Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Mércores, 19 de marzo de 1997 Páx. 2.497

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación no, Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Mecanismos Auxiliares Industriales, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Mecanismos Auxiliares Industriales, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 22-1-1997, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 2-7-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Tercero.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 6 de febreiro de 1997.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Mecanismos Auxiliares Industriales, S.A.

MAISA Vigo

A) Conceptos xerais.

1. Ámbito territorial.

O presente convenio regulará as relacións laborais e económicas da empresa Mecanismos Auxiliares Industriales, S.A. (MAISA), sita en Vigo, Camiño do Caramuxo, nº 55.

1.1. Ámbito funcional.

As condicións pactadas neste convenio sono na súa globalidade, e terán un carácter de mínimos obrigatorios.

2. Vixencia.

As normas estipuladas no presente convenio entrarán en vigor a partir da sinatura da acta de compromiso, se ben os seus efectos salariais serán a partir do 1 de xaneiro de 1996.

3. Duración.

A duración do convenio será desde o 1 de xaneiro de 1996 ó 31 de decembro de 1996.

4. Prórroga.

Se ningunha das partes denunciase o convenio o 31-12-1996, prorrogarase tacitamente a súa vixencia de ano en ano.

5. Denuncia.

A denuncia do convenio presentarase con tódolos requisitos legais, cunha antelación mínima de tres meses á data de remate da vixencia del ou calquera das súas prórrogas.

6. Absorción e compensación.

As condicións que se establecen neste convenio absorberán e compensarán, en cómputo anual, calquera outra existente no momento da súa entrada en vigor e as que no futuro puidesen establecerse ata onde alcancen.

7. Garantías persoais.

Respectaranse as situacións persoais que con carácter global excedan do presente convenio.

8. Vinculación á totalidade.

8.1. As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación, serán considerados globalmente.

8.2. No suposto de que a autoridade laboral competente, no exercicio das facultades que lle son propias, non o aprobase na súa totalidade quedaría sen eficacia práctica, debendo considerarse de novo o seu contido.

9. Comisión paritaria.

Para a aplicación, interpretación e cantas xestións se deriven deste convenio, créase unha comisión paritaria composta por cinco membros do comité de empresa, cinco representantes da dirección e o presidente da Mesa Negociadora do convenio.

B) Conceptos laborais.

10. Productividade.

10.1. Aplicarase o sistema definido e desenvolvido no plan de productividade establecido pola empresa e aprobado pola autoridade laboral correspondente.

10.2. Nos procesos de traballo nos cales non haxa acordo, o comité de empresa terá dereito a coñece-lo contido del e a súa cronometraxe. Ademais nestes casos o proceso deberá estar por escrito.

10.3. Créase unha comisión paritaria, composta por tres membros do comité de empresa e tres representantes da dirección, para tratar sobre incentivos, aforro de custos e productividade. Os posibles resultados iranse implementando a medida que se chegue a acordo co comité de empresa sobre a materia.

11. Cambios de posto de traballo.

11.1. A empresa establecerá curvas de aprendizaxe para cada posto de traballo. As bases técnicas utilizadas para a súa realización presentaranse razoadamente ó comité de empresa.

11.2. Todo cambio de posto de traballo rexerase polo disposto na curva de aprendizaxe do dito posto.

11.3. Rematado o período establecido na curva de aprendizaxe, o traballador percibirá o salario correspondente ó novo posto de traballo que ocupe (o cal nunca poderá ser inferior ó salario da cualificación que tivese asignado anteriormente) e a prima que alcanzase no dito novo posto.

12. Xornada de traballo.

12.1. A xornada de anual efectiva de traballo establécese en:

-Ano 1996: Persoal a quendas 1759 horas.

X.C e/ou X.P 1800,5 horas.

12.2. A xornada de traballo comezará á hora prevista no cadro horario, oficialmente aprobado pola autoridade laboral competente.

12.3. O traballador deberá atoparse en disposición de inicia-la súa actividade no posto de traballo coa súa correspondente indumentaria, ó toque de serea.

12.4. A dita xornada normal será computada en consideración á iniciación do labor no posto de traballo e finalización deste e non polo concepto de entrada e saída na factoría.

