Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Mércores, 21 de maio de 1997 Páx. 4.726

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 119/1997, do 2 de maio, polo que se crea o instituto de educación secundaria de Arzúa, na provincia da Coruña, mediante a transformación do instituto de bacharelato mixto de Arzúa e do instituto de formación profesional de Arzúa nun único centro.

Promulgada a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e dictado o Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, modificado e completado polo Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, e o Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral, procede a creación de institutos de educación secundaria que impartan as novas ensinanzas previstas na citada lei orgánica de ordenación xeral do sistema educativo.

Co fin de evitar que esta nova situación provoque unha duplicidade de oferta escolar e, pola súa vez, se logre unha maior coordinación das estructuras educativas e un mellor aproveitamento dos recursos persoais e materiais naquelas localidades onde os estudios de planificación levados a cabo aconsellan a existencia dun único instituto de educación secundaria, considérase conveniente e oportuno proceder á creación de institutos de educación secundaria, mediante a transformación nun único centro dos institutos de bacharelato e de formación profesional de maneira que no sucesivo as súas instalacións formen unha unidade funcional.

Por todo o exposto, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de maio de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Suprímese o instituto mixto de bacharelato de Arzúa.

Artigo 2º

Suprímese o instituto de formación profesional de Arzúa.

Artigo 3º

Créase o Instituto de educación secundaria de Arzúa, mediante a transformación do instituto mixto de bacharelato de Arzúa e do instituto de formación profesional de Arzúa nun único centro.

Artigo 4º

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adoptará as medidas necesarias para a execución do presente decreto, e acordará o pertinente en relación coa integración no instituto de educación secundaria de Arzúa do persoal dos institutos suprimidos nesa localidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O instituto de educación secundaria de Arzúa poderá acompaña-la súa denominación xenérica coa específica que aprobe a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co disposto no artigo 3 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico de institutos de educación secundaria.

Segunda.-O claustro de profesores do novo instituto de educación secundaria de Arzúa constituirase cos correspondentes claustros dos institutos de bacharelato e formación profesional que viñan funcionando ata a data, e iniciarase o proceso de elección e constitución do consello escolar do centro e os seus restantes órganos de goberno, de conformidade co establecido no Decreto 92/1988, do 28 de abril, polo que se regulan os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non universitario, modificado e completado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico de institutos de educación secundaria.

Terceira.-Este decreto producirá efectos a partir do día un de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Santiago de Compostela, dous de maio de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

3921