Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Martes, 25 de marzo de 1997 Páx. 2.681

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 1997 pola que se fai público o contido do convenio de apoio financeiro ás pequenas e medianas empresas susbcrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras.

Con esta mesma data o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e 33 entidades financeiras asinaron un convenio co obxecto de establecer unha liña de axudas de apoio financeiro ás pequenas e medianas empresas, ó abeiro do decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 3 de novembro, do Decreto 29/1997, do 20 de febreiro, que modifica o Decreto 309/1997, do 23 de novembro, de incentivos económicos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, da orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996 e da orde da Consellería de Economía e Facenda do 24 de febreiro de 1997, que modifica a Orde do 18 de abril de 1996, pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas.

En virtude do exposto, de conformidade coa Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Igape e o seu regulamento, aprobado por Decreto 317/1992, do 12 de novembro, e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO

En cumprimento do disposto no Art. 78 da Lei 11/1992, do 11 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e co obxecto de darlle unha

adecuada difusión, faise público o texto do convenio coas entidades financeiras que figura como anexo I e a relación de entidades que suscribiron o mesmo que figura como anexo II.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Presidente do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO I

Convenio de apoio financeiro ás pequenas e medianas empresas subscrito entre o Igape e a entidade financeira...

Antecedentes

O presente convenio, asinado por unha parte polo presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), José Antonio Orza Fernández e, por outra parte, por..., representado por... con poder suficiente, inscríbese dentro do marco da política de apoio á pequena e mediana empresa emprendida pola Xunta de Galicia ó amparo do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, e Decreto 29/1997, do 20 de febreiro, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia desenvolvido mediante a orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996 e orde da Consellería de Economía e Facenda do 24 de febreiro de 1997 que modifica a do 18 de abril de 1996, pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas.

Conscentes do importante papel que para o relanzamento da actividade económica desempeñan as pequenas e medianas empresas (PEMES), faise preciso desenvolver un conxunto de accións integradas tendentes ó reforzamento da súa actividade, da súa estructura financeira e de comercialización, coa finalidade de conseguir un crecemento sostido e equilibrado.

Arbítranse, desta maneira, tres programas específicos de axuda:

1. Programa de investimentos.

2. Programa de reestructuración de pasivos.

3. Programa de ampliación de capital.

A axuda en todos eles consiste na subsidiación ó tipo de xuro dos préstamos que se concerten coas entidades financeiras asinantes e acollidos o presente convenio.

Para este fin,..., na súa condición de prestamista, comprométese a mobilizar en préstamos ás pequenas e medianas empresas, en calidade de beneficiarias do presente convenio, unha cantidade non inferior a... millóns de pesetas. A dita cantidade destinarase a financiar operacións acollidas tanto ó presente convenio como ó subscrito entre o Igape/ICO/Entidades Financeiras con data 28 de febreiro de 1997.

A cantidade comprometida poderase incrementar ou diminuír no mes de setembro de 1997, proporcionalmente ó grao de utilización efectivo dela de acordo co tempo transcorrido do convenio. A diminución segundo o anterior é unha facultade potestativa do Igape, os incrementos efectuaranse de mutuo acordo.

Os citados préstamos poderán ser subsidiados polo Igape, con suxeición ás seguintes

Cláusulas

Cláusula 1ª.-Obxecto.

O presente convenio ten por obxecto defini-los termos de colaboración entre... e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de establecer liñas de financiamento subsidiada para as pequenas e medianas empresas someténdose as partes na totalidade ó establecido no mencionado Decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, no Decreto 29/1997, do 20 de febreiro, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, a orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996 e orde da Consellería de Economía e Facenda do 24 de febreiro de 1997 que modifica a do 18 de abril de 1996, pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas, ás normas específicas contidas no presente convenio e ás que posteriormente se poidan dictar para o seu funcionamento operativo.

Cláusula 2ª.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas no presente convenio aquelas empresas que teñan a consideración de pequenas e medianas (PEMES) conforme a definición establecida pola Unión Europea. Para os efectos do presente convenio, terá a consideración de PEME a unidade económica con personalidade física ou xurídica que reúna os seguintes requisitos:

a) Que teña menos de 250 traballadores.

b) Que teña ben un volume de negocios anual non superior a 40 millóns de ECUS, ou ben un balance xeral, activo total, non superior a 27 millóns de ECUS.

c) Que o seu capital non estea participado en máis dun 25% por empresas que non cumpran os requisitos anteriores, salvo se estas son empresas públicas de investimento, empresas de capital risco o, sempre que non se exerza o control, se son investidores institucionais.

Para os efectos de aplicación dos límites establecidos neste apartado, terase en conta o tipo de cambio do Ecu vixente á data de entrada en vigor da orde da Consellería de Economía e Facenda do 24 de febreiro de 1997, que modifica a do 18 de abril de 1996.

En caso de que durante a vixencia deste convenio, a Unión Europea establecese unha definición de PEME diferente da anterior, será de aplicación para estes efectos a nova definición que se estableza.

2. Tamén poderán ser beneficiarias das ditas axudas as empresas que, sen teren a condición de PEMES, presenten expedientes de solicitude comprendidos no marco da Orde do 18 de abril de 1996 e do presente convenio e que se consideren de especial interese socioeconómico polo Igape ou respecto ás que a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos declarase a necesidade ou conveniencia de apoio.

3. Poderán ser beneficiarios do programa de ampliación de capital, os socios actuais ou futuros, sean persoas físicas ou xurídicas, de sociedades mercantís que cumpran os requisitos establecidos no presente convenio para as empresas beneficiarias.

4. Non poderán acollerse ó programa de investimentos deste convenio aquelas empresas que, polas súas características ou as do proxecto que presenten, poidan facelo a través do convenio Igape-ICO-Entidades financeiras, mentras este estea vixente e existan fondos na liña FEDER-ICO.

Cláusula 3ª.-Ámbito territorial.

As empresas beneficiarias das axudas obxecto deste convenio deberán ter radicado o centro da súa actividade ou algún centro de traballo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante o anterior, nos casos de axudas para investimentos en actividades de comercialización, distribución, acordos tecnolóxicos e cooperación empresarial, non será necesario que a actividade incentivada se desenvolva en Galicia sempre que, a xuízo do Igape, a dita actividade teña individual ou sectorialmente un interese estratéxico e exista unha vinculación directa ou complementariedade dela coa empresa ou centro de traballo radicado na dita Comunidade Autónoma.

Cláusula 4ª.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e a súa vixencia para a presentación de novas solicitudes de préstamo e subsidiación na entidade financeira será ata o 15 de outubro de 1997. En consideración ás solicitudes presentadas e á capacidade orzamentaria para atendelas, o Igape poderá anticipa-la data límite para a presentación de solicitudes na entidade financeira.

Cláusula 5ª.-Modalidade e destino das axudas.

5.1. Modalidade:

A axuda consistirá na subsidiación dos tipos de xuro dos préstamos concertados ó amparo do presente convenio no marco xeral do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, no Decreto 29/1997, do 20 de febreiro, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, a orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996 e orde da Consellería de Economía e Facenda do 24 de febreiro de 1997 que modifica a do 18 de abril de 1996, pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas.

5.2. Destino:

Considéranse subsidiables ó amparo deste convenio os préstamos encadrables no programa de investimentos e, dentro das axudas á reestructuración, nos programas de reestructuración de pasivos e de ampliación de capital.

Cláusula 6ª.-Actividades subvencionables.

1. Considéranse incentivables, de acordo co establecido no Decreto 309/1995, do 23 de novembro e na Orde do 18 de abril de 1996 as seguintes actividades económicas, debendo esta-lo sector de actividade da empresa beneficiaria comprendido dentro dos relacionados no ANEXO de actividades subvencionables:

a) As de extracción, procesamento, transformación e comercialización das produccións agrícolas, pesqueiras, gandeiras e forestais.

b) A extracción, procesamento, transformación e comercialización de minerais ou os seus derivados.

c) A industria transformadora, o comercio, o turismo, a artesanía e os servicios de apoio industrial.

d) A creación de redes de abastecemento, transporte, distribución e comercialización.

e) As actividades de electrónica, biotecnoloxía, robótica, telecomunicación e calquera outra de avanzada tecnoloxía.

f) A investigación técnica e aplicada, innovación e desenvolvemento tecnolóxico, normalización, homologación, certificación, xestión, control e mellora da calidade levadas a cabo por calquera ente público ou privado.

g) A fabricación ou comercialización de bens de equipo ou unidades productivas relacionadas con calquera das actividades anteriormente relacionadas.

Para aquelas actividades que se atopen comprendidas dentros dos sectores regulados por normas específicas da Unión Europea sobre axudas estatais, as axudas previstas nesta orde axustaranse en cada caso ás ditas normas específicas.