12.5. A fixación do horario de traballo será facultade da dirección da empresa, razoando o seu establecemento co comité de empresa, prevalecendo o criterio que supoña unha reducción dos custos, aumento das vendas ou favoreza as necesidades estacionais da producción.

12.6. No caso de desacordo entre a empresa e os representantes dos traballadores, decidirá a autoridade laboral.

12.7. A xornada laboral distribuirase de luns a venres, aínda que a dirección da empresa, logo de información e razoamento ó comité de empresa, poderá requiri-los empregados que veñan desenvolve-lo seu labor durante tres sábados como máximo ó ano, sen que iso supoña a ampliación da xornada laboral no seu cómputo anual dado que se compensaría cada sábado traballado cun día de descanso e un complemento de 2.000 ptas./día. O dito requirimento afectaría a quendas completas e debería realizarse cun aviso de polo menos tres días.

13. Festivos.

Rexerá o que sobre a materia establece o calendario oficial de festas correspondente.

14. Licencias.

Rexerá o disposto na lexislación vixente, con excepción dos seguintes casos:

-Parto de esposa: 3 días laborables.

-Falecemento de cónxuxe, pais ou fillos: 5 días naturais.

14.1. Estes permisos e licencias faranse extensivos a aqueles empregados/as que certifiquen mediante escrito do concello correspondente, ou mediante libro de familia, unha convivencia estable con outra persoa.

14.2. Quen por razón de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de 6 anos ou un diminuído físico ou psíquico, que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario, entre, polo menos un tercio e un máximo da metade, da duración daquelas.

15. Vacacións.

15.1. As vacacións serán de 30 días naturais ininterrompidos que se desfrutarán preferentemente entre os meses de xuño e setembro. A empresa acordará o calendario das ditas vacacións co C.E.

15.2. A dirección da empresa, cun aviso previo de polo menos cinco días e logo de información e razoamento ó comité de empresa, poderá altera-la data do período de desfrute de cinco días de vacacións.

15.3. No caso de baixa por enfermidade ou accidente de traballo, antes das vacacións, o traballador -unha vez dado de alta- terá dereito ó desfrute delas, en todo caso dentro do mesmo ano, procurando que se superou o período oficial de desfrute, se efectúe unha vez rematada a baixa de ILT e tendo os mesmos días laborais que o período oficial establecido.

15.4. As datas de desfrute de vacacións comunicaránselles ós empregados e empregadas con dous meses de antelación ó inicio delas.

16. Pezas de roupa de traballo.

16.1. A empresa entregaralle ó persoal dúas pezas de roupa de traballo ó ano.

16.2. No momento de entrar a traballar novo persoal concederáselle a primeira peza de roupa de traballo.

17. Seguridade e hixiene.

A empresa obrígase ó cumprimento inescusable das normas de seguridade e hixiene no traballo en materia de aseos, vestiarios, dotacións sanitarias, duchas, etc., de conformdiade coa vixente ordenanza de seguridade e hixiene.

18. Recoñecemento médico.

18.1. Efectuaranse os recoñecementos médicos anuais regulamentarios para todo o persoal, en similares característcias a como se están levando na actualidade.

18.2. O tempo empregado no recoñecemento será aboado pola empresa, quen facilitará os medios de transporte ó centro de recoñecemento médico se este non se efectúa na propia empresa.

18.3. De realizarse na empresa, garantirase que os servicios médicos que se ofrezan teñan as garantías técnico-sanitarias esixidas para estes casos e, como mínimo, as que actualmente se veñen realizando pola mutua patronal de accidentes de traballo.

O comité de empresa será informado e terase en conta a súa opinión en canto ás condicións para realiza-los recoñecementos médicos, antes do inicio deles.

19. Recuperacións por defecto de calidade.

19.1. A recuperación das pezas rexeitadas será a cargo do operario responsable da operación, sempre e cando se demostre que foron revisadas por calidade e, se demostrase o fallo do traballador, pagarase a rendemento 100 sen control.

19.2. En acta á parte, como xa se acordou no seu día, pactaranse os compromisos adicionais que clarifiquen este apartado de calidade.

