Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Martes, 22 de abril de 1997 Páx. 3.747

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Eulen, S.A. (servicio de mantemento do Hospital do Meixoeiro).

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Eulen, S.A. (servicio de mantemento do Hospital do Meixoeiro), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 25-2-1997, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa e, da parte social, por unha representación-delegación do comité de empresa, con data 18-2-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta

delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 27 de febreiro de 1997.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo subscrito entre o persoal do servicio de mantemento do Hospital Meixoeiro e a empresa Eulen, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio afectará por igual a tódalas empresas que poidan resultar adxudicatarias do servicio de mantemento do Hospital do Meixoeiro e a tódolos traballadores do dito servicio, que neste momento figuran adscritos á empresa contratista Eulen, S.A.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

A vixencia deste convenio terá unha duración de tres anos, do 1 de xaneiro de 1997 ó 31 de decembro

do 1999, entenderase prorrogado por anos naturais mentres non medie denuncia dalgunha das partes con tres meses de antelación.

Artigo 3º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo para o ano 1997 será de 1.696 horas efectivas de traballo; reducirase en 12 horas durante 1998 e outras 12 durante 1999, co que, para o dito ano, a xornada será de 1.672 horas.

Como norma xeral, e salvo as excepcións motivadas por algunha substitución, non se realizarán xornadas semanais superiores a 40 horas, segundo o cómputo que para os traballos a quenda establece o artigo 6 do R.D. 2001/1983, do 28 de xullo.

Respectándose a indicada xornada anual os traballadores desfrutarán, ademais dos días legalmente establecidos, de 9 días ó ano en concepto de libre disposición.

Artigo 4º.-Descansos.

O persoal desfrutará de 30 minutos de descanso, computado como tempo efectivo traballado que será de 10 a 11 na quenda da mañá, de 18 a 19 na quenda de tarde e de 2 a 3 na quenda da noite.

Artigo 5º.-Xornada nocturna.

Fíxase un plus de nocturnidade determinado en valor/hora, idéntico ó establecido no cadro retributivo do Sergas, que lle será aboado a todo o persoal que preste os seus servicios entre as 22 e 6 horas.

Artigo 6º.-Xornada en domingos e festivos.

Os traballadores que realicen xornada laboral en domingo ou festivo cobrarán o mesmo que o persoal do Sergas e desfrutarán das mesmas vantaxes que por tal traballo ou concepto puidesen corresponderlles, salvo no relativo á xornada. En calquera caso, o traballo en festivo suporá o aboamento correspondente e un día de descanso.

Artigo 7º.-Antigüidade.

O persoal comprendido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por ano de servicio, consistentes no aboamento de trienios de idéntica contía á establecida nos cadros retributivos do Sergas para o dito concepto.

Artigo 8º.-Horas extra.

O valor das horas extraordinarias queda fixado nos seguintes importes:

* Horas extraordinarias estructurais: 1.200 ptas./hora.

* Horas extraordinarias non estructurais (pedidas polo hospital): 1.500 ptas./hora.

Artigo 9º.-IT.

O persoal afectado por este convenio que se encontre en situación de IT derivada de accidente laboral percibirá o 100% do salario desde o primeiro día da baixa. Igualmente, o persoal que cause baixa con hospitalización, calquera que sexa o motivo desta,

percibirá o 100% do salario desde o primeiro día da baixa e mentres dure a devandita hospitalización.

No caso de baixa de IT derivada de enfermidade común ou accidente non laboral, percibirase, así mesmo, o 100% desde o primeiro día da baixa. Sen embargo, a mellora pactada respeto a IT neste apartado queda condicionada a que o índice de absentismo no centro non supere o 10%, xa que se o absentismo supera o dito índice aplicaranse, durante o período en cuestión, as condicións establecidas no convenio anterior. Para efectos do cálculo da mencionada porcentaxe de absentismo non se terán en conta as baixas derivadas de accidente ou aquelas nas que teña existido unha hospitalización mínima de 48 horas.

