo coas tarifas que se establecen no anexo III da presente orde.

2. Para estes efectos entenderase por estancia a permanencia no centro durante un período que supoña a realización dunha comida principal e pasa-la noite fóra da casa, ou ben dúas comidas principais.

Entenderase por módulo asistencial o compoñente de coidados sanitarios e de apoio requiridos polo usuario durante cada estancia en centros sociosanitarios.

Considerarase módulo residencial o compoñente da estancia hospitalaria atribuíble á necesidade de substituí-lo domicilio habitual do usuario durante o tempo que perdure a asistencia.

3. As tarifas serán revisadas anualmente pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 9º.-Participación do usuario no financiamento.

Os usuarios de longa estancia colaborarán no financiamento do módulo residencial da súa asistencia, mediante a entrega á entidade concertada do 75% dos seus ingresos líquidos mensuais, quedando excluídos do cómputo as gratificacións extraordinarias, e sen que a dita achega supere en ningún caso a cantidade fixada como importe mensual do citado módulo residencial.

Na facturación dos servicios deducirase o importe que o centro concertado pode reterlles ós usuarios de acordo co establecido no parágrafo anterior.

A contía da colaboración ponderarase tendo en conta as cargas familiares dos usuarios, de acordo cos principios que establece o artigo 79 da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais.

Artigo 10º.-Obrigas derivadas da sinatura do concerto.

1. Os centros, servicios e establecementos que concerten, ó amparo da presente orde obríganse a cumpri-lo concerto e adaptarse á planificación establecida pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, coordinándose cos restantes recursos sanitarios e sociais, para garanti-la correcta asistencia dos usuarios.

2. Sen prexuízo do establecido na presente orde, os concertos precisarán o seu obxecto, condicións de atención ó usuario, réxime económico e de facturación, control e inspección, duración, prórroga e extinción.

Artigo 11º.-Control e inspección.

1. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá, a través de persoal debidamente acreditado para iso, en calquera momento, inspecciona-lo centro, servicio ou establecemento concertado, para verifica-lo cumprimento das cláusulas do concerto e da presente orde.

Artigo 12º.-Duración dos concertos.

1. Os períodos nos que producirán efectos estes concertos fixaranse expresamente en cada un deles e de conformidade, en todo caso, coa normativa vixente en materia de contratación, así como de xestión orzamentaria para a Comunidade Autónoma de Galicia. Non

obstante, logo do acordo das partes e existindo crédito orzamentario suficiente poderanse prorrogar por anos naturais ata un máximo de catro anos.

2. Os concertos poderán denunciarse por calquera das partes con tres meses de antelación ó seu remate do mesmo ou de calquera das súas prórrogas.

Artigo 13º.-Extinción dos concertos.

1. Serán causas de extinción dos concertos, ademais das establecidas na Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos coas administracións públicas, nos seus artigos 112 e 168 con excepción das letras e) e f):

a) O incumprimento de calquera das súas cláusulas.

b) A incorrecta aplicación dos sistemas de cofinanciamento no pagamento dos servicios de longa duración.

c) A imposibilidade sobrevida, legal ou material, de facerlles fronte ás obrigas establecidas no concerto.

d) As que se establezan expresamente no concerto.

Artigo 14º.-Concertos singulares.

1. Ó abeiro da presente orde poderán establecerse concertos singulares con institucións que pola súa importancia e singularidade no servicio público, deberán ser obxecto de tratamento especial.

2. No devandito caso, o propio concerto fixará as condicións específicas que puidesen darse respecto á atención ó usuario; a duración, prórroga e extinción do concerto; os mecanismos de control e inspección; o réxime de pacientes e o réxime económico.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 1997.

José M. Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

Criterios mínimos de acreditación

Os criterios mínimos que deben cumpri-las polas unidades de asistencia sociosanitaria para a súa acreditación para efectos de concertación, serán os seguintes:

1. De organización e funcionamento.

1.1. De organización.

a) Os centros, servicios e establecementos de asistencia sociosanitaria terán claramente establecida a responsabilidade da xestión e da dirección asistencial, así como as persoas que as realizan.

b) O centro disporá dun regulamento de réxime interior.

1.2. De seguridade.

a) Cumprirá a lexislación correspondente en materia de seguridade e especialmente a correspondente á segu

ridade e hixiene no traballo, salubridade e saúde medioambiental e seguridade contra incendios.

1.3. De funcionamento:

a) Dispoñibilidade continuada de persoal médico:

* Á chamada, cun tempo de resposta inferior a 30 minutos.

* De presencia nos centros que:

-Dispoñan de unidades para a prestación de servicios en réxime de media estancia.