20. Falta.

20.1. Para efectos laborais enténdese por faltas toda acción ou omisión que supoña quebranto dos dereitos de calquera índole imposto polas disposicións laborais vixentes, e en particular, as que figuran no presente convenio.

20.2. Toda falta cometida por un traballador clasificarase atendendo á súa importancia, transcendencia ou malicia en leve, grave ou moi grave.

21. Faltas leves.

21.1. De unha a tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo sen a debida xustificación, cometidas durante o período dun mes.

21.2. Non notificar con carácter previo ou, se é o caso, dentro das 24 horas seguintes á falta, a razón da ausencia ó traballo, a non ser que se probe a imposibilidade de telo feito.

21.3. O abandono do traballo sen causa xustificada que sexa por pouco tempo. Se como consecuencia del se prexudica dalgunha consideración a empresa ou os compañeiros de traballo ou fose causa de accidente, esta falta poderá ser considerada como grave ou moi grave, segundo os casos.

21.4. Pequenos descoidos na conservación do material.

21.5. Falta de aseo ou limpeza persoal.

21.6. Non atende-lo público coa corrección e dilixencia debidas.

21.7. Non comunicarlle á empresa os cambios de residencia ou de domicilio.

21.8. Discutir cos compañeiros dentro da xornada de traballo.

21.9. Faltar ó traballo un día sen causa xustificada.

22. Faltas graves.

22.1. Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, cometidas durante un período de trinta días.

22.2. Faltar dun a tres días ó traballo durante un período de trinta días sen causa que o xustifique. Bastará unha soa falta cando tivese que relevar a un compañeiro ou cando, como consecuencia dela, se causase prexuízo dalgunha consideración á empresa.

22.3. Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na familia que poidan afectar á Seguridade Social e, se é o caso, ás prestacións de protección á familia. A falsidade ou omisión maliciosa en canto á achega destes datos considerarase como falta moi grave.

22.4. Entregarse a xogos, calquera que sexan, dentro da xornada de traballo.

22.5. A desobediencia ós superiores en calquera materia de traballo incluída a resistencia e obstrucción a novos métodos de racionalización de traballo ou modernización de maquinaria que pretenda introduci-la empresa, así como negarse a cubri-las follas de traballo, control de asistencia, etc., se implicase quebranto manifesto da disciplina ou dela se derivase prexuízo notorio para a empresa ou compañeiros de traballo, considerarase falta moi grave.

22.6. Simula-la presencia doutro ó traballo, asinando ou fichando por el.

22.7. A neglixencia ou desidia no traballo que afecte a boa marche deste.

22.8. A imprudencia en acto de servicio. Se implicase risco de accidente para si ou para os seus compañeiros, ou perigo de avarías para as instalacións, poderá ser considerada como falta moi grave. En todo caso considerarase como imprudencia en acto de servicio o non uso das pezas de roupa e aparellos de seguridade de carácter obrigatorio.

22.9. Realizar sen o oportuno permiso traballos particulares durante a xornada, así como o emprego para usos propios de ferramentas da empresa.

22.10. A reiteración ou reincidencia en falta leve (excluída a de puntualidade) aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun trimestre e mediando sanción que non sexa a de amoestación verbal.

23. Faltas moi graves.

23.1. Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade cometidas nun período de seis meses ou vinte nun ano.

23.2. As faltas inxustificadas ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos nun mes.

23.3. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto ós seus compañeiros de traballo coma á propia empresa ou a calquera persoa, realizada dentro das dependencias dela ou durante acto de servicio de calquera lugar.

23.4. Os delictos de roubo, estafa ou malversación cometidos fóra da empresa ou calquera outra clase de delicto común que poida implicar para esta desconfianza cara ó seu autor.

23.5. A simulación de enfermidade ou accidente. Entenderase sempre que existe falta cando un traballador en baixa por un de tales motivos realice traballos de calquera clase por conta propia ou allea. Tamén se comprenderá neste apartado toda manipulación feita para prolonga-la baixa por accidente ou enfermidade.

23.6. A continuada e habitual falta de aseo e limpeza de tal índole que produza queixas xustificadas dos seus compañeiros de traballo.

