Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 06 de maio de 1997 Páx. 4.245

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 6 de marzo de 1997 pola que se publica o regulamento e o calendario para as seccións de feiras do libro de 1997.

As seccións de feiras do libro, dentro das feiras culturais reguladas polo Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, son acontecementos de ampla raigame en Galicia e de crecente importancia como promotoras do libro e da lectura entre a poboación galega. O seu continuo éxito e o conseguinte aumento de actividades e mellora de programación require a continua adecuación das normativas e regulamentos que rexen estes eventos, de forma que do seu cada vez maior tamaño e complexidade non resulte unha menor eficiencia, senón unha máis ampla capacidade de organización e de servicios.

O citado decreto estipula, no seu artigo 4, que a Consellería de Cultura e Comunicación Social deberá publicar no primeiro trimestre de cada ano o calendario de feiras que realizarán os seus servicios.

Cómpre, pois, unha vez elaboradas as normas polas que se deben rexe-las feiras deste ano, baseadas nas xa existentes da Federación de Libreiros de Galicia para estes eventos e o calendario delas, publica-lo regulamento e calendario de acordo co citado decreto.

Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Este regulamento é de obrigado cumprimento para tódolos participantes nas feiras do libro que se van celebrar no ano 1997.

Artigo 2º

Os aspirantes para participar nas feiras do libro farán a inscrición na sede da Federación de Libreiros de Galicia, nas condicións tradicionais dela.

Artigo 3º

A orde de admisión, para tódalas feiras, terá a preferencia seguinte:

A. Os libreiros da localidade, inscritos no Rexistro de Librerías da Consellería de Cultura e Comunicación Social, e que leven un ano asociados á Federación de Libreiros de Galicia. Para estes efectos, o libreiro que non faga fronte, na data de presentación, a máis de dous recibos, durante o ano, será considerado como non federado, para efectos da súa participación nas feiras do libro, aínda que despois sexan feitos efectivos.

B.-As editoriais galegas membros da Asociación Galega de Editores.

C.-Os libreiros do resto de Galicia que reúnan as mesmas condicións cós do apartado A.

D.-Os restantes libreiros e editores de Galicia.

E.-Libreiros do resto do Estado que teñan establecemento aberto ó público permanentemente.

F.-Editores que acudan con todo o seu fondo editorial, sen venda a prazo e cun catálogo que a comisión técnica considere suficientemente amplo para poder optar a unha caseta.

G.-Editores e outros vendedores a prazo.

Artigo 4º

O prazo de presentación de solicitudes para participar en calquera das feiras que se convoquen, pecharase ós 30 días naturais, antes do día de apertura da feira correspondente.

Artigo 5º

Cada caseta quedará claramente identificada por un cartel que corresponderá ó nome da firma solicitante, non podendo ser cedida nin arrendada a outra persoa ou entidade e tendo obrigatoriamente que contar con varios fondos diferenciados, dos que ningún poderá supera-lo 50% do espacio dedicado á exposición. No caso das editoriais deberán levar fondos propios ou fondos galegos que leven en distribución, non podendo estes últimos superar en ningún caso o 50% do espacio dedicado á exposición.

Artigo 6º

Cada expositor ocupará a caseta correspondente, manténdoa aberta e debidamente instalada durante as horas programadas para cada feira. Todo expositor que teña a caseta pechada durante as devanditas horas, será advertido pola comisión organizadora da correspondente feira ou pola persoa autorizada para iso, para que proceda á súa inmediata apertura. No caso de que se desatenda a advertencia ou reincida, entenderase que renuncia ó seu dereito a participar na feira e procederase á clausura definitiva da súa caseta, perdendo tódolos dereitos adquiridos pola súa participación e sen dereito a compensación.

Artigo 7º

Na solicitude deberá constar claramente o nome da empresa, nome e apelidos do representante legal, co CIF da empresa e o DNI do representante na feira, enderezo, e, se é o caso, número de Rexistro de Librerías ou número de asociado á Asociación Galega de Editores. Tódalas solicitudes deberán xuntarse dunha fotocopia do último recibo do IAE e do pagamento da taxa correspondente.

As dilixencias de inscrición faranse na Federación de Libreiros de Galicia. Os editores e pracistas que desexen participar nas feiras do libro, deberán achegar coa solicitude de inscrición o catálogo de fondos que van expoñer e vender.

