Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 01 de abril de 1997 Páx. 2.870

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 14 de marzo de 1997 pola que se establecen condicións para o traslado de moluscos bivalvos entre viveiros situados en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O traslado de moluscos entre viveiros, tanto en fase xuvenil como adultos, vén recollido no Decreto 406/1996, do 7 de novembro, e constitúe unha práctica habitual que contribúe notablemente á mellora da producción e comercialización dos bivalvos, así como da calidade do producto obtido.

A incidencia de diversos factores medioambientales, tais como a calidade das augas, a presencia de biotoxinas, etc. aconsella que os traslados estean regulados por disposicións que permitan conxuga-los aspectos de producción e comercialización co medio ambiente.

Por todo isto, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

Autorízase, con carácter xeral, o traslado en embarcacións de semente e desdobramento de moluscos bivalvos entre viveiros situados en augas dunha mesma ría.

Cando o polígono de orixe se atope no plan C (pechado, de acordo co disposto na Orde do 14 de novembro de 1995, DOG nº 221 do 17-11-1995) o dito traslado será comunicado (segundo modelo Anexo I), á delegación territorial correspondente, á batea de orixe, polo menos 24 horas antes de que este teña lugar.

Artigo 2º

Autorízase o traslado de individuos adultos en augas dunha mesma ría, sempre que se efectúe mediante embarcación e o polígono de orixe non se atope en plan C.

Cando o polígono de orixe se atope en plan C, unicamente se poderá realizar traslados a zonas de reparqueo. Estes traslados contarán coa autorización expresa da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e realizaranse conforme a normativa establecida para o efecto.

Artigo 3º

Cando o transporte, tanto de semente, desdobramento como adultos, se realice entre distintas rías ou por vía terrestre, contarán preceptivamente coa autorización da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 4º

Nos traslados que afecten a individuos adultos terase en conta a clasificación de zona á que fai referencia a Orde do 29 de xullo de 1993, pola que se declaran e clasifican as zonas de producción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma, tanto do polígono de orixe como do destino.

Artigo 5º

Os titulares de viveiros que desexen realiza-lo traslado de moluscos bivalvos, naqueles casos nos que, de acordo co disposto na presente orde, precisen a preceptiva autorización da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, deberán presenta-la correspondente solicitude, de conformidade cos modelos que figuran nos anexos II e III.

As solicitudes irán dirixidas ó delegado territorial, se orixe e destino se atopan dentro do seu ámbito territorial ou o director xeral de Marisqueo e Acuicultura se o ámbito territorial corresponde a máis dunha delegación. En ámbolos dous casos, presentaránse no rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, nos das súas delegacións territoriais e comarcais ou en cualquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

Para efectos do disposto na presente orde, enténdese por semente ou desdobramento, o tamaño inferior ó mínimo establecido na normativa vixente para extracción e comercialización de moluscos bivalvos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Marisqueo e Acuicultura para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 1997.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

2295