Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Luns, 24 de febreiro de 1997 Páx. 1.644

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 21 de xaneiro de 1997 pola que se declara a alienabilidade dun ben inmoble procedente do patrimonio da extinta cámara agraria local de Mos.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu apartado tres, establece que o Consello da Xunta de Galicia, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles ós fins e servicios de interese xeral agrario.

O Concello de Mos solicitou a cesión de uso do inmoble sito no seu termo municipal, pertencente á extinta cámara agraria local.

Mediante Decreto 328/1996, do 26 de xullo (DOG nº 157, do 12 de agosto), desafectáronse, entre outros, o inmoble que integraba o patrimonio da extinta cámara agraria local de Mos.

Unha vez obtida a inscrición no correspondente Rexistro da Propiedade do dito ben inmoble a nome da Comunidade Autónoma de Galicia, procede declara-la súa alienabilidade conforme o disposto nos artigos 24 da citada Lei 3/1985 e 60 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o seu regulamento, co obxecto de posibilita-la cesión do dereito de uso deste.

En virtude do anteriormente exposto, por proposta da Secretaría Xeral e do Patrimonio, logo do informe da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase a alineabilidade do ben inmoble que se describe a continuación:

-Terreo a inculto, hoxe soar, tras da igrexa de Petelos. Ten unha superficie de cento oitenta e un metros cadrados. Linda: norte e oeste, Elisardo Senlle; sur, Claudino Rodríguez; leste ou fronte, estrada de Vilacastín a Vigo.

Sobre o predio descrito construíuse un edificio social de planta baixa cun fronte de oito metros e de lado quince metros sesenta e cinco centímetros; en total, cento vintecinco metros, vinte decímetros cadrados.

Está composto de planta-soto, á que se entra por unha rampla pola esquerda do edificio; de planta baixa a almacén; e de planta alta á que se accede pola escaleira sita á dereita da edificación. Planta alta destinada a salón de actos e oficinas. O edificio está construído de pedra e de perpiaño e cuberto de tella. Os seus lindes son os do soar en que se levanta, con fronte á estrada.

O dito inmoble atópase inscrito nese rexistro no tomo 274, libro 57 de Mos, folio 221, predio 7236, inscrición 5ª.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

1121