Artigo 10º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal incluído no ámbito funcional do presente convenio colectivo percibirá as pagas extraordinarias que, segundo o cadro retributivo do Sergas, lle correspondan en función da súa categoría laboral.

As ditas pagas faranse efectivas antes do 20 de xullo e 20 de decembro.

Artigo 11º.-Pagamento das nóminas.

O pagamento farase efectivo o último día de cada mes, dando un prazo por motivos burocráticos ou de forza maior ata o día 2 do mes seguinte.

Artigo 12º.-Salarios.

Os traballadores comprendidos no presente convenio percibirán as mesmas retribucións que poidan corresponderlle ó persoal propio do Sergas con idéntica categoría laboral, segundo os cadros retributivos do dito organismo.

Artigo 13º.-Subrogación do persoal.

Ó remate da concesión da contrata de mantemento, os traballadores da empresa contratista saínte pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, que se subrogará en tódolos dereitos e obrigas da anterior adxudicataria con respecto a tódolos traballadores, calquera que sexa a situación na que se encontren e a modalidade do seu contrato de traballo, coa única excepción daqueles traballadores que fosen incorporados dentro dos catro últimos meses se a dita incorporación non se debe a ampliación da contrata ou a unha esixencia expresa do cliente.

Nun prazo de 3 días hábiles, a empresa saínte deberá facilitarlle á entrante a seguinte documentación:

-Certificado do organismo competente de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopias dos TC1 e TC2 de cotizacións á Seguridade Social dos últimos catro meses.

-Relación de persoal na que se especifique:

-Nome, apelidos, enderezo, nº afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute das vacacións.

O empresario saínte estará, así mesmo, obrigado a liquidarlle ó entrante as partes proporcionais dos conceptos retributivos dos traballadores co obxecto de que estes poidan desfrutar completas as súas vacacións e cobrar integramente as pagas correspondentes.

O contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores só se extingue no momento no que se produza a subrogación deste por parte da nova adxudicataria.

A aplicación deste artigo seralles de obrigado cumprimento ás partes ás que se vincula, empresa cesante, nova adxudicataria e traballador. Sen que desapareza o seu carácter vinculante por efecto de que a empresa adxudicataria do servicio suspenda este por un período inferior a dous meses.

Artigo 14º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o que non estea previsto neste convenio remítense as partes ó establecido no Estatuto dos traballadores, ordenanza laboral siderometalúrgica, do 29 de xullo de 1970, que se asume como norma subsidiaria polos asinantes e demais lexislación laboral vixente.

Artigo 15º.-Seguridade e hixiene.

A empresa obrígase ó cumprimento inescusable das normas de seguridade e hixiene no traballo en materia de aseos, vestiarios, dotacións sanitarias, duchas, etc., de conformidade coa ordenanza xeral de seguridade e hixiene vixente.

Artigo 16º.-Excedencias.

Os traballadores cunha antigüidade na empresa de polo menos un ano terán dereito a que lles recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un período non inferior a dous anos nin superior a cinco. Este dereito so poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador cando teñan transcorrido catro anos desde o remate da anterior excedencia.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atende-lo coidado de cada fillo, contados desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia, que, se é o caso, porá fin ó que viña desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Poderán, así mesmo, solicita-lo seu paso a situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

No disposto neste artigo, observarase o disposto na normativa citada no artigo de lexislación subsidiaria.

Artigo 17º.-Recoñecemento médico.

Por conta da empresa realizaráselles a tódolos traballadores dous recoñecementos médicos, dos cales un se fará no Gabinete Técnico Provincial de Seguridade e Hixiene no Traballo, para o cal a empresa realizará a solicitude oportuna. O tempo empregado nos recoñecementos médicos será aboado pola empresa.

Así mesmo, por conta da empresa, procederase á vacinación de todo o persoal contra a hepatite B, sen custo ningún para os traballadores.

