Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Luns, 03 de marzo de 1997 Páx. 1.857

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Deportes para Xordos.

Vistos os estatutos da Federación Deportiva Galega para Xordos e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria do 22-6-1996.

Visto o informe da sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995 de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990 xeral do deporte e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autoriza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Federación Galega de Deportes de Xordos

TÍTULO I

Disposicións xerais

Capítulo I

Denominación, finalidade e fins

Artigo 1º

A Federación Galega de Deportes para Xordos (FGDX), entidade sen ánimo de lucro, constituída ó abeiro da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, goza de personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, de acordo co establecido nas leis do deporte da Comunidade Autónoma de Galicia e reúne ós clubs, sociedades, grupos, seccións, deportistas, técnicos, adestradores, árbitros, xuíces e cronometradores, dedicados á organización, promoción e práctica de toda clase de deportes para os minusválidos sensoriais que se desenvolven na Comunidade Autónoma de Galicia.

A FGDX ostenta a representatividade oficial exclusiva de tódalas modalidades deportivas recoñecidas oficialmente e adicadas expresamente ós xordos con certificado de minusvalía non inferior ó 33%.

Artigo 2º

A FGDX rexiráse polo disposto no presente estatuto e regulamentos, polas prescricións da Lei da Secretaría Xeral para o Deporte e decretos que a desenvolven e, supletoriamente, pola normativa da

Comunidade Autónoma de Galicia, a da Federación Española de Deportes para Sordos, a da Organización Europea de Deportes para Sordos e do Comité Internacional de Deportes Silenciosos ós que se adhire expresamente.

Artigo 3º

O Domicilio Social da FGDX fíxase na rúa Santo Tomás nº 28, 15002 A Coruña, podendo dispor doutros locais e domicilios cando as súas necesidades o requiran e logo da aprobación da asemblea xeral.

Artigo 4º

Son fins e funcións da FGDX:

a) Exerce-la dirección técnica e administrativa dos deportes para xordos na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Exerce-lo control de todas e cada unha das manifestacións dos deportes para xordos no territorio da Comunidade Autónoma Galega, velando polo perfecto cumprimento das disposicións e regulamentos que o regulan.

c) Cualificar e organiza-las competicións con carácter autonómico que se celebren na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Colaborar coa Secretaría Xeral para o Deporte na formación de técnicos deportivos e na prevención, control e represión do uso de substancias e grupos farmacolóxicos prohibidos e métodos non regulamentarios no deporte.

e) Estudar e proporlle á Secretaría Xeral para O Deporte as directrices e reformas que considere necesarias para un máis amplo desenvolvemento, extensión e práctica dos deportes para xordos na Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Avaliar e subministrar cantos informes ou datos lle sexan solicitados pola Secretaría Xeral para Deporte referentes á xestión federativa.

g) Colaborar coa política de promoción deportiva da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Exerce-la potestade disciplinaria.

i) Executar, se é o caso, as resolucións da Comisión Xurídica do Deporte da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) Calquera outro que lle sexa atribuído por delegación legal ou regulamentaria.

TÍTULO II

Dos órganos de goberno

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 5º

Os órganos de goberno, administración e participación da FGDX son:

a) A asemblea xeral.

b) O presidente.

c) A xunta directiva

Capítulo II

A asemblea xeral

1. Competencias.

Artigo 6º

A asemblea xeral é o órgano colexiado supremo da FGDX e estará constituída polo presidente e os representantes dos diferentes estamentos destas.

Artigo 7º

As competencias da asemblea xeral da FGDX son:

a) A aprobación e modificación dos presentes estatutos.

b) A elección e cesamento do presidente.

c) A elección e cesamento da comisión delegada.

d) A aprobación e liquidación do orzamento anual.

e) A aprobación do calendario deportivo e das bases e regulamentos que rexen as diferentes competicións.

f) A aprobación do regulamento de eleccións, á asemblea, do presidente e da comisión delegada.

g) A aprobación da creación dos diferentes órganos territoriais da federación.

h) A aprobación do Regulamento de disciplina deportiva.

i) Calquera outra competencia que non estea expresamente atribuída polos presentes estatutos ou outros órganos.

