Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 08 de maio de 1997 Páx. 4.345

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de abril de 1997 pola que se dan instruccións para a conmemoración do Día das Letras Galegas nos centros de ensino non universitarios.

A institucionalización pola Real Academia Galega, a partir de 1963, do Día das Letras Galegas o 17 de maio, foi sen dúbida un acontecemento que ano tras ano colleu pulo e resonancia na nosa sociedade, de tal xeito que en toda a Comunidade Autónoma galega se proxecta a figura homenaxeada e serve, ó mesmo tempo, para reflexionar sobre Galicia, sobre a súa lingua e sobre a súa cultura.

A Real Academia Galega tomou como punto de partida para a celebración desta efeméride a publicación no ano 1863 de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

O Goberno galego declara o ano 1997 como Ano de Ánxel Fole, unha das personalidades que máis contribuíu ó coñecemento do noso país. Creador e impulsor de innumerables iniciativas culturais que abranguen diversos campos, foi un destacado escritor que soubo describir dunha maneira insuperable as paisaxes e a natureza galega, contribuíndo cos seus traballos a dar a coñecer mellor a nosa terra non só en Galicia senón mesmo fóra dela.

Os galegos de todo o mundo debémoslle recoñecemento a esta personalidade da nosa cultura e das nosas letras, polo que debemos contribuír non só a dar a coñecer na nosa terra a figura deste galego insigne, e a súa obra, senón tamén a animar ós galegos a segui-lo seu exemplo de traballador incansable a prol do seu país.

Por iso, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Durante o mes de maio destacarase en tódolos centros docentes da Comunidade Autónoma galega a importancia que ten para Galicia o Día das Letras Galegas.

Segundo.-O profesorado, de acordo coa liña que estableza o consello escolar de cada centro, programará as actividades escolares que considere oportunas para un mellor coñecemento desta data.

Terceiro.-En calquera caso, cando menos, dedicarase en cada un dos grupos de cada curso unha hora ó desenvolvemento dunha lección ou conferencia-coloquio, adaptada á idade do alumnado, na que se poña de manifesto a importancia que ten para Galicia a nosa lingua, facendo referencia ó persoeiro homenaxeado este ano: Ánxel Fole.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

3393