23.7. A embriaguez durante o traballo.

23.8. Viola-lo segredo da correspondencia ou de documentos reservados da empresa.

23.9. Revelar a elementos estraños datos de reserva obrigada.

23.10. Dedicarse a actividades que a empresa declarase incompatibles no seu regulamento de réxime interior ou que impliquen competencia cara a ela.

23.11. Os malos tratos de palabra ou obra ou falta grave de respecto e consideración ós xefes ou os seus familiares, así como ós seus compañeiros ou subordinados.

23.12. Causar accidentes graves por neglixencia ou imprudencia inescusable.

23.13. Abandona-lo traballo en postos de responsabilidade.

23.14. A diminución non xustificada no rendemento de traballo.

23.15. Orixinar rifas e pendencias cos seus compañeiros de traballo.

23.16. As derivadas do previsto nos números 22.3, 22.5 e 22.8.

23.17. A reincidencia en faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, sempre que se cometan dentro dun trimestre e fosen sancionadas.

24. Detención do traballador.

Non se considerará inxustificada a falta ó traballo que derive de detención do traballador se este posteriormente é absolto dos cargos que se lle imputasen.

25. Sancións.

As sancións máximas que poderán impoñerse ós que incorran en faltas serán as seguintes:

A) Por faltas leves:

-Amoestación verbal.

-Amoestación por escrito.

B) Por faltas graves:

-Traslado de posto dentro da mesma fábrica.

-Suspensión de emprego e soldo de dous a vinte días.

C) Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de vinteún a sesenta días.

-Inhabilitación por un período non superior a cinco anos para ascender de categoría.

-Traslado forzoso a outra localidade sen dereito a indemnización ningunha.

-Despedimento.

26. Abuso de autoridade.

26.1. A empresa considerará como faltas moi graves e sancionará, en consecuencia, os abusos de autoridade que se puidesen ser cometidos polos seus directivos, xefes ou mandos intermedios.

26.2. Considerarase abuso de autoridade sempre que un superior cometa un feito arbitrario con infracción manifesta e deliberada dun precepto legal e con prexuízo notorio para un inferior; neste caso o traballador prexudicado porao en coñecemento do comité de empresa e comunicarao por escrito ó seu xefe inmediato, quen terá a obriga de tramita-la queixa ata a dirección da empresa. Se calquera delas non o fixese ou, a pesar de o facer, insistise na ilegalidade cometida, o así prexudicado dará conta por escrito no prazo non superior a 15 días á autoridade laboral correspondente, a que se estima a infracción ordenará á dirección da empresa o envío

dos antecedentes do asunto e se, despois dos asesoramentos que estime oportunos, resultase probado o feito, resolverá o que proceda.

26.3. Se a resolución adoptada pola dirección da empresa sobre a falta de abuso de autoridade, con coñecemento do comité, non satisfixese o agraviado, tanto este coma o comité poderán solicitar da autoridade laboral a imposición da correspondente sanción das previstas no artigo 25 deste convenio.

27. Ausencias por cumprimento do servicio militar.

27.1. O traballador que se incorporase ás filas con carácter oficial ou voluntario, polo tempo mínimo de duración deste, terá reservado o seu posto de traballo durante o tempo que permaneza cumprindo o servicio e dous meses máis, computándose todo este tipo para efectos de antigüidade na empresa.

27.2. Durante o tempo da súa permanencia no servicio militar o traballador terá dereito a percibi-las gratificacións extraordinarias de xullo e Nadal.

27.3. Poderanse reintegrar ó traballo os licenciados do servicio militar con permiso temporal superior a un mes, e será potestativo da empresa facelo cos que desfrutan permiso de duración inferior ó sinalado, sempre que, en ámbolos casos, medie a oportuna autorización militar para poder traballar.

27.4. O traballador fixo que ocupe a vacante temporal dun compañeiro en servicio militar, ó regreso deste volverá ó seu antigo posto na empresa.

27.5. Se a substitución fose efectuada por un traballador alleo á empresa, no momento de retorno do fixo cesará sen dereito a indemnización ningunha se se lle notificase co prazo de oito días de antelación, aboándoselle esta se non se lle comunciase.

27.6. A non reincorporación do traballador fixo en servicio militar dentro do prazo de reserva do seu posto dará lugar á rescisión do seu contrato de traballo.

28. Excedencias.

28.1. A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa que dará dereito á conservación do posto e ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reintegro deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

28.2. O traballador con, polo menos unha antigüidade na empresa dun ano, ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de se situar en excedencia voluntaria por prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

28.3. Os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos, para atende-lo coidado de cada fillo contado desde a data do nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que se viñese desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

28.4. A partir do 1 de xaneiro de 1991, a empresa garantiralles ás traballadoras en excedencia por maternidade, o reingreso automático ós dous anos da data do parto.

28.5. Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

28.6. O traballador excedente conserva só un dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producise na empresa.

28.7. A situación de excedencia poderase estender a outros supostos colectivamente acordados, co réxime e os efectos que alí se prevexan.

C) Conceptos económicos.

29. Salarios.

A) Establécese, para 1996, un incremento salarial total do 2% para todo o persoal reflectido na táboa salarial anexa.

29.1. Os períodos de liquidación da nómina coincidirán cos meses naturais e a dita liquidación farase efectiva ó persoal o día quince do mes seguinte. Se este fose domingo ou día santo, o pagamento anticiparase ó día laborable inmediato anterior.

29.2. O persoal directo percibirá na última decena de cada mes e con carácter de anticipo a conta unha cantidade equivalente aproximadamente a quince días de salario de convenio.

30. Premio á antigüidade.

30.1. Os aumentos periódicos por anos de servicio regularanse por quinquenios, cun máximo de cinco quinquenios.

30.2. Os empregados que inicien a súa relación laboral coa empresa a partir do 1 de xaneiro de 1994 non devengarán dereito ningún respecto do premio de antigüidade.

30.3. Para o ano 1996 a cantidade que se debe percibir por antigüidade incrementarase de acordo co establecido no artigo 29 A deste convenio.

31. Gratificacións extraordinarias.

31.1. O persoal percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes a xullo e Nadal na contía, cada unha delas, de trinta días de salario calculados sobre a táboa salarial anexa correspondente, máis a antigüidade, se é o caso.

31.2. Establécese un complemento para cada unha das dúas pagas extraordinarias; a súa contía anual para 1996 terá un incremento do 2% (16.732 ptas.).

31.3. Estas gratificacións serán concedidas en proporción ó tempo traballado, rateándose cada unha delas por semestres naturais do ano en que se outorguen.

32. Horas extraordinarias.

32.1. As horas extraordinarias aboaranse pola contía fixada na táboa salarial anexa.

32.2. Quedarán exceptuadas do incremento de cotización adicional á Seguridade Social establecido no R.D. 92/1983, do 19 de xaneiro, as horas extraordinarias estructurais que se realicen. Entenderanse como tales as necesarias por períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e as de carácter estructural derivada da natureza do traballo de que se trate, ou mantemento, co límite de quince horas por persoa e mes.

33. Plus de traballos penosos, tóxicos ou perigosos.

33.1. A excepcional penosidade, toxicidade ou perigosidade dos traballos quedará normalmente comprendida na valoración de postos de traballo e na fixación dos valores dos incentivos. Cando non quede comprendida noutros conceptos salariais, aboaráselle ó persoal que deba realizar aqueles labores, unha bonificación do 20% sobre o seu salario base. A bonificación reducirase á metade, se se realiza o traballo excepcionalmente tóxico, penoso ou perigoso durante un período superior a sesenta minutos por xornada sen exceder de media xornada.

33.2. Naqueles supostos en que moi singularmente concorrese de modo manifesto a excepcional penosidade, a toxicidade e a marcada perigosidade superior ó risco normal da industrial, o 20% pasará a se-lo 25% se concorresen dúas circunstancias das sinaladas e o 30% se fosen as tres.

33.3. A falta de acordo entre a empresa e traballadores respecto á cualificación do traballo como penoso, tóxico ou perigoso resolverase polas delegacións provinciais de traballo, logo de asesoramento do organismo técnico estatal correspondente, Inspección de Traballo e calquera outro que estimen oportuno.

