Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Xoves, 06 de marzo de 1997 Páx. 2.017

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 20 de febreiro de 1997 pola que se establecen axudas para dotacións e adquisición de equipos para a defensa contra incendios forestais durante o ano 1997.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, coa colaboración de tódolos sectores e axentes socioeconómicos implicados, e co fin de minorar ó máximo as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais provocan sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e producción dos nosos montes, así como sobre a fauna, a flora, e a paisaxe de Galicia, considera necesario continua-la súa política de defensa contra os incendios forestais.

Por todo isto, e de acordo co establecido no artigo 30.1.3. do Estatuto de autonomía para Galicia e no Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, polo que se transfiren á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios en materia de conservación da natureza, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro e pola Lei 12/1989, do 4 de outubro,

DISPOÑO:

Obxecto, órgano competente e conxunto de axudas.

Artigo 1º

Establécense as axudas que os distintos axentes sociais poderán percibir para a defensa contra os incendios forestais, de acordo coa seguinte acción que se vai subvencionar:

Contratación de persoal para cuadrillas de extinción de incendios. Dotación de equipos de persoal e de medios complementarios.

Artigo 2º.-Condicións xerais.

Para o conxunto de axudas, os interesados solicitarán a súa concesión baixo as seguintes condicións:

1ª. Deberán presenta-la solicitude antes de comenza-lo servicio ou de merca-los equipos.

2ª. No caso de ser concedida a subvención, o seu pagamento, será feito unha vez realizado o servicio, e a compra de equipos, sen prexuízo dos anticipos que para cada caso se establecen nos artigos que seguen.

3ª. Cando as axudas consistan nunha porcentaxe do orzamento do servicio, ou subministración, o total da axuda calcularase segundo o orzamento apreciado e aprobado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

4ª. O persoal e medios incluídos nas actividades que hai que subvencionar deberán estar en perfecto funcionamento na data que se estableza pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, no escrito de aprobación que se remita.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.

1. As actividades, accións ou materiais que se subvencionarán corresponden á contratación de persoal para cuadrillas de extinción de incendios e a súa dotación de equipos de persoal e de medios complementarios, e os importes das axudas sobre orzamento aprobado serán as seguintes:

-Contratación de persoal para cuadrillas, incluída seguridade social. Subvención: ata o 70%.

-Alugueiro de vehículos todo terreo de transporte. Subvención: ata o 70%.

-Compra de ferramenta e material de equipo. Subvención: ata o 50%.

-Batelumes. Subvención: ata o 100%.

-Vestiario ignífugo e equipo de seguridade persoal. Subvención: ata o 50%.

-Caixa de urxencias de primeiros auxilios. Subvención: ata o 50%.

2. Homoxeneidade e integración.

As características do material obxecto da subvención supeditaranse ás Directivas Comunitarias sobre EPIs de acordo co Real decreto 1.407, do 20 de novembro de 1992.

Artigo 4º.-Anticipos.

Por petición dos solicitantes, poderanse conceder anticipos nos termos previstos na lexislación aplicable.

Artigo 5º.-Colaboración e ámbito de actuación.

1. As cuadrillas de extinción que se formen ó abeiro desta orde quedarán a disposición do Servicio de Defensa contra Incendios Forestais (SDCIF) da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, integraranse no seu despregamento deberán estar dota

das dos medios de comunicación precisos para esta integración. Así mesmo, estarán obrigadas a colaborar na extinción en calquera ámbito territorial cando sexan requiridas polo SDCIF e disporán dun coche todo terreo (alugado ou propio) para o seu transporte.

O incumprimento desta esixencia será motivo de anulación parcial ou total da subvención, mediante resolución razoada do mesmo órgano que a concedeu.

2. A concesión de axudas para cuadrillas de extinción, estará condicionada por unha distribución territorial adecuada ós recursos, sexan do Servicio de Defensa contra Incendios Forestais, ou sexan de terceiros.

3. Así mesmo, deberá ser acordado, previamente polo beneficiario e o SDCIF, o horario e o punto de traballo, onde estarán realizando os labores de prevención de incendios forestais (rozas, desbroces, etc.) mentres non sexan requiridas para acudir á extinción.

4. A actividade subvencionada comenzará e rematará na data que determine a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural ó aproba-la subvención, debéndose incluír como días de traballo os domingos, festivos e festas locais para as axudas que consideren a contratación de persoal: cuadrillas de extinción.

5. Calquera modificación na localización ou composición do persoal contratado, deberá ser comunicada ó Servicio de Defensa contra Incendios Forestais para o seu coñecemento.

Artigo 6º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

1. Comunidades de veciños (CV), comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC), sociedades agrarias de transformación (SAT), cooperativas, asociacións forestais (AF) legalmente constituídas, agrupacións de defensa forestal (ADF), persoas físicas e empresas con persoalidade xurídica; nestes dous últimos casos os interesados deberán acreditar documentalmente a súa participación na actividade forestal. A subvención, nestes casos, virá condicionada pola existencia de, polo menos, unha superficie de monte para defender de 250 has. En todo caso, os solicitantes deberán acreditar documentalmente a representación que ostentan.

Cando os citados beneficiarios non alcancen, por si mesmos, a superficie mínima esixida poderán solicita-la subvención en agrupación.