2. Serán preferentes , de entre as actividades subvencionables anteriores, as seguintes, que se sinalarán así mesmo no anexo de actividades subvencionables:

a) A transformación e comercialización de produccións agrícolas, pesqueiras, gandeiras, forestais e minerais.

b) O turismo especializado.

c) Os servicios de apoio industrial.

d) As actividades de electrónica, biotecnoloxía, medio ambiente, robótica, telecomunicacións e calquera outra de avanzada tecnoloxía.

e) As actividades pertencentes ó sector téxtil.

f) As actividades pertencentes ó sector do automóbil e á súa industria auxiliar.

g) O comercio polo miúdo e por xunto.

h) A fabricación de bens de equipo.

Cláusula 7ª.-Condicións dos programas.

7.1. Programa de investimentos:

O programa de investimentos ten por obxecto a subsidiación ós tipos de xuro daquelas operacións de préstamo que financien proxectos de novo investimento, consistentes na instalación, ampliación ou renovación de activos adquiridos a terceiros que repercutan directamente na capacidade de producción ou na productividade da empresa.

a) Os conceptos de investimento subvencionable serán exclusivamente os que se materialicen en:

* Inmobilizado material novo:

-Adquisición de terreos para a implantación do proxecto.

-Traídas e acometidas de servicios.

-Urbanización e obras exteriores necesarias para o proxecto.

-Obra civil.

-Bens de equipo e unidades funcionais de explotación independente.

-Traballos e estudios de planificación, enxeñería de proxecto e dirección facultativa dos traballos.

-Outros investimentos en activos fixos materiais.

* Bens usados: unicamente en construccións e maquinaria cando o total dos investimentos nestes conceptos non supere o 50% do total do investimento subvencionable dos proxectos en inmobilizado material. Ademais, o investimento en maquinaria usada non poderá supera-lo 25% do investimento total subvencionable deste concepto. Cando o investimento sexa en barcos de pesca que cumpran o especificado na cláusula 6.1, o límite sinalado para o investimento en bens usados poderá alcanzar ata o 95%.

* Inmobilizado inmaterial: unicamente en aplicacións informáticas e propiedade industrial, incluíndo os traballos de investigación e desenvolvemento (I+D), sempre que o investimento neste concepto non supere o 25% do total do investimento subvencionable do proxecto.

As limitacións ós conceptos de investimento establecidas para bens usados e para inmobilizado inmaterial son independentes, sendo polo tanto subvencionables aqueles proxectos nos que o investimento recaia en ámbolos conceptos, sempre que non superen por cada un deles os límites establecidos.

O total do investimento subvencionable determinarase excluíndo o IVE e outros impostos do custo de adquisición.

Serán investimentos subvencionables os que se realicen ou realizasen con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1997 que cumpran co disposto neste convenio.

b) De entre os investimentos anteriores, poderán considerarse preferentes os destinados ás seguintes finalidades:

-A creación de novas empresas.

-A creación de redes de abastecemento, transporte, distribución e comercialización.

-A investigación técnica aplicada e a innovación e desenvolvemento.

-A adquisición de patentes e licencias de fabricación.

-Os investimentos en maquinaria e bens de equipo sempre que no subsector ó que pertenza o beneficiario non exista sobrecapacidade instalada.

c) Materialización dos investimentos: o beneficiario deberá mante-los investimentos obxecto de financiamento, acollidas ás axudas establecidas neste convenio, durante a vixencia do préstamo subsidiado e destinalas á finalidade declarada na solicitude, agás no caso de que os bens en que se materialice o investimento sexan substituídos por outros da mesma natureza e destino, non podendo obter para a súa adquisición ningún tipo de axuda do Igape.

7.2. Axudas á reestructuración:

1. As axudas de reestructuración de empresas teñen por obxecto a reorganización das actividades incluídas nun plan estratégico co obxecto de facer viables as empresas en dificultades. A contía das axudas fixarase en función das necesidades determinadas no plan estratéxico e limitarase ó estrictamente necesario para a reestructuración.

As axudas deberán ser utilizadas exclusivamente para restablece-la viabilidade da empresa, sen que supoñan aumento da capacidade de producción.

A concesión resolverase tendo en conta se se trata de empresas viables con dificultades transitorias, caracterizadas por situacións de insuficiencia de liquidez a curto prazo, ou ben se se trata de empresas con deficiencias estructurales, que precisen para restablece-la súa viabilidade dun plan conxunto e intensivo a longo prazo.

No caso de que os beneficiarios das axudas previstas neste apartado non teñan a consideración de pequenas e medianas empresas segundo a normativa comunitaria, a concesión delas deberá notificarse á Comisión Europea individualmente, quedando sen efecto en caso de que esta última presente obxeccións a ela.

2. As axudas á reestructuración de empresas articúlanse nos seguintes programas:

7.2.1. Programa de reestructuración de pasivos:

O programa de reestructuración de pasivos ten por obxecto a subsidiación ó tipo de xuro de préstamos a longo prazo destinados á cancelación de pasivos financeiros a curto prazo.

Poderán acollerse a este programa aquelas sociedades mercantís en dificultades que presenten un diagnóstico e un plan estratéxico asinado pola empresa, do que, a xuízo do Igape, se deduza a viabilidade técnica, económica e financeira a longo prazo da empresa sobre a base dunhas perspectivas obxectivas en canto ás súas futuras condicións de funcionamento

e que, en todo caso, comporte o restablecemento do equilibrio financeiro da empresa. Cando a reestructuración exceda no seu conxunto de 100 millóns de pesetas, o diagnóstico da empresa e o seu plan estratéxico deberá ser subscrito, ademais de pola propia empresa, por firma ou profesional independente de consultoría.

Os fondos do préstamo ou préstamos subsidiados destinaranse á cancelación de pasivos financeiros a curto prazo; poderase establecer na resolución de concesión as condicións particulares para cada caso concreto. En ningún caso, o préstamo destinarase á cancelación ou modificación de débedas da empresa con socios, accionistas e empresas do grupo, teñan ou non custo financeiro, ou á cancelación daquelas pólizas ou contratos formalizados a partir do 1 de xaneiro de 1997, salvo que estes últimos se correspondan con meras renovacións ou foran contraídas a consecuencia dun proceso externo de saneamento financeiro da empresa.

Para os efectos do establecido no parágrafo anterior entenderanse por pasivos financeiros a curto prazo, os seguintes:

-Pólizas de préstamo con vencemento non superior a un ano a partir da data dos estados financeiros aportados, ou no caso de pólizas con vencemento superior a un ano, o importe das amortizacións que se vaian realizar no prazo dun ano a partir da dita data.

-Pólizas de crédito con vencemento non superior a un ano a partir da data dos estados financeiros aportados, ou no caso de pólizas con vencemento superior ó ano, o importe das amortizacións estipuladas nelas que teñan que realizarse no prazo dun ano a partir da dita data.

-Contratos de leasing con antigüidade mínima de 2 anos e con vencemento non superior a un ano a partir da data dos estados financeiros achegados.

Non poderán acollerse a este programa:

-As empresas que xa fosen totalmente reestructuradas mediante préstamos subvencionados nos anos 1993 a 1996, e aquelas empresas nas que a relación fondos propios/pasivo alleo sexa inferior a 25/75, salvo que previa ou simultaneamente adopten as medidas necesarias para acadar, polo menos, tal proporción.

-As empresas que se atopen legalmente incursas en suspensión de pagamentos ou quebra.

7.2.2. Programa de ampliación de capital:

O programa de ampliación de capital ten por obxecto a subsidiación ó tipo de xuro de préstamos a longo prazo destinados ó financiamento da toma de participación en ampliacións de capital de sociedades mercantís.

Poderán ser beneficiarios deste programa os socios actuais ou futuros de sociedades mercantís xa constituídas que soliciten financiamento alleo co obxecto de obter fondos con destino exclusivo á toma de participación nunha ampliación de capital con desembolso inicial do 100% dela, no marco dun acordo

de ampliación de capital xa adoptado pola xunta xeral da sociedade.

Os socios ós que se refire o parágrafo anterior poderán ser tanto persoas físicas como xurídicas, sen necesidade de cumpri-los requisitos establecidos nas cláusulas 2ª, 3ª e 6ª deste convenio para as empresas beneficiarias. Non obstante, as sociedades que amplíen o seu capital deberán cumpri-los requisitos establecidos nas tres cláusulas anteriores.

A sociedade emisora da ampliación deberá presentar ó Igape un diagnóstico e un plan estratéxico asinado pola empresa, do que, a xuízo do Igape, se deduza a viabilidade técnica, económica e financeira a longo prazo da empresa sobre a base dunhas perspectivas obxectivas en canto ás súas futuras condicións de funcionamento e que, en todo caso, comporte restablecemento do seu equilibrio financeiro.

As obrigas derivadas destes préstamos (garantías, xuros, amortizacións e outras calquera), serán por conta exclusiva do socio, sen que en modo ningún poidan repercutir ou subrogarse na sociedade emisora da ampliación.

