Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 06 de maio de 1997 Páx. 4.247

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 19 de marzo de 1997 pola que se convocan bolsas para inventario e catalogación de fondos de museos e coleccións relevantes de interese galego.

O Decreto 314/1986, do 16 de outubro, polo que se regula o sistema público de museos da Comunidade Autónoma de Galicia establece a obriga de tódolos museos de Galicia de confecciona-lo inventario e o catálogo das pezas que posúan, como medio para documentalas cientificamente e así poder exerce-las funcións que a todo centro destas características lle corresponden.

Por outra banda, a Consellería de Cultura e Comunicación Social ten atribuída, en aplicación das súas competencias en materia de museos e patrimonio moble, a facultade de velar pola conservación, coidade e adecuado coñecemento dos museos e do patrimonio moble de Galicia, así como a de fomenta-la formación do persoal técnico dos museos, colaborando cos de Galicia, na medida das súas posibilidades orzamentarias, para o mellor cumprimento por eles dos fins e obrigas que lle son propios. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Convócanse 18 bolsas para inventario e catalogación dos fondos de museos e coleccións relevantes de interese galego, con cargo á aplicación orzamentaria 010.003.357A-481.00, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1997. O importe total das axudas en ningún caso excederá do crédito asignado para o efecto.

2. Os bolseiros realizarán os seus traballos en diversos centros museísticos de Galicia e serán coordinados e dirixidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Comunicación Social e por persoal técnico e facultativo debidamente cualificado, designado para o efecto por aquela.

3. Os traballos terán unha duración de 6 meses a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

4. Os bolseiros seleccionados quedarán obrigados a:

-Asistir diariamente durante un mínimo de 5 horas ós centros onde resulten destinados. O horario será o establecido polos servicios técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental de acordo co centro de destino.

-A segui-las indicacións técnicas dos coordinadores.

-A entregarlles ós coordinadores, ó finaliza-la bolsa, informe técnico así como copia dos inventarios e catálogos resultado do seu traballo.

Ó remata-la actividade, os coordinadores dos bolseiros depositarán na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Comunicación Social copia do material realizado por cada bolseiro. O orixinal dos inventarios e catálogos quedará depositado no mesmo lugar no que se realizou o traballo.

Artigo 2º

1. Requisitos dos solicitantes:

-Licenciados universitarios con coñecementos de museoloxía e materias afíns.

-Non ter desfrutado, con anterioridade, de 3 ou máis bolsas completas das convocadas por esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para catalogación de fondos de museos.

2. Presentación das solicitudes:

As solicitudes presentaranse conforme o modelo oficial, que figura como anexo I desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Comunicación Social ou nas súas delegacións provinciais. O prazo de presentación será de 15 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán así mesmo, presentarse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Documentación que hai que presentar:

-Fotocopia do DNI.

-Declaración responsable de non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, situacións que producen incompatibilidade co desfrute da bolsa que nesta orde se convoca.

-Fotocopia compulsada do expediente académico.

-Anexos I e II debidamente cubertos e fotocopia dos méritos alegados. Só contabilizarán aqueles méritos dos que se presente proba documental.

Artigo 3º

1. As bolsas serán adxudicadas prioritariamente para os seguintes museos e campos:

No campo da historia da arte.

-Tratamento documental do inventario/Instituto Xelmírez (1 bolsa).

-Museo galego de Arte Contemporánea Carlos Maside (1 bolsa).

-Museo Casa de la Troya (1 bolsa).

-Museo das Mariñas (1 bolsa).

-Museo municipal de Ourense/Colección Aser Seara (1 bolsa).

No campo da arqueoloxía.

-Tratamento documental do inventario (1 bolsa).

-Museo da Terra Santa (1 bolsa).

-Museo da Terra de Melide (1 bolsa).

-Museo do Castro de Viladonga (1 bolsa).

-Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (1 bolsa).

No campo da etnografía.

-Tratamento documental do inventario (1 bolsa).

-Parque Etnográfico do Río Arnoia e Museo do Xoguete (1 bolsa).

No campo da bioloxía mariña.

-Colección malacolóxica (1 bolsa).

2. Reservaranse 4 bolsas para licenciados en Xeografía e Historia, coa especialidade de museoloxía, que obtiveran a licenciatura nos anos 1994, 1995 e 1996.

Estas reservas terán destino nos centros seguintes:

-Museo das Peregrinacións (1 bolsa).

-Museo Etnolóxico de Ribadavia (1 bolsa).

-Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (1 bolsa).

-Museo de Belas Artes da Coruña (1 bolsa).

Os interesados nesta reserva, que será excluínte, deberán facelo constar expresamente na solicitude.

3. En cumprimento do establecido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en sentencia do 30 de maio de 1996, queda adxudicada a nome de Carolina Carballo Pérez unha bolsa no campo da etnografía con destino no Museo Etnolóxico de Ribadavia.

Artigo 4º

O importe de cada bolsa non excederá da cantidade de 695.000 ptas.

Artigo 5º

1. Os correspondentes servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Comunicación Social poderán reclamarlles, se fose necesario, ós solicitantes que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación esixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, outorgándose un prazo de 10 días, desde o recibo do escrito de requirimento.

2. A avaliación dos méritos alegados, que corresponde á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Comunicación Social, farase segundo o seguinte baremo:

-Especialidade en historia da arte: 3 puntos.

-Especialidade de etnografía: 3 puntos.

-Especialidade en arqueoloxía: 3 puntos.

-Especialidade en museoloxía: 3 puntos.

-Especialidade en bioloxía mariña ou zooloxía: 3 puntos.

-Experiencia de traballo remunerado en catálogos e inventario de fondos de museos. Por cada mes: 0,25 puntos. Ata un máximo de 4 puntos.

