Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Luns, 10 de marzo de 1997 Páx. 2.126

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 20 de febreiro de 1997, pola que se recoñece de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego a Fundación Rosalía de Castro.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da fundación Rosalía de Castro, con domicilio na Matanza. Padrón. A Coruña.

Supostos de feito:

Primeiro.-Agustín Sixto Seco, como presidente, en representación do padroado Rosalía de Castro, en escrito do 9 de xaneiro de 1996, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día vintecatro de decembro de 1996, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, José Antonio Montero Pardo, co número dous mil trescentos vintecinco do seu protocolo por Agustín Sixto Seco, que intervén como presidente, en representación do padroado Rosalía de Castro.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta de clasificación como de interese cultural da fundación Rosalía de Castro, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 14 de xaneiro de 1997 (DOG do 24 de xaneiro) clasificouse como de interese cultural a fundación Rosalía de Castro, tendo en conta o disposto no artigo 32.3.a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, os fins da fundación son, entre outros, soster e difundi-lo culto á memoria de Rosalía de Castro, do seu esposo Manuel Martínez Murguía e dos seus fillos; promove-lo estudio, edición e divulgación da súa obra e vida, da Galicia do seu tempo e da súa influencia posterior, creando un centro de estudios, na mesma sede cá fundación.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade do presidente, en representación do padroato Rosalía de Castro, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como fundación Rosalía de Castro, capacidade xurídica, enderezo e obxecto.

O padroado da fundación estará constituído polas persoas indicadas no artigo 9 dos estatutos da fundación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27. 26 do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3 a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da fundación Rosalía de Castro, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura e Comunicación Social, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da súa dotación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do excercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Sección de Fundacións da Consellería de Cultura e Comunicación Social segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a fundación Rosalía de Castro.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada

a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 1997.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

97-1626