Artigo 18º.-Licencias retribuídas.

O traballador, logo do aviso e posterior xustificación, terá dereito a permisos retribuídos durante o tempo e os supostos seguintes:

a) Dezaseis días naturais no caso de matrimonio do traballador.

b) Tres días laborais no caso de nacemento dun fillo.

c) Cinco días naturais no suposto de morte do cónxuxe, fillos, pais e pais políticos.

d) Tres días naturais no suposto de morte de irmáns, netos, avós, fillos políticos e irmáns políticos.

e) Tres días naturais no suposto de enfermidade grave de cónxuxe ou fillos e dous días naturais no suposto de enfermidade grave de pais, avós, irmáns, netos e pais políticos, circunstancia que deberá ser xustificada fidedignamente.

f) Un día laborable no suposto de traslado de domicilio.

g) O tempo necesario nos casos de asistencia a consulta médica de especialistas da Seguridade Social; cando coincida o horario de consulta co traballo e a dita consulta sexa prescrita polo facultativo de medicina xeral, debendo presentar previamente o traballador na empresa o volante xustificativo da referida prescrición médica. Nos demais casos, ata o límite de 22 horas ó ano.

h) O tempo necesario para a realización de exames coa correspondente comunicación previa e posterior xustificación.

i) O tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, observarase o que dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

k) Un día natural no caso de matrimonio de fillos e irmáns.

l) Un día natural polo falecemento dun parente de terceiro grao sempre que viva no domicilio do

traballador (tío, tío político, avó político, etc.). Nos supostos d) nos que o traballador necesitase facer un desprazamento fóra da provincia, concederánselle dous días naturais máis.

Artigo 19º.-Licencias non retribuídas.

Os traballadores terán dereito a licencias non retribuídas pero que deberán ser debidamente xustificadas nos casos seguintes:

a) Enfermidade grave de parentes.

b) Acompañar a fillos menores de idade ó médico.

c) Ata sete días naturais por necesidades persoais xustificadas.

d) Os traballadores que teñan unha antigüidade maior de cinco anos, poderán solicitar unha licencia sen salario por un período máximo de 11 meses (tempo sabático) cando teña por obxecto a formación persoal ou o desenvolvemento profesional do traballador.

Artigo 20º.-Plus de xefe de equipo.

Xefe de equipo é o traballador procedente da categoría de profesionais de oficio que, efectuando traballo manual, asume o control do traballo dun grupo de oficiais en número non inferior a tres nin superior a dez.

O xefe de equipo non poderá ter baixo as súas ordes persoal de superior categoría cá súa. Cando o xefe de equipo desempeñe as súas funcións durante un período dun ano consecutivo ou de tres anos en períodos alternos, se logo cesa na súa función, manteráselle a súa retribución especificada ata que polo seu ascenso a superior categoría quede aquela superada.

O plus de xefe de equipo consistirá nun 20% sobre o salario base da súa categoría, a non ser que fose tido en conta dentro do factor mando na valoración do posto de traballo.

Artigo 21º.-Saídas, axudas de custo e viaxes.

Aqueles traballadores que, por necesidade do servicio ou por orde da empresa, teñan que efectuar viaxes ou desprazamentos que os obriguen a pasa-la noite ou realizar comida fóra do seu domicilio habitual, viaxarán co aloxamento pagado en hoteis de tres estrelas ou equivalente. En canto ás comidas terán dereito a:

-Media axuda de custo (unha comida) = 1.700 ptas.

-Axuda de custo completa (dúas comidas) = 3.200 ptas.

Cando o traballador teña que facer desprazamentos no seu propio vehículo, por necesidade do servicio ou por orde da empresa, seralle aboada a cantidade de 30 ptas./km.

Artigo 22º.-Capacidade diminuída.