2. Composición.

Artigo 8º

A asemblea xeral da FGDX está integrada coa seguinte proporción:

a) Entidades deportivas: 60% ó 75%.

b) Deportistas: ata 20%.

c) Técnicos: ata 5%.

d) Xuíces e árbitros: ata 5%.

e) Outros colectivos: ata 10%.

2. De acordo co establecido no artigo anterior, o número de membros da asemblea xeral da FGDX será de 10, correspondendo á seguinte representación por sector:

a) Entidades deportivas: 3.

b) Deportistas: 4.

c) Técnicos: 1.

d) Xuíces e árbitros: 1.

e) Outros colectivos: 1.

Artigo 9º

Os membros da asemblea xeral e a comisión delegada da FGDX cesarán por:

a) Defunción.

b) Por cumprimento do prazo para o que foron elexidos.

c) Disolución da entidade á que representan.

d) Por demisión.

e) Por incapacidade física permanente, declarada legalmente, que lles impida o desenvolvemento do seu cometido.

f) Por incompatibilidade legal ou estatutaria.

g) Por sanción disciplinaria imposta de xeito regulamentario que indique o cesamento no cargo que representen.

h) Por perda dos requisitos polos que foron elexidos no seu respectivo estamento.

Artigo 10º

As vacantes que se produzan na asemblea xeral da FGDX antes das eleccións, serán cubertas polos seguintes candidatos máis votados no seu respectivo estamento, que exercerá o seu cargo ata a celebración das seguintes eleccións.

3. Convocatoria.

Artigo 11º

A asemblea xeral da FGDX será convocada polo presidente cun mínimo de 10 días naturais de antelación á súa celebración, no taboleiro de anuncios da FGDX e das delegacións territoriais, notificándoselles así mesmo individualmente ós membros dela cunha antelación de 10 días por calquera medio que permita ter constancia da data de recepción dela, cunha antelación mínima de 48 horas.

Artigo 12º

A asemblea xeral da FGDX será convocada polo menos unha vez ó ano para trata-los asuntos propios da xestión ordinaria e, como mínimo:

a) Aprobación da memoria anual de actividades.

b) Aprobación de novo orzamento e liquidación do anterior.

c) Aprobación do calendario deportivo e os regulamentos que rexirán a competición.

d) Outras propostas que formulen os membros da asemblea, da comisión delegada, da xunta directiva e o presidente.

Artigo 13º

Tódalas demais asembleas da FGDX terán carácter extraordinario e serán convocadas polo presidente a proposta do 25% dos membros da asemblea por escrito e cos puntos da orde do día da dita asemblea. O presidente deberá convoca-la no prazo de 10 días naturais a partir da solicitude e non deberán transcorrer 20 días naturais desde a convocatoria.

Artigo 14º

Cando o presidente estime a existencia dunha situación urxente, poderá convoca-la asemblea xeral sen outro requisito que a notificación persoal ós seus membros, debendo estar presentes polo menos 2/3 partes dos integrantes para que teña validez, así como pronunciarse os asistentes como primeiro punto da orde do día, sobre a urxencia da convocatoria e a necesidade ou non desta.

Artigo 15º

A orde do día poderá ser modificada, no sentido de incorporar novos puntos, pola petición fundada da quinta parte dos membros da asemblea xeral, sempre e cando se efectúe coa antelación suficiente para a súa notificación no prazo de corenta e oito horas ós membros da asemblea xeral.

Artigo 16º

A asemblea quedará validamente constituída cando concorra en primeira convocatoria a metade máis un dos seus membros e, en segunda convocatoria, que terá lugar media hora máis tarde, sexa cal sexa o número de asistentes.

4. Adopción de acordos.

Artigo 17º

A asemblea xeral decide por maioría simple dos votos emitidos, agás naqueles casos que os estatutos sinalen outra maioría. Nestes casos, requirirase maioría de dous tercios.

Dos debates, acordos e votacións levantará acta o secretario.

O voto será persoal. Non se admitirá a delegación de voto agás no caso de entidades xurídicas, que poderá exerce-lo o presidente ou persoa na que el delegue, sempre que non sexa membro da asemblea. Ninguén poderá ter máis dunha delegación.

Capítulo III

A Comisión delegada

Artigo 18º

A comisión delegada da FGDX será elixida entre e pola asemblea, mediante sufraxio dos seus membros e o seu mandato coincidirá co da asemblea xeral.

