Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Martes, 20 de maio de 1997 Páx. 4.682

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 1997 pola que se convocan dous cursos sobre a protección e a loita contra incendios.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1997 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, a formación dos bombeiros é unha das tarefas encomendadas á devantida academia.

Con base no anterior anúnciase a celebración de dous cursos sobre a protección e a loita contra incendios, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dota-los participantes dos coñecementos necesarios no tema da protección e loita contra incendios, co fin de que consigan unha destreza na práctica da loita contra lume real.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros dos corpos de bombeiros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazas.

O número de prazas ofertadas para cada curso será de 20.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 10 de xuño, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal e seladas, será isto requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito levará consigo a non admisión ó devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4 Polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

Os cursos terán unha duración de 24 horas lectivas, e neles trataranse, entre outros, os seguintes temas:

-Natureza do lume.

-Mecanismos de extinción.

-Productos de combustión.

-Axentes extintores.

-Sistemas fixos de extinción.

-Sistemas de detección e alarma.

-Protección persoal.

-Protección respiratoria.

-Fogos estructurais.

-Normativas xerais.

Datas.

Os cursos celebraranse do 23 ó 25 de xuño e do 30 de xuño ó 2 de xullo.

O horario será o seguinte:

Mañá: de 9 a 13.30 horas.

Tardes: de 15.30 a 19.00 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 17 de xuño, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar.

No centro de formación de SEGANOSA, sito na parroquia de Alxen, s/n, en Salvaterra de Miño (Pontevedra).

Certificado de asistencia.

Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia, a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a estes, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, levará consigo a non expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 1997.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

3879