Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 23 de abril de 1997 Páx. 3.784

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 80/1997, do 10 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello da Guarda (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de urbanización da estrada C-550 tramo da Guarda-A Pasaxe, fase I, rúa Paseo de Portugal.

O Concello da Guarda (Pontevedra), en sesión celebrada o día 23 de xaneiro de 1997, acordou aproba-lo proxecto de urbanización da estrada C-550, tramo da Guarda-A Pasaxe, fase I, r/ Paseo de Portugal e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocu

pación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 7 de marzo de 1997 baixo o número 2897.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 3 de marzo 1997, nº 2626.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a citada obra está incluída no programa operativo Interreg II España, Portugal e precísase a ocupación basicamente pola necesidade de mellora-la seguridade vial da citada estrada, dotando a estas das correspondentes beirarrúas e iluminación pública, unha vez que o transbordador entre Caminha e A Guarda iniciou a súa posta en funcionamento e tendo en conta que o citado transbordador deu servicio a preto de 317.000 pasaxeiros ó longo do ano 1996, desprazándose a maior parte deles en vehículos que circulan pola devandita vía e que esixen unhas axeitadas instalacións da estrada que garantan a seguridade vial tanto dos vehículos como dos viandantes.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de abril de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello da Guarda (Pontevedra), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de urbanización da estrada C-550 tramo da Guarda-A Pasaxe, fase I, r/ Paseo de Portugal.

Santiago de Compostela, dez de abril de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

2977