Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Venres, 25 de abril de 1997 Páx. 3.875

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 14 abril de 1997, das consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e Familia, Muller e Xuventude, pola que se convocan axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos para o curso académico 1997/1998.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social e, no seu artigo 31, a competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades.

Dentro do ámbito de actuación da familia e infancia e co fin de facer efectivo o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación, as consellerías Educación e Ordenación Universitaria e de Familia, Muller e Xuventude, consideran necesario establecer un programa de axudas económicas que compense a aquelas familias que non dispoñan de rendas familiares suficientes para afronta-los gastos derivados da escolarización dos seus fillos ó comezo do curso escolar.

Con este fin, na Lei de presupostos da Comunidade Autónoma galega para o ano 1997 nas aplicacións 14.02.212A.484.2 e 07.03.221A.480.0 existen partidas consignadas para as axudas que se establecen no articulado da presente orde.

Na súa virtude, en uso das facultades atribuídas e para a debida aplicación das partidas orzamentarias para o fin para o que foron establecidas,

DISPONSE:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é o establecemento de axudas á escolarización dos alumnos das familias que, segundo o disposto na presente orde, non dispoñen de ingresos suficientes para atende-los gastos orixinados polo comezo do curso escolar, entendendo por tales a compra do material escolar, vestiario e outros gastos directamente relacionados con el.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os alumnos residentes na Comunidade Autónoma galega, que vaian cursar calquera dos estudios seguintes:

-Educación infantil.

-Calquera curso da educación básica obrigatoria.

Artigo 3º.-Requisitos necesarios.

1. Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Que a renda per cápita neta anual do núcleo familiar non exceda de catrocentas oitenta mil pesetas (480.000 ptas.).

Por renda familia entenderase a suma dos ingresos netos obtidos no ano 1995 por tódolos membros computables, calquera que sexa a súa procedencia.

No caso de actividades empresariais, profesionais, artísticas, deportivas e agrarias, computaranse os rendementos netos.

Para os efectos do cálculo da renda familiar, son membros computables da familia o pai e a nai, titor ou persoa encargada da garda e protección do menor, se é o caso, os irmáns que conviven no domicilio familiar, así como os ascendentes dos pais que teñan a súa residencia no mesmo domicilio.

No caso de divorcio, separación legal ou de feito dos pais, non se considerará membro computable aquel deles que non conviva co solicitante da axuda, sen prexuízo de que na renda familiar se inclúa a súa contribución económica.

3. Ter presentado solicitude de reserva para continuar no centro ou solicitude de admisión para un posto escolar nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma galega.

4. Non desfrutar doutras axudas, bolsas ou subvencións de igual ou análoga finalidade outorgadas por organismos e institucións públicas ou privadas.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

A contía das axudas será de 15.000 ptas. por cada alumno/a beneficiario/a.

Terán preferencia na adxudicación destas axudas as familias que acrediten unha renda per cápita neta inferior.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

Tódolos pais ou representantes legais dos alumnos que soliciten axuda deberán cubri-lo impreso oficial que figura no anexo I coa seguinte documentación:

1. Declaración da renda do exercicio de 1995 de tódolos membros que compoñan a unidade familiar segundo se establece no artigo 3º.2.

Aqueles que por estaren debaixo do mínimo exento non estean obrigados a face-la declaración da renda deberán xustifica-los seus ingresos do xeito seguinte:

-No caso de estaren a recibir prestación ou subsidio de desemprego presentarase certificación do INEM dos ingresos recibidos durante o ano 1995.

-No caso de percibiren unha pensión non contributiva, renda de integración social de Galicia, LISMI, FAS, terán que xuntar un certificado expedido pola Xunta de Galicia (Dirección Xeral de Servicios Sociais) dos ingresos percibidos durante o ano 1995.

-Si se encontra suxeito a unha pensión contributiva de xubilación, invalidez, viuvez ou orfandade presentará un certificado do INSS ou organismo corres

pondente, segundo o réxime xeral ou especial da Seguridade Social do beneficiario dos ingresos percibidos durante o ano 1995.

No caso de que a situación económica familiar variara substancialmente, a Comisión Provincial de Valoración atenderá, para a concesión ou denegación da axuda, a nova situación económica familiar sobrevida.

Para que esta situación económica familiar poida ser tida en conta, precisarase que o solicitante expoña e acredite documentalmente a realidade dos feitos causantes da situación así como as características dela, e que xunte un informe do asistente social do concello.

Se a unidade familiar percibe ingresos por distintos conceptos, faranse constar todos eles.

2. Para os efectos de computa-la unidade familiar, achegarase un certificado acreditativo dos membros da familia que convivan no domicilio, expedido polo concello de residencia.

3. Certificación ou certificacións do centro onde os alumnos realicen estudios na que se xustifique o curso onde están matriculados segundo o anexo II.

