Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Martes, 04 de marzo de 1997 Páx. 1.897

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de xaneiro de 1997 pola que se convocan axudas económicas para a realización de actividades de formación dirixidas ó profesorado de niveis non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 1997 e organizadas polas asociacións e fundacións con fins pedagóxicos, legalmente constituídas.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a súa competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolvan.

A Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, dispón que as administracións educativas planificarán as actividades necesarias de formación permanente do profesorado e garantirán unha oferta diversificada e gratuíta destas actividades (artigo 56.3º).

Sendo obxectivo fundamental da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a formación continuada do profesorado, aglutinando para o efecto tódolos esforzos e iniciativas, é necesario potenciar e fomenta-las actividades de formación permanente do profesorado, organizadas por diferentes asociacións e fundacións pedagóxicas que tradicionalmente promoven programas de perfeccionamento na Comunidade Autónoma sobre temas galegos e que, xunto cos directamente organizados pola Administración, contribúen á mellora continuada da cualificación profesional dos docentes e, en definitiva, á mellora da calidade da educación. Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Convócanse axudas económicas para a organización durante o ano 1997 de accións formativas: cursos, seminarios, congresos, reunións, conferencias, talleres e outras de análogas características que contribúan á dinamización do ensino en galego, dirixidas a profesores que imparten a súa docencia en niveis non universitarios.

Segundo.-O importe máximo total das axudas que se concedan é de 3.988.000 pesetas, con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322I.480.0.

Terceiro.-Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións e fundacións pedagóxicas legalmente constituídas cando nos seus estatutos figure como fin preferente a formación do profesorado e non teñan a consideración de movementos de renovación pedagóxica, e que desenvolvan as súas actividades na

Comunidade Autónoma de Galicia, e sempre que teñan xustificadas as axudas concedidas en anteriores convocatorias.

Cuarto.-As asociacións e fundacións pedagóxicas interesadas deberán dirixi-las súas solicitudes, conforme o modelo que figura no anexo I, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, edificio San Lázaro, 15771 Santiago de Compostela, acompañadas da seguinte documentación:

A. Programa das actividades desenvolvidas ou que se van desenvolver, conforme o modelo que figura no anexo II.

B. Orzamento de cada actividade por separado, conforme o anexo IV, tendo en conta os módulos económicos que figuran no anexo III.

C. Copia compulsada dos documentos que acreditan a súa constitución legal e fotocopia compulsada dos estatutos da entidade.

D. Fotocopia da cédula ou tarxeta de identificación fiscal.

E. Documentación acreditativa da representación que ostenta o solicitante.

F. Certificación bancaria da conta corrente.

Os apartados C, D, E e F non terán que ser cubertos polas asociacións que xa recibiran axudas económicas en anos anteriores, sempre e cando non tiveran variación nos seus datos.

Quinto.-O prazo para a presentación de solicitudes será de trinta días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto.-As actividades (deseño, convocatoria, publicidade, desenvolvemento, certificacións, etc.) faranse en galego de acordo co Decreto 173/1982, sobre a normativización da lingua galega, e na disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística. Irán dirixidas fundamentalmente a profesores en activo na Comunidade Autónoma, e non deberán supera-la participación doutros colectivos o 30 por cento do total de asistentes; este extremo deberá ser reflectido na memoria presentada.

Sétimo.-Financiaranse prioritariamente aquelas actividades que coincidan basicamente cos obxectivos xerais da política educativa establecidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, especialmente os definidos no Plan Galego de Formación Continuada do Profesorado de Niveis non Universitarios e que versen sobre os seguintes temas considerados como prioritarios:

1. Actualización pedagóxico-didáctica:

-Orientacións teórico-prácticas para a elaboración de proxectos de centro.

-Deseño e desenvolvemento curricular. Proxectos curriculares.

-Introducción de novos elementos culturais -saúde, medio ambiente, educación para a paz, coeducación nas distintas áreas do currículo.

