Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Martes, 11 de marzo de 1997 Páx. 2.171

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 1997, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Boxeo.

Vistos os estatutos da federación deportiva galega de boxeo e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria do 30-11-1996.

Visto o informe da Sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos e a Orde do 28 de xullo de 1995 de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autoriza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 1997.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Estatutos da Federación Galega de Boxeo

TITULO I

Disposicións xerais

Capítulo I

Denominación, obxecto e enderezo

Artigo 1º.-Denominación e natureza xurídica.

A Federación Galega de Boxeo é unha entidade asociativa privada con personalidade xurídica propia e independente dos seus asociados, declarada por Lei de utilidade pública, da cal o seu ámbito de actuación esténdese ó conxunto da Comunidade Autónoma de Galicia e que se rexe polo disposto no Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas; a Orde de 28 de xullo de 1995 pola que se desenvolve o decreto anterior, en defecto de normas propias polas das súas homóninas federacións españolas, e, en todo caso, resultará de aplicación supletoria o dereito estatal, ademais dos presentes estatutos e dos regulamentos que os desenvolvan. A Federación Galega de Boxeo atópase afiliada a Federación Española de Boxeo, dentro do respecto ó ordenamento xuridico español, as regras que rexen o Comité Olímpico Internacional e o Comité Olímpico Español, e os acordos deles.

Artigo 2º.-Enderezo.

A Federación Galega de Boxeo ten o seu enderezo na r/ Tranviarios, pasaxe das Travesas, local nº 37 de Vigo (Pontevedra), podendo a comisión delegada acorda-lo traslado de domicilio, por proposta da xunta directiva, dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Obxecto e funcións.

1. A Federación Galega de Boxeo ten por obxecto a promoción, organización e defensa do boxeo como

disciplina deportiva dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A federación como entidade de utilidade pública segundo do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, e que posúe con exclusividade a representación do boxeo en Galicia, ademais das súas propias competencias, nalguns casos, actúa como axente colaborador da Administración autónoma.

3. A Federación Galega de Boxeo organízase orgánica e funcionalmente de forma demócratica e representativa e para a realización do seu obxecto, ten como competencia exclusiva as seguintes funcións: a) Cualificar e organiza-las actividades e competicións oficiais dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Elaboración dos programas de promoción xeral do boxeo no ámbito da Comunidade Autónoma.

c) Encarrilar ós boxeadores no deporte que constitúe o seu obxecto social, colaborando coas administracións públicas e deportivas na formación dos xuíces e técnicos, por medio dos oportunos cursos de iniciación, e formación e perfeccionamento.

d) Organizar e dirixir en exclusiva as competicions de carácter oficial que se celebren dentro do seu ámbito territorial, de acordo coas normas e regulamentos autonómicos, nacionais e internacionais que lle sexan de aplicación. Expedirán para estes efectos as correspondentes licencias deportivas.

e) A representación de Galicia nas actividades e competicións deportivas de carácter estatal organizado as seleccións autonómicas.

f) Exerce-lo control das subvencións oficiais que se asignen ás asociacións ou entidades deportivas nas condicións que regulamentariamente se establezan.

g) Exerce-la potestade disciplinaria deportiva, nos termos establecidos na normativa, sobre tódalas persoas ou entidades que, atopándose federadas desenvolven a modalidade deportiva correspondente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

h) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Capítulo II

Requisitos de integración. Dereitos e deberes.

Artigo 4º.-Estamentos integrados.

A Federación Galega de Boxeo esta integrada polos clubs, deportistas, técnicos, xuíces e arbitros e outros colectivos interesados que promovan, practiquen ou contribúan ó desenvolvemento do boxeo.

Artigo 5º.-Dos clubs.

1. Tódolos clubs que queiran adscribirse á Federación Galega de Boxeo, deberán estar inscritos no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas, dependente da Secretaría Xeral para o Deporte. Para a súa adscrición deberán presentar certificado de inscripción no dito rexistro e copia dos seus estatutos debidamente compulsados.

2. Para ser titular dos dereitos que como tal lle correspondan no seo da federación, o club debe de satisface-la cota de afiliación que se acorde na asamblea xeral da federación.

Artigo 6º.-Da licencia deportiva.

1. Para participación en actividades e competicións de carácter oficial, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, deberase obter unha licencia persoal que expedirá a propia Federación Galega de Boxeo.

2. A federación expedirá as licencias solicitadas nun prazo de 15 días desde a súa solicitude, unha vez verificadso o cumprimento dos requisitos deportivos establecidos para a súa expedición, nos seus estatutos ou regulamentos. A non expedición inxustificada das licencias no prazo sinalado comportará para a federación a correspondente responsabilidade disciplinaria conforme o previsto no ordenamento xurídico deportivo.

3. As licencias incluirán un seguro obrigatorio que garanta o dereito á asistencia sanitaria do titular, sendo as cotas fixadas pola asemblea xeral.