4. En virtude do artigo 35 f) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar aqueles documentos que xa se atopen no poder da delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude correspondente, facendo constar de forma expresa esta circunstancia ó presenta-la solicitude.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A presentación das solicitudes e da documentación a que se refire o artigo anterior farase nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude correspondentes á residencia dos interesados, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Tramitación dos expedientes.

1. As respectivas delegacións provinciais comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos esixidos na presente orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados cantos datos, documentos complementarios e aclaracións consideren necesarios para poder resolve-lo expediente, co apercibimento de que se así non se fixese nun prazo de 10 días, terase por desistida a súa petición, arquivándose sen máis trámites.

2. Unha vez revisados e completados, de se-lo caso, os expedientes a comisión de valoración pre

vista no artigo 8º procederá á súa valoración e elevará proposta de resolución ó delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 8º.-Resolución.

1. A composición da comisión provincial de valoración será a seguinte:

Presidente: o xefe de Servicio de Familia, Infancia e Menores da delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude ou o xefe de Servicio de Promoción Estudiantil da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondentes á residencia dos interesados.

Vocais: dous funcionarios da delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude e dous da respectiva delegación provincial de Educación e Ordenación Universitaria, designados todos eles polo delegado provincial correspondente. Actuará como secretario un dos vocais, podendo asistir con voz pero sen voto un representante da Intervención Territorial.

2. O delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude resolverá, por proposta da comisión de valoración, no prazo de 2 meses contado a partir da data de remate do prazo de presentación das solicitudes. A resolución comunicarase directamente ós interesados e publicarase nos taboleiros de anuncios das delegacións provinciais de Familia, Muller e Xuventude e Educación e Ordenación Universitaria. As solicitudes non resoltas en prazo entenderanse desestimadas. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderase presentar recurso contencioso-administrativo ante a xurisdicción competente.

Artigo 9º.-Pagamento.

Unha vez dictada a resolución pola que se concede axuda, procederase ó pagamento dela na conta bancaria para tal efecto sinale o solicitante no espacio reservado para tal fin no anexo I, logo de presentación de certificación onde conste que o alumno está matriculado no curso académico 1997/1998, con expresión do curso e o centro onde o realizan.

Artigo 10º.-Inspección, comprobación e control.

1. Son obrigacións dos beneficiarios das axudas:

-Destina-la axuda á finalidade para a que se concede.

-Acredita-lo cumprimento dos requisitos e condicións establecidas para a concesión e desfrute da axuda.

-O sometemento ás actuacións de comprobación precisas para verificar, se é o caso, o cumprimento

e efectividade das condicións determinantes da concesión da axuda.

2. A comisión de valoración exercerá un rigoroso control que asegure o correcto investimento dos recursos orzamentarios destinados ás axudas.

A ocultación de calquera fonte de renda dará lugar á denegación da axuda solicitada.

A Administración poderá determinar que se dá a ocultación á que se refire o apartado anterior por calquera medio de proba e, en particular, mediante os datos que consten en poder de calquera outro órgano das administracións públicas.

Artigo 11º.-Revogación.

A adxudicación das axudas será revogada total ou parcialmente no caso de descubrirse que na súa concesión concorreu ocultación ou falseamento de datos ou que existe incompatibilidade con outros beneficios desta clase procedente doutras persoas físicas ou xurídicas. Tamén serán revogadas, no caso de probarse que o seu importe non foi destinado á finalidade para a que foron concedidas, ou no caso de concederse a alumnos que non reúnan algún ou algúns dos requisitos establecidos, ou non os acrediten debidamente.

No caso de que do expediente se derivase a obriga de reintegra-las cantidades recibidas e, se é o caso, dos xuros de demora desde o momento do pago da axuda, conforme ó disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e, dado que a situación económica da unidade familiar é un dos requisitos fundamentais para a obtención das axudas, quedarán obrigadas solidariamente fronte á Administración para responder do referido reintegro e, salvo as limitacións establecidas pola lei, á persoa principal da familia.

Disposición adicional

A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nas partidas orzamentarias destinadas para este fin.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase os directores xerais de Familia e Centros e Inspeccións Educativa para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 1997.

Manuela López BesteiroCelso Currás Fernández

Conselleira de Familia,Conselleiro de Educación

Muller e Xuventudee Ordenación Universitaria

ANEXO II

D./Dª, como

director/a do centro.

CERTIFICA

Que o neno/a nena

se atopa matriculado/a no curso 1996/1997 e (1) q continúa/q solicitou a admisión para o curso 1997/1998 no (2) no

centro

E, para que conste, para os efectos oportunos, asino o presente en.......................... o......... de......... de mil novecentos noventa e sete.

(1) Sinálese o que proceda.

(2) Consígnese unha das seguintes opcións: curso que realicen de educación infantil ou de educación básica obrigatoria.

3027