Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Venres, 25 de abril de 1997 Páx. 3.861

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 89/1997, do 10 de abril, polo que se modifica o 252/1992, do 30 de xullo, que regula a cobertura con carácter temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo mentres non se cubran con carácter definitivo.

No Decreto 252/1992, do 30 de xullo, polo que se regula a cobertura temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo mentres non se cubran con carácter definitivo, establécese o sistema de chamamentos das persoas interesadas previamente inscritas nas listas confeccionadas segundo uns criterios funcionais e territoriais que a norma determina.

Transcorrido un lapso de tempo desde a entrada en vigor do antedito decreto e, en consecuencia, do inicio do funcionamento do sistema que regula, da súa posta en práctica estímase a oportunidade de introducir algunhas modificacións no desenvolvemento do procedemento seguido para a elaboración das correspondentes listas. Neste sentido preténdese, por unha banda, posibilita-la entrada de persoas nas listas en distintos momentos e por outra facilita-lo acceso a postos de traballo da Administración autonómica de persoas que nunca prestaron servicios para esta e, non obstante, superaron as correspondentes probas da fase de oposición dos distintos procesos selectivos.

O anterior pretende acadarse coa presente disposición que modifica o contido do Decreto 252/1992, do 30 de xullo, garantíndose un sistema obxectivo de cobertura temporal dos postos de traballo vacantes da Administración, que permita o normal funcionamento dos servicios.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de abril de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O obxecto do presente decreto é a regulación da cobertura con carácter temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo, tanto naqueles reservados ós funcionarios como os reservados ó persoal laboral, mentres non se proceda á súa cobertura con carácter definitivo.

Tamén poderá utilizarse para a cobertura das contratacións que se realicen ó amparo do capítulo VI da Lei de orzamentos.

Artigo 2º

Tal regulación realizarase por medio das seguintes modalidades:

-Para a cobertura dos postos reservados a funcionarios, pola prevista no artigo 7 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

-Para o persoal laboral as modalidades contractuais previstas no Real decreto 2546/1994, do 29 de decembro, e, preferentemente, o contrato de interinidade.

Artigo 3º

3.1. Para facer efectivo o sistema de cobertura, nos tres meses seguintes á resolución das convocatorias de acceso ós corpos, escalas ou categorías incluídas na correspondente oferta de emprego público, por resolución da Dirección Xeral da Función Pública abrirase un prazo de 20 días para que os interesados presenten as súas instancias acompañadas da documentación que acredite os méritos que, de acordo co baremo elaborado para o efecto, desexen que se lles teñan en conta.

3.2. As convocatorias terán o informe previo da Comisión de Persoal.

Artigo 4º

4.1. Cos aspirantes que cumpran os requisitos que para cada caso se establezan formarase unha lista, tal e como se indica nos artigos 10º e 11º, na que a orde de prelación virá dada en función da puntuación acadada en cada caso segundo o disposto no correspondente baremo, logo de aplicación do punto a) do artigo 12º.

4.2. Cando polo elevado número de opositores que non superaron o proceso selectivo de acceso a un determinado corpo, escala, especialidade ou categoría pero si a fase de oposición, se considere non conveniente a utilización do apartado b) do artigo 12º, así se fará constar na convocatoria correspondente; a Comisión Permanente de Selección poderá podendo decidir posteriormente se iso fose necesario e á vista do número de solicitudes presentadas, abrir un novo prazo para os interesados en figurar na lista elaborada polo citado apartado b).

4.3. A/s comisión/s permanente/s de valoración poderán fixar un número máximo de compoñentes da lista cando, polo número de instancias presentadas e o número de vacantes que se prevexa que poidan producirse, aquel pareza suficiente.

Artigo 5º

Para a elaboración das listas así como para o seu control e correcta utilización nomearanse unha ou varias comisións permanentes de selección, segundo os casos. Para estes efectos, a/s comisión/s permanente/s resolverán tódalas cuestións de interpretación que puidesen presentarse.