-Desenvolvemento de adaptacións curriculares para alumnos con necesidades educativas especiais.

-Educación de adultos e alfabetización.

2. Actualización científico-técnica:

-En tódolas áreas do currículo.

-Do profesorado de formación tecnolóxica, de cara á implantación das ensinanzas técnico-profesionais, nos contidos da educación tecnolóxica e das distintas familias profesionais.

3. Modalidades, técnicas e instrumentos de avaliación.

4. Xestión e organización de centros educativos.

5. A orientación e a titoría.

Oitavo.-A contía das axudas establecerase en función do número de solicitudes e a adecuación dos proxectos ó establecido no artigo 7 da presente convocatoria e da dispoñibilidade orzamentaria, tendo en conta ademais que, sumadas a outros recursos que se obteñan, non excedan dos gastos orzados para as actividades programadas.

Noveno.-Comisión de selección. Constituirase unha comisión de selección integrada por:

-O director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

-O subdirector xeral de Ordenación Educativa.

-A xefa de Servicio de Formación do Profesorado.

-A xefa de Sección de Perfeccionamento do Profesorado.

-O xefe de Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega da Dirección Xeral de Política Lingüística.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario, con voz e sen voto.

Décimo.-Resolución da convocatoria. Unha vez rematado o proceso de selección, formularase a proposta de concesión de axudas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, determinando en cada caso a contía das axudas. A orde de concesión de axudas será publicada no Diario Oficial de Galicia.

No suposto de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de tres meses, e sen prexuízo da súa posterior resolución, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Décimo primeiro.-O pagamento das axudas económicas concedidas farase nun só libramento, unha vez feita a debida xustificación, que se deberá realizar antes do 10 de outubro de 1997 para actividades celebradas ata o 30 de setembro e antes do 10 de decembro de 1997 para as actividades realizadas de outubro a decembro deste mesmo ano. Estes prazos serán improrrogables. A devandita xustificación farase de acordo coas instruccións que para o efecto dicte a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que serán postas en coñecemento dos interesados coa mesma data na que se lle comunique a súa concesión.

Décimo segundo.-O importe da axuda, tendo en conta os recursos que xere a actividade e outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, poderá reducirse no suposto de que, á hora de presenta-la xustificación da axuda, houbese unha diminución dos gastos realizados. Esta reducción será proporcional á diminución dos gastos orzados.

Décimo terceiro.-Obrigas dos beneficiarios. Son obrigas dos beneficiarios das axudas, conforme a Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, do 7 de outubro, as seguintes:

a) Comunicar á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a obtención de calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade, procedente de calquera administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

b) Reintegra-la axuda ou subvención percibida e mailos xuros de demora nos supostos recollidos no artigo 78.6º da citada Lei 11/1992.

Décimo cuarto.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO IV

MODELO DE ORZAMENTO

I. Ingresos.

1.1. Cotas de inscrición pesetas

1.2. Subvencións (inclúase declaración xurada):

Comunidade Autónoma pesetas

Deputación de pesetas

Concello de pesetas

Caixa de Aforros de pesetas

Outros pesetas

pesetas

pesetas

Total ingresos

II. Gastos

2.1. Gastos de ensino:

2.1.1. Dirección e coordinación pesetas

2.1.2. Horas de clase pesetas

2.1.3. Comunicacións pesetas

2.1.4. Relatorios ou conferencias pesetas

2.1.5. Horas de traballo pesetas

2.1.6. Horas de xestión, secretaría e

planificación pesetas

Total 2.1

2.2. Gastos de material:

2.2.1. Material funxible pesetas

2.2.2. Publicacións e impresos pesetas

2.2.3. Material de paso audiovisual pesetas

2.2.4. Libros e material didáctico pesetas

Total 2.2

2.3. Outros gastos:

Total 2.3

Total gastos (2.1+2.2+2.3)

1151