Artigo 19º

O número de membros da comisión delegada da FGDX será o 15% do da asemblea xeral sendo cubertas as vacantes, se as houber, polo candidato máis votado.

Artigo 20º

A comisión delegada da FGDX reunirase como mínimo cada 4 meses para os fins da súa competencia e como mínimo para o seguimento da xestión económica deportiva da federación.

Artigo 21º

Correspóndelle á comisión delegada da FGDX:

a) A aprobación dun informe previo á elaboración dos novos orzamentos.

b) Modificación dos orzamentos e dos regulamentos.

c) Modificación do calendario deportivo.

d) Seguimento da xestión deportiva e económica da federación.

Capítulo IV

O presidente

Artigo 22º

O presidente é o órgano executivo da FGDX e exerce a súa representatividade legal, convoca e preside os órganos de goberno e representación e executa os acordos tomados.

Artigo 23º

O presidente da FGDX será elixido cada catro anos, coincidindo cos Xogos Olímpicos de inverno, agás no caso que concorran causas excepcionais que deberán ser autorizadas pola Secretaría Xeral para o Deporte, a través da súa publicación correspondente publicación.

Artigo 24º

Os candidatos, que poderán non ser membros da asemblea xeral e deberán avala-la súa candidatura mediante a sinatura de polo menos o 10% des membros da asemblea.

Artigo 25º

Será elixido presidente o candidato que obteña a maioría absoluta dos votos emitidos. No caso de que ningún dos candidatos alcance esta maioría realizarase unha segunda votación entre os dous candidatos máis votados, resultando elixido o que teña a maioría dos votos.

Artigo 26º

O presidente da FGDX gozará de voto de calidade no caso de empate, naquelas decisións que deba adopta-lo órgano que presida.

Artigo 27º

Para poder ser candidato a presidente ou membro da xunta directiva da FGDX deberanse reunir as condicións seguintes:

a) Te-la condición política de galego segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 1/1981, do 16 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Preferiblemente ser xordo e co correspondente certificado de minusvalía expedido polos organismos competentes.

c) Ser maior de idade.

d) Estar en pleno dereito dos seus dereitos civís.

e) Non ter incorrido en ningunha sanción deportiva que o inhabilite.

Artigo 28º

A persoa elixida como presidente da FGDX deberá cesar en todo tipo de actividades técnicas e directivas no deporte para xordos no ámbito autonómico.

Capítulo V

A xunta directiva

Artigo 29º

A xunta directiva é o órgano colexiado da xestión da FGDX, sendo os seus membros designados e revocados libremente polo presidente que a presidirá.

Artigo 30º

A xunta directiva da FGDX estará formada por un número de membros non inferior a 5 ni superior a 15.

Artigo 31º

Os membros da xunta directiva que non sexan membros da asemblea xeral terán acceso ás sesións con dereito a voz pero sen voto.

Artigo 32º

Tódolos cargos da xunta directiva son honoríficos e, en caso extraordinario, cando se estableza unha compensación económica xustificada a favor dalgún dos seus membros, ten que ser expresamente acordada por maioría absoluta da asemblea xeral e constar de maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba la federación.

Capítulo VI

O secretario

Artigo 33º

O presidente da FGDX nomeará un secretario que poderá ser membro da xunta directiva, as súas funcións serán:

a) Levantar actas das sesións dos órganos de goberno e representación con indicación dos asistentes, temas tratados, o resultado das votacións e, se é o caso os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

b) Expedi-las certificacións oportunas dos acordos dos órganos de goberno e representación.

c) Remitir á Secretaría Xeral para o Deporte as actas das reunións da asemblea xeral e da comisión delegada no prazo de 15 días desde a súa celebración.

d) Aquelas que lle encomenden os regulamentos da FGDX ou lle sexan delegadas polo presidente.

Capítulo VII

O tesoureiro

Artigo 34º

O tesoureiro é o órgano de administración da FGDX e terá a seguintes funcións:

a) Leva-la contabilidade da FGDX.

b) Exerce-la inspección económica de tódolos órganos da federación.

c) Elaborar e presentar balance á comisión delegada do estado contable.

d) Cualquera outra que lle encomenden os regulamentos.

No caso de que no exista tesoureiro o presidente será o responsable de exercer estas funcións podendo delegalas na persoa que considere oportuna.

TÍTULO III

Los órganos técnicos e asesores

Capítulo I

Comités

Artigo 35º

A FGDX poderá crear logo da aprobación da asemblea xeral cantos comités técnicos precise, ademais do comité de xuíces e árbitros, que será creado cando exista na Comunidade Autónoma o número suficiente de xuíces e árbitros.

Este comité tería ámbito autonómico igual que a FGDX.

Artigo 36º

Serán funcións do comité de xuíces da FGDX.

a) Establece-los niveis de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente os xuíces e árbitros en función de criterios fixados pola asemblea xeral propóndolle á xunta directiva a adscrición ás categorías correspondentes. Estas clasificacións comunicaránselle á asemblea xeral:

c) Propo-los candidatos a xuíces e árbitros nacionais.

d) Propoñer á xunta directiva as normas administrativas que regulen a arbitraxe para a súa posterior aprobación pola asemblea.

e) Designa-los colexiados nas competicións de ámbito galego.

f) Colaborar cos demáis órganos da federación.

TÍTULO IV

Réxime electoral

Capítulo I

Os censos

Artigo 37º

Compoñerán os censos correspondentes a cada estamento electoral tódolos membros da FGDX que reúnan os requisitos establecidos para cada estamento nos presentes estatutos e no Regulamento electoral.

Capítulo II

Regulamento electoral

Artigo 38º

Os regulamentos electorais desenvolveranse conforme o Regulamento electoral, que deberá ser aprobado pola asemblea xeral da FGDX a proposta do presidente, e regulará as seguintes cuestións:

a) Número de membros da asemblea e distribución por estatutos.

b) Circunscricións electorais e representantes de cada estamento por cada unha delas.

c) Calendario electoral.

d) Censo electoral.

e) Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral.

f) Requisitos para a presentación e proclamación de candidatos.

g) Procedemento de resolución de conflictos e reclamacións.

h) Recursos electorais.

O prazo para a presentación de candidatos a membros da asemblea xeral e a presidente non poderá ser inferior a 10 días.

Título V

Organización interna

Capítulo I

Réxime económico

Artigo 39º

A FGDX está sometida ó réxime de administración, orzamento e patrimonio propio e caixa única.

O tesoureiro someterá á asemblea xeral ordinaria un balance de situación e as contas de ingresos e gastos, memoria económica e orzamento para a tempada seguinte; balance e orzamento que deberán ser notificadas á Secretaría Xeral para o Deporte.

Non poderá aprobarse un orzamento deficitario agás autorización da Secretaría Xeral para o Deporte e en ningún caso, poderá repartir beneficios entre os seus membros.

A federación elaborará unha memoria que analizará fielmente a súa actividade económica e a súa adecuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos a desenvolver e informará como mínimo sobre os seguintes aspectos:

1. Diferenciación dos ingresos e aportacións en:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos e contribucións privadas.

c) Venda de activos.

d) Ingresos procedentes da organización de competicións.

e) Ingresos por servicios prestados pola federación, permisos, licencias e outros.

f) Ingresos financeiros.

2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos, distinguindo, como mínimo os seguintes grupos de gasto:

a) Administración da federación.

b) Dirección e servicios da directiva, incluído viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubs e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construccións e outros inmobilizados.

g) Formación de deportistas e técnicos.

h) Deportes de élite e profesional.

i) Arbitraxe.

j) Órganos xurisdiccionais.

3. O importe das obrigacións de pagamento que é necesario satisfacer noutros exercicios que non están previstos no balance.

4. O importe das garantías e avais comprometidos.

5. A liquidación do orzamento que explique as variacións en relación co aprobado na asemblea anterior.

As contas anuais e os orzamentos estarán no domicilio social da FGDX cunha antelación mínima de 15 días á data de celebración da asemblea xeral, a disposición das persoas ou entidades con dereito a voto nela, as cales poderán pedir copia que se lles entregará antes da celebración da asemblea.

