Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Venres, 21 de febreiro de 1997 Páx. 1.583

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 1997 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 6 de febreiro de 1997 sobre prolongación da permanencia no servicio activo ós funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 13/1996, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, no seu Art. 107, modifica a redacción do artigo 33 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, precepto este último que ten o carácter de base de réxime estatutario dos funcionarios públicos, de conformidade co Art. 149.1º.18 da Constitución Española, no sentido de, manténdose invariable a idade de xubilación forzosa ós sesenta e cinco anos, posibilita-la prolongación da permanencia no servicio activo daqueles funcionarios que voluntariamente o soliciten ata que cumpran, como máximo, os setenta anos de idade; norma que será de aplicación, segundo a disposición adicional sétima da mesma lei e que tamén é básica, desde o día 1 de xaneiro de 1997.

Así mesmo, de conformidade co devandito artigo 33 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, as administracións públicas dictarán as normas de procedemento necesarias para o exercicio do dereito a prolonga-la permanencia no servicio.

Entrementres se aproba a norma de procedemento que elabore a Administración da Xunta de Galicia e para garanti-lo exercicio do dereito recoñecido na Lei 30/1984 ós funcionarios incluídos no ámbito de aplicación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que cumpran a idade de sesenta e cinco anos a partir da entrada en vigor da Lei 13/1996, do 30 de decembro, faise necesario, con carácter transitorio, aplica-la normativa da Administración xeral do Estado nos seguintes termos indicados no presente acordo.

Na súa virtude, por proposta da Consellería da Presidencia e Administración Pública, o Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 6 de febreiro de mil novecentos noventa e sete adoptou o acordo que a seguir se transcribe, do que se ordena a súa publicación no Diario Oficial de Galicia:

Primeiro.-A partir da entrada en vigor da Lei 13/1996, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, e en tanto a Xunta de Galicia non dicte a norma de procedemento a que se refire o artigo 33 da Lei 30/1984, do 7 de agosto, modificado pola anterior, para a aplicación da prolongación da permanencia no servicio activo dos funcionarios incluídos no ámbito da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, será de aplicación a Resolución do 31 de decembro de 1996, da Secretaría de Estado para a Administración Pública, pola que se dictan normas complementarias de procedemento para a aplicación da permanencia no servicio (BOE nº 1, do 1 de xaneiro de 1997), agás o contido do seu apartado sétimo.

Segundo.-De conformidade coa disposición transitoria novena da Lei 13/1996, do 30 de decembro, suspenderase a tramitación dos expedientes e a eficacia das resolucións de xubilación xa dictadas, correspondentes a aqueles funcionarios que cumpriron a idade de 65 anos con posterioridade á entrada en vigor da dita lei e antes da publicación do presente acordo no DOG, agás manifestación expresa por parte dos interesados en sentido contrario.

Terceiro.-O presente acordo terá efectos do mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

1278