-Experiencia de traballo non remunerado en museos. Por cada mes 0,10 puntos. Ata un máximo de 1,20 puntos.

-Cursos de museoloxía e monográficos de historia da arte, arqueoloxía, antropoloxía, etnografía, malacoloxía ou bioloxía mariña:

a) Por cursos de menos de 40 horas: 0,10 puntos. Ata un máximo de 1 punto.

b) Por cursos con acreditación expresa de 40 ou máis horas: 0,25 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

c) Por cursos con acreditación expresa de 100 ou máis horas: 0,60 puntos. Ata un máximo de 2,40 puntos.

d) Por cursos con acreditación expresa de 250 ou máis horas: 1,25 puntos. Ata un máximo de 2,50 puntos.

-Asistencia a congresos: 0,10 puntos. Ata un máximo de 1 punto.

-Presentación de comunicacións en congresos: 0,25 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

-Presentación de relatorios en congresos: 0,50 puntos. Ata un máximo de 4 puntos.

-Publicacións relacionadas con museoloxía, historia da arte, arqueoloxía, antropoloxía, etnografía, malacoloxía ou bioloxía mariña ou zooloxía, impresas antes do remate do prazo de presentacións de solicitudes:

a) Por cada libro publicado: 1 punto. Ata un máximo de 3 puntos.

b) Pola publicación de inventarios ou catálogos: 0,5 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

c) Por cada artigo en revista especializada: 0,25 puntos. Ata un máximo de 2 puntos.

O mesmo mérito só se valorará unha vez: como comunicación, publicación ou asistencia a congresos.

-Doutoramento.

a) Pola realización total dos cursos de doutoramento ou tese de licenciatura: 1,5 puntos.

b) Pola realización da tese doutoral: 3 puntos.

-Cursos de galego.

a) Iniciación: 0,5 puntos.

b) Iniciación e/ou perfeccionamento: 1 punto.

-Curso de informática:

a) Informática en xeral: 0,10 puntos por curso ata un máximo de 1 punto.

b) Informática aplicada ós museos: 0,25 puntos por curso ata un máximo de 1,50 puntos.

Elaborarase unha lista por cada un dos campos ou especialidades, tendo en conta que os méritos específicos alegados só se valorarán no campo a que correspondan.

3. A selección das bolsas reservadas para os licenciados dos anos 1994, 1995 e 1996 efectuarase conforme as cualificacións obtidas en tódolos cursos da licenciatura, resultando seleccionados aqueles solicitantes que obteñan a puntuación máis alta.

4. As listas provisionais de bolseiros faranse públicas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura e Comunicación Social e nos das súas delegacións provinciais. O prazo de exposición será de 10 días naturais contados a partir do día seguinte a súa publicación, e durante os cales se poderán face-las alegacións pertinentes.

5. A resolución da convocatoria correspóndelle ó conselleiro de Cultura e Comunicación Social por proposta do director xeral de Patrimonio Cultural. O acordo farase público, para efectos de notificación ós interesados nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura e Comunicación Social e nos das súas delegacións provinciais.

6. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á notificación efectiva dela ós interesados.

7. Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicita-la devolución da documentación presentada. Transcorrido o prazo dun ano procederase á eliminación da documentación non recollida.

Artigo 6º

O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación.

Ós adxudicatarios das bolsas poderáselles requiri-la documentación necesaria para proceder ó pagamento da dita bolsa.

Artigo 7º

1. No caso de que os beneficiarios das bolsas incumprisen algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Cultura

e Comunicación Social instruirá expediente sancionador conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e poderá, mesmo, anula-los beneficios concedidos e solicita-la devolución das cantidades percibidas, se as houbese, nos prazos que establece o Regulamento xeral de recadación.

2. O persoal técnico e facultativo que en cada provincia coordine e dirixa os bolseiros poderá propoñerlle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Comunicación Social a extinción da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Comunicación Social expedirá, logo do informe favorable dos coordinadores, ó remata-los traballos, certificación acreditativa da presentación dos servicios.

4. As bolsas non implican relación funcionarial nin laboral coa Consellería de Cultura e Comunicación Social, nin compromiso que se extenda máis alá do seu ámbito de duración.

Artigo 8º

A Consellería de Cultura e Comunicación Social poderá facer pública unha nova convocatoria en iguais ou diferentes termos, no caso de que as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito asignado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Patrimonio Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 1997.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

ANEXO II

Sinale por orde de preferencia do 1 ó 13 os destinos:

No campo da historia da arte.

-Tratamento documental de inventario/Instituto Xelmírez (1 bolsa).

-Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside (1 bolsa).

-Museo Casa de la Troya (1 bolsa).

-Museo das Mariñas (1 bolsa).

-Museo Municipal de Ourense/Colección Aser Seara (1 bolsa).

No campo da arqueoloxía.

-Tratamento documental do inventario (1 bolsa).

-Museo de Terra Santa (1 bolsa).

-Museo da Terra de Melide (1 bolsa).

-Museo do Castro de Viladonga (1 bolsa).

-Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (1 bolsa).

No campo da etnografía.

-Tratamento documental do inventario (1 bolsa).

-Parque Etnográfico do Río Arnoia e Museo do Xoguete (1 bolsa).

No campo da bioloxía mariña.

-Colección malacolóxica (1 bolsa).

Os que optaran pola reserva de praza sinalen por orde de preferencia do 1 ó 4 os destinos.

-Museo de Belas Artes da Coruña (1 bolsa).

-Museo Etnolóxico de Ribadavia (1 bolsa).

-Museo das Peregrinacións (1 bolsa).

-Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (1 bolsa).

3132