Non poderán subsidiarse as ampliacións de capital no caso de que a empresa emisora efectuara nos exercicios 1994, 1995, 1996 ou 1997 unha reducción do capital social, agás que esta reducción fora destinada a compensación de perdas.

Cláusula 8ª.-Características das operacións de préstamo.

8.1. Importe dos préstamos e porcentaxe de financiamento:

O importe máximo conxunto de préstamo ou préstamos subsidiables ó amparo deste convenio para cada beneficiario e por cada un dos programas, será de 500 millóns de pesetas. Excepcionalmente, naqueles casos en que o Igape o xulgue de especial interese socioeconómico poderanse considerar importes de préstamo superiores.

Segundo o programa ó que se acollan os beneficiarios das axudas, os importes dos préstamos subsidiados serán os seguintes:

8.1.1. Programa de investimentos.

1.-O importe dos préstamos con dereito a subsidiación non poderá exceder con carácter xeral do 70% do investimento subvencionable, agás para os seguintes supostos, nos que se poderá acada-lo 95% dela:

a) Cando a operación se destine exclusivamente ó financiamento da modernización, reestructuración, renovación e equipamento de barcos de pesca de ata 350 T.R.B., sempre que cumpran as condicións establecidas pola U.E.

b) Cando a operación se destine exclusivamente a financia-la adquisicón de solo industrial en polígonos de promoción pública para a implantación dun proxecto investidor cualificado de subvencionable.

Cando o préstamo teña por destino exclusivo a adquisición de solo en polígonos industriais, será

necesario que a dita adquisición estea vinculada a un proxecto investidor individualizado que cumpra o establecido nas cláusulas do presente convenio, debendo o beneficiario comprometerse documentalmente ante o Igape a que o dito proxecto será executado antes do prazo de dous anos. Noutro caso, salvo causa xustificada, incorrerase nos supostos de perda da subvención establecidos na cláusula 13ª do convenio. A subsidiación non se fará efectiva mentres non se achegue a licencia definitiva de obra.

O importe mínimo do préstamo será de 5 millóns de pesetas, mentres que o investimento subvencionable non poderá ser inferior a 10 millóns de pesetas. Exceptúanse os proxectos de creación de empresas que obteñan o certificado do proxecto LANZA do programa LANZA do Igape, que poderán ser subvencionables aínda cando o investimento e o préstamo non acaden os ditos mínimos, sempre que reúnan os restantes requisitos esixidos no presente convenio.

En ningún caso o importe do préstamo subsidiado superará o importe do investimento subvencionable pendente de pagamento á data de presentación da solicitude no Igape.

8.1.2. Programa de reestructuración de pasivos.

O importe do préstamo con dereito a subsidiación determinarao o Igape a partir da análise das necesidades financeiras que se deriven do diagnóstico e do plan estratéxico presentados, dos estados financeiros da sociedade e do plan de cancelación de pasivos e limitarase ó estrictamente necesario para a reestructuración e restablecemento do equilibrio financeiro da sociedade.

En todo caso terase en conta á hora de determina-lo límite máximo da operación financeira subsidiable a correlación existente entre o inmobilizado neto da empresa e os seus recursos permanentes.

Os estados financeiros que se achegarán deberán se-las contas anuais da sociedade correspondentes ó exercicio 1996, unha vez aprobadas polo órgano de administración e presentadas no Rexistro Mercantil. No caso de que aínda non fosen presentadas no Rexistro Mercantil ou no caso de que sexan de data posterior ó 31.12.96, obrigatoriamente deberán vir auditadas por auditor independente.

8.1.3. Programa de ampliación de capital.

O volume do préstamo con dereito a subsidiación determinarao o Igape a partir da análise das necesidades financeiras que se deriven do diagnóstico e do plan estratéxico presentado e dos estados financeiros da sociedade e limitarse ó estrictamente necesario para a reestructuración e restablecemento do equilibrio financeiro da sociedade emisora, fixándose o límite máximo de ampliación subvencionable cando se acade a relación 55/45 entre fondos propios e pasivo alleo.

Os estados financeiros anteriores deberán se-las contas anuais da sociedade correspondentes ó exercicio 1996, unha vez aprobadas polo órgano de administración e presentadas no Rexistro Mercantil. No

caso de que aínda non fosen presentadas no Rexistro Mercantil ou no caso de que sexan de data posterior ó 31.12.96, obrigatoriamente deberán vir auditadas por auditor independente.

Para os efectos de determina-la contía global de capital que se vai subsidiar e efectuar, se é o caso, a pro rata entre os solicitantes, estes comunicarán por escrito á sociedade dentro dos 15 días seguintes á data do acordo de ampliación de capital, agás nos casos nos que o acordo sexa anterior á entrada en vigor deste convenio, a súa intención de acollerse a este programa así como a contía do préstamo que teñen previsto solicitar.

A sociedade remitirá ó Igape unha certificación da relación dos socios ou partícipes actuais ou futuros que pretendan acollerse ó programa, contía e a porcentaxe do capital que se vai subscribir e importe do préstamo que vai solicitar cada un deles.

Naqueles casos nos que o número de solicitantes vaia ser numeroso, o Igape poderá acordar coa sociedade emisora fórmulas de colaboración, con obxecto de facilita-la tramitación conxunta dos expedientes.

8.2. Prazos de subsidiación e amortización:

O prazo máximo de amortización do préstamo será, con carácter xeral, de 7 anos, incluído un ano, como máximo, de carencia. A subsidiación non poderá exceder dos 7 primeiros anos de vixencia da operación financeira. Excepcionalmene, no caso de préstamos do programa de investimentos que financien exclusivamente a adquisición de bens inmobles, poderá admitirse que os prazos de vixencia e carencia da operación sexan superiores a 7 e 1, respectivamente, se ben neste caso a subsidiación do Igape non superará os 7 primeiros anos de vixencia da mesma e será calculada como se o préstamo fose a 7 anos de vixencia, incluído un ano, como máximo, de carencia.

As amortizacións será realizadas polo prestatario en cotas trimestrais iguais, con vencemento o último día do trimestre natural, debendo recolle-la póliza ou escritura o número de cotas e as datas en que se producirán a primeira e a derradeira.

O importe das cotas de amortización deberá redondearse en miles de pesetas, acumulando na derradeira a diferencia ata completa-lo total do principal que se vai amortizar.

O préstamo poderá ser amortizado de forma anticipada, total ou parcialmente a vontade do prestatario. As amortizacións anticipadas que, se é o caso, realice voluntariamente o prestatario deberán aplicarse a reducir en igual contía as cotas de amortización restantes, sen que se produzan variacións no prazo de amortización do préstamo ou, alternativamente, poderán aplicarse en orde cronolóxica inversa ás datas de vencemento debendo de corresponder en contía a unha ou varias cotas completas.

A entidade financeira deberá comunicar puntualmente as ditas amortizacións anticipadas e o novo calendario de amortización ó Igape e, en calquera

caso, antes de presenta-la solicitude de cobramento da liquidación trimestral da subsidiación.

8.3. Axuda financeira, tipos de xuro, intervención das S.G.R., comisións.

8.3.1. Os puntos de xuro subsidiados en cada programa serán os seguintes:

a) Programa de investimentos:

A subsidiación non superará por tódolos conceptos os 5 puntos, agás para aqueles préstamos que acheguen aval de Sociedade de Garantía Recíproca (S.G.R.), caso no que se poderán acada-los 6 puntos.

Os criterios utilizados para a determinación dos puntos de subsidiación serán:

-Por actividade cualificada como subvencionable, tendo en conta ademais, se se trata de empresas de nova creación, a creación de emprego que o proxecto supoña, a incorporación de tecnoloxía avanzada, a utilización de materias primas autóctonas, o valor engadido que se xere, a orientación da producción cara á exportación, a adaptación ou mellora medioambiental: ata 2 puntos.

-Por actividade cualificada como preferente, tendo en conta ademais, se se trata de empresas de nova creación, a creación de emprego que o proxecto supoña, a incorporación de tecnoloxía avanzada, a utilización de materias primas autóctonas, o valor engadido que se xere, a orientación da producción cara á exportación, a adaptación ou mellora medioambiental: ata 3 puntos.

-Por localización preferente do proxecto investidor, de acordo co artigo 8 da Orde do 18 de abril: ata 1 punto.

Para os efectos deste convenio, consideraranse zonas especialmente desfavorecidas, de acordo co disposto no artigo 8.b) da Orde do 18 de abril, aqueles concellos nos que existe un abandono da población superior ó 15%, e que se incorporan ó presente convenio como anexo.

-Por investimentos preferentes, de acordo co artigo 9.3º. da Orde de 18 de abril: ata 1 punto.

-Por asociación empresarial de acordo co disposto no artigo 9.4º.1) da Orde de 18 de abril: ata 2 puntos.

-Por aval dunha Sociedade de Garantía Recíproca (S.G.R.): ata 1 punto.