Artigo 7º.-Dereitos e obrigas dos afiliados.

1. Todo integrante da Federación Galega de Boxeo ten os dereitos seguintes:

a) Formar parte dos diversos órganos e comités federativos.

b) Participar nas actividades e competicións que organice esta federación.

c) Elevar cantas consultas e reclamacións considere oportuno.

2. Son obrigas deles:

a) Aboar cumpridamente as cotas e dereitos federativos.

b) Acatar e cumprir dilixentemente os acordos e decisións dos órganos federativos.

c) Representar a esta federación cando se lle requira para tal, incluíndo as sesions de concentración e preparación que establezan os responsables federativos.

TÍTULO II

Estructura orgánica

Capítulo I

Os órganos de goberno e complementarios

Artigo 8º.-Órganos.

Os órganos de goberno e representación da Federación Galega de Boxeo son a asemblea xeral e o presidente. Dentro da asemblea xeral deberá constituírse unha comisión delegada, de asistencia a ela. Ademais son órganos complementarios: a xunta directiva, o secretario e o tesoureiro.

Capítulo II

A asemblea xeral

Artigo 9º.-A asemblea xeral.

1. A asemblea xeral é o órgano superior da Federación Galega de Boxeo no que estarán representados tódolos estamentos integrantes dela, está composta por

un número de membros que será determinado regulamentariamente no momento de convocatoria de eleccións a membros da dita asemblea. A distribución por estamentos deles é a seguinte:

-Asociacións deportivas: 70%.

-Deportistas: 20%.

-Xuíces-árbitros: 5%.

-Adestradores: 5%.

2. Os membros da asemblea xeral serán escollidos cada catro anos coincidindo cos anos que se celebren os xogos olímpicos de inverno, por sufraxio libre e secreto, igual e directo, entre e polos compoñentes de cada estamento integrado na federación.

Así, terán a consideración de electores e elixibles os deportistas, maiores de idade e no exercicio dos seus dereitos civís, que teñan licencia en vigor, expedida ata o momento da convocatoria das eleccións e a tiverán o ano anterior, sempre que participaran en competicions ou actividades oficiais de ámbito estatal, os clubs deportivos inscritos na Federación Galega de Boxeo os técnicos con titulación oficialmente recoñecida; xuíces e árbitros, e outros colectivos interesados, nas mesmas circunstancias que as sinaladas para os deportistas.

3. A asemblea xeral reunirase unha vez ó ano con carácter ordinario para o exercicio das súas funcións e competencias, necesariamente antes de comeza-la nova tempada deportiva e como mínimo para a aprobación dos novos orzamentos e para a liquidación do anterior; e das bases e regulamentos que rexerán a competición; e para a aprobación da memoria da actividade anuais. Ademais poderá reunirse con carácter extraordinario cando sexa convocada polo presidente ou por proposta dun número de membros da asemblea non inferior ó 25%.

Presentada a solicitude de convocatoria por un número de membros suficiente, o presidente deberá convocala necesariamente no prazo de 10 días naturais. Desde a convocatoria ata a data de celebración non poderán pasar maís de 20 días naturais.

A convocatoria, que deberá conte-la orde do día da reunión, farase pública no taboleiro de anuncios da federación e nas delegacións territoriais con 10 días de antelación á data da celebración. En todo caso notificarase individualmente a cada un dos membros da asemblea, con calquera medio que permita ter constancia da data de recepción dela, cunha antelación de 48 horas.

4. O voto será persoal. Non se admitira a delegación do voto o correspondente ós clubs deportivos que podera exercerlo ó seu presidente ou a persoa na que delegue, entre os membros da xunta directiva do club, sempre que non sexa membro da asemblea da federación, de acordo cos seus propios estatutos, con carácter expreso e escrito para cada reunión. Ninguen poderá ter máis dunha delegación e voto.

5. A asemblea xeral poderá reunirse en pleno ou en comisión delegada.

Artigo 10º.-Competencia da asemblea xeral.

Corresponde á asemblea xeral en reunión plenaria:

a) A aprobación do orzamento anual e a súa liquidación.

b) A aprobación do calendario deportivo e as bases e regulamentos que rexerán a competición.

c) A aprobación dos regulamentos.

d) A aprobación e modificación dos estatutos.

e) A elección e cesamento do presidente.

f) Establece-las liñas xerais de actuación, para a promoción e defensa do boxeo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11º.-A comisión delegada da asemblea xeral.

1. A comisión delegada da asemblea xeral estará integrada por un número de membros non inferior a 5 nin superior a 15, que representen o 15% dos membros da asemblea xeral, elixidos por esta cada catro anos por sufraxio, podendo cubrirse anualmente as vacantes que se produzcan co seguinte candidato máis votado.

2. A comisión delegada reunirase, como mínimo, unha vez cada catro meses, e o seu mandato coincidirá co da asemblea xeral, correspondéndolle as seguintes funcións:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación do calendario deportivo.

c) A modificación dos orzamentos ou dos regulamentos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica da federación mediante a elaboración dun informe anual á asemblea xeral sobre á memoria de actividades e a liquidación do orzamento.

3. Respecto ás modificacións ás que se refiren os puntos b) e c), non poderán excede-los límites e criterios que a propia asemblea xeral estableza, entendéndose, en todo caso, como competencias delegadas daquela; corresponderá de forma exclusiva ó presidente e a dúas terceiras partes dos membros da comisión delegada a proposta dos temas que se van tratar na comisión.

Capítulo III

O presidente da federación

Artigo 12º.-O presidente, as súas funcións.

O presidente da Federación Galega de Boxeo é o órgano executivo dela, ten a súa representación legal, convoca e preside a asemblea xeral, a comisión delegada e a xunta directiva, conta con voto de calidade para o caso de empate na adopción de acordos dos ditos órganos e ten a responsabilidade de executar e levar a cabo os acordos deles.

Artigo 13º.-Elección.

1. O presidente da Federación Galega de Boxeo será elexido cada catro anos para mandatos de igual dura

ción coincidindo cos anos de xogos olímpicos de inverno, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto polos membros da asemblea xeral.

2. Os candidatos ó cargo de presidente, que poderán non ser membros da asemblea xeral, deberán ser presentados por, cando menos, o 10% dos membros da asemblea, e a elección producirase por un sistema de dobre volta, no caso de que nunha primeira volta ningún candidato alcance unha maioría absoluta dos votos emitidos, resutará elixido o que obteña a maioría de votos na segunda volta, entre os dous candidatos máis votados.

Artigo 14º.-A moción de censura.

Á asemblea xeral correspóndelle resolver, mediante votación dous seus membros, as mocións de censura que se poidan presentar contra o presidente.

A lexitimación para presenta-la moción de censura corresponde a un 25% dos membros da asemblea xeral. A moción de censura será presentada mediante escrito no que se acredite suficientemente a lexitimación dos que a promovesen; os motivos, causas e razóns nas que se base; a designación do candidato alternativo ó cargo de presidente proposto polos promotores da moción; e a aceptación expresa do candidato alternativo da súa condición de tal. Desde que teña entrada na federación o escrito no que se interpoña a moción de censura, o Presidente da federación deberá convocar con carácter extraordinario a asemblea xeral para que se reúna nos 15 días seguintes, logo de convocatoria dos seu membros cunha antelación minima de 72 horas, e resolva a moción, que só poderá ser aprobada por votación favorable da metade máis un dos membros integrantes da asemblea xeral.

Non poderá presentarse nin se admitirá a trámite unha moción de censura se non cando transcorreran cando menos seis meses desde a data de presentación dunha moción de censura anterior que non prosperara.

Artigo 15º.-Dedicación, incompatibilidades e inelixibilidade.

1. O presidente desempeñará o seu cargo con dedicación necesaria para o desenvolvemento das súas funcións, sen que, en ningún caso, poida dar lugar á paralización administrativa da federación nin a omiti-las reunións dos órganos de goberno e representación esixidas polas disposicións legais e destes estatutos.

2. O cargo de presidente é incompatible cos cargos directivos ou técnicos en asciacións ou clubs deportivos dedicados ó boxeo, e coa obtención de proveito material persoal, derivado de determinada actividade económica, comercial, industrial ou profesional, relacionada con este deporte.

3. Para ser candidato a presidente ou membro da súa xunta directiva terá que reuni-las siguintes condicións:

a) Te-la condición política de galego segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.

b) Ser maior de idade.

c) Estar no pleno uso dos dereitos civís.

d) Non estar incurso en ningunha sanción deportiva que o inhabilite.

Artigo 16º.-Remuneración.

O cargo de presidente da Federación Galega de Boxeo poderá ser remunerado sempre que a asemblea xeral adopte tal acordo, así como o de fixa-la contía da remuneración, por maioría absoluta.

A remuneración do presidente, da que o importe bruto incluídos os gastos sociais legalmente establecidos non poderá ser satisfeito con cargo ás subvencións públicas que reciba a federación, concluirá con final do mandado sen que poida estenderse máis alá da duración del, e deberá constar de xeito diferenciado no orzamento.

Capítulo IV

A xunta directiva

Artigo 17º.-Natureza, composición e funcións.

1. A xunta directiva da Federación Galega de Boxeo é o órgano colexiado de xestión dela, sendo os seus membros designados e revogados libremente polo presidente da federación, que presidirá as súas reunións e terá voto de calidade nas votacións no caso de empate.

2. A xunta directiva da Federación Galega de Boxeo estará constituída por un número de membros, non inferior a 5 nin superior a 15, e da que formará parte tamén o secretario, estando sometidos tódolos membros ó mesmo réxime de incompatibilidades que o presidente. No suposto de que se establezca algunha compensación económica para algún membro da xunta directiva, habará de cumpri-los mesmos requisitos establecidos no caso do presidente.

3. Para cumpri-la súa función xestora, a xunta directiva ten as seguintes competencias:

a) Asistir ó presidente na dirección deportiva, administrativa e económico-contable da federación.

b) Convocar eleccións á asemblea xeral e á Presidencia.

c) Propoñer acordos á asemblea xeral e á comisión delegada.

d) Conceder honores e recompensas.

Artigo 18º.-Convocatoria, funcionamento e adopción de acordos.

A xunta directiva reunirase unha vez ó mes. A convocatoria será realizada polo presidente cunha antelación mínima de tres días e, cando houbese asuntos urxentes que tratar con antelación posible para que tódolos seus membros poidan ter coñecementos da reunión.

Os acordos serán adoptados pola maioría simple dos presentes.

Capítulo V

O secretario

Artigo 19º.-Nomeamento e funcións.

O presidente da Federación Galega de Boxeo poderá nomear un secretario que exerza as funcións de fedatario e asesor, e máis especificamente:

-Dirixi-la administración, o réxime de persoal e a correspondencia da federación.

-Levantar acta das sesións dos órganos colexiados (asemblea xeral, comisión delegada e xunta directiva) as reunións das cales asistirá, podendo intervir nelas pero sen dereito a voto, salvo na xunta directiva que como membro dela poderá exerce-lo seu dereito a voto.

As ditas actas deberan conter, cando menos, o nome das persoas que interviñeran e as demais circunstancias da reunión que se consideren de relevancia, así como o resultado das votacións, o texto literal dos acordos adoptados, os votos particulares contrarios que se formulen e calquera outra mención ou intervención da cal o seu reflexo expreso na acta sexa solicitado por calquera dos asistentes.

-Emiti-los informes que lle sexan solicitados por calquera dos órganos de goberno e representación da federación, ben sexa verbalmente ou por escrito.

-Expedi-las certificacións dos actos dos órganos de goberno e representación e complementarios.

-Remitir á Secretaría Xeral para o Deporte as actas das reunións da asemblea xeral e da comisión delegada no prazo de 15 días desde a data da súa celebración.

-Cantas función lle encomenden os estatutos e regulamentos da federación e aquelas que lle sexan delegadas polo presidente.

Capítulo VI

O tesoureiro

Artigo 20º.-Nomeamento e funcións.

O presidente da Federación Galega de Boxeo poderá nomear un tesoureiro que se faga cargo da administración da federación e desempeñará as seguintes funcións:

-Leva-la contabilidade da federación.

-Exerce-la inspección económica de toda a federación.

-Elaborar e presentar balances á comisión delegada do estado contable da federación.

-Cantas funcións lle encomenden os estatutos e regulamentos da federación e aquelas que lle sexan delegados polo presidente.

No suposto de que o cargo do tesoureiro se atopase vacante, as funcións del serán asumidas polo presidente, podendo delegalas na persoa que considere oportuna.

Capítulo VII

Os comités da Federación Galega de Boxeo

Artigo 21º.-O comité técnico de árbitros, xuíces e cronometradores.

O comité técnico de árbitros, xuíces e cronometradores da Federación Galega de Boxeo é un órgano técnico que ten por obxecto a formación, capacitación, actualización e dirección do persoal necesario para a realización dunha competición de boxeo.

As funcións do comité técnico de árbitros, xuíces e cronometradores serán:

-Establece-los niveis de formación arbitral.

-Clasificar tecnicamente ós arbitros, xuíces e cronometradores propoñendo á xunta directiva a adscrición ás categorías correspondentes, en función dos criterios prefixados pola asemblea xeral. Estas clasificacións resultantes, comunicáranse á asemblea xeral.

-Propoñe-los candidatos a árbitros, xuíces e cronometradores nacionais.

-Propoñer á xunta directiva as normas administrativas que regulan a arbitraxe, para a súa posterior aprobación pola asemblea xeral.

-Designa-los colexiados nas competiciós oficiais de ámbito galego.

-Colaborar cos órganos competentes da federación na formación dos xuíces.

O presidente do comité técnico de árbitros, xuíces e cronometradores, será nomeado e separado polo presidente da Federación Galega de Boxeo. Á súa vez, o presidente do comité técnico de árbitros, xuíces e cronometradores proporá á xunta directiva da federación un secretario do dito comité que será nomeado pola xunta directiva no seu caso. A clasificación técnica que realice o comité técnico, levarase a cabo con observancia dos seguintes criterios: probas físicas e psicotécnicas; coñecemento dos regulamentos; experiencia mínima e idade.

Artigo 22º.-O comité de adestradores.

