Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Luns, 17 de febreiro de 1997 Páx. 1.436

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 30 de decembro de 1996 pola que se aproba o deslindamento parcial do monte veciñal en man común de Devesa, pertencente á comunidade da parroquia de Devesa do concello de Friol (Lugo).

Examinado o expediente de deslindamento parcial do monte veciñal da parroquia de Devesa do concello de Friol (Lugo) e tendo en conta os seguintes.

Antecedentes de feito:

1. Que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Resolución do 28 de decembro de 1974 acorda clasificar como veciñal en man común o monte de Devesa, outorgando a súa propiedade ós veciños da parroquia de Devesa, do concello de Friol (Lugo).

2. Que o 27 de novembro de 1995 tivo entrada no Servicio de Montes e Industrias Forestais de Lugo, un escrito de José Manuel Fernández Varela, interpoñendo, no nome de Encarnación, Felicitas e Antonio Racamonde López e de Encarnación Racamonde Ceide, reclamación previa á vía xurisdiccional civil co fin de exercitar accións de deslindamento, enmar

cado do límite común entre o predio Casa do Cego, propiedade dos seus mandantes, e o monte veciñal en man común de Devesa.

3. Que en febreiro de 1996 e pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes foi aprobada a proposta de gasto para levar adiante dito deslindamento parcial polo sistema de Administración.

4. Que a tramitación previa ó apeo se executou cumprindo as prescricións establecidas nos artigos 96 e seguintes do Regulamento de montes do 22 de febreiro de 1962, sen que se presentase ningunha documentación nin fose necesario a práctica de ningunha anotación preventiva no Rexistro da Propiedade.

5. Que o apeo se iniciou, de acordo coa data e o lugar previsto no anuncio do BOP, coa asistencia dos representantes da Administración autónoma, da comunidade propietaria e do representante dos propietarios do predio Casa do Cego, chegándose a un acordo de cál tiña que se-lo límite a levantar, o que se fixo sen ningunha protesta.

6. Que o 27 de agosto de 1996 fixo o seu informe o enxeñeiro operador, abríndose un período de vista e reclamacións no que non se presentou ningunha.

7. Que en data 27 de novembro de 1996, o xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais de Lugo elevou o seu informe-proposta, xunto co expediente, á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Fundamentos de dereito:

I. O Servicio de Montes e Industrias Forestais de Lugo é competente para verifica-lo referido deslindamento, cumpridas tódalas prescricións legais en canto a publicidade, notificacións e demais requisitos esixidos pola lexislación vixente, e esta consellería é competente para dicta-la presente orde, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei de montes, do 8 de xuño de 1957, en relación co Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza.

II. Os interesados puideron presenta-la documentación que quixeran en defensa dos seus intereses, sen que o fixeran, polo que non foi preciso o informe da mesma nin a clasificación previa de predios e dereitos. Tampouco presentaron reclamacións no período de vista e reclamacións que se anunciou no BOP en cumprimento do establecido no artigo 120 do Regulamento de montes.

Vistos:

A Lei de montes, do 8 de xuño de 1957, e o regulamento para a súa aplicación, do 22 de febreiro de 1962.

A lexislación vixente en materia de montes veciñais en man común.

O Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, de traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O informe-proposta do xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais de Lugo.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Montes e M.A.N.

DISPÓN:

Primeiro.-Aproba-lo deslindamento parcial do monte veciñal en man común de Devesa pertencente á comunidade da parroquia de Devesa, do concello de Friol (Lugo), de acordo coa seguinte descrición.

Liña recta que une os piquetes nº 1 e 2, separados por uns 140 metros e deixando a man esquerda o predio Casa do Cego e a man dereita o monte veciñal en man común de Devesa, de acordo coas actas, rexistro topográfico e planos que figuran no expediente.

Segundo.-Declarar, expresamente, que no referente ás reclamacións de propiedade a presente resolución esgota a vía administrativa e que queda expedita a vía xudicial civil.

Terceiro.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e en contra dela só cabe interpo-lo recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día da súa entrada en vigor.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 1996.

P.D.(Orde do 13-12-1993)

Antonio Luis Rosón Pérez

Secretario xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes

995