No caso de que a un proxecto lle correspondese polos conceptos anteriores unha puntuación superior a 5 puntos ou, no caso de ter aval de S.G.R., a 6 puntos, reducirase proporcionalmente a puntuación por cada un dos conceptos que computen ata acada-la puntuación máxima arriba sinalada.

b) Programa de reestructuración de pasivos:

A subsidiación poderá acadar ata 2,5 puntos.

c) Programa de ampliación de capital:

A subsidiación poderá acadar ata 3, 5 puntos.

8.3.2. Tipos de xuro.

O tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo concertadas e acollidas ó presente convenio e o sistema de variación para exercicios futuros establécense do seguinte xeito:

Primeiro: o tipo de xuro nominal dos préstamos concertados a través do convenio de apoio financeiro ás pequenas e medianas empresas para 1997 fixarase para este ano no 7%.

Segundo: para os próximos exercicios, o mencionado tipo de xuro variará por semestres naturais de acordo coa seguinte norma:

a) Tipo de referencia: para o primeiro semestre de cada ano calcularase como a media aritmética simple dos tipos medios diarios do Mibor (Mercado Interbancario de Depósitos) a prazo de 6 meses, correspondentes ó mes de novembro do ano anterior. Para o segundo semestre será a media aritmética simple dos tipos medios diarios do Mibor a prazo de 6 meses correspondentes ó mes de maio do mesmo ano.

b) Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes sen que en ningún caso poida exceder de 1,25 puntos.

c) O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ó tipo de referencia, o tipo adicional que teñan pactado as partes. Se o tipo de xuro resultase con varios decimais, redondearase ata a máis próxima vixésima parte do punto.

O tipo de xuro de referencia para cada semestre será comunicado polo Igape ás entidades financeiras e publicado no Diario Oficial de Galicia.

8.3.3. Intervención das S.G.R.:

No caso de que a operación de préstamo estea avalada por una S.G.R., que subscriba este convenio, o tipo de xuro nominal indicado rebaixarase en 0,75 puntos. Estas sociedades poderán percibir polo importe do aval que presten unha comisión máxima anual del 1% sobre os saldos máximos garantidos cada ano, a dita comisión será integramente subvencionada polo Igape.

8.3.4. Evolución de tipos de xuro. Xuro nominal neto mínimo.

As variacións á alza do tipo de xuro serán a cargo exclusivamente dos beneficiarios, non provocando ningunha variación nos puntos de subsidiación.

O tipo de xuro do préstamo resultante para o beneficiario, é dicir, o nominal menos os puntos de subsidiación non poderá ser inferior ó 4%, rebaixándose, se é o caso, a subsidiación do Igape ata que o citado tipo de xuro acade a dita porcentaxe.

Non obstante, no caso de préstamos do programa de investimentos que financien proxectos que sexan preferentes por localización ou actividade e que creen emprego neto; o citado tipo mínimo non poderá ser inferior ó 3%.

8.3.5. Comisións.

As entidades financeiras prestamistas destas operacións poderán percibir por tódolos conceptos e dunha soa vez, unha comisión máxima dun 1%. A dita comisión non será subvencionable.

8.3.6. As referencias que se fan neste convenio ó tipo de xuro entenderanse sempre ó tipo de xuro nominal anual.

Cláusula 9ª.-Tramitación.

9.1. Modelo de solicitude e documentación.

A solicitude que hai que presentar deberase corresponder co modelo normalizado que para tal efecto se distribuirá e dará publicidade a través das entidades financeiras e do Diario Oficial de Galicia.

Ademais desta solicitude incluirase a seguinte documentación por duplicado:

A) Expedientes do programa de investimentos.

-Documentación acreditativa das circunstancias persoais do solicitante:

Persoas físicas:

* Fotocopia do DNI/NIF.

Persoas xurídicas:

* Fotocopia do CIF.

* Copia da escritura de constitución e dos estatutos debidamente rexistrada.

* Certificación dos administradores ou do secretario do consello de administración, co visto e prace do presidente, na que figure: a composición actual do consello, o detalle de accionistas con participación superior ó 10%, con indicación do nome ou razón social e da porcentaxe de participación, o número de traballadores actuais e o volume de negocios anual e activo total correspondente á data do último exercicio pechado.

* No caso de solicitudes que sexan de empresas participadas por sociedades en porcentaxe superior ó 25%, deberán presentar certificación das sociedades accionistas, emitida por representante con poder bastante, na que figure o seu número de traballadores actuais, o volume de negocios anual e activo total correspondente á data do útlimo exercicio pechado.

-Declaración xurada doutras axudas solicitadas para o mesmo proxecto, especificando o organismo ó que a solicitou, normativa legal que a ampara, data presentación, contía solicitada, situación administrativa e, se é o caso, importe concedido.

-Certificados de estar ó día nas obrigas fiscais e da Seguridade Social, emitidos polos organismos competentes.

-Certificación acreditativa de que o beneficiario non ten contraída débeda ningunha coa Xunta de Galicia.

-Fotocopia do último recibo pagado polo imposto de actividades económicas ou da alta no dito imposto.

-Memoria do investimento proxectado, que deberá conter:

Orzamento detallado e valorado, partida a partida, dos investimentos en inmobilizado material novo, en bens usados e en inmobilizado inmaterial, na orde establecida no impreso de solicitude. No caso de investimentos en terreos, inmobles e outras construccións e obras deberase indicar, ademais, a localización ou lugar en onde se realizen.

No caso de que parte do investimento estea pagado, deberán indicar no detalle anterior qué partidas están pagadas ou cál é a parte pagada de cada unha das partidas. Se non estivese pagada ningunha delas deberá indicarse expresamente que está na súa totalidade pendente de pagamento.

Esta memoria deberá estar datada e selada polo solicitante e selada pola entidade financeira, debendo quedar unha copia dela no expediente da entidade colaboradora.

-Para aqueles proxectos nos que estea prevista a realización de obras e construccións, deberán xuntar anteproxecto valorado delas, así como fotocopia compulsada da solicitude da licencia de obra ou da licencia definitiva expedida polo concello competente.

-No caso daqueles préstamos con destino exclusivo á adquisición de solo en polígonos industriais, declaración xurada do solicitante pola que se comprometa a executa-lo proxecto investidor asociado antes do prazo de 2 anos.

-Cando a adquisición se produza entre persoas ou entidades vinculadas segundo a definición contida na normativa do imposto sobre sociedades será preciso achegar unha valoración subscrita por sinatura de taxación independente.

-Nas solicitudes de axudas o proxecto das cales comporte a creación de emprego: declaración xurada do número de postos que se van crear e fotocopia do último TC1 e TC2.

-Os proxectos que soliciten préstamos superiores ós 75 millóns de pesetas deberán presentar unha memoria dos antecedentes da empresa ou dos seus promotores, a razón que aconsella a realización do proxecto, memoria do funcionamento, de investimentos, comercial e financeira e estudio de viabilidade asinado polo solicitante.

En calquera caso, cantos outros documentos e información adicional que se considere oportuna, a xuízo do Igape, para os efectos dunha correcta análise da solicitude.

B) Expedientes do programa de reestructuración de pasivos.

-Documentación acreditativa das circunstancias persoais do solicitante:

* Fotocopia do CIF.

* Copia da escritura de constitución e dos estatutos debidamente rexistrada.

* Certificación dos administradores ou do secretario do consello de Administración, co visto e prace do presidente, na que figure: a composición actual do consello, o detalle de accionistas con participación superior ó 10%, (indicando nome ou razón social e porcentaxe de participación), número de traballadores actuais, o volume de negocios anual e activo total correspondente á data do último exercicio pechado.

* No caso de solicitudes que sexan de empresas participadas por sociedades en porcentaxe superior ó 25%, deberán presentar certificación das sociedades accionistas, emitida por representante con poder bastante, na que figure o seu número de traballadores actuais, o volume de negocios anual e activo total correspondente á data do último exercicio pechado.

-Declaración xurada doutras axudas solicitadas para o mesmo concepto, especificando o organismo ó que se solicitou, normativa legal que a ampara, data de presentación, contía solicitada, situación administrativa e, se é o caso, importe concedido.

-Certificados de estar ó día nas obrigas fiscais e da Seguridade Social, emitidos polos organismos competentes.

-Certificación acreditativa de que o beneficiario non ten contraída débeda ningunha coa Xunta de Galicia.

-Fotocopia do último TC1 e TC2.

-Fotocopia do último recibo pagado polo imposto de actividades económicas ou da alta no dito imposto.

-Fotocopia compulsada das declaracións do imposto de sociedades dos dous últimos exercicios.

-Contas anuais completas aprobadas polo órgano de administración e presentadas no Rexistro Mercantil e, se é o caso, o informe de auditoría alí depositado, correspondentes ó exercicio 1996. No caso de que aínda non teñan sido presentadas no Rexistro Mercantil ou no caso de que sexan de data posterior ó 31.12.1996, obrigatoriamente deberán vir auditadas por auditor independente.