5.1. A composición da/s comisión/s permanente/s de selección será a seguinte:

-Presidente: director xeral da Función Pública ou persoa en que delegue.

-Tres representantes da Administración.

-Dous representantes sindicais.

-Secretario.

5.2. Elaboradas as listas pola/s comisión/s permanente/s de selección, remitiranse á Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, así como ás súas delegacións provinciais. Así mesmo, as listas serán expostas no taboleiro de anuncios do Servicio de Información Administrativa nos servicios centrais e nos taboleiros de anuncios das respectivas delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos servicios periféricos.

5.3. Producida/s a/s vacante/s, a secretaría xeral ou delegación provincial correspondente dirixirase á Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, para a/s existente/s nos servicios centrais, ou á delegación provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública respectiva, para as de servicios periféricos, e solicitará o traballador que, segundo a orde de prelación que figura na lista previa, corresponde ser chamado.

Os chamamentos realizaranse, alternativamente, entre os aspirantes dos apartados elaborados conforme o artigo 12 A) 1º e 12 A) 2º, iniciándose polo primeiro do artigo 12 A) 1º. Agotadas as listas elaboradas conforme os dous apartados anteriores, iniciarase o chamamento dos aspirantes que compoñan o apartado elaborado conforme o artigo 12 B).

5.4. A solicitude farase polo medio máis urxente, sendo atendidas por rigorosa orde de chegada ás dependencias correspondentes.

5.5. Unha vez designada pola Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública ou delegación provincial correspondente a persoa á que corresponda ser chamada, e constatada a súa dispoñibilidade, comunicáraselle coa maior celeridade á secretaría xeral ou delegación provincial peticionaria.

Artigo 6º

Tramitada positivamente a solicitude comunicarase inmediatamente este feito á correspondente comisión permanente de selección, que tomará nota desta co fin de que quede constancia na lista a alteración que se produza na orde de prelación dos interesados a ser chamados.

Artigo 7º

Os integrantes das listas non perderán a súa orde de prelación nestas ata a confección das seguintes listas de acordo co disposto no artigo 3 e, en todo caso, como máximo ata que se xere o dereito á prestación de desemprego, de tal maneira que se a con

tratación ou nomeamento para a que son chamados ten unha duración inferior, retornarán ó posto que ocupaban na orde de prelación da lista no momento de seren chamados. Xerado o dereito á prestación de desemprego o interesado pasará a ocupa-lo último lugar na lista.

Artigo 8º

8.1. Os integrantes das listas que, sendo chamados para facer efectiva a contratación ou nomeamento, segundo o disposto no punto 2 do artigo 8º, non se presentasen no lugar e hora en que se citen ou renunciasen a este, perderán os seus dereitos, sendo excluídos das listas previas, agás casos de forza maior debidamente acreditados e apreciados libremente pola correspondente comisión permanente de selección.

8.2. Os chamamentos faranse polo medio máis urxente que permita a constancia da recepción destes.

Artigo 9º

Para poderen ser incluídos nas listas os interesados terán que reuni-los requisitos que, para cada corpo, escala, especialidade ou categoría figuren nas correspondentes convocatorias.

Artigo 10º

Listas para a cobertura de postos reservados a funcionarios.

10.1. Para os servicios centrais da Xunta de Galicia elaborarase unha única lista por corpo, escala ou especialidade dentro de cada grupo de funcionarios para os corpos de Administración xeral e unha para cada corpo, escala ou especialidade, se é o caso, dentro de cada grupo para os de Administración especial de conformidade co establecido no artigo 12. O mesmo criterio utilizarase para a elaboración das listas nos servicios periféricos, tendo, de se-lo caso, un ámbito territorial provincial.

10.2. Para aqueles corpos, escalas ou especialidades en que así se considere necesario poderán elaborarse listas de ámbito territorial inferior ó da provincia. Neste caso, na correspondente convocatoria especificarase claramente que concellos forman o ámbito territorial no que será efectiva a lista.