33.4. As resolucións adoptadas pola Delegación Provincial de Traballo poderán ser recorridas no prazo de quince días perante a Dirección Xeral de Traballo.

33.5. Se por mellora das instalacións ou procedementos desaparecesen as condicións de penosidade, toxicidade ou perigosidade no traballo, unha vez confirmada a desaparición destas causas pola Delegación Provincial de Traballo, cos mesmos asesoramentos sinalados anteriormente, deixará de aboarse a citada bonificación, podéndose recorre-la decisión adoptada en igual forma cá prevista no parágrafo anterior.

34. Prima de puntualidade e asistencia.

34.1. Establécese unha prima de 1.000 pesetas mensuais que percibirá o persoal que durante o mes correspondente non faltase ó traballo.

34.2. Non se perderá a prima polas causas seguintes:

a) Utilización polo comité das horas sindicais regulamentarias.

b) Asistencia a revisións médicas.

c) Atraso do transporte colectivo.

d) Estar en situación de ILT, por accidente laboral.

D) Conceptos sociais.

35. Reserva do posto de traballo ós traballadores en situación de baixa por invalidez provisional.

35.1. Todo traballador en situación de invalidez provisional por enfermidade común ou profesional, ou accidente laboral, unha vez declarada a súa aptitude sen incapacidade, terá dereito a ser reintegrado ó traballo.

36. Reserva do posto de traballo ós traballadores en situación de baixa por invalidez permanente parcial.

36.1. Todo traballador en situación de invalidez permanente parcial, causada por accidente laboral, poderase reincorporar á empresa, a cal lle facilitará un posto de traballo compatible coa invalidez que se lle declarase, ben sexa pola Comisión Técnica Cualificadora ou a Maxistratura de Traballo.

36.2. Os casos de invalidez permanente total causados por accidente laboral estudiaraos a empresa e o comité e subordinarase o seu ingreso nela á existencia de postos de traballo idóneos.

36.3. Neste caso a empresa aboará a diferencia económica que exista entre a pensión que cobra mensualmente e o salario do posto de traballo a ocupar.

36.4. A empresa procurará encadra-lo persoal con capacidade física ou intelectual limitada pola idade ou outros incovenientes que sucedesen antes da súa xubilación en traballos adecuados ás súas necesidades reais.

37. Seguro particular de accidentes.

A empresa seguirá tendo vixente para todo o persoal a contratación dunha póliza de seguros por accidente que cubra os riscos de morte ou invalidez permanente total, unha indemnización mínima de 200.000 ptas., de acordo coas condicións subscritas nela.

38. Gastos mínimos de locomoción.

38.1. En concepto de gastos de locomoción, a empresa aboará por persoa e día de traballo unha cantidade que se verá incrementada na mesma proporción có salario durante a vixencia do convenio. (Para 1996 experimentará o mesmo incremento ca para os salarios establecido no artigo 29).

38.2. Con carácter excepcional satisfarase este concepto a tódolos traballadores que se atopen en situación de incapacidade laboral transitoria por accidente laboral.

39. Premio á continuidade.

Seguirase aboando a cantidade de 7.500 ptas. por unha soa vez a todo o persoal que leve unha permanencia mínima e continuada na empresa de cinco anos, sen que consten no seu expediente faltas graves ou moi graves.

40. Premio á xubilación.

Aboarase a cantidade equivalente a tres mensualidades ordinarias, por unha soa vez, a todo o persoal que cese na prestación do seu traballo por te-la idade regulamentaria para iso, de acordo coas normas establecidas na legalidade vixente.

41. Permiso retribuído por ILT e consultas médicas.

En caso de enfermidade xustificada, comunicada nas primeiras 24 horas, o traballador percibirá o 50% do seu salario durante os tres primeiros días dela.

Para o ano 1996 e ós traballadores que durante 1995 non superen o 3,5% de absentismo, percibirán un 25% do seu salario, que se engadirá ó 50% establecido no parágrafo anterior durante os tres primeiros días de baixa por enfermidade.

O traballador, solicitándoo previamente ó seu mando, terá dereito a permiso retribuído para consulta ó médico de cabeceira e asistencia prestada por medicina particular, ata un máximo de 16 horas ó ano.