Artigo 8º

Pechado o prazo de admisión de solicitudes, farase unha relación de participantes e determinarase, no

caso de que houbese máis solicitudes aceptadas que casetas, quen quedará excluído. Esta exclusión farase sempre por sorteo, entre as solicitudes presentadas en cada grupo. Os cupos de casetas dispoñibles para cada feira, correspondentes a cada grupo dos especificados no presente regulamento, serán notificados nas convocatorias das respectivas feiras. O número de invitacións realizadas pola comisión técnica non poderá exceder do 10% do seu total.

Artigo 9º

Seleccionado o número de participantes, adxudicarase o número de orde da caseta, que estarán numeradas do número 1 en diante. Os criterios de colocación dos posibles tipos ou seccións de casetas estarán determinados en función do interese de cada feira, pola comisión organizadora dela, quen decidirá a situación das casetas institucionais ou as posibles seccións que se poidan decidir por interese da feira ou promoción do libro galego. Dentro desta orde de colocación deles farase sempre por sorteo.

Artigo 10º

Pechado o prazo de admisión de solicitudes, e pasados 5 días, se non existisen suficientes solicitudes para celebra-la feira, cubrindo as casetas programadas, procederase á proposta de suspensión da feira. Se é o caso, a suspensión seralle notificada por escrito á Consellería de Cultura e Comunicación Social, ó director da feira correspondente e ó solicitante.

Artigo 11º

Queda prohibida a realización por parte dos feirantes de actividades paralelas no recinto da feira ou nas súas proximidades non aprobadas pola comisión técnica, especialmente aquelas que poidan supoñer detrimento para esta. Queda así mesmo prohibido todo comportamento que supoña menosprezo, competencia desleal, ou falta de respecto grave cara ós outros feirantes. A comisión técnica, logo da presentación dunha acta de infracción elaborada pola comisión organizadora da feira, poderá proceder á clausura definitiva da caseta do infractor, que perderá tódolos dereitos adquiridos sen dereito a compensación.

Artigo 12º

Queda prohibida a colocación de carteis que modifiquen a denominación da firma participante e tamén queda prohibida a exhibición de materiais promocionais alleos ó libro e ó seu contido.

Artigo 13º

Queda prohibida a práctica de técnicas de venda que coaccionen ó público, insistindo na prohibición de que os participantes atendan ó público desde o exterior das casetas. Trátase, con isto, de acada-la necesaria uniformidade nas condicións de venda e na creación dun recinto feiral que en ningún momento poida supor un compromiso para os visitantes.

Artigo 14º

Cada expositor deberá responder do perfecto estado da súa caseta ó remate da feira, repoñendo pola súa conta o material que sufrise deterioración, imputable a unha mala utilización.

Artigo 15º

En cada caso, será a comisión técnica quen estudiará tódolos incidentes que se susciten, así como a gravidade deles, determinando as medidas para adoptar, dun xeito inmediato, en cada un deles.

Artigo 16º

O calendario previsto para o ano 1997 de feiras do libro que se van celebrar pola Consellería de Cultura e Comunicación Social da Xunta de Galicia e a Federación de Libreiros de Galicia coa colaboración da Asociación Galega de Editores é o que segue:

Santiago de Compostela: 26 de abril ó 4 de maio.

Sarria: 12 ó 16 de maio.

Redondela: 28 de maio ó 1 de xuño.

Ourense: 31 de maio ó 8 de xuño.

Ferrol: 9 ó 15 de xuño.

Lugo: 21 ó 29 de xuño.

Carballo: 22 ó 25 de xuño.

Vigo: 1 ó 10 de xullo.

Celanova: 24 ó 27 de xullo.

Viveiro: 31 de xullo ó 3 de agosto.

A Coruña: 1 ó 10 de agosto.

Pontevedra: 16 ó 24 de agosto.

Monforte de Lemos: 28 ó 31 de agosto.

Artigo 17º

A Consellería de Cultura e Comunicación Social poderá, en función das solicitudes presentadas ou das propias necesidades das feiras, realizar variacións nas citadas datas ou anular algunha das feiras. Nestes casos comunicaranse os cambios a tódolos interesados.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 1997.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

3279