Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Mércores, 07 de maio de 1997 Páx. 4.339

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA

CONVOCATORIA do Premio Otero Pedrayo 1997.

O Pleno desta corporación provincial, na súa sesión do 28 de febreiro de 1997, aprobou o seguinte:

Premio Otero Pedrayo 1997.

A teor do regulamento e correspondéndolle a esta deputación, convócase o Premio Otero Pedrayo 1997, de acordo coas seguintes bases:

1. Convocatoria.

1.1. Convócase o Premio Otero Pedrayo, dotado con dous millóns (2.000.000) de pesetas, atendendo ás disposicións do regulamento correspondente.

1.2. A presente convocatoria corresponde ó ano 1997, de acordo co disposto no regulamento, no que se establece o seu ámbito rexional e o seu carácter anual, organizada cada ano por unha das deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, por esta mesma orde.

1.3. Atendendo ás razóns expostas, a tramitación e concesión do premio nesta edición atribúeselle á Deputación Provincial de Pontevedra, que consignará no seu orzamento de gastos o importe do premio (2.000.000 de pesetas), máis gastos correspondentes á súa organización, e no de ingresos, as sumas que entregarán cada unha das demais deputacións de Galicia, cotitulares do premio, na contía de 250.000 pesetas, e na de 1.000.000 de pesetas á Xunta de Galicia.

2. Obxecto do premio.

O Premio Otero Pedrayo ten por obxecto:

2.1. Perpetuar e honra-la memoria do egrexio home de letras.

2.2. Premiar un labor que constitúa unha aportación eminente á cultura galega.

2.3. Promociona-los valores propios de Galicia e as obras que leven ó esclarecemento e mellora dos seus homes e institucións.

3. Candidatos.

3.1. Poderán optar ó premio:

-As persoas naturais nacidas en Galicia ou con residencia en calquera das súas catro provincias, por tempo dabondo para determinar, a xuízo do xurado, unha cumprida raizame nelas.

-Os grupos de traballo constituídos para este fin, establecidos en Galicia.

-As personalidades ou institucións que se teñan caracterizado pola difusión e mantemento da cultura galega.

3.2. A opción ó premio determinarase por unha candidatura que poderá ser feita:

-Por calquera persoa física ou xurídica das sinaladas no apartado 3.1., respecto de si mesmas.

-Polas entidades académicas e culturais establecidas en Galicia, respecto dos seus membros.

-Por calquera dos presidentes das deputacións provinciais de Galicia, por proposta das respectivas comisións de cultura.

-Pola Xunta de Galicia, oída a consellería correspondente.

-Polo mesmo xurado, xa constituído.

4. Tramitación.

4.1. A presentación de candidatos ó premio será formulada en escrito dirixido ó presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, achegando os seguintes documentos:

-Resumo biográfico da persoa que aspira ó premio.

-Documentos e antecedentes que se consideren de interese para o coñecemento da súa dimensión literaria ou científica.

-Cinco exemplares mecanografados a dobre espacio do traballo co que se optase ó premio, no caso de que a proposta estea baseada nunha obra ou producción singular concreta.

-No caso de personalidades e institucións, un exemplar do regulamento ou estatutos polos que se rexan e unha relación das tarefas levadas a cabo en relación co obxecto do premio.

4.2. A presentación de candidatos realizarase no prazo de tres meses a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no BOP de Pontevedra.

Tal publicación realizarase tamén nos boletíns oficiais das provincias da Coruña, Lugo e Ourense, no DOG e nos dous diarios de máis difusión na Comunidade Autónoma.

4.3. A presentación do candidato determina a aceptación íntegra das condicións desta convocatoria e das contidas no regulamento do premio.

4.4. Rematado o prazo ó que se refire a alínea 4.2, a Secretaría da Deputación de Pontevedra expedirá certificación das propostas presentadas que, xunto con elas e coa documentación correspondente, pasarán ó xurado do premio.

4.5. A cada solicitude ou proposta xuntaránselles cantos documentos sexan considerados de interese para o mellor coñecemento do candidato.

5. Xurado e actuacións.

5.1. Para adxudica-lo premio ó que se refire esta convocatoria constituirase un xurado integrado do xeito seguinte:

-Presidente: o da Xunta de Galicia.

-Vicepresidente: o presidente da deputación convocante do premio, que neste ano lle corresponde á Deputación de Pontevedra.

-Vocais:

* Os presidentes das tres deputacións restantes ou persoas nas que deleguen.

* Presidente da Comisión de Cultura da deputación convocante.

* O conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia.

* Un representante de cada un dos seguintes organismos:

a) Universidade de Santiago de Compostela.

b) Universidade de Vigo.

c) Universidade da Coruña.

d) Real Academia Galega.

e) Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos.

* Cinco persoas de recoñecida autoridade científica e literaria designadas pola Xunta de Galicia e cada unha das deputacións.

-Secretario, con voz e sen voto, o da Deputación de Pontevedra.

5.2. O xurado constituído emitirá o seu dictame no mes seguinte ó día en que remate o prazo de presentación de candidatos e a súa actuación suxeitarse ó determinado nos artigos 4.2 a 4.6 do regulamento do premio.

5.3. Da actuación do xurado e da adxudicación do premio será redactada acta detallada que, asinada polos seus membros e coa totalidade das documentacións presentadas, pasará a coñecemento do Pleno da deputación convocante na primeira sesión que se celebre.

5.4. Copia da acta e dos demais antecedentes que cumpran para o coñecemento da tramitación do premio e remitirase ás deputacións da Coruña, Lugo e Ourense.

6. Entrega do premio.

A entrega do premio realizarse no lugar e data que determine o presidente da Deputación de Pontevedra, nun acto solemne e coa asistencia dos membros da corporación provincial e do xurado, así como de personalidades das artes, letras e ciencias da Comunidade Autónoma.

Xunto co premio, o galardoado recibirá unha copia da acta da reunión do xurado.

7. Normas supletorias.

No que non estea previsto expresamente nestas bases, o xurado e a deputación convocante terán en conta as normas contidas no regulamento do premio e nos xerais de funcionamento da corporación provincial.

Pontevedra, 13 de febreiro de 1997.

Manuel Abeledo López

Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra