Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Mércores, 26 de febreiro de 1997 Páx. 1.696

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 29/1997, do 20 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia ten como finalidade regula-lo réxime xeral dos incentivos ó investimento productivo en Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais das distintas consellerías da Xunta de Galicia.

Para iso, o mencionado decreto establece o marco ó que deben adaptarse as axudas públicas á actividade empresarial en Galicia, regulando as condicións e características destas axudas, que, entre outras, poden consistir na subsidiación ó tipo de xuro de operacións financeiras. Cando esta modalidade de axudas está destinada ó financiamento de investimentos considerados incentivables, establécese un límite mínimo para o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario despois de descontada a subsidiación, o que non poderá ser inferior a catro puntos porcentuais.

A evolución dos mercados financeiros ó longo do ano 96, que mostra unha tendencia á baixa dos tipos de xuro, repercute nas axudas financeiras, de maneira que as condicións de subvención ó tipo de xuro poden perder parte da súa efectividade ó estar limitadas polo tipo de xuro mínimo de catro puntos para o beneficiario. Isto cobra especial relevancia á hora de incentiva-los proxectos de investimento productivo, tanto de creación coma de ampliación ou modernización de empresa, ó ser estes os de maior interese para a Comunidade Autónoma debido á súa incidencia na creación de emprego e ó seu potencial xerador de riqueza.

Polo tanto, considerando que se estima necesario efectuar unha modificación do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, reducindo o límite do tipo de xuro mínimo que se vai pagar polo beneficiario para os proxectos de investimento productivo, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e trala deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de febreiro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO

Artigo único.-Modifícase o último parágrafo da letra b) do apartado 2 do artigo 7 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da acti

vidade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, dándolle a seguinte redacción:

«O tipo de xuro fixarase nos convenios citados e a subsidiación poderá alcanzar ata 8 puntos porcentuais, sen que en ningún caso o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario despois de descontada a subsidiación resulte inferior a tres puntos».

Disposicións derradeiras

Primeira.-O conselleiro de Economía e Facenda poderá dicta-las normas necesarias para a aplicación do disposto neste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de febreiro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

755