Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Luns, 21 de abril de 1997 Páx. 3.684

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 74/1997, do 10 de abril, polo que se crea na Subdirección Xeral de Inspección Sanitaria da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais o Servicio Xurídico de Inspección Sanitaria.

A actual estructura da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais establécese no Decreto 63/1996, do 15 de febreiro (DOG nº 41, 27 de febreiro de 1996). Segundo o seu artigo 4.3º, para o exercicio das súas competencias, a secretaría xeral conta coa vicesecretaría xeral, a Subdirección Xeral de Réxime Administrativo, a Inspección Sanitaria, a Subdirección Xeral de Atención Sociosanitaria e, integrada organicamente nela, a Asesoría Xurídica e a Intervención Delegada.

O artigo 7 deste decreto configura a Inspección Sanitaria como unha unidade, con rango de subdirección xeral, á que lle corresponde o exercicio das actuacións relativas á inspección de tódolos centros, servicios e establecementos sanitarios civís públicos e privados que desempeñen a súa actividade no ámbito da Comunidade Autónoma, así como, neste contexto, a validación das súas actividades, con especial atención ás prestacións do sistema sanitario público.

O Decreto 126/1992, do 14 de maio, sobre adecuación de funcións da Inspección de Servicios Sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia determina os niveis nos que se estructura a Inspección de Servicios Sanitarios e concreta as distintas funcións da Inspección de Servicios Sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

A diversidade de funcións desempeñadas pola Inspección Sanitaria, e a necesidade de resolver coa debida premura as diferentes actividades e tarefas que ten encomendadas fan aconsellable a creación dun servicio xurídico dependente desta subdirección xeral, ó que correspondería o apoio e asistencia á Inspección Sanitaria en cuestións legais e a xestión, coordinación e seguimento das actuacións xurídico-administrativas na inspección.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e cos informes previos das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de abril de mil novecentos noventa e sete,

RESOLVO:

Artigo único.

Primeiro.-Créase na Inspección Sanitaria, dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, o Servicio Xurídico de Inspección Sanitaria adscrito á dita subdirección xeral.

Segundo.-As funcións que se van desenvolver por este Servicio Xurídico son as seguintes:

-A xestión, coordinación e seguimento das actuacións xurídico-administrativas na Inspección, así como daqueles outros asuntos xerais que lle sexan encomendados polo seu titular e a elaboración de informes ou dictames e convenios relacionados coas ditas funcións.

-A coordinación da tramitación de procedementos disciplinarios a persoal facultativo e procedementos sancionadores a establecementos farmacéuticos, así como elaboración de informes e propostas de resolución en relación con eles.

-Informes e propostas de sancións relativos a medidas cautelares derivadas das infraccións á normativa vixente en materia de autorización de apertura e posta en funcionamento de centros, servicios e establecementos sanitarios.

-Apoio e asistencia á Inspección Sanitaria en materia de estudios, dictames, elaboración de proxectos e informes sobre textos legais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, dez de abril de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

3009