Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 14 de febreiro de 1997 Páx. 1.398

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de xaneiro de 1997 pola que se autoriza a Consellería de Familia, Muller e Xuventude para a realización do curso de habilitación para profesionais do primeiro ciclo de educación infantil.

O artigo 10 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece que a educación infantil será impartida por

mestres coa especialización correspondente e que os centros disporán, así mesmo, doutros profesionais coa debida cualificación para a atención educativa axeitada ós nenos e nenas desta idade, previsión que se concreta no Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias.

Tamén, na Orde do 11 de outubro de 1994, pola que se regulan as titulacións mínimas, se recoñece a posibilidade de realizar cursos de formación que habiliten a quen os realice para o desenvolvemento da correspondente especialidade en calquera centro docente, aspectos desenvolvidos na Orde do 11 de xaneiro de 1996, pola que se homologan cursos de especialización para o profesorado de educación infantil, de educación primaria, de educación especial e do primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria e de habilitación para os profesionais do primeiro ciclo de educación infantil.

Por outra banda, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude con competencias no tramo de 0 a 3 anos de educación infantil e coa pertinente rede de recursos de atención a este sector, asume a obriga de forma-los seus profesionais que prestan os seus servicios neles coa finalidade de adecua-las súas titulacións ás recollidas na normativa vixente; a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está disposta a colaborar no sistema de formación dos profesionais que exercen o seu labor nos centros de atención infantil dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Primeiro.-Convocar cursos de habilitación para profesionais do primeiro ciclo de educación infantil que terán lugar nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Segundo.-O obxectivo fundamental do curso é forma-lo persoal dos centros de atención á primeira infancia, dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, que lles permita adaptarse ás competencias establecidas no Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño, e demais normativa aplicable.

Terceiro.-Poderán solicita-la realización do devandito curso os seguintes profesionais:

1. Persoal laboral fixo e temporal que, posuíndo a categoría profesional de auxiliar de puericultura ou calquera outra de atención directa a nenos con anterioridade á entrada en vigor da Orde do 11 de outubro de 1994, preste actualmente servicios nos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

2. No suposto de existiren vacantes, aqueles profesionais que posúan a categoría profesional de auxiliar de puericultura ou calquera outra de atención directa a nenos con anterioridade á entrada en vigor da Orde do 11 de outubro de 1994 e que presten

actualmente os seus servicios nos centros de atención á primeira infancia dependentes de asociacións de iniciativa social ou de entidades locais.

Cuarto.-O curso desenvolverase de acordo coa estructura e características que se dispoñen no anexo III da Orde do 11 de xaneiro de 1996 pola que se homologan cursos de especialización para o profesorado de educación infantil, de educación primaria, de educación especial e do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria e de habilitación para os profesionais do primeiro ciclo de educación infantil.

Quinto.-As solicitudes de admisión ós cursos axustaranse ó modelo disposto no anexo I desta orde e dirixiranse á Consellería de Familia, Muller e Xuventude ou ben por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 15 días contados a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Sexto.-Xuntaráselle á solicitude:

-Documentos acreditativos, orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas, dos méritos alegados dos recollidos no baremo, que figura no anexo II desta orde.

-Certificación dos servicios prestados para o persoal referido no artigo 3.1 da correspondente delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, así como a acreditación de pertencer á categoría profesional con anterioridade á entrada en vigor da Orde do 11 de outubro de 1994 e atoparse actualmente prestando servicios na mesma categoría.

-Con respecto ó persoal comprendido no artigo 3.2º certificación do correspondente concello ou asociación de iniciativa social, relativa á antigüidade e servicios prestados e que se atopa traballando na actualidade.

Sétimo.-A selección dos solicitantes será realizada por unha comisión designada pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Oitavo.-A selección dos aspirantes farase de acordo cos seguintes criterios prioritarios:

1. En primeiro lugar o persoal laboral fixo e temporal que presta os seus servicios nos centros de atención infantil dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

2. En segundo lugar, os profesionais que prestan os seus servicios nos centros de atención infantil dependentes de concellos ou asociacións de iniciativa social.

Noveno.-A valoración dos méritos dos solicitantes seleccionados en aplicación dos criterios prioritarios sinalados no artigo anterior, realizarase segundo o baremo que figura no anexo II desta orde.

No caso de se produciren empates no total das puntuacións, estes resolveranse atendendo sucesivamente á maior puntuación en cada un dos apartados do baremo, pola orde que aparecen nel.

Décimo.-Finalizada a selección, a comisión elevaralla á conselleira de Familia, Muller e Xuventude, para a súa resolución provisional, que exporá nos taboleiros de anuncios da Consellería de Familia, Muller e Xuventude e das súas delegacións provinciais.

Para efectos de cubrir posibles baixas, incluirase como reserva un número máximo de 10 persoas por curso.

Décimo primeiro.-Dentro dos sete días naturais seguintes á exposición da resolución provisional da selección á que se refire o artigo anterior, os solicitantes poderán presentar ante da Consellería de Familia, Muller e Xuventude as reclamacións oportunas.

Transcorrido o prazo de reclamacións, e dentro dos cinco días seguintes, a comisión resolverá as reclamacións e proporá á conselleira de Familia, Muller e Xuventude a selección definitiva, que será publicada nos taboleiros de anuncios da Consellería de Familia, Muller e Xuventude e das súas delegacións provinciais.

Décimo segundo.-As baixas que por calquera causa se produzan entre os seleccionados antes de empeza-lo curso cubriranse cos aspirantes que figuran como reservas, por orde de puntuación.

Décimo terceiro.-Os participantes no curso están obrigados a asistir e realizar tódalas actividades programadas do curso. O incumprimento de máis do 10% de duración, en cada unha das fases, dará lugar á exclusión do curso, logo do informe do coordinador/a deste, oído o interesado e con conformidade da directora xeral de Familia.

Décimo cuarto.-A organización e financiamento é competencia da Consellería de Familia, Muller e Xuventude. A matrícula dos profesionais asistentes a este curso será gratuíta.

Os centros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria autorizados para o desenvolvemento deste curso serán os seguintes:

-A Coruña: I.E.S. Ánxel Casal-Monte Alto.

-Lugo: I. Politécnico de F.P.

-Ourense: I.E.S. A Farixa.

-Pontevedra: I. Politécnico de F.P.

O curso celebrarase durante os anos 1997 e 1998.

As horas do practicum levaranse a cabo nos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude ou, se é o caso, nos centros de atención infantil dependentes de concellos ou asociacións de iniciativa social. O contido deseñarano os coordinadores e coordinadoras do curso e os titores e titoras del.

Décimo quinto.-A cualificación global será apto ou non apto. Ós declarados non aptos faráselles sabe-la data e condicións para a realización dunha proba con carácter extraordinario.

Décimo sexto.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria expedira unha certificación acreditativa ós participantes que superen o curso.

Décimo sétimo.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para dicta-las normas que considere oportunas para o desenvolvemento e interpretación da presente orde.

Décimo oitavo.-Ó remate do curso os alumnos e alumnas deberán elaborar unha memoria final sobre o traballo realizado, que será avaliada polas persoas coordinadoras responsables. Ademais, cada profesor ou profesora do curso emitirá un informe sobre o rendemento de cada alumno con respecto da súa materia, así como os titores e titoras en relación co practicum. Todos estes datos conformarán a cualificación final.

A avaliación positiva de todo iso permitirá a consecución dos créditos asignados ó curso e a cualificación de apto.

A relación de alumnos e alumnas declarados aptos será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Décimo noveno.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II

BAREMO

MÉRITOSPUNTUACIÓNPUNTUACIÓN

MÁXIMA

* EXPERIENCIA PROFESIONAL

A) En centros infantís dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, como persoal de atención directa a nenos no nivel de educación infantil.Por cada ano de servicio, ou fracción superior a 6 meses: 1 puntoA puntuación máxima acadable nos apartados A) e B) será de 10 puntos.
B) En centros infantís dependentes de concellos ou asociacións de iniciativa social, como persoal de atención directa a nenos no nivel de educación infantil.Por cada ano de servicio, ou fracción superior a 6 meses: 0.5 puntos.

* EXPERIENCIA PROFESIONAL

A) Por cada curso relacionado coa educación infantil, convocado por calquera das administración públicas ou homologados pola EGAP.(Se non se acredita a duración entenderase de ata 25 horas)

* de ata 25 horas: 0,01 puntos.

* de 26 a 50 horas: 0,05 puntos.

* de 51 a 100 horas: 0,10 puntos.

* de 101 a 250 horas: 0,25 puntos.

* de 251 a 499 horas: 0,75 puntos.

* de 500 ou máis horas: 1 puntos.

A puntuación máxima acadable nos apartados A) e B) será de 10 puntos.
B) Por publicacións, experiencias e investigacións en relación coa educación infantil.0,50 puntos por cada unha.

991