Artigo 11º

Listas para a cobertura de postos reservados ó persoal laboral.

11.1. Para os servicios centrais elaborarase unha lista única por cada categoría convocada, de conformidade co establecido no artigo 12º.

11.2. Para os servicios periféricos haberá unha lista por provincia e categoría, de conformidade co establecido no artigo 12º.

Para aquelas categorías en que así se considere necesario poderán elaborarse listas previas de ámbito territorial inferior ó da provincia. Neste caso, na correspondente convocatoria especificarase clara

mente que concellos forman o ámbito territorial no que será efectiva a lista.

11.3. Os interesados farán constar na súa instancia en que ámbito ou ámbitos territoriais desexan presta-los seus servicios.

Artigo 12º

Sistema aplicable para a elaboración das listas para a cobertura de postos reservados a funcionarios e/ou persoal laboral:

A) 1º. Incluiranse neste apartado os aspirantes que, non superando o último proceso selectivo correspondente, aprobaron tódalas probas da fase da oposición e obtiveron puntuación na fase de concurso. Neste caso a prelación virá dada pola posición obtida na resolución das respectivas convocatorias de acceso, computándose a suma de ámbalas puntuacións, figurando aquela de maior a menor. No caso de empate prevalecerá a nota máis alta acadada no primeiro exame.

A) 2º. Incluiranse neste apartado aqueles aspirantes que, non superando o último proceso selectivo correspondente, aprobaron tódalas probas da fase de oposición, fixándose a súa prelación en función da suma das cualificacións obtidas na dita fase, ordenadas estas de maior a menor.

Estes dous apartados utilizaranse simultánea e alternativamente, realizándose os chamamentos de forma que o primeiro aspirante chamado será o correspondente do apartado A) 1º, o segundo ó do apartado A) 2º, e así sucesivamente ata a finalización dos chamamentos correspondentes ós dous subapartados do apartado A). Todo isto en cada ámbito territorial no que existan as listas de que se trate.

Aqueles aspirantes que aínda tendo puntos correspondentes á fase de concurso desexen inscribirse na lista A.2º renunciando ós puntos da fase de concurso e polo tanto á súa inclusión na lista A.1º poderán facelo sinalándoo na correspondente instancia, debendo permanecer na dita lista, unha vez efectuada a opción durante a súa vixencia.

B) Unha vez aplicado o punto A), a orde de prelación nas correspondentes listas dos aspirantes non incluídos neste virá dada pola puntuación obtida de acordo co seguinte baremo:

B.1. Por ter superada algunha proba correspondente ó último proceso selectivo de acceso á condición de funcionario de carreira ou laboral fixo da Xunta de Galicia: 50% da nota.

A porcentaxe aplicarase sobre a suma, se é o caso, das notas das distintas probas superadas.

Para estes efectos computaranse as notas obtidas nas probas correspondentes ó mesmo corpo, escala ou categoría da lista da que se pretenda forma parte e referidas a este último proceso.

B.2. Servicios prestados na Xunta de Galicia no mesmo corpo, escala, especialidade ou categoría: 0,15 puntos/mes.

B.3. Por cada mes de servicios prestados noutras administracións públicas na mesma categoría, corpo ou escala ou especialidade e referidos ós últimos 5 anos: 0,10 puntos/mes.

B.4. Por cada mes de servicios prestados nas empresas privadas na mesma categoría (só para persoal laboral) e referidos ós últimos 5 anos: 0,05 puntos/mes.

A suma de puntuación dos puntos b.2., b.3. e b.4. non poderá exceder de 5 puntos.

B.5. Por cada curso de formación ou perfeccionamento realizado con aproveitamento impartido polas administracións públicas, universidade, INEM ou Formación Ocupacional e relacionado coas funcións propias da categoría, corpo ou escala (máximo 2 puntos): 0,20 puntos/curso.