Todos aqueles traballadores que por accidente de traballo ou enfermidade profesional, con reducción

das súas facultades físicas e intelectuais, sufran unha capacidade diminuída, terán preferencia para ocupar postos máis aptos, en relación ás súas condicións, que existan na empresa, sempre que teñan aptitude e idoneidade para o novo posto.

Artigo 23º.-Servicio militar.

O traballador que se incorpore a filas con carácter oficial ou voluntario polo tempo mínimo de duración deste terá reservado o seu posto de traballo durante o tempo que permaneza cumprindo o servicio militar e dous meses máis, computándose todo este tempo para efectos de antigüidade na empresa.

Durante o tempo de permanencia no servicio militar, o traballador terá dereito a percibi-las gratificacións extraordinarias de xullo e Nadal.

A non incorporación do traballador fixo ó seu posto de traballo, ó remate do servicio militar e dentro do prazo de reserva, dará lugar á rescisión do seu contrato de traballo.

Artigo 24º.-Vacacións.

Os traballadores afectados polo presente convenio desfrutarán de 30 días de vacacións ininterrompidas entre os meses de xuño e setembro, ámbolos dous inclusive. O calendario de vacacións fixarase con dous meses de antelación ó comezo do desfrute, para o seu coñecemento polos traballadores.

O persoal poderá percibir como anticipo, na nómina correspondente ó mes anterior ó de desfrute, ata o 50% do salario correspondente ó período vacacional, debendo solicitalo por escrito con antelación suficiente.

Todo o persoal que antes ou durante o período de vacacións estea en situación de IT terá dereito ó desfrute destas ou da parte pendente, sempre que cause alta antes do termo do ano natural.

Artigo 25º.-Pluriemprego.

As partes asinantes do presente convenio consideran conveniente contribuír á erradicación do pluriemprego, como regra xeral. Para estes efectos, considérase necesario que se apliquen co máximo rigor as sancións previstas na lexislación vixente nos casos de traballadores non dados de alta na Seguridade Social por estalo xa noutra empresa.

A empresa Eulen, S.A., non poderá contratar, en réxime de pluriemprego por xornada reducida a aqueles traballadores que dispoñan doutra ocupación retribuída por xornada completa e non a tempo parcial.

Ámbalas dúas partes consideran como falta laboral de carácter moi grave o feito de que traballadores incluídos no ámbito funcional deste convenio, con xornada completa, presten servicios por conta de terceiras empresas, colocándose en situación de pluriemprego, tanto se a nova empresa os dá de alta na Seguridade Social como no caso contrario.

Artigo 26º.-Roupa de traballo.

A empresa dotará o persoal das pezas axeitadas de roupa de traballo coa frecuencia necesaria para que estas se encontren en todo momento en perfecto

estado. Entregaranse, así mesmo, anualmente dous pares de zapatos: un de verán e outro de inverno, e se algunha das actividades que se van realizar así o requirise, entregarase un par de botas de seguridade.

O traballador que realiza o seu labor con lentes graduados, terá dereito a que se lle proporcionen outros, sempre que en razón do traballo os seus sufran algunha deterioración.

Artigo 27º.-Seguro colectivo.

Desde a data de entrada en vigor deste convenio, a empresa concertará un seguro colectivo de accidentes, aboando o importe íntegro das primas, debendo cubri-la póliza a seguinte contía mínima de indemnizacións.

-Accidente laboral ou común co resultado de morte 1.500.000 ptas.

-Accidente laboral ou común con resultado de invalidez permanente total, absoluta ou grande invalidez 2.000.000 de ptas.

-Unha copia da póliza inserirase no taboleiro de anuncios da empresa.

Artigo 28º.-Xubilación.

A empresa e os traballadores poderán pactar, existindo acordo por ámbalas dúas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos e de conformidade co disposto no Real decreto lei 14/1981, do 20 de agosto, e Real decreto 1194/1985, para este efecto a empresa deberá contratar simultaneamente en lugar do xubilado outro traballador que sexa titular do dereito a calquera das prestacións económicas de desemprego ou xove demandante de primeiro emprego e tal como dispoñen as normas citadas.