-Certificación da entidade financeira acerca dos pasivos que se solicitan para reestructurar, na que se indicará:

* Número de póliza ou contrato.

* Titular da operación.

* Tipo de operación.

* Data de formalización e vencemento.

* Nominal e saldo vivo á data da solicitude.

* No caso de pasivos con vencemento a longo prazo, o importe das amortizacións que se van realizar no prazo dun ano a partir da data dos estados financeiros aportados.

No caso de operacións de leasing, o nominal e o saldo vivo referiranse unicamente ó custo de adquisición do ben financiado.

-Fotocopia das pólizas ou contratos que se solicitan para reestructurar.

-Plan de cancelación de pasivos subscrito polo solicitante no que se indiquen as características dos pasivos que se van cancelar, o titular da débeda, a súa contía e a data do vencemento teórico da operación.

-Diagnóstico e plan estratéxico asinado pola empresa sobre a viabilidade técnica, económica e financeira a longo prazo da empresa sobre a base dunhas perspectivas obxectivas en canto ás súas futuras condicións de funcionamento e sobre o restablecemento do seu equilibrio financeiro. No caso de que a operación de reestructuración exceda no seu conxunto de 100 millóns de pesetas, o diagnóstico e o plan estratéxico anteriores deberán vir subscritos, ademais de pola empresa, por firma ou profesional independente de consultoría.

En calquera caso, cantos outros documentos e información adicional que se considere oportuna, a xuízo do Igape, para os efectos dunha correcta análise da solicitude.

C) Expedientes do programa de ampliación de capital.

1. Documentación relativa ó solicitante:

-Documentación acreditativa das circunstancias persoais:

a) Persoas físicas:

* Fotocopia do DNI/NIF.

b) Persoas xurídicas:

* Fotocopia do CIF.

* Copia da escritura de constitución e dos estatutos debidamente rexistrada.

-Certificados de estar ó día nas obrigas fiscais e da Seguridade Social, emitidos polos organismos competentes.

-Certificación acreditativa de que o beneficiario non ten contraída débeda ningunha coa Xunta de Galicia.

-Declaración xurada de outras axudas solicitadas para o mesmo concepto, especificando o organismo ó que ó solicitou, normativa legal que a ampara, data presentación, contía solicitada, situación administrativa e, se é o caso, importe concedido.

2. Documentación relativa á sociedade emisora da ampliación:

-Documentación relativa ás circunstancias persoais.

* Fotocopia do CIF.

* Copia da escritura de constitución e dos estatutos debidamente rexistrada.

* Certificación dos administradores ou do secretario do consello de administración, co visto e prace do presidente, na que figure: a composición actual do consello, o detalle dos accionistas con participación superior ó 10%, (indicando nome ou razón social e porcentaxe de participación), número de traballadores actuais, o volume de negocios anual e activo total correspondente á data do último exercicio pechado.

* No caso de solicitudes que sexan de empresas participadas por sociedades en porcentaxe superior ó 25%, deberán presentar certificación das sociedades accionistas, emitida por representante con poder bastante, na que figure o seu número de traballadores actuais, o volume de negocios anual e activo total correspondente á data do último exercicio pechado.

-Fotocopia do último TC1 e TC2.

-Fotocopia do último recibo pagado polo imposto de actividades económicas ou da alta no dito imposto.

-Fotocopia compulsada das declaracións do imposto de sociedades dos dous últimos exercicios.

-Contas anuais completas aprobadas polo órgano de administración e presentadas no Rexistro Mercantil e, se é o caso, o informe de auditoría alí depositado, correspondentes ó exercicio 1996. No caso de que aínda non teñan sido presentadas no Rexistro Mercantil ou no caso de que sexan de data posterior ó 31.12.1996, obrigatoriamente deberán vir auditadas por auditor independente.

-Diagnóstico e plan extratéxico asinado pola empresa sobre a viabilidade técnica, económica e financeira a longo prazo da empresa sobre a base dunhas perspectivas obxectivas en canto as súas futuras condicións de funcionamento e sobre o restablecemento do seu equilibrio financeiro.

-Certificación do secretario da Xunta Xeral co visto e prace do presidente sobre o acordo de ampliación de capital, detallando tódalas condicións del.

-Certificación emitida polo órgano de administración da sociedade na que faga consta-la relación de socios, accionistas ou partícipes que pretenden acollerse ó programa, contía, e porcentaxe de capital que se vai subscribir e importe do préstamo que se vai solicitar por cada un deles.

En calquera caso, cantos outros documentos e información adicional que se considere oportuna, a xuízo do Igape, para os efectos dunha correcta análise da solicitude.

9.2. Presentación das solicitudes.

As solicitudes presentaranse nas entidades financeiras segundo o modelo oficial xa citado, acompañadas pola documentación, por duplicado, que se sinala no epígrafe anterior segundo o programa de que se trate.

A entidade financeira datará e selará os cinco exemplares do modelo de solicitude, entregando ó solicitante a cuarta copia, quedándose coa 3ª copia e remitindo ó Igape o orixinal e a 1ª copia e a consellería sectorial por razón da materia a 2ª copia. Así mesmo, deberá centraliza-la recepción das solicitudes unha vez seladas polas súas distintas sucursais, tendo un prazo de 30 días para resolve-la petición de préstamo.

As entidades financeiras deberán presentar no Rexistro Xeral do Igape os expedientes coa documentación completa acompañada da concesión do préstamo (segundo modelo que se xunta) e o aval da S.G.R., se é o caso. O último día hábil para a súa presentación

será o 14 de novembro de 1997, debendo presentar, ademais, un exemplar na consellería sectorial por razón da materia.

A presentación dos expedientes no Igape deberase realizar mediante escrito no que se relacionen os expedientes que se xuntan (número, nome e importe), indicando a qué consellería sectorial remitiron a segunda copia.

No caso de operacións avaladas por unha S.G.R., estas poderán tramitar directamente as solicitudes e a documentación, tanto ó Igape como á consellería sectorial, sempre e cando veñan acompañadas da comunicación de concesión do préstamo pola entidade financeira e pola certificación de concesión do aval.

As solicitudes correspondentes ó programa de investimentos presentadas por sociedades civís ou comunidades de bens deberanse tramitar a nome dos titulares que formalizarán o préstamo, seguido da denominación da sociedade civil ou comunidade de bens.

O Igape reclamaralles á entidade financeira e ó interesado aqueles documentos preceptivos que deban acompañar á solicitude, debendo presentarse estes no prazo improrrogable de 15 días hábiles a partir da data de notificación ó interesado; trancorrido este procederase ó arquivo do expediente sen máis trámite. Ademais poderá solicita-los datos adicionais que estime convenientes para precisa-lo contido ou alcance do proxecto presentado.

9.3. Concesión.

O Igape resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas no prazo máximo de 4 meses desde a recepción da solicitude. As solicitudes de axuda que non fosen resoltas no dito prazo poderán considerarse desestimadas.

O Igape notificaralle ó solicitante e comunicaralle á entidade financeira e á S.G.R., se é o caso, a concesión ou denegación da subsidiación. Nos casos de resolucións de concesión, previamente á formalización ou adaptación do préstamo, o beneficiario deberá aceptar expresamente a dita resolución. A aceptación formalizarase na copia da resolución que para tal efecto remitirase xunto coa resolución de concesión.

9.4. Formalización.

A correspondente escritura ou póliza de préstamo formalizarase entre a entidade financeira e o solicitante, de acordo coas seguintes condicións:

a) Programa de investimentos:

A partir da entrada en vigor deste convenio, a entidade financeira poderá formaliza-los préstamos cos seus clientes, logo de presentación da solicitude no Igape, respectando as condicións xerais establecidas nel.

Unha vez comunicada a resolución de concesión do Igape deberán incluír un anexo á póliza de préstamo, intervido por persoa que dea fe público, no que se faga consta-las características establecidas na dita resolución.

Se o préstamo se formaliza con posterioridade á data de notificación da resolución de concesión, deberá recolle-la característica de estar acollido ás axudas previstas neste convenio e a este programa (clave 1/97); figurará na póliza ou escritura o tipo de xuro nominal anual da operación para o ano 1997 e o sistema de variación para os próximos exercicios e os puntos de subsidiación concedidos, así como a obrigatoriedade de aplicalo ó pagamento do investimento aprobado.

O prazo máximo para a formalización do préstamo, ou, se é o caso, adaptación da póliza ás condicións da resolución do Igape será de 5 meses, contados desde a data de notificación da concesión ó interesado a partir do dito prazo a concesión se considerará nula, agás autorización expresa do Igape, á vista da solicitude de prórroga razoada do beneficiario e coa conformidade da entidade financeira.

A entidade financeira remitiralle ó Igape, coa maior brevidade, unha fotocopia da póliza ou escritura de préstamo e, se é o caso, o correspondente anexo, antes de presenta-la primeira certificación de xustificación de investimentos.

b) Programa de reestructuración de pasivos:

O préstamo deberá recolle-la característica de estar acollido a este convenio e o programa de reestructuración de pasivos (clave 3/97). Figurará na póliza ou escritura o tipo de xuro nominal anual da operación para o ano 1997, o sistema de variación para os próximos exercicios e os puntos de subsidiación concedidos.

