Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 03 de febreiro de 1997 Páx. 1.101

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 1997, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se modifica a do 19 de xuño de 1995 que convoca concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde.

O Decreto 74/1995, do 10 de marzo, que aproba a oferta de emprego público do persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde para o ano 1995, establece no seu anexo 15 prazas para o grupo de xestión da función administrativa, axustándose as convocatorias e as súas bases ós preceptos básicos contidos no Real decreto 118/1991, do 25 de decembro, declarando con carácter supletorio os preceptos non básicos da dita norma.

Por resolución do 19 de xuño de 1995 (DOG nº 122, do 27 de xuño) convócase concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, e concretamente para o grupo de xestión da función administrativa un total de 15 prazas, 12 delas para a quenda de acceso libre e 3 para a de promoción interna.

A base primeira, 2, da citada convocatoria permite expresamente aplica-lo disposto, con carácter supletorio, no artigo 3.2º do Real decreto 118/1991, do 25 de decembro, no relativo ó incremento do número das prazas inicialmente convocadas que non supere o 15%, sen necesidade da apertura dun novo prazo de presentación de instancias, sempre que non estivese rematada a fase de oposición e viñese imposto polas necesidades do servicio.

A este respecto, con posterioridade á aprobación da oferta de emprego do persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde polo Decreto 74/1995, do 10 de marzo, dotáronse orzamentariamente nos cadros de persoal os suficientes postos da referida categoría que, tendo a condición de vacantes, poden atende-lo incremento de tres prazas no grupo de xestión da función administrativa. Ademais, o aumento da demanda de todo tipo de prestacións administrativas e asistenciais, coa súa heteroxeneidade, dotan, cada vez máis, de gran importancia as funcións do actual grupo de xestión, sendo preciso reforzalo no posible.

Así pois, xorde a posibilidade de incrementar 3 prazas no grupo de xestión da función administrativa, todas elas polo sistema de promoción interna, posto que aínda nin se fixo pública a conclusión da fase de oposición, nin se lesionan os intereses lexítimos do conxunto de aspirantes que participan na quenda de acceso libre ó non sufrir restricción ningunha as 12 prazas convocadas nesta quenda.

Polo tanto, tendo en conta a acreditación da súa xustificación imposta polas necesidades do servicio, á vista do informe favorable da asesoría xurídica da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, este centro directivo,

RESOLVE:

Primeiro.-Incrementa-lo número de prazas ofertadas na categoría do grupo de xestión da función

administrativa de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, do concurso-oposición convocado pola Resolución do 19 de xuño de 1995, en tres prazas máis, sen necesidade de apertura dun novo prazo de presentación de instancias.

Segundo.-Todas estas prazas intégranse na quenda de promoción interna, con idéntica suxeición ás bases da dita convocatoria cás demais prazas convocadas.

Terceiro.-A presente resolución poderá ser impugnada polos interesados nos termos previstos na base décima da citada convocatoria.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 1997.

Valeriano Martínez García

Director xeral de Recursos Humanos

97-575