Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Mércores, 21 de maio de 1997 Páx. 4.713

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de maio de 1997 pola que se regulan determinados aspectos das publicacións da Xunta de Galicia.

En cumprimento do Decreto 316/1990, do 8 de xuño, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia, estas deben ser aprobadas previamente pola Comisión Permanente de Publicacións.

Esta orde ten por obxecto desenvolve-lo contido do mencionado decreto no referente á aprobación, publicación e distribución daquelas.

En consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As publicacións da Xunta de Galicia, en calquera soporte, mesmo informático, estean ou non suxeitas á obriga de ISBN, teñen que ser aprobadas previamente pola Comisión Permanente de Publicacións.

Series, coleccións e publicacións individuais

Artigo 2º

As publicacións terán que estar agrupadas en coleccións ou series. Para iso cada consellería poderá propoñe-la creación das que xulgue oportunas e presentaraas para a súa aprobación á Comisión Permanente de Publicacións, mediante o impreso que figura como anexo I da presente orde, acompañado de:

1. Memoria na que se expoña a temática de cada colección ou serie.

2. Deseño completo da colección ou serie que inclúa capa, lombo, contracapa, portada interior, páxina de créditos, caixa de texto, familia de letra, corpo e, en xeral, cantos elementos a identifican, incluídas as cores.

3. Elementos identificadores de cada título.

4. Proposta de prezo medio de venda ó público, tirada media e porcentaxe de distribución venal e non venal, de se-lo caso.

Artigo 3º

As resolucións da Comisión Permanente de Publicacións ateranse ó seguinte:

1. Xustificación da necesidade da colección ou serie e imposibilidade de recolle-la temática dentro doutra xa creada.

2. Deseño idóneo.

3. Previsión de edición de alomenos tres títulos anuais.

Artigo 4º

Para a aprobación de cada publicación pola Comisión Permanente de Publicacións presentarase o impreso que figura como anexo II desta orde, acompañado de:

1. Maqueta da capa e máis da contracapa con especificación de cores.

2. Maqueta de páxinas interiores con especificación de caixa, familia de letra, tamaño e outros elementos identificadores.

3. Orixinal completo da obra que se pretende publicar.

4. Proposta de prezo de venda ó público, tirada e porcentaxe de distribución venal e non venal, de se-lo caso.

Características formais dos libros

Artigo 5º

Antes de dictar unha resolución, a Comisión Permanente de Publicacións terá en conta o seguinte:

1. A capa.

Nela deberán figurar:

-O título, que debe ser curto e responder con fidelidade ó contido do libro.

-O nome do autor ou autores, sempre que o número destes non sexa superior a catro. Nas publicacións de relatorios de xornadas, seminarios, encontros e similares poderase inseri-lo nome do director ou cooordinador (ou directores / coordinadores) das devanditas actividades, coa mesma limitación numérica, no seu conxunto, anteriormente sinalada.

-As palabras Xunta de Galicia na parte inferior.

2. A contracapa levará o número de ISBN en código de barras e a imaxe corporativa da Xunta de Galicia, na que figure o departamento correspondente; nas súas medidas non poderá exceder dunha cuarta parte do largo do libro. No caso de ter que incluír máis dun anagrama, respectarase o disposto nas normas de imaxe corporativa da Xunta de Galicia polo que fai á preferencia na orde de colocación daqueles.

3. O lombo do libro levará na parte inferior o escudo de Galicia, máis enriba o título do libro e, se hai lugar, o nome do autor.

4. A páxina de créditos recollerá as mencións de responsabilidade, se así se considera conveniente, o número de depósito legal, o número de ISBN, a imprenta e outros habituais.

5. A portada debe leva-los seguintes elementos: título, nome do autor e as palabras Xunta de Galicia.

6. Cando unha obra non estea destinada ó comercio, deberase facer constar nela o seguinte: «Obra non venal».

Artigo 6º

A Comisión Permanente de Publicacións resolverá aténdose ós seguintes criterios:

1. Calidade de conxunto do deseño exterior.

2. Idoneidade das cores e equilibrio na distribución dos textos e das ilustracións.

3. Equilibrio e lexibilidade na caixa de texto, o tamaño de letra e o interliñado.

Periodicidade das reunións da Comisión

Permanente de Publicacións

Artigo 7º

A Comisión Permanente de Publicacións reunirase cada dez días con carácter ordinario, e con carácter extraordinario cando a convoque o seu presidente.

Edicións conxuntas e coedicións

Artigo 8º

1. A Xunta de Galicia poderá realizar edicións conxuntas ou coedicións con empresas privadas e con entidades sen ánimo de lucro, naqueles casos en que estas estean interesadas en colaboraren coa Administración autonómica nalgún proxecto común.