O prazo máximo para a formalización do préstamo a partir da data da comunicación da concesión será de tres meses, a partir do que esta se considerará nula, agás autorización expresa polo Igape, e á vista da solicitude de prórroga razoada do beneficiario e coa conformidade da entidade financeira.

A entidade financeira poderá formaliza-lo préstamo por un importe menor ó fixado como límite na resolución, cando o plan de cancelación de pasivos, como consecuencia do desfase temporal entre a solicitude e disposición, reducise o importe das débedas, sempre que se produzan sobre os mesmos pasivos financeiros especificados no plan.

A entidade financeira remitirá, coa maior brevidade, fotocopia da póliza ou escritura do préstamo ó Igape e en calquera caso antes de presenta-la solictude de cobramento da subsidiación.

c) Programa de ampliación de capital:

O préstamo deberá recolle-la característica de estar acollido a este convenio e ó programa de ampliación de capital (clave 5/97). Figurará na póliza ou escritura o tipo de xuro nominal anual para o ano 1997, o sistema de variación para os próximos exercicios e os puntos de subsidiación concedidos, así como a obrigatoriedade de aplicalo á ampliación de capital acordada pola xunta xeral.

A formalización dos préstamos que correspondan á ampliación de capital de cada sociedade poderá

efectuarse a través de varias entidades financeiras, non obstante, a sociedade emisora da ampliación abrirá unha única conta corrente específica na que se efectuarán os aboamentos que correspondan ós desenvolsos dos préstamos subsidiados, remitindo ó Igape o estracto dela ó finaliza-lo prazo da ampliación.

O prazo máximo para a formalización do préstamo a partir da data de comunicación da concesión será de tres meses, a partir do que esta se considerará nula, agás autorización expresa polo Igape, e á vista da solicitude de prórroga razoada do beneficiario e coa conformidade da entidade financeira.

A entidade financeira remitirá, coa maior brevidade, fotocopia da póliza ou escritura do préstamo ó Igape, e en calquera caso antes de presenta-la solicitude de cobramento da subsidiación.

9.5. Disposición.

Os beneficiarios das axudas deberán xustificar á entidade financeira á disposición dos fondos da operación financeira subsidiada, a súa aplicación ás finalidades para as que foi concedida, de acordo co establecido para cada un dos programas:

a) Programa de investimentos:

O período de disposición non poderá abarcar un prazo superior a un ano a partir da data de formalización do préstamo e nunca poderá supera-la data da primeira amortización do préstamo.

Á formalización do préstamo, ou en todo caso previamente á utilización dos fondos, a entidade financeira requirirá ós beneficiarios a documentación (facturas, contratos, certificacións de obras, etc.) que acredite a execución do investimento subvencionable, pagado e pendente de pagamento. A disposición dos fondos irá destinada ós pagamentos pendentes do investimento. Non se establece restricción en canto ó número de disposicións, así como á contía correspondente a cada unha delas, sempre que o importe no seu conxunto non exceda da porcentaxe -préstamo subvencionado/investimento subvencionado- segundo a resolución de concesión.

Unha vez formalizado o préstamo, as disposicións realizaranse a través dunha conta específica na que se reflectirán única e exclusivamente os movementos habidos neste.

A entidade financeira deberá conservar copias cotexadas dos documentos que xustifiquen o investimento total subvencionado, así como dos medios utilizados para o seu pagamento, enviando esta documentación acompañada do estracto da conta específica ó Igape, cando practiquen a primeira e, se é o caso, a segunda xustificación do investimento.

b) Programa de reestructuración de pasivos:

O período de disposición non poderá ser superior a un mes a partir da data de formalización do préstamo. A contía das disposicións será exactamente igual ó importe dos pasivos financeiros a curto prazo que cancelen ou, se é o caso, modiquen e o seu número dependerá en cada caso concreto. A entidade financeira

non permitirá disposicións nas que non estea debidamente xustificado o importe idéntico de cancelación ou modificación de pasivos financeiros a curto prazo incluídos no plan de cancelación de pasivos presentados polo solicitante ante o Igape e a entidade financeira.

As disposicións realizaranse a través dunha conta específica asociada ó préstamo subsidiado na que se reflectirán única e exclusivamente os movementos habidos neste.

A entidade financeira deberá conservar copias cotexadas cos orixinais dos documentos que xustifiquen as diposicións e as paralelas cancelacións ou modificacións dos pasivos financeiros incluídos no plan de cancelación de pasivos para a súa posterior remisión ó Igape xunto co extracto da conta específica asociada ó prestamo, de conformidade co disposto na cláusula 10.2.b) deste convenio.

c) Programa de ampliación de capital:

O período de disposición non poderá ser superior a un mes a partir da data de formalización do préstamo. O importe íntegro da disposición destinarase ó ingreso na conta específica da sociedade emisora establecida na cláusula 9.4.c), da participación de capital subscrita. A disposición do préstamo será dunha soa vez no momento do outorgamento de escritura pública de ampliación de capital.

As disposicións realizaranse a través dunha conta específica asociada ó préstamo subsidiado, na que se reflectirán única e exclusivamente os movementos habidos neste.

A entidade financeira deberá conservar copias cotexadas cos orixinais dos documentos que xustifiquen a disposición e o paralelo aboamento na conta específica de ampliación de capital da sociedade emisora para a súa posterior remisión ó Igape xunto co estracto da conta específica asociada ó préstamo, de conformidade co disposto na cláusula 10.2.b) deste convenio.

9.6. Incidencias.

a) Cambio de titularidade da axuda financeira: os activos nos que se materialice o investimento, se é o caso, deberán manterse durante a vixencia do préstamo. Poderase solicitar cambio de titularidade da axuda financeira naquelas operacións xa formalizadas e para tódolos programas, nos casos de transformación de empresas individuais en sociedades e nos de modificación da forma da sociedade, sempre que se recolla na escritura o traspaso da totalidade dos dereitos e obrigas, comprometido no proxecto subvencionado, se é o caso; nos casos de fusión e absorción de sociedades procederase de xeito análogo. A citada documentación deberá ser enviada a través da entidade financeira ó Igape, para que se proceda, se é o caso, á autorización do cambio de titularidade da axuda.

Tamén se considerará que cumpre esta condición se os bens financiados son substituídos por outros da mesma natureza e destino, non podendo obter ningún tipo de axuda financeira para estes. Nos caso

nos que non existan investimentos deberán manterse as condicións que fixeron posible ó acceso á axuda.

b) Cambio de entidade financeira: naquelas axudas concedidas nas que o titular solicite a formalización do préstamo noutra entidade financeira colaboradora distinta da que tramitase a solicitude deberá solicita-lo cambio de entidade financeira a través da nova entidade prestamista, acompañando nova comunicación de concesión do préstamo e declaración xurada de que non existe variación na documentación do expediente, enviando toda esa documentación ó Igape, para que se proceda, se é o caso, á autorización do cambio solicitado.

c) Modificación dos plans de investimento: poderá aceptarse sempre que non supoña un cambio na natureza do ben nin se desvirtúe o proxecto. Se o cambio supón variacións totais na contía do investimento subvencionable, deberá solicitarse a dita modificación, a través da entidade financeira, previamente á formalización do préstamo ou, en todo caso, á utilización dos fondos, ante o Igape, xuntando unha memoria explicativa do cambio. Só se aceptarán modificacións que impliquen unha reducción da contía do investimento, podendo o Igape, no caso de autoriza-la modificación solicitada, acomoda-la contía do préstamo subvencionable á porcentaxe máximo de financiamento sinalado na cláusula 8ª. Nos casos de préstamos xa formalizados e dispostos, acomodarase o importe do préstamo subvencionable rebaixándoo proporcionalmente á reducción do investimento subvencionable, ó igual que nos casos de incumprimento parcial.

Nos préstamos nos que proceda unha reducción na contía deles, esta efecturase mediante amortización anticipada, aplicándose proporcionalmente sobre cada unha das cotas de amortización restantes, sen que se produzan variacións sobre o prazo de amortización do préstamo ou, alternativamente poderán aplicarse en orde cronolóxica inversa ás datas de vencemento, debendo corresponder en contía a unha ou varias cotas completas.

O procedemento e documentación que hai que acompañar á solicitude será o mesmo que no caso anterior.

O resto das incidencias que poidan producirse en calquera dos programas deste convenio poderán admitirse despois da solicitude do interesado, coa conformidade da entidade financeira, sempre que estean xustificadas e non desvirtúen a finalidade da subsidiación.

Cláusula 10ª.-Liquidación.

10.1. Liquidación de xuros.

A liquidación periódica de xuros, ó igual que as amortizacións, será realizada trimestralmente pola entidade financeira ó beneficiario, o último día do trimestre natural.