O comité de adestradores da Federación Galega de Boxeo é un órgano técnico que ten por obxecto a formación, captación, actualización e dirección dos adestradores desta disciplina deportiva.

As funcións do comité de adestradores son as seguintes:

-A colaboración coa Administración pública competente na formación de técnicos deportivos.

-O estudio e a actualización das diferentes técnicas e sistemas de ensino e adestramento.

-A organización de cursos e xornadas que redunden no perfeccionamento e actualización permanente dos técnicos deportivos.

-Manter contactos e relacións con outras entidades de carácter nacional e internacional para intercambio de coñecementos e información.

-Censar e reunir a tódolos técnicos titulados, velando polo prestixio profesional deles.

-A divulgación da teoría e práctica do boxeo e cantos outros coñecementos contribúan ó desenvolvemento deste deporte.

-Todas aquelas que lles encargue a federación de acordo coa súa natureza.

O presidente do comité de adestradores será nomeado e separado polo presidente da Federación Galega de Boxeo.

Á súa vez, o presidente do comité de adestradores proporá á xunta directiva da federación un secretario que será nomeado pola xunta directiva, se é o caso.

Capítulo VIII

Disposicións comúns dos órganos de goberno e representación e complementarios da Federación Galega de Boxeo

Artigo 23º.-Convocatoria e presidencia dos órganos.

O presidente da federación convoca as reunións de todolos órganos, excepto dos comités, das que as reunións seran convocadas polos presidentes. O presidente convocará a reunión dos órganos colexiados coa frecuencia e nos prazos e datas establecidas polas disposicións legais e estatutarias, e cando o teña por conveniente. Ademais virá obrigado a realiza-la dita convocatoria cando así o requiran unha terceira parte dos membros integrantes do dito órgano e nos demais supostos legais.

Co fin de organiza-lo cumprimento efectivo das funcións encomendadas á Federación Galega de Boxeo, a Secretaría Xeral para o Deporte convocará asemblea xeral ou comisión delegada, para o debate o resolución, se procede, de asuntos ou cuestións determinadas, cando aquelas non foran convocadas por quen ten a obriga estatutaria e legal de facelo no tempo regulamentado. En todo caso, as reunións dos órganos colexiados seran presididas polo seu presidente.

Artigo 24º.-Quórum e adopción de acordos.

Salvo nos supostos nos que a Orde do 28 de xullo de 1995 e estes estatutos establezan outra cousa, entenderanse debidamente constituídos os órganos colexiados da Federación Galega de Boxeo cando a reunión concorran a maioría dos seus membros en primeira convocatoria, e en segunda convocatoria cando concorran cando menos unha terceira parte dos seus membros.

Os acordos serán adoptados mediante votación, por maioría simple, e no caso de empate o presidente terá voto de calidade. Exceptúanse aqueles casos nos que a lexislación vixente e estes estatutos establezcan outras cousas.

Artigo 25º.-Responsabilidade.

Con independencia das responsabilidades penais, civís e administrativas establecidas na lexislación vixente, tódolos membros dos diferentes órganos da Federación Galega de Boxeo son responsables especificamente dos actos, acordos ou resolucións do órgano do que formen parte, coa única salvidade de aqueles que sendo membros de órganos colexiados expresaran o seu voto negativo ou motivado a súa abstención.

Así mesmo, tódolos integrantes dos órganos da federación están suxeitos á responsabilidade disciplinaria deportiva nos termos establecidos por estes estatutos, polos regulamentos correspondentes e pola lexislación vixente na materia cando incorran no incumprimento dos acordos de calquera órgano federativo, normas xerais ou na comisión dos erros previstos no réxime disciplinario federativo.

Artigo 26º.-Cesamento dos membros dos órganos de goberno e representación.

As persoas designadas para ocupa-los órganos de goberno e representación da federación cesarán neles polas seguintes causas:

a) Pasamento ou incapacitación establecida por sentencia firme.

b) Demisión.

c) Expiración do mandato para o que foron nomeados os elixidos.

d) Condena en sentencia firme á inhabilitación para o exercicio de funcións públicas.

e) Nos ademais casos previstos pola lexislación vixente e nestes estatutos para cada órgano (moción de censura, cesamento, etc.).

TÍTULO III

Organización territorial

Artigo 27º.-Das delegacións territoriais.

A Federación Galega de Boxeo organizarase a nivel provincial. Para os efectos considérase válida a actual organización en delegacións provinciais.

As delegacións provinciais estructuraranse de acordo coas necesidades de cada demarcación seguindo os principios de representación democrática.

A federación, por mediación das súas delegacións provinciais integra as entidades, clubs, xuíces, adestradores e deportistas que correspondan ó ámbito territorial fixado pola asemblea xeral para cada delegación.