2. As devanditas coedicións faranse preferentemente por coleccións. O contrato que se asinará para tal efecto incluirá necesariamente os seguintes elementos:

a) Porcentaxe de participación no proxecto de cada unha das partes: orixinais, ilustracións, deseño, maqueta, corrección, impresión e outros.

b) Distribución das obras editadas que, no que respecta á parte venal, correrá normalmente por conta da empresa privada ou da entidade sen ánimo de lucro.

c) Liquidación das porcentaxes de ingresos xerados polas vendas.

3. As obras coeditadas teñen que reuni-las características indicadas nos artigos 7 e 8 e terán que ser aprobadas previamente pola Comisión Permanente de Publicacións.

Artigo 9º

En todo caso será de aplicación o disposto na orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 21 de febreiro de 1991 pola que se fixan os modelos de contratos que se utilizarán para as publicacións da Xunta de Galicia.

Rexistro das publicacións

Artigo 10º

O Servicio do Diario Oficial de Galicia da Consellería da Presidencia e Administración Pública asignaralle a cada publicación un número de rexistro interno, para efectos de acadar un maior nivel de coordinación e para crear bases de datos que posibiliten a elaboración de estudios, informes e outros semellantes.

O número de rexistro constará de dúas partes: un número de orde e o ano de edición, separados por unha barra vertical.

Distribución das publicacións

Artigo 11º

Alomenos 100 exemplares das publicacións venais serán postos á disposición das empresas distribuidoras das publicacións da Xunta de Galicia.

Artigo 12º

A comisión permanente de publicacións poderá establecer que determinadas publicacións, en función do seu contido, sexan enviadas a bibliotecas de Galicia e a comunidades galegas no exterior.

Intercambio de publicacións

Artigo 13º

A Xunta de Galicia poderá manter intercambios de publicacións con outras institucións. Este intercambio estará coordinado polo Servicio do Diario Oficial de Galicia da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación do Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

ANEXO I

MODELO DE SOLICITUDE DE APROBACIÓN DE SERIES E COLECCIÓNS

Don/Dona

da (Consellería, Secretaría Xeral, ...),

en cumprimento do disposto no Decreto 316/1990, do 8 de xuño (DOG nº 118 do 19-6-1990), e da Orde do 5 de maio de 1997 pola que se regulan determinados aspectos das publicacións da Xunta de Galicia (DOG nº 95, do 20 de maio de 1997), presenta para a súa aprobación pola Comisión Permanente de Publicacións da Xunta de Galicia a colección e/ou serie que se especifica a seguir:

Denominación da colección

Denominación da serie

Deseño e maquetación

Tipo de papel gramaxe

Encadernación (pegado, cosido)

Capa gramaxe (se é o caso)

Formato: largo alto lapelas (se é o caso)

Tirada mediaPVP medio previsto (IVE incluído)

Forma de distribución (venal, non venal)

Temática xeral da colección ou serie

Público ó que se dirixe

(Para as coleccións divididas en series cubrirase un impreso para cada unha destas)

Xúntaselle á solicitude unha maqueta da colección ou serie (capa, contracapa e follas interiores).

......., ... de .... de 199...

Sinatura de quen fai a solicitude

COMISIÓN PERMANENTE DE PUBLICACIÓNS

ANEXO II

MODELO DE SOLICITUDE DE APROBACIÓN DE OBRAS

Don/Dona

da (Consellería, Secretaría Xeral, ...)

en cumprimento do disposto no Decreto 316/1990, do 8 de xuño (DOG nº 118 do 19-6-1990), e da Orde do 5 de maio de 1997 pola que se regulan

determinados aspectos das publicacións da Xunta de Galicia (DOG nº 95, do 20 de maio de 1997), presenta para a súa aprobación pola Comisión Permanente de Publicacións da Xunta de Galicia a obra que se especifica a seguir:

Título

Autor

Traductor

Colección serie

Formato: largo alto nº de páxinas

nº de ilustracións/fotos

Tipo de papel gramaxe

Encadernación (pegado, cosido)

Capa gramaxe (se é o caso)

Tirada custo total da edición

Custo unitario ... PVP que se propón (IVE incluído)

BREVE REFERENCIA DA OBRA

Xúntaselle á solicitude unha maqueta da publicación (capa, contracapa e follas interiores).

....., ... de .... de 199...

Sinatura de quen fai a solicitude

COMISIÓN PERMANENTE DE PUBLICACIÓNS

3767