Os trimestres serán sempre de 90 días e tódolos meses de 30 días, computándose estes, para a liquidación, desde a data de disposición incluída esta.

10.2. Liquidación da subsidiación.

a) Liquidación da subsidiación do programa de investimentos.

O cálculo da subsidiación será realizada por parte da entidade financeira por períodos trimestrais que o remitirán ó Igape segundo o procedemento establecido na cláusula 11ª.

En tanto non estean presentadas as certificacións de xustificación de investimentos, pola totalidade do investimento, as liquidacións calcularanse sobre o importe do préstamo que corresponda ó investimento xustificado coa matización do parágrafo seguinte. A partir da xustificación total do investimento as posteriores liquidacións da subsidiación realizaranse sobre o saldo vivo teórico do préstamo.

A xustificación do investimento realizarase a través de certificacións de xustificación de investimentos emitidas pola entidade financeira, podéndose realizar como máximo dúas certificacións. A primeira deberá acadar como mínimo o 50% do investimento subvencionable. Se se realiza unha segunda esta debe ser complementaria da primeira ata a xustificación total do investimento.

A entidade financeira esixiralles ós benefeciarios copias cotexadas dos documentos que xustifiquen a realización do investimento subvencionable así como os documentos xustificativos do pagamento, que remitirán ó Igape acompañando ás citadas certificacións de xustificación de investimentos.

As certificacións de xustificación de investimentos que debe realiza-la entidade financeira deberán conter alomenos os datos do importe do investimento subvencionable xustificada e a porcentaxe que representa respecto da totalidade do investimento aprobada; a parte do préstamo disposto utilizado para o pagamento do investimento xustificado; a data valor da xustificación do investimento, que se define como a última data de pagamento do investimento xustificado na certificación; indicación de se se trata de primeira, única ou segunda e complementaria. Neste último caso deberán reflectirse os datos sinalados anteriormente, correspondentes á primeira certificación e a data en que esta foi presentada, así como o resumo total do investimento xustificado e o importe disposto do préstamo e as porcentaxes correspondentes entre investimento xustificado e préstamo disposto.

No caso de que na única ou na última certificación de xustificación de investimentos non se alcance o 100% do investimento subvencionable aprobado na resolución, deberá acompañar, a entidade financeira, unha solicitude de modificación da resolución, asinada polo empresario, para adaptala ó proxecto realizado e xustificado.

Para o cálculo da subsidiación tomarase como data inicial a data valor de xustificación de investimentos que figura na certificación de xustificación de investimentos, emitida pola entidade financeira e os puntos subsidiados aplicaranse ó importe do préstamo disposto que corresponda ó investimento xustificado, de acordo co ratio-préstamo subsidiado/investimento aprobado-determinado na resolución de concesión;

unha vez xustificada a totalidade do investimento as posteriores liquidacións de subsidiación realizaranse sobre o saldo vivo teórico do préstamo.

No caso de que o préstamo fose formalizado con anterioridade á concesión, conforme o disposto no primeiro parágrafo, da cláusula 9.4.a) anterior, a data valor da certificación de investimento non poderá ser anterior á data da resolución.

Os trimestres serán sempre de 90 días e os meses de 30 días.

O prazo máximo para lles remitir ás entidades financeiras as certificacións de xustificacións de investimentos será de 4 meses, contados a partir da data de terminación do período de disposición; o Igape poderá conceder prórroga por solicitude razoada do empresario, tramitada a través da entidade financeira.

b) Liquidación da subsidiación nos programas de reestructuración de pasivos e ampliación de capital.

A liquidación das subsidiacións por parte da entidade financeira ó Igape efectuarase trimestralmente, calculándose sobre o saldo vivo trimestral do préstamo, agás para o ano de carencia no que os puntos subsidiados se aplicarán sobre a base do préstamo efectivamente disposto e do tempo transcorrido desde cada disposición ata o vencemento do correspondente trimestre.

As entidades financeiras, previamente ou xunto á liquidación de subsidiación, remitirán ó Igape copias cotexadas cos orixinais, seladas e asinadas por ela, dos documentos que xustifiquen as disposicións e as paralelas cancelacións ou modificacións dos pasivos financeiros incluídos no plan de cancelación de pasivos ou que xustifiquen a disposición e o paralelo aboamento na conta específica de ampliación de capital da sociedade emisora, segundo o programa de que se trate, acompañadas do extracto da conta específica.

Así mesmo, nos casos de expedientes do programa de ampliación de capital, deberá remitir copia da escritura de ampliación de capital.

Os trimestres consideraranse de 90 días e tódolos meses de 30 días. O cómputo dos días para a liquidación realizarase desde a data de disposición, incluída esta.

Cláusula 11ª.-Pagamento da subsidiación.

O pagamento da subsidiación ós beneficiarios realizarase trimestralmente a través da entidade financeira.

As entidades financeiras solicitarán ó Igape o pagamento da subsidiación dentro dos 5 primeiros días do trimestre natural seguinte ó que corresponde a liquidación. Xuntarán á dita solicitude as liquidacións trimestrais en formato de listas ou relacións individualizadas dos préstamos ordenados alfabeticamente, separadas polos distintos programas, onde figuren os seguintes datos:

-Para o programa de investimentos: o capital vivo teórico na data de inicio do trimestre que se liquida; as variacións no capital vivo que se produciran ó longo

do trimestre e a data na que se produciron e, naqueles préstamos nos que se presentase nese trimestre certificación de xustificación de investimentos, o importe do préstamo disposto con dereito a subvención e a data valor; o tipo de xuro; os puntos obxecto de subsidiación e o importe da subvención que corresponde, certificando a autenticidade deses datos.

As liquidacións trimestrais, para este programa de investimentos, presentaranse en dous grupos diferenciados de préstamos:

1ª. Para aqueles préstamos excepcionais previstos na cláusula 8.2, formalizados a máis de 7 anos, presentarase liquidación individualizada de cada un deles.

2ª. A liquidación da subvención do resto dos préstamos efecturase do xeito xeral descrito anteriormente.

-Para os programas de reestructuración de pasivos e ampliación de capital: o capital vivo teórico na data de inicio do trimestre que se liquida; as variacións no capital vivo que producisen ó longo do trimestre e a data na que se produciron e, naqueles préstamos nos que se presentase nese trimestre a xustificación das disposicións, o importe do préstamo con dereito a subvención e a data a partir da que se liquida a subvención; o tipo de xuro; os puntos obxecto de subsidiación e o importe da subvención que corresponda, certificando a autenticidade deses datos.

O beneficiario do préstamo subsidiado pagará ó seu vencemento o tipo de xuro total da operación, segundo o establecido na cláusula 8.3.2. deste convenio; a entidade financeira deberá aboa-la subsidiación ó beneficiario na mesma data valor na que o Igape a ingrese na dita entidade.

As liquidacións practicadas serán a conta e provisionais, en tanto o Igape non realice a oportuna comprobación, que poderá efectuarse durante o período de vixencia do préstamo. Nos casos de erros nas liquidacións de subsidiación, o Igape procederá á súa corrección podendo compensa-las cantidades indebidamente aboadas coas posteriores liquidacións de subsidiación.

Cláusula 12ª.-Proxectos e operacións especiais.

Dentro dos programas e fins previstos no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, e neste convenio, nos casos de proxectos e operacións que pola súa natureza e contía requiran prazos de realización, disposicións financeiras, sindicación de préstamos e outros que superen os límites establecidos neste convenio, poderá establecerse un tratamento individualizado, no referente ó condicionado xeral.

Cláusula 13ª.-Perda da subvención.

1. No caso de reclamación xudicial por instancia da entidade financeira, por incumprimento do contrato de préstamo e, nos de suspensión de pagamentos ou quebra do beneficiario, perderase o dereito á subsidiación ó tipo de xuro desde a data de presentación da reclamación ou da aceptación das anteriores declaracións no xulgado. Igualmente, perderase o dereito

á subsidiación no caso de cesamento da actividade subvencionable desde a data de baixa.

2. Procederase ó reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e á esixencia de xuros de demora desde o devengo de calquera pagamento con cargo á subvención concedida nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obte-la subvención sen reuni-los requisitos requiridos para isto.

c) Incumpri-la finalidade para a que a subvención foi concedida.

d) Incumpri-las condicións impostas ó beneficiario con motivo da concesión da subvención.

Tratándose de condicións referentes á contía do investimento, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ó investimento non practicado ou practicado indebidamente. Se o incumprimento superara o 50 por 100 do investimento a que se obrigase o beneficiario, poderá entenderse que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse tódalas cantidades percibidas.

Se o incumprimento derivara da inobservancia dalgunha outra condición o suposto distinto, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida, sempre e cando quede salvagardado o plan de viabilidade que, se é o caso, se presentase.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta delas.

Transcorridos 30 días naturais desde a data de notificación do correspondente acordo de cancelación da subvención sen que se efectuase o ingreso da cantidade esixida nel, procederase ó seu cobramento por vía de constrinximento.