O límite de horas retribuídas, que utilizará o traballador en conxunto para ámbolos casos, será de 16 horas.

Este permiso substitúe os previstos nas disposicións legais vixentes.

42. Axudas a enfermos e accidentados.

a) A empresa comprométese a complementar ata o 90% da retribución total, naqueles casos de accidentes de traballo con ferida de sangue ou graves, que non estean orixinados por imprudencia temeraria e obriguen a unha incapacidade temporal sueprior ós dez días.

Tamén se completará ata o 90% a retribución total naqueles casos de enfermidades graves propostas polo comité de empresa e aprobados pola dirección. Terán sempre consideración de graves as que signifiquen intervencións cirúrxicas ou internados en clínicas e hospitais.

En ámbolos casos comezarase a devenga-la axuda a partir do décimo primeiro día da súa baixa, asegurándose a súa duración ata 180 días.

Condición básica para se acoller a tal beneficio será que nos tres meses anteriores á baixa se obteñan rendementos medios correctos.

b) Realizado pola empresa o estudio de viabilidade dun plan xeral de aplicación de posibles postos de traballo para diminuídos físicos, etc., e comunicado no seu día ó comité de empresa, pola propia empresa continuarase considerando a posibilidade de acoplamentos temporais ou definitivos, en cada caso concreto que sexa solicitado polo interesado polo interesado e xustificado medicamente polos servicios médicos de empresa, sempre tendo en conta as posibilidades e celeridade que a propia organización productiva poida ofrecer.

43. Obsequio de Nadal.

A empresa seguirá entregando o día laborable anterior á festa de Nadal un lote de productos alimenticios a cada unha das persoas que figuren no seu cadro de persoal na dita data.

E) Conceptos sindicais.

44. Acción sindical.

44.1. En todo o relativo a dereitos sindicais rexerá o disposto na normativa vixente (Estatuto dos traballadores, LOLS).

Non obstante a empresa recoñece, durante a vixencia do presente convenio, o dereito a delegado sindical do sindicato que teña a maior representación no comité de empresa. O dito delegado sindical disporá dun crédito de 15 horas mensuais retribuídas para o exercicio das súas funcións de representación. O dito recoñecemento de delegado sindical só será válido a condición de que se celebren eleccións sindicais antes do día 1 de marzo de 1995.

44.2. O comité de empresa e a sección sindical constituída disporán dun taboleiro de anuncios para inserir propaganda.

44.3. O comité de empresa disporá das horas mensuais retribuídas que lle correspondan segundo o artigo 68 do Estatuto dos traballadores.

44.4. O comité de empresa recibirá información trimestral e anual igual e na mesma forma á facilitada ós accionistas e ós comités de empresa dos outros centros de traballo.

44.5. O comité de empresa será informado pola dirección nas reunións periódicas que se manteñan na planta, do número e nome dos empregados/as que pasen de ter unha contratación temporal a unha indefinida.

44.6. A empresa recoñece o dereito dos traballadores a realizaren asemblea xeral unha vez ó mes, pero quedando condicionada a súa realización ós seguintes puntos:

a) Tódalas asembleas do persoal se realizarán fóra das horas de traballo.

b) Todalas asembleas do persoal concertaranse previamente coa dirección da planta, co finalidade de non efectuar interferencias que afecten á organización e normal desenvolvemento do traballo na empresa.

c) A empresa facilitará local para a celebración da asemblea dos traballadores, de entre os que dispoña.

44.7. Cota sindical: por requirimento dos traballadores afiliados a centrais ou sindicatos, a empresa descontará na nómina mensual dos traballadores o importe da cota sindical correspondente. Para iso o traballador interesado remitirá ó departamento de nóminas da empresa un escrito no que exprese a orde do desconto, a central ou sindicato a que pertence, a contía da cota, número de conta corrente e entidade bancaria á que debe ser transferida a dita contía. A empresa efectuará as anteditas detraccións, salvo indicación en contrario, durante períodos dun ano.

44.8. Disporase de media hora mensual para realizar asembleas en horas de traballo, sempre e cando o autorice previamente a dirección da empresa.

F) Contratación.

