Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Venres, 07 de marzo de 1997 Páx. 2.083

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 5 de febreiro de 1997 pola que se convoca a VIII Mostra Galega de Coros Polifónicos-Xuventude 97.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude é compartido conxuntamente polas consellerías de Familia, Muller e Xuventude, que, a través da Dirección Xeral de Xuventude desenvolve o programa «Fomento da acti

vidade xuvenil», que ten entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Cultura e Comunicación Social, a través da súa Dirección Xeral de Cultura, que ten, entre outras funcións, a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, as artes líricas e a imaxe, así como a promoción das artes plásticas e populares, de acordo co Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, e o Decreto 256/1996, do 20 de xuño, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.

Polo exposto, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura e Comunicación Social, dada a natureza das actividades que se van realizar, con

voca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 97.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Conselleria de Familia, Muller e Xuventude convoca a VIII Mostra Galega de Coros Polifónicos Xuventude 97, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º

A mostra obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Artígo 3º

As actividades que leven consigo o desenvolvemento desta mostra serán custeadas con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.355B.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Disposicións derradeiras

Primera.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 1997.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

ANEXO I

VIII Mostra Galega de Coros

Polifónicos-Xuventude 97

I.-Participantes.

Tódolos grupos ou coros que o soliciten, formados por mozos galegos ou residentes en Galicia, cun máximo de 40 compoñentes.

II.-Condicións xerais.

1.-A mostra terá cáracter convivencial e non competitivo.

2.-Os compoñentes dos coros terán entre 15 e 30 anos cumpridos no ano 1997. Soamente poderán pasar estas idades o 10% dos compoñentes totais do coro.

3.-Os temas presentados serán tres e terán que respectarse na actuación da fase final, no caso de que se acceda a ela. Enviaranse nunha cinta casete

ou casetes indicando os títulos dentro dun sobre pechado. No exterior do sobre deberá figura-lo lema do grupo e os títulos dos temas.

4.-Noutro sobre pechado presentarase o boletín de inscrición que se indica no anexo III xunto cunha fotocopia do DNI por ámbalas dúas caras de cada un dos compoñentes do coro, debendo figurar no seu exterior o lema do grupo.

5.-A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si o dereito de editar ou difundi-las obras musicais que sexan seleccionadas para a fase final.

III.-Inscricións.

As solicitudes deberán formularse no impreso normalizado que se indica no anexo II, e dirixiranse ó director xeral de Xuventude.

Os grupos ou coros deberán presenta-las solicitudes xunto cos sobres pechados no Servicio de Xuventude da Delegación Provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude da provincia na que residan habitualmente, que pode ser en: r/ Ronda de Fingoi, s/n -27002 Lugo; Avda. da Habana, 81-baixo 32004 Ourense; r/ Durán Loriga, 9-1º 15003 A Coruña; r/ Mª Berdiales 20-entresollado 36203 Vigo; e r/ Benito Corbal 47-2º, 36001 Pontevedra, ou enviarano por correo certificado antes do día 5 de abril 1997.

IV.-Organización.

A Delegación Provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude de Pontevedra supervisará a presente mostra.

V.-Desenvolvemento.

O xurado seleccionará os grupos ou coros que considere de máis calidade, ata un máximo de seis. Para actuar na fase final cada grupo dispón dun tempo máximo de 15 minutos. A fase final terá lugar no Auditorio Municipal de Ponteareas, o 25 de abril de 1997.

VI.-Premios.

Establécense os premios e axudas seguintes:

Premios: 60.000 pesetas, trofeo e diploma para cada un dos seis coros seleccionados para a fase final.

Axudas: os gastos de transporte e manutención serán por conta da organización.

A organización convidará a unha cea de convivencia ós finalistas o día da fase final.

VII.-Xurado.

Será nomeado polo director xeral de Xuventude e polo director xeral de Promoción Cultural, estará composto por persoas cualificadas no campo da polifonía, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude de Pontevedra. A decisión do xurado será irrecorrible.

1581