3. Así mesmo, o Igape poderá esixi-las correspondentes responsabilidades ás partes implicadas nos convenios de colaboración, no caso de actuación con neglixencia grave ou dolo, en detrimento do cumprimento das finalidades destas subvencións.

A entidade financeira queda obrigada a lle comunicar ó Igape a relación detallada das operacións obxecto de reclamación xudicial e as que incorran en quebra ou suspensión de pagamentos con indicación da data de presentación ou aceptación no xulgado.

Cláusula 14ª.-Compatibilidade.

Non poderán acollerse ás axudas establecidas neste convenio aqueles proxectos que se vaian financiar, en todo ou en parte, mediante préstamos que teñan calquera tipo de subvención encamiñada a mellora-las condicións financeiras respecto ás normais do mercado.

A concesión das axudas deste convenio queda supeditada ó cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Nos ditos termos serán compatibles con calquera outra axuda pública, pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán supera-los límites establecidos pola Unión Europea.

En todo caso serán de aplicación os límites de axudas previstos no artigo 7.2.a) do Decreto 309/1995, do 23 de novembro.

Para o cálculo da intensidade da axuda de subvención ó tipo de xuro procederase do seguinte xeito:

-Calcularanse en pesetas correntes os valores absolutos das subvencións que se van percibir.

-Actualizaranse, ó ano da concesión das axudas, os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro.

Cláusula 15ª.-Responsabilidade subsidiaria.

A entidade financeira que asina el presente convenio comprométese a responder subsiariamente e de forma solidaria co beneficiario da devolución e pagamento do importe das subvencións indebidamente percibidas, cando se cumpran os seguintes supostos:

a) Cando por neglixencia grave ou dolo da entidade financeira que asina este convenio se permitira dispoñer indebidamente dos fondos da conta restrinxida do préstamo, sen presentación por parte dos beneficiarios dos correspondentes xustificantes, ou ben estes se refiran de maneira clara e manifesta a bens substancialmente distintos ós incluídos no proxecto de investimento.

b) Que do uso indebido da conta se derivase un emprego de fondos distinto das finalidades previstas nestas axudas ás pequenas e medianas empresas e iso dese lugar a unha resolución administrativa firme de obriga da devolución das subvencións indebidamente percibidas.

Non se considerarán nos supostos anteriores os simples erros materiais ou aritméticos nos que non interveña culpa nin dolo.

Cláusula 16ª.-Normas operativas.

As entidades financeiras asinantes comprométense a acatar e cumprir cantas normas de carácter operativo sexan dictadas polo Igape para a mellor administración e control das operacións incluídas no convenio.

Cláusula 17ª.-Información e inspección.

O Igape, por medio dos seus propios órganos, poderá solicitar ás entidades financeiras aclaracións á documentación que deberán enviar unha vez realizada a disposición total do préstamo e que se sinala na cláusula 9.5 e ó longo de toda a vixencia do préstamo.

Igualmente, poderá solicitar das S.G.R. a remisión da documentación que acredite a execución do investimento, correspondente ós beneficiarios ós que prestase o seu aval.

O Igape poderá proceder á inspección directa dos investimentos que realicen os beneficiarios destas axudas.

Cláusula 18ª.-Denuncia do convenio.

Será causa suficiente para a denuncia do presente convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas cláusulas.

A denuncia, que deberá facerse cun aviso previo de 30 días, supoñerá en todo caso deixar atendidas fronte ós beneficiarios as obrigas xa legalmente contraídas polas dúas partes.

Cláusula 19ª.-Compromiso das entidades financeiras.

1. A entidade financeira que subscribe o presente convenio comprométese a concede-los préstamos nos termos e condicións establecidas neste convenio, no Decreto 309/1995, do 23 de novembro e Decreto 29/1997, do 20 de febreiro, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, na Orde do 18 de abril de 1996 da Consellería de Economía e Facenda e na orde da Consellería de Economía e Facenda de 24 de febreiro de 1997 que modifca a do 18 de abril de 1996.

A entidade financeira, antes do 20 de setembro de 1997, enviará por escrito ó Igape, referido á data do último día hábil do mes de agosto, a relación de peticionarios por cada un dos programas deste convenio ós que lles foron concedidos préstamos, engadindo, se é o caso, unha relación das solicitudes que estean en trámite. Na comunicación, para o caso das solicitudes aprobadas, deberá facerse consta-lo número de expediente e importe concedido. Unha relación similar deberá enviarse ó Igape antes do 21 de outubro de 1997 referida ó 15.10.1997.

2. A entidade asinante comprométese igualmente a non conceder préstamos sen a autorización do Igape por unha contía superior a... millóns de pesetas.

Así mesmo, a entidade financeira asinante comprométese a respectar, segundo o establecido no artigo 11 da Orde de 18 de abril de 1996 e orde da Consellería de Economía e Facenda do 24 de febreiro de 1997 que modifica a do 18 de abril de 1996, as proporcións fixadas no citado artigo do 40% (... millóns de pesetas) para actividades subvencionables e do 60% (... millóns de pesetas) para actividades, localización ou investimentos preferentes sobre a cota asignada de... millóns de pesetas conxuntamente para este convenio e para o convenio Igape/ICO/Entidades Financeiras.

Cláusula 20ª.-Seguimento do convenio.

O seguimento do convenio realizarase a través dunha comisión de vixilancia e seguimento, integrada pola entidade financeira, a S.G.R. e representantes do Igape que terán reunións con periodicidade trimestral ou ben convocando separadamente a cada unha delas.

O Igape fará públicos os resultados do convenio de forma periódica.

Cláusula 21ª.-Publicidade.

As entidades financeiras asinantes comprométense a amosar nas súas distintas sucursais a publicidade facilitada polo Igape e a colaborar na correcta difusión desta liña de axudas.

Co obxecto de lograr maior coordinación, os proxectos e campañas publicitarias que, se é o caso, realicen as entidades financeiras sobre este convenio, deberán contar co visto e prace previo do Igape.

Cláusula 22ª.-Natureza.

O presente convenio ten natureza administrativa correspondendo ó Igape a interpretación do seu contido.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 1997.

Pola entidade financeira Polo Igape

Asdo.: José Antonio Orza Fernández

DNI:Presidente do Instituto Galego

de Promoción Económica

MODELO DE COMUNICACIÓN CONCESIÓN DO PRÉSTAMO

Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)

Rfa.: convenio Igape-Entidades financeiras-97

r/ Frei Rosendo Salvado, 16 baixo

Santiago de Compostela.

Estimados señores:

Estudiada a solicitude de préstamo presentada nesta entidade financeira, acollida ós beneficios regulados polo decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, o Decreto 29/1997, do 20 de febreiro, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, a orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996 e a orde da Consellería de Economía e Facenda do 24 de febreiro de 1997 que modifica a do 18 de abril de 1996, e acollida ó convenio de colaboración arriba referenciado, comunicámoslles que foi concedido o préstamo coas características que se detallan:

Beneficiario

Código do programa: (/97)

Nº expediente

Data da solicitude na entidade financeira

Oficina

Importe

Prazo de vixencia

Período de carencia

Tipo de xuro

Amortización

Garantías (só se ten aval de S.G.R.)

Xuntamos orixinal e 1ª copia do impreso de solicitude e a documentación completa esixida para o efecto. Así mesmo, comunicamos que con esta mesma data remitímoslle-la 2ª copia da solicitude e unha copia da documentación esixida ós servicios centrais da Consellería de ...

Data e sinatura,

Concellos das provincias da Coruña e Pontevedra nos que existe un abandono de poboación superior a un 15%

-Provincia da Coruña: Moeche, Somozas (As), Monfero, Mesías, Sobrado, Val do Dubra, Toques, Cesuras, Paderne, Boqueixón, Mañón, Vilarmaior, Vilasantar, Baña (A), Laxe, Ortigueira e Capela (A)

-Provincia de Pontevedra: Cotobade, Lama (A), Vila de Cruces, Estrada (A), Forcarei e Covelo (O)

ANEXO II

Relación de entidades financieras colaboradoras

Caixas: Caixa Galicia, Caixa Ourense, Caixa Pontevedra, Caixa Rural de Lugo, Caixa Vigo, Caja Postal, e Caja de Ahorros y Pensiones de Barcelona.

Bancos: Banco Asturias, Banco Atlántico, Banco Bilbao Vizcaya, Banco Central Hispano, Banco Comercio, Banco Español de Crédito, Banco Espirito Santo, Banco Etcheverría, Banco Exterior de España, Banco de Galicia, Banco Gallego, Banco Herrero, Manco Mafre, Banco Pastor, Banco Popular, Banco Sabadell, Banco Santander, Banco Simeón, Banco Urquijo, Banco Zaragozano, Bankinter, Deutsche Bank e Hispamer Banco Financeiro.

S.G.R.: Afigal e Sogarpo.

2177