As delegacións provinciais organizaranse seguindo as necesidades. Os seus membros serán elixidos polos clubs e deportistas da demarcación correspondente, a excepción do delegado que será designado polo presidente da federación.

As delegacións axustarán a súa actividade ás normas dictadas pola Federación Galega de Boxeo.

TÍTULO IV

Réxime electoral

Artigo 28º.-Da convocatoria electoral

1. As eleccións a presidente da Federación Galega de Boxeo realizaranse por convocatoria acordada pola asemblea extraordinaria. Na orde do día deberá consta-lo procedemento a seguir para a elección e o nomeamento da xunta electoral.

2. O presidente da federación e os membros da comisión delegada serán elixidos na primeira reunión da nova asemblea xeral. No momento do inicio do prazo para a presentación de candidaturas a elección de presidente, deberá estar publicada a relación dos membros elixidos para a asemblea xeral.

3. O prazo de presentación de candidaturas para elección de presidente non poderá ser inferior a dez días naturais.

4. No suposto de que se presentara un só candidato, non se efectuará votación e o secretario xeral para o Deporte ou a persoa na que el delegue, proclamará presidente a este candidato, á vista da acta da xunta electoral.

Artigo 29º.-Da xunta electoral.

1. A asemblea xeral en sesión extraordinaria nomeará unha xunta electoral, en elección libre, directa, igual e secreta, que estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes que se elixirán entre persoas que non sexan candidatas.

2. As eleccións serán controladas pola xunta electoral e os interventores designados polos candidatos, que levantarán acta unha vez finalizada a votación e o reconto. A dita acta debidamente certificada será remitida á Secretaría Xeral para o Deporte no prazo de tres días.

3. Contra as resolucións ou acordos da xunta electoral poderase interpor ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Artigo 30º.-Do Regulamento electoral.

1. Os regulamentos electorais, regulan, como mínimo, as seguintes cuestións:

a) Número de membros da asemblea e distribución deles por estamentos, de acordo co establecido polos estatutos.

b) Circunscricións electorais, se fosen necesarias, e número de representantes de cada estamento por cada unha delas.

c) Calendario electoral: prazos, presentación e proclamación de candidatos, así como sistema de desempate.

d) Censo electoral.

e) Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral.

f) Procedemento de resolución de conflictos e reclamacións que deberán resolverse sen dilación.

g) Recursos electorais.

h) Composición, competencia e funcionamento das mesas electorais.

i) Elección do presidente.

j) Elección da comisión delegada na asemblea.

2. Aprobado o Regulamento electoral, a xunta directiva procederá no prazo sinalado nel, a convocatoria de eleccións á asemblea xeral. A partir dese momento, a xunta directiva constituirase en comisión xestora da federación.

3. Se non se presentase ningunha candidatura ou non fose válida ningunha das presentadas, a xunta directiva, constituída en comisión xestora administrará a federación, convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de tres meses.

TÍTULO V

Réxime económico-financeiro e patrimonial

Artigo 31º.-Patrimonio.

O patrimonio da Federación Galega de Boxeo está integrado polos bens e dereitos dos que lle corresponda a titularidade.

Artigo 32º.-Recursos económicos. Procedencia, carácter e destino.

Os recursos económicos da federación son, entre outros, os seguintes:

a) As subvencións que as entidades públicas poidan concederlle.

b) As doazóns, herdanzas, legados e permisos que lle sean outorgados.

c) Os beneficios que produzan as actividades e competicións deportivas que organice, así como os derivados dos contratos que realice.

d) Os beneficios das actividades de carácter comercial, industrial, profesional ou de servicios que de xeito complementario poida exercer.

e) Os froitos do seu patrimonio.

f) Os préstamos ou créditos que obteña.

g) As cotas dos seus membros ou afiliados.

h) As sancións pecuniarias que impoña ós seus membros ou afiliados.

i) Calquera outros que poidan serlle atribuídos por disposición legal ou en virtud do convenio.

Os acordos económicos da federación serán destinados á consecución dos fins propios do seu obxecto, de acordo cos orzamentos que aprobe para cada exercicio e, sen prexuízo do principio de caixa única que rexerá a Administración do orzamento, aplicará os seus ingresos propios de xeito prioritario ós seus gastos de estructura.

Artigo 33º.-O exercicio económico e o orzamento.

O exercicio económico da federación comezará o primeiro de xaneiro e se pechará o 31 de decembro de cada ano.

O tesoureiro de xunta directiva da federación eleborará anualmente o anteproxecto do orzamento da federación que, trala súa aceptación pola xunta directiva, será sometido sucesivamente a comisión delegada e á asemblea xeral para a súa aprobación e posterior remisión á Secretaría Xeral para o Deporte.

A federación non poderá aprobar orzamentos deficitarios, excepto nos que o autorice a Secretaría Xeral para o Deporte.

