Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 08 de maio de 1997 Páx. 4.344

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de abril de 1997 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Aser Seara.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Aser Seara, con domicilio en Allariz (Ourense).

Supostos de feito.

1. Mar Nogueira Sánchez, na súa calidade de secretaria da fundación, en escrito do dez de febreiro de 1997, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día vintecatro de xaneiro de 1997, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Ildefonso Sánchez Mera, co número catrocentos trinta e un do seu protocolo por Aser Seara Vázquez, o conselleiro de Cultura e Comunicación Social, o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, o alcalde-presidente do Concello de Allariz, Alfredo Conde Cid, María del Mar Nogueira Sánchez e Aníbal Fernández Domínguez, interveñen no seu propio nome, e ademais Aser Seara Vázquez en representación de Javier Seara Escudero e como mandatario verbal do bispo de Ourense, María Purificación Oro Claro, Jesús María Llorente de Cea e Juan Ignacio Seara Soto.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos o obxecto da fundación é a adquisición, conservación, mantemento, difusión e divulgación de pezas iconográficas.

4. O padroado da fundación estará constituído polo conselleiro de Cultura e Comunicación Social como presidente de honra, Aser Seara Vázquez como presidente vitalicio, Alfredo Conde Cid como vicepresidente, Mar Nogueira Sánchez como secretaria e o presidente da Deputación de Ourense, o bispo de Ourense, o alcalde do Concello de Allariz, Purificación Oro Claro, Jesús María Llorente de Cea, Aníbal Fernández Domínguez, Juan Ignacio Seara Soto e Javier Seara Escudero como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Aser Seara, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1 e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das

fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 21 de abril de 1997.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Aser Seara e adscribila á Consellería de Cultura e Comunicación Social, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

3354