2. No caso de que os beneficiarios estean legalmente constituídos en agrupacións, asociacións, xuntas, etc., deberán achegar certificado do acordo, tomado en asemblea, no que soliciten as axudas económicas para executa-las accións propostas.

Primas, prezos, solicitudes, prazos e obrigas dos solicitantes.

Artigo 7º

Cando o solicitante teña aprobado pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural un plan anual de defensa contra incendios forestais, a axuda incrementarase nun 10%.

A porcentaxe final da subvención total con cargo a esta ou outra normativa non poderá supera-lo 100% do orzamento aprobado para as axudas que se recollan na presente orde.

No anexo desta orde figura unha relación de prezos que se aplicará para valora-las accións, equipos ou subministracións. Estes prezos son indicativos para o titular da solicitude e obrigatorio como tope máximo na aplicación polos servicios de defensa contra incendios forestais para a aprobación dos orzamentos.

Artigo 8º

As solicitudes deberán presentarse en impreso normalizado que facilitarán os servicios de defensa contra incendios forestais nas súas oficinas provinciais ou comarcais, utilizando o modelo anexo a esta orde. A presentación das solicitudes poderá realizarse en calquera lugar dos previstos pola Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 9º

O prazo de presentación de solicitudes para a concesión das axudas comezará na data de publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará ó mes contado a partir da entrada en vigor da presente orde.

Mediante orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, da que se dará publicidade no DOG, poderán ser ampliados os citados prazos.

Artigo 10º

A aprobación da subvención implicará o compromiso dos solicitantes de executa-las accións indicadas nas condicións propostas. A execución das actividades obxecto de axuda deberán realizarse na extensión e co orzamento indicado no impreso de solicitude. Unha realización da acción subvencionada un 50% inferior á proposta, excepto por causa de forza maior, suporá a anulación da subvención concedida, logo da valoración dos técnicos dos Servicios de defensa contra incendios forestais.

Artigo 11º

A organización e materialización das actividades subvencionadas será responsabilidade exclusiva do beneficiario.

Artigo 12º

Os gastos de execución das accións subvencionadas serán debidamente xustificados polo beneficiario, mediante a presentación de facturas, documentos TC da Seguridade Social, contratos e demais documentos acreditativos da xustificación do investimento. O prazo para a achega de xustificantes das accións realizadas, obxecto da subvención, rematará o 31 de outubro.

O órgano xestor poderá rebaixa-la contía das subvencións se non se adaptasen ós prezos de mercado ou á calidade prevista.

Artigo 13º

As accións previstas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.422-C-770.0, dotada na Lei 11/1996, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, con cento cincuenta e nove millóns de pesetas (159.000.000 de ptas.).

Disposicións adicionais

Primeira.-As axudas contidas nesta orde son compatibles con outras subvencións de calquera administración pública para as mesmas finalidades, agás as concedidas ó amparo do Real decreto 1887/91, modificado polo Real decreto 62/1994, de 21 de xaneiro, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total do orzamento aprobado.

A concesión doutra subvención compatible, distinta da regulada pola presente orde, obriga ó beneficiario a facer declaración dela perante a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, independentemente da fase na que se atopa o trámite da solicitude presentada á citada consellería.

Segunda.-As solicitudes tramitadas ó amparo da Orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 26 de abril de 1996 que, reunindo os requisitos establecidos nela, e que por falta de dotación orzamentaria non puideran ser atendidas, poderán acollerse ós beneficios da presente orde.

Terceira.-A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural realizará a aprobación, se é o caso, do orzamento e do importe da correspondente subvención e comunicaralle ó peticionario a oportuna resolución. A aprobación deberá realizarse, se é o caso, nun prazo máximo de tres meses a partir da data límite para a presentación das solicitudes.

O beneficiario unha vez recibida a resolución de aprobación citada no anterior parágrafo, e trala realización ou execución das accións, dos traballos ou das adquisicións correspondentes, comunicaralle ó

Servicio Provincial de Defensa contra Incendios Forestais que corresponda, o seu remate.

Realizadas as comprobacións oportunas polos citados servicios, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, procederá ó pagamento do importe da subvención executada. Con independencia da súa contía, e antes de proceder ó seu cobramento, os beneficiarios das subvencións terán que acreditar, se é o caso, que se encontran ó corrente das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pago ningunha débeda por ningún concepto coa administración pública da Comunidade Autónoma.

Cuarta.-No caso de non recaer resolución expresa nun prazo máximo de tres meses a partir da data límite para a presentación das solicitudes entenderase desestimada a solicitude.

Quinta.-A entrada en vigor da presente orde será o día seguinte ó da súa publicación.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar tódalas disposicións complementarias, co obxecto de desenvolve-la presente orde.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

ANEXO

Prezos máximos que se aplicarán para valorar orzamentos de persoal e equipos.

UnidadeDescriciónPrezo máximo aplicable en pesetas

XornalContratación por xornada de 8 horas e con dedicación plena durante elas para cuadrillas de extinción, incluído seguros.

Réxime xeral:

5.200

DíaAlugueiro de vehículo todo terreo de 9 prazas para cuadríllas de extinción, ó día.4.000

UnidadeBatelumes de caucho con mango.2.625

UnidadeFerramenta forestal.3.150

UnidadeEquipamento de protección individual completo (funda, botas, casco, cinto, mascarilla, gafas, luvas e lanternas).24.250

UnidadeCaixa de urxencias de primeiros auxilios.4.510

1677