Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Luns, 17 de marzo de 1997 Páx. 2.381

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 1997, da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, pola que se convoca un curso de formación de formadores para profesorado dos cursos que se impartirán para a obtención do certificado de mariscadores.

Entre as funcións da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación figura a da formación do colectivo de mariscadores, a cal se realiza en gran parte a través de cursos impartidos co fin de que

a poboación mariñeira poida obte-lo certificado de mariscador/a. Deste xeito, a preparación específica do profesorado encargado de formar a este colectivo constitúe un paso previo imprescindible para lograr que a formación dos futuros mariscadores se realice coa eficacia que lles permita aborda-la explotación do recurso cun alto grao de profesionalidade, polo que,

DISPOÑO:

Primeira.-Convocatoria.

Convocar un curso de formación de formadores destinado ó profesorado dos cursos de certificado de mariscador/a, que permitirá a obtención do certificado de mariscador, requisito para a obtención do permiso de explotación para marisqueo a pé.

Segunda.-Destinatarios.

Todas aquelas persoas que estean en posesión do título de licenciado/a en ciencias biolóxicas ou ciencias do mar.

Terceira.-Organización do curso.

a) Número de prazas: 30.

b) Duración: 160 horas lectivas.

c) Lugar: Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) sito na Illa de Arousa.

d) Datas: do 14 de abril ó 13 de maio de 1997.

e) Horario: das 9 ás 14 e das 16 ás 19 horas.

Cuarta.-Selección.

Valorarase o currículum académico e outros méritos que se acrediten documentalmente. O baremo que se vai empregar na selección dos aspirantes farase público no taboleiro de anuncios desta dirección xeral , así como, unha vez rematada a selección, a relación das puntuacións obtidas por cada un dos aspirantes.

Quinta.-Solicitudes.

a) Os interesados/as deberán presentar na Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, a solicitude, segundo modelo que se publica no anexo, cuberta en tódolos epígrafes que correspondan, que se entregarán no rexistro xeral da consellería.

b) Xuntaráselle á solicitude fotocopia compulsada do DNI, título profesional, certificado académico de estudios e os documentos que acrediten os datos

que se fagan constar na solicitude. Os datos que non se acrediten documentalmente non se valorarán no proceso de selección.

c) O prazo de presentación de instancias remata ós 20 días naturais da súa publicación.

Sexta.-Certificados de participación.

O remate do curso expedirase un certificado de participación ós asistentes que non teñan un número de faltas superior ó 10%.

Sétima.-Programa.

1. O ecosistema mariño.

2. As especies de interese marisqueiro.

3. O cultivo de moluscos bivalvos.

4. A conservación do medio mariño e os recursos vivos. Explotación racional e ordenación dos recursos.

5. Lexislación marisqueira.

6. As organizacións profesionais: as confrarías de pescadores. As agrupacións de mariscadoras. As organizacións de productores.

7. Os certificados de profesionalidade. Especial referencia ó certificado de profesionalidade da ocupación de mariscador.

8. Funcionamento do mercado no marisqueo. A comercialización. As lonxas. A depuración.

9. As leis da aprendizaxe adulta e coñecemento do grupo destinatario.

10. O perfil do formador: funcións docentes.

11. Os métodos activos no proceso da aprendizaxe.

12. A planificación e programación das accións formativas.

13. Técnicas de dinaminación grupal: liderato e organización de funcións.

14. O diseño da programación e práctica de sesións docentes.

15. Os medios e recursos didácticos.

16. A avaliación: distintos modelos, técnicas e instrumentos.

17. A autoestima: proceso fundamental para aprender e cualificarse.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 1997.

Ana Gallego Castro

Directora xeral de Formación Pesqueira e Investigación

620