45. Principio de igualdade.

As partes asinantes do presente convenio conveñen en adoptar cantas medidas tendan a facer efectivo na empresa o principio de igualdade entre home e muller en tódolos aspectos do réxime de condicións de traballo. Así mesmo as partes asinantes comprométense a adoptar cantas medidas sexan necesarias para salvagardar o dereito de tódolos traballadores ó respecto da súa intimidade e a consideración debida a súa dignidade, comprendida a protección fronte as ofensas verbais e físicas de natureza sexual.

46. Contrato de aprendizaxe.

Só será aplicable a traballadores de 18 a 23 anos. A retribución deste de contratación será, como mínimo, a seguinte:

Primeiro ano de contratación: 90% salario mínimo interprofesional vixente.

Segundo ano de contratación: 100% salario mínimo interprofesional vixente.

Terceiro ano de contratación: 110% salario mínimo interprofesional vixente.

47. Extinción do contrato por causas obxectivas.

Durante a vixencia do presente convenio acórdase asumi-lo reflectido no artigo 34, apartados 1, 2, 4 e 5 do texto do convenio colectivo do metal da provincia de Pontevedra, anos 1994/1995. O reflectido nos ditos apartados aplicarase non só ó artigo 52.1.c) do Estatuto dos traballadores, senón ademais ós artigos 40, 41 e 47 do mencionado texto legal.

48. Formación.

No plan anula de formación da planta participará o comité de empresa para coñece-la súa opinión en canto ós cursos que se van realizar e os empregados adscritos a eles.

G) Conceptos legais.

49. Lexislación aplicable.

49.1. En todo o que non estea expresamente disposto neste convenio rexerá o que determine a legalidade vixente.

49.2. Tódalas materias que figuran neste convenio adaptaranse en todo momento á normativa legal que

afecte directamente ó seu contido, que poida promulgarse durante a vixencia del.

50. Partes negociadoras.

O presente convenio foi negociado entre o comité de empresa e a dirección dela.

Incremento 2,0

TÁBOA SALARIAL VIGO ANO 1996

Base salarial

ptas. hora

Incentivo

ptas. hora

Horas extras

ptas. hora

Antigüidade

Categoríasptas. mesptas. díaquendanon quendaquendanon quendaquendanon quendaptas. mesptas. día

-Técnicos titulados
Peritos industriais (703)177.7635.925,431.083,647.986266,18
Licenciados (713)177.7635.925,431.083,647.986266,18

-Técnicos de taller
Xefe de taller142.8614,762,04870,886.416213,87
Encargado (707) (V-7)115.7113.857,03722,54705,381.048,731.023,565.198173,27
Capataz Espc. (V-6)98.3333.224,04614,04599,45891,17869,86145,20

-Orga. Cientif. traballo
Xefe de 2ª (701) (V-9)133.8254.460,84815,821.183,836.010200,33
Tec. organización 1ª (709)113.6633.788,76692,911.005,495.105170,19
Analista (V-5)99.3583.311,94620,44605,71900,42878,894.474149,13

-Profesionais oficio
Xefe de 2ª Mantem. (V-4)101.8893.340,61636,24621,12923,46901,354.511150,39
Especialista (V-8)93.8113.075,78585,81571,88850,23830,10138,54

-Administrativos
Xefe 2ª (V-10) (705)132.0774.402,55805,151.168,395.933197,77
Oficial 1ª (V-3)113.6633.788,76709,76692,911.030,201.005,495.105170,20
Oficial 2ª (V-2)100.9743.365,80630,52615,55915,16893,314,535151,17

-Persoal subalterno
Vixilante Noct. (V-1)87.5432.918,08546,65533,67793,44774,383.933131,10

-Operarios taller
Oficial 1ª (003)108.0073.541,21674,43658,42545,08533,47978,92955,46159,49
Especialista (002)95.4633.129,92596,10581,96484,19472,69865,22844,47140,96
Peón (001)90.4932.967,00565,08551,66459,91449,89820,18800,41133,60

Quenda= 1.759,00 horas. Cpto. pagas extras= 16.732 ptas. por paga.

Resto= 1.800,50 horas. Plus transporte= 378,00 ptas. por día.

2005