O orzamento deberá elaborarse anualmente correspondendo a súa aprobación á asemblea xeral. As contas anuais e os orzamentos teñen que estar no domicilio social da federación cunha antelación mínima de 15 días á celebración da asemblea, a disposición das persoas ou entidades con dereito a voto, as cales poderán pedir copia que lles entregará antes da celebración da asemblea.

Artigo 34º.-A contabilidade da federación.

A federación someterá a súa contabilidade ás normas do Plan Xeral de Contabilidade e, en especial, ás Normas de Adaptación do Plan Xeral de Contabilidade ás federacións deportivas españolas, aprobadas por Orde do 2 de febreiro de 1994 do Ministerio de Economía e Facenda.

Ó remate de cada exercicio o tesoureiro confeccionará os estados financeiros e a liquidación do orzamento xunto coa correspondente memoria explicativa, de acordo, como mínimo, con criterios expostos no artigo 129 da Orde do 28 de xullo de 1995.

A requirimento da Secretaría Xeral para o Deporte, coas condicións que este determine, a federación deberá someterse a auditorías financeiras sobre a totalidade dos seus gastos.

Artigo 35º.-Réxime de administración e xestión económica.

1. A Federación Galega de Boxeo ten o seu propio réxime de administración e xestión de orzamento e patrimonio, sendo de aplicación as seguintes regras:

a) Pode promover e organizar actividades e competicións deportivas dirixidas ó publico, debendo aplica-los beneficios económicos, se os houbese, ó desevolvemento do seu obxecto social.

b) Pode gravar e allea-los seus bens inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos representativos de débedas ou parte alícuota patrimonial, sempre que os mencionados negocios xurídicos non comprometan de xeito irreversible o patrimonio da entidade ou o seu obxecto social. En todo caso, cando á sua contía sobrepase o 25% do orzamento anual da federación, ademais do acordo da asemblea xeral será imprescindible o informe favorable da Secretaría xeral para o Deporte.

Cando se trate de bens inmobles que foran financiados en todo ou en parte con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, será preceptiva a autorización da Secretaría Xeral para o Deporte para o seu gravame ou o seu alleamento.

c) Poden exercer, complementariamente, actividades de carácter comercial, industrial, profesional ou de servicios e destina-los seus bens e recursos ós mesmos obxectivos deportivos, mais non poderá en ningún caso repartir beneficios entre os seus membros.

d) Non poderán comprometer gastos de caráter plurianual, no seu período de mandato, sen autorización previa da Secretaría Xeral para o Deporte, cando o gasto anual comprometido supere ó 10% do seu orzamento ou supere o período de mandado do presidente.

2. A aprobación dos gastos da federación corresponderá ó seu presidente. A execución dos pagamentos corresponde ó tesoureiro.

3. Os fondos da federación estarán depositados necesariamente en contas correntes abertas a nome da federación en bancos ou caixas de aforros, podendo conservarse en caixa as sumas que se consideren precisas para atender ós pequenos gastos.

As disposicións de fondos con cargo as ditas contas correntes deberán autorizarse por dúas sinaturas, entre as do presidente, tesoureiro e secretario da federación. Unha delas será necesariamente a do tesoureiro ou da persoa ou funcionario en que delegue con autorización do presidente.

4. Sen prexuízo das facultades e responsabilidades do presidente da federación, o tesoureiro responderá

de acordo coas disposicións legais vixentes, do emprego correcto dos fondos e xustificación regulamentaria.

Nos casos de cesamento ou toma de posesión do presidente ou tesoureiro, formalizarase un arqueo extraordinario, levantándose acta del, e enviarase unha copia á Secretaría Xeral para o Deporte acompañada do balance pechado á mesma data.

TÍTULO VI

Réxime documental

Artigo 36º.-Libros e documentos. A súa custodia.

1. A Federación Galega de Boxeo elaborará necesariamente os libros e documentos que impoñan en cada momento as disposicións legais vixentes e ademais:

a) O libro de clubs e asociacións afiliadas, nos que constarán as denominacións destes, o seu enderezo social os nomes e apelidos dos presidentes e demais membros das súas xuntas directivas e as datas de toma de posesión e cesamento dos seus cargos.

b) Os libros de actas, nos que se transcriban as actas das reunións que se celebran tódolos órganos pluripersoais da federación, tanto os de goberno e representación como os complementarios e os comités.

c) Os libros de contabilidade e demais documentos e arquivos de tal natureza de obrigado cumprimento.

d) Libro inventario de bens mobles e inmobles.

2. Os libros e documentos da federación, debidamente dilixenciados, conservaranse no enderezo social, correspondendo a súa custodia ó secretario.

Artigo 37º.-Información e exame dos libros e documentos.

1. A Secretaría Xeral para o Deporte, nas condicións que determine, poderá requirir da federación que se someta a inspección do seu réxime documental establecido no artigo 7ºj) da Orde do 28 de xullo de 1995.

