Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Venres, 31 de xaneiro de 1997 Páx. 1.024

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 12/1997, do 23 de xaneiro, polo que se establecen as bases reguladoras do Servicio da Área do Autoemprego, de orientación, formación e axuda ó autoemprego.

O Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Emprego, o exercicio das competencias e funcións da Xunta de Galicia, entre outras materias, no relativo á promoción do emprego.

A realidade está demostrando que as pequenas e medianas empresas son os instrumentos máis eficaces de creación de emprego, estimándose que máis do 70% das novas ocupacións se realizan polas empresas con menos de dez traballadores. Sen embargo, nun prazo inferior a 5 anos, entre o 30 e o 50% das pequenas e medianas empresas que se crean desaparecen, sendo as principais causas desta alta mortalidade empresarial as dificultades organizativas e de xestión sumadas ós problemas financeiros e de mercado que poden xurdir como consecuencia dunha insuficiente preparación e da ausencia dun plan empresarial preciso. Isto esixe, por parte da Administración autonómica, un esforzo importante para proporcionar ós emprendedores un servicio de información e asesoramento que garanta a viabilidade e supervivencia da empresa.

Co obxectivo de impulsa-la cultura emprendedora na Comunidade Autónoma e de fomenta-la creación de autoempresas que permita, por unha banda, o acceso ó emprego e, por outra, a creación de riqueza, ponse en marcha o Servicio da Área do Autoemprego, de orientación, formación e axuda ó autoemprego.

No capítulo primeiro deste decreto regúlanse as distintas accións que comprende a área do autoemprego, que van desde a difusión da actividade emprendedora ata a formación específica ós emprendedores.

O capítulo segundo dedícase ás entidades que prestan o servicio de asesoramento ós emprendedores, establecendo o procedemento do seu recoñecemento así como a constitución do rexistro delas.

Por último, o capítulo terceiro está dedicado ós emprendedores enumerando os dereitos e obrigas deles neste servicio.

Con base en todo o anterior, por proposta da conselleira de Familia, Muller e Xuventude, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia

na súa reunión do día vintetrés de xaneiro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O presente decreto ten por obxecto establece-las bases polas que se vai regula-lo Servicio da Área do Autoemprego, que ten por finalidade fomentar e apoia-la autoempresa, mediante a orientación, a formación, a axuda e o seguimento ós traballadores, desempregados ou en activo, que creen a súa propia empresa.

2. A área do autoemprego é o servicio que a Consellería de Familia, Muller e Xuventude presta ós emprendedores que pretendan crea-la súa propia empresa. Este servicio, xestionado pola Dirección Xeral de Formación e Emprego, prestarase a través das entidades colaboradoras acreditadas conforme o procedemento disposto neste decreto.

Capítulo I

Das accións

Artigo 2º.-Accións.

A área do autoemprego comprenderá as seguintes accións:

a. Difusión da actividade emprendedora entre a poboación galega.

b. Elaboración de materiais didácticos e de difusión.

c. Formación permanente dos asesores.

d. Información, asesoramento e orientación ós emprendedores.

e. Formación específica ós emprendedores.

f. Avaliación da área do autoemprego.

g. Outras actividades posibles para a consecución dos obxectivos fixados.

Artigo 3º.-Axuda.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Formación e Emprego, prestaralles apoio técnico e concederalles axudas de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, ás entidades públicas ou privadas que colaboren con ela no desenvolvemento das accións sinaladas no artigo anterior.

Artigo 4º.-Difusión da actividade emprendedora.

4.1. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, directamente ou a través de entidades públicas ou privadas, poderá realizar campañas divulgativas para a difusión das accións desenvolvidas no marco do Servicio da Área do Autoemprego. O contido e deseño destas campañas deberá ser supervisado e aprobado pola Dirección Xeral de Formación e Emprego previamente a súa difusión.

4.2. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá realizar e publica-las memorias, os datos

e calquera outro estudio relacionado coas actuacións desenvolvidas por este decreto.

Artigo 5º.-Elaboración de materiais didácticos.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá elaborar directamente, ou en colaboración con outras entidades, públicas ou privadas, materiais didácticos e de difusión que sexan de utilidade para o desenvolvemento da área do autoemprego.

Artigo 6º.-Formación permanente de asesores.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá promover actividades de formación dos asesores co obxectivo de contribuír á súa reciclaxe permanente.

Artigo 7º.-Información, asesoramento e orientación ós emprendedores.

A información e o asesoramento ós emprendedores realizarase a través das entidades acreditadas que se regulan no capítulo segundo do presente decreto.

Artigo 8º.-Formación específica ós emprendedores.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá realizar ou impulsar accións de formación dirixidas ós emprendedores para a adquisición por estes dos coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para consegui-la creación de empresas.

Artigo 9º.-Avaliación.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, co fin de comprobar e controla-lo grao de alcance dos obxectivos establecidos nesta área, realizará as accións de avaliación oportunas.

Capítulo II

Das entidades acreditadas

Artigo 10º.-Requisitos.

10.1. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude creará un rexistro de entidades acreditadas para prestar asesoramento ós emprendedores.

10.2. Poderán obte-lo recoñecemento como entidades acreditadas e a súa inscrición no rexistro correspondente aquelas institucións e entidades, públicas ou privadas, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Contar, como mínimo, con dous profesionais especializados para realiza-las actividades de asesoramento e información ós emprendedores cunha experiencia acreditada.

b) Dispoñer dun local con despacho para a atención individual e uns servicios anexos necesarios para a actividade que pretenden realizar.

c) Acreditar unha experiencia mínima de 2 anos no asesoramento de creación de empresas. Excepcionalmente, e co obxecto de facilita-lo acceso dos emprendedores ó servicio, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá dispensar do cumprimento deste requisito a aquelas entidades que pre

tendan presta-lo servicio de asesoramento en zonas xeográficas onde non exista ningunha outra entidade acreditada.

Artigo 11º.-Solicitude.

11.1. As entidades que, reunindo os requisitos establecidos no artigo anterior, desexen obte-lo recoñecemento como entidade acreditada deberán formaliza-la correspondente solicitude segundo o modelo oficial que se xunta como anexo I ó presente decreto, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado e dirixida ó director xeral de Formación e Emprego.

11.2. As solicitudes de recoñecemento de entidade acreditada poderán presentarse durante todo o ano.

11.3. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións correspondentes.

b) Planos do local.

c) Relación das persoas que vaian presta-lo asesoramento co seu currículo e acreditación da súa experiencia no asesoramento de empresas.

d) Licencia municipal de apertura.

e) Número de identificación fiscal e estatutos ou normas debidamente legalizadas polas que se rexa a entidade.

f) Documento que acredite, se é o caso, a alta no imposto de actividades económicas.

11.4. Aquelas entidades que, reunindo os requisitos sinalados no artigo 10, pretendan presta-lo servicio de asesoramento en máis dun centro deberán presenta-la documentación sinalada no parágrafo anterior por cada un deles.

Artigo 12º.-Tramitación.

12.1. A tramitación e instrucción dos expedientes realizarase na Dirección Xeral de Formación e Emprego conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

12.2. O director xeral de Formación e Emprego dictará resolución motivada que porá fin ó procedemento administrativo, e seralles notificada ós interesados.

12.3. A resolución dos expedientes deberá producirse nun prazo de catro meses contados a partir do día seguinte ó da presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se dictara resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria do recoñecemento.

12.4. Contra a resolución do director xeral de Formación e Emprego que poña fin ó procedemento de recoñecemento poderá interporse recurso ordinario ante a conselleira