B.6. Por posuír unha titulación académica distinta e independente da requirida na convocatoria como requisito imprescindible para o acceso:

-Título de doutor: 2,00 puntos.

-Título de licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente: 1,50 puntos.

-Título de enxeñeiro técnico, diplomado universitario, arquitecto técnico ou equivalente: 1,00 puntos.

-Título de bacharel superior, formación profesional de 2º grao ou equivalente: 0,50 puntos.

-Graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente: 0,25 puntos.

Non se computarán as titulacións imprescindibles para a obtención doutras de nivel superior.

B.7. Polo coñecemento acreditado do idioma galego (só se valorará o grao superior alegado):

-En grao de iniciación: 0,50 puntos.

-En grao de perfeccionamento: 0,75 puntos.

Só se concederá validez, polo que á acreditación do galego se refire, ós cursos ou titulacións homologadas pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

B.8. Por cada mes acreditado como demandante de emprego (máximo 1 punto): 0,01 puntos/mes.

De producirse empate na puntuación, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida no artigo 12.b).

De persisti-lo empate, resolverase a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde do alfabeto.

C. Cada seis meses desde a publicación das listas efectuadas de acordo coa resolución do último proceso selectivo pertinente, estas modificaranse. Tal modificación consistirá na inclusión daquelas solicitudes que se presenten con posterioridade ó termo do prazo fixado para a presentación de instancias,

todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 4.2º do presente decreto.

As solicitudes ás que se refire o parágrafo anterior só poderán presentalas aqueles interesados que non o fixeran con anterioridade.

A efectividade da modificación referirase ó mes seguinte ó transcurso dos citados seis meses, todo iso sen prexuízo do disposto no artigo 3º do presente decreto.

Estes solicitantes, unha vez baremados pola comisión de valoración correspondente, serán incluídos nas listas xa existentes no lugar que lles corresponda.

Aqueles que, xa figurando nunha lista, obtiveran con posterioridade a titulación académica requirida para o acceso a un determinado, corpo, escala, especialidade ou categoría, poderán solicita-la súa inclusión na lista correspondente coa puntuación que lle corresponda, segundo a aplicación do artigo 12 b), sendo simultaneamente excluídos da lista anterior.

Artigo 13º

13.1. Excepcionalmente e para as categorías de xefe de cociña (grupo III), oficial de primeira cociñeiro e xefe de cociña 2ª (grupo IV) e oficial de segunda de cociña (grupo V) poderá esixírselles ós aspirantes a realización dunha proba práctica sobre as funcións propias da categoría, sendo necesaria a cualificación de apto para ser contratado. A excepción anterior poderá facerse extensiva a aquelas categorías ou corpos, escalas ou especialidades que, pola función que vaian desenvolver, así o considere necesario a comisión permanente de valoración, logo de informe da comisión de persoal, e por instancia da consellería afectada.

13.2. Estarán exentos de realiza-la proba os aspirantes que acrediten a posesión da titulación de FPI ou II na rama correspondente, en cada caso, ou aqueles que superasen a proba práctica nas respectivas convocatorias de acceso á condición de laborais fixos.

Artigo 14º

Os interesados en formaren parte das listas cubrirán a instancia, segundo o modelo que figurará na correspondente convocatoria, xuntando a esta toda a documentación que, para acredita-los méritos alegados, consideren suficiente.

Disposición transitoria

As listas vixentes na data de publicación do presente decreto no Diario Oficial de Galicia continuarán en vigor ata a confección das novas listas de cada corpo, escala, especialidade ou categoría, segundo o procedemento establecido nesta norma.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o contido do disposto no Decreto 252/1992, do 30 de xullo, e demais disposicións de igual categoría ou inferior que se opoñan ó establecido no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las disposicións e adopta-las medidas precisas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Santiago de Compostela, dez de abril de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

97-3127