2. Recoñécese o dereito a coñece-lo contido dos libros e documentos oficiais e regulamentarios da federación a tódolos seus integrantes que acrediten un interese lexítimo e directo sobre extremos contidos nos documentos e libros que pretender coñecer.

En todo caso, presúmese a existencia de interese lexítimo e directo ós membros da asemblea xeral, xunta directiva e comités da federación.

Para o exercicio do dereito de información e exame dos libros e documentos dos membros da federación, e esta, ateranse ó seguinte procedemento:

a) O interesado solicitará por escrito a información que se pretenda obter indicando expresamente o obxecto da súa consulta, designando os libros e/ou documentos que se pretenda examinar, e se é o caso, a causa ou interese lexítimo e directo.

b) A federación resolverá o que proceda nun prazo maximo de 10 días hábiles, notificando ó solicitante a súa decisión e, se é o caso, a forma ou sistema da consulta que poderá consistir na exhibición material no enderezo social da federación ou na expedición polo secretario de certificación e testemuño dos libros e/ou documentos que sexan obxecto da consulta, dependendo da natureza e extensión dela.

3. O secretario da federación expedirá as certificacións oportunas dos actos e acordos dos órganos de goberno e representación.

TÍTULO VII

Réxime disciplinario

Artigo 38º.-Potestade disciplinaria: principios xerais.

O exercicio da potestade disciplinaria deportiva da Federación Galega de Boxeo corresponde ós órganos competentes en materia disciplinaria sinalados no artigo 38º dos estatutos, os cales se xeitarán na súa actuación nos seguintes principios:

-Principio da legalidade nas infraccións, nas sancións e no procedemento disciplinario.

-Principio de proporcionalidade da sanción coa infracción cometida.

-Principio de irretroactividade das normas máis desfavorables e de retroactividade das normas máis favorables para o infractor.

-Principio de interdicción da sobre sanción polos mesmos feitos.

-Os demais principios do dereito sancionador.

Artigo 38º.-Os comités de competición e apelación.

1. A Federación Galega de Boxeo ten a potestade disciplinaria sobre tódalas persoas que formen parte da estructura orgánica, os clubs deportivos e os seus deportistas, técnicos e directivos, xuíces e árbitros, e en xeral, todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolvan a súa actividade deportiva no seu ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A potestade disciplinaria será exercida no marco do establecido na Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte, o Real decreto 1591/1992 do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva e polas disposicións federativas aprobadas conforme a elas.

3. A Federación Galega de Boxeo contará en primeira instancia cun comité de competición ou xuíz único, e en segunda instancia por un comité de apelación.

4. Contra as resolucións definitivas da Federación Galega de Boxeo na materia disciplinaria cabe recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

TÍTULO VIII

Extinción e disolución

Artigo 39º.-Causas de disolución e extinción.

A Federación Galega de Boxeo extinguirase polas seguintes causas:

a) As que establezcan con carácter imperativo as disposicións legais vixentes en cada momento.

b) A revogación do seu recoñecemento como federación pola Secretaría Xeral para o Deporte.

c) A resolución xudicial.

d) A integración noutra federación.

e) O acordo de disolución adoptado por dúas terceiras partes da asemblea xeral.

Artigo 40º.-Liquidación patrimonial.

No caso de disolución da Federación Galega de Boxeo o seu patrimonio neto, se o houbese, aplicarase á realización de actividades análogas, determinándose pola Secretaría Xeral para o Deporte o seu destino concreto.

TÍTULO IX

Aprobación e reforma dos estatutos e regulamentos

Artigo 41º.-Procedemento de aprobación e reforma dos estatutos e regulamentos.

1. Os estatutos da Federación Galega de Boxeo serán aprobados e, se é o caso, modificados pola asemblea xeral en reunión plenaria e a iniciativa do 20% dos membros da propia asemblea xeral, de acordo maioritario da comisión delegada, do presidente ou da xunta directiva.

2. Os regulamentos da federación serán aprobados pola asemblea xeral, podendo ser modificados pola comisión delegada.

A proposta de modificación deles corresponderá ó presidente e a dous tercios dos membros da comisión delegada.

3. Unha vez aprobados os estatutos, os regulamentos e as súas modificacións, serán remitidos á Secretaría Xeral para o Deporte para a súa aprobación definitiva.

Disposición transitoria

Considéranse integrados todolos clubs actualmente afiliados á Federación Galega de Boxeo, salvo expresa manifestación en contrario.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.-Quedan derrogados os estatutos da Federación Galega de Boxeo ata agora vixentes. Os presentes estatutos entrarán en vigor ó día seguinte da notificación á Federación Galega de Boxeo da súa aprobación pola a Secretaría Xeral para o Deporte, sen prexuízo da súa posterior publicación no Diario Oficial de Galicia que deberá realizarse nun prazo máximo de 2 meses.

1558