Artigo 40º

Son recursos da FGDX entre outros os seguintes:

a) As cotas dos afiliados.

b) As subvencións que entidades públicas poidan concederlle.

c) Subvencións, donativos ou contribucións privadas.

d) Venda de activos.

e) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

f) Ingresos por servicios prestados pola FGDX, permisos, licencias e outros.

g) Os préstamos ou créditos que obteña.

h) Os froitos, rendas e xuros do seu patrimonio.

i) As sancións pecuniarias que se lles impoñan ós seus afiliados no exercicio da potestade disciplinaria.

j) Os bens ou dereitos que reciba por herdanza, legado, así como os premios que lle sexan outorgados.

k) Calquera outros que se lle atribúan por disposición legal ou convenio.

Artigo 41º

A FGDX destinará a totalidade dos seus ingresos e patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto social.

Artigo 42º

A xestión económica ordinaria da FGDX correrá a conta do tesoureiro, baixo a dirección do presidente, coidando as operacións de pagamentos e cobramentos.

Autorizará coa súa sinatura, mancomunada coa do presidente ou coa do vicepresidente autorizado, tódolos documentos de movementos de fondos. Será responsable de levar e custodia-los libros de contabilidade e formulará os balances que anualmente deberán presentarse á asemblea xeral para a súa aprobación.

Artigo 43º

A FGDX na administración e xestión do orzamento e patrimonio poderá:

a) Promover, organizar actividades e competicións deportivas dirixidas ó público, aplicando os beneficios económicos, se os houbera, ó desenvolvemento do seu obxecto social.

b) Gravar e allea-los seus bens inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos representativos de débeda ou parte alícuota patrimonial, sempre que estes negocios xurídicos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da entidade ou o seu obxecto social. Cando a súa contía supere o 25% do seu orzamento anual ademais do acordo da asemblea xeral será imprescindible o informe favorable da Secretaría Xeral para o Deporte.

TÍTULO VI

Réxime documental

Artigo 44º

O réxime documental da FGDX comprenderá como mínimo os seguintes libros debidamente dilixenciados:

a) Libro de rexistro de entrada e saída de documentación e comunicacións oficiais.

b) Libro de rexistro de clubs nos que constará a denominación destes, domicilio social, e número de inscrición no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Xunta de Galicia.

c) Libros de actas que consignarán as reunións que celebren tódolos órganos colexiados da FGDX tanto de goberno coma de representación ou complementarios e técnicos.

d) Libro de contabilidade.

e) Libro inventario de bens mobles e inmobles.

f) Rexistro dos membros da asemblea xeral e da comisión delegada no que deberán consta-los nomes

dos titulares ou representantes legais e os domicilios para as citacións e notificacións.

TÍTULO VI

Réxime disciplinario

Artigo 45º

A FGDX ten potestade en materia de disciplina deportiva, sobre tódalas persoas que forman parte da súa estructura orgánica, as entidades deportivas, os deportistas, técnicos e directivos, xuíces-árbitros e en xeral todas aquelas persoas e entidades que desenvolven a actividade deportiva que constitúe o seu obxecto social no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 46º

Os órganos competentes en materia de disciplina da FGDX serán:

a) En primeira instancia un xuíz único.

b) En segunda instancia, un comite de competición.

Ámbolos dous órganos rexeranse por e aplicarán o disposto no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva.

O xuíz único será nomeado pola asemblea xeral, así como os tres membros que integrarán o comité de apelación.

Os seus integrantes poderán ser membros ou non da FGDX, e neste caso desde o momento do nomeamento pola asemblea xeral, integraranse na federación.

Artigo 47º

Contra as resolucións dictadas pola FGDX en materia disciplinaria, cabe recurso perante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

TÍTULO VII

Da modificación de estatutos e da disolución da FGDX

Artigo 48º

Os estatutos da FGDX só poden ser modificados pola asemblea xeral e de acordo co previsto neles.

Artigo 49º

A proposta de modificación dos estatutos deberá ser acordada polo presidente ou a comisión delegada da FGDX ou o solicite o 50% dos membros da asemblea xeral.

Aprobada a reforma dos estatutos pola asemblea xeral deberá ser ratificada pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 50º

A FGDX extinguirase polas seguintes causas:

a) Por acordo da maioría dos 2/3 dos membros da asemblea xeral, refrendado pola maioría absoluta

de tódolos membros da federación, en votación libre, igual, directa e secreta.

b) Polas demais causas que determinen as leis.

Unha vez disolta, procederáse á liquidación do seu patrimonio neto resultante, destinarase ós fins de carácter deportivo de interese xeral que determine a Secretaría Xeral para o Deporte.

1376