-Dispoñan de máis de 60 camas destinadas á asistencia sociosanitaria.

b) Existencia de persoal de enfermería con titulación de ATS ou DUE e de persoal auxiliar de forma continuada, segundo os seguintes criterios:

* Un mínimo dun ATS/DUE por cada 40 camas en funcionamento.

* Un mínimo de dous auxiliares de clínica en horario diurno e un auxiliar de clínica en horario nocturno por cada 40 camas.

c) Existencia de persoal de fisioterapia:

* Con relación contractual co centro e unha dedicación mínima de 20 horas semanais.

* Con relación contractual co centro e dedicación plena, cando se dispoña de máis de:

-40 camas de media estancia.

-90 camas concertadas destinadas á asistencia sociosanitarias de calquera modalidade.

d) Dispoñibilidade doutro persoal segundo os seguintes criterios:

* Dispoñibilidade para a realización de interconsulta médica, garantida mediante contratos estables cos profesionais, en rehabilitación e psiquiatría.

* Farmacéutico de acordo co establecido na normativa vixente.

* Diplomado en traballo social.

-Con relación contractual co centro e unha dedicación mínima de 20 horas semanais.

-Con relación contractual co centro e dedicación plena, cando se dispoña de máis de 90 camas concertadas destinadas á asistencia sociosanitaria.

* Psicólogo: con relación contractual co centro e unha dedicación mínima de 10 horas semanais.

* Terapeuta ocupacional: con relación contractual co centro e unha dedicación mínima de 10 horas semanais por cada unidade de máis de 40 camas.

* Pastoral asistencial á demanda.

1.4. De dispoñibilidade de servicios asistenciais:

a) Disporase dun servicio de rehabilitación con ximnasio e áreas de tratamento individualizado para termoelectroterapia e masoterapia e elementos de hidroterapia de membros. Existirán elementos específicos para a rehabilitación das actividades da vida diaria.

b) Apoio en materia de radioloxía e laboratorio básicos:

* En tódolos centros que traten casos de media estancia.

* Nos centros de máis de 90 camas, con independencia do seu destino.

c) Farmacia hospitalaria de acordo coa normativa vixente.

1.5. De dispoñibilidade de servicios auxiliares:

a) Disporase de tódolos servicios hostaleiros precisos para asistencia, sexan propios ou subcontratados.

b) Disporá dun local digno destinado ó depósito de cadáveres ata o seu traslado a un mortuorio externo ou ó seu domicilio, preto dunha saída do centro distinta da habitualmente utilizada como entrada principal del.

1.6. De planta física.

a) As unidades destinadas a pacientes sociosanitarios estarán claramente diferenciadas, delimitando a área de media estancia da área de longa estancia, no caso de coexistir ámbolos tipos de hospitalización.

b) As áreas de circulación, as instalacións mecánicas de circulación vertical e os locais asistenciais garantirán a posibilidade de traslado de cadeiras de rodas e angarellas.

c) As unidades destinadas á hospitalización cumprirán os seguintes requisitos:

* Non haberá máis de tres enfermos por habitación.

* Cada paciente disporá de armario propio no que conserva-las súas pertenzas persoais.

* Existirá unha habitación de uso individual para cada 20 camas.

* As habitacións terán luz e ventilación natural adecuadas.

* Existirá timbre de chamada á enfermería por cada cama das existentes nas habitacións de pacientes.

* Existirá un aseo con lavabo e inodoro en cada habitación ou, no seu defecto, un lavabo e retrete en área común por cada catro camas.

* Existirá unha ducha accesible en cadeira de rodas por cada 20 camas.

* Existirá un baño asistido ou de características xeriátricas por cada 30 usuarios e, en calquera caso, un por planta destinada á hospitalización.

* As camas de usuarios serán accesibles preferiblemente desde tres das súas caras.

* As unidades disporán de comedor e área de estar de usuarios de suficiente dimensión para o tamaño da unidade e a súa función específica.

g) As unidades de psico-xeriatría, destinadas a atende-los a usuarios maiores de 65 anos, con deterioración moderada ou grave das súas funcións superiores, estarán física e funcionalmente diferenciadas e cun deseño adaptado.

ANEXO III

Tarifas

A contraprestación económica polos distintos tipos de prestacións, para o presente ano, serán as seguintes:

a) Media estancia durante o primeiro mes de internamento: 8.500 ptas./día.

b) Media estancia durante o segundo e terceiro mes de internamento: 7.500 ptas./día.

c) Módulo asistencial por estancia en réxime de longa estancia: 3.700 ptas./día.

d) Módulo residencial por estancia en réxime de longa estancia: 3.300 ptas./día.

e) Asistencia en réxime de asistencia domiciliaria: 4.500 ptas/día.

3964