Artigo 29º.-Contratos de aprendizaxe.

A empresa comprométese a non utiliza-los chamados contratos de aprendizaxe para realizar substitución de ningún tipo de persoal que presta os seus servicios habitualmente no centro. Podendo, sen embargo, realiza-las ditas contratacións para traballos esporádicos ou complementarios que poidan concertarse co hospital.

Artigo 30º.-Comisión paritaria.

No momento da sinatura do presente convenio constituirase a súa comisión paritaria, que quedará composta polos asinantes tanto en representación da empresa como en representación dos traballadores.

As funcións desta comisión paritaria consistirán en vixiar e interpreta-lo cumprimento de cada un dos pactos que interveñen e constitúen a normativa do vixente pacto colectivo.

Artigo 31º.-Acción sindical.

Sen prexuízo do disposto na lexislación vixente os traballadores desfrutarán das seguintes garantías sindicais.

A empresa darálles conta das novas contratacións que haxa ós representantes dos traballadores.

A empresa disporá dun taboleiro de anuncios no que poderá inserirse propaganda sindical, a cal deberá axustarse ó disposto no Estatuto dos traballadores.

Dentro das formalidades previstas nos artigos 77 e seguintes do Estatuto dos traballadores, a empresa facilitará o exercicio e reunións informativas fóra da xornada laboral empregando un máximo de dúas horas ó mes.

Cada representante sindical disporá dun crédito de 30 horas mensuais retribuídas para o exercicio das súas funcións de representación. Neste crédito quedarán incluídas as horas destinadas a asistir ás convocatorias sindicais que, en todo caso, deberán ser correctamente realizadas. Non se computarán dentro deste crédito horario as reunións mantidas coa empresa con motivo da negociación colectiva.

Artigo 32º.-Seguridade no emprego.

Tódolos oficiais de mantemento que prestasen servicio para a empresa durante un período superior a un ano pasarán a ter contrato de persoal fixo de centro. Sen que esta circunstancia afecte ó persoal que estea realizando substitucións doutros traballadores con dereito á reserva do posto de traballo.

Artigo 33º.-Formación continuada.

A empresa e os traballadores consideran necesario eleva-la cualificación profesional do persoal afectado por este convenio, por medio de plans de formación continuada, podendo a empresa, en por si ou por mediación do Instituto Eulen de Formación, acollerse a cantas subvencións, axudas e incentivos estableza calquera organismo público ou privado, coa dita finalidade.

A representación dos traballadores comprométese a achegarlle á empresa calquera iniciativa ou suxestión sobre cursos que se van realizar, contido e horarios destes, traballadores que deban participar, etc... colaborando coa empresa nas xestións que deban realizarse ante o hospital para estes efectos.

A dirección da empresa, con carácter preceptivo, deberá manter informados os representantes sindicais de tódolos extremos anteriores, debendo notificarlles, con carácter previo á súa realización, as decisións que tome ó respecto.

Artigo 34º.-Saúde laboral.

Durante a vixencia deste convenio crearase o comité de saúde laboral, participando, se iso é posible, na comisión sectorial interprofesional de saúde laboral. Facilitarase o dereito á investigación sindical nesta materia.

Artigo 35º.-Non discriminación.

Homes e mulleres gozarán de igualdade de oportunidades en canto ó emprego, formación, promoción e desenvolvemento do traballo; será respectado, en

calquera caso, o principio de a igual traballo, igual salario.

Non se pode discrimina-los traballadores por seren cargos sindicais, polo seu credo político, relixión ou cor da pel.

Disposición transitoria

Durante a vixencia do presente convenio pasarán a te-la categoría laboral de conductores de instalacións 6 profesionais de oficio do modo seguinte: 2 con efectos de xaneiro de 1997, 2 en xaneiro de 1998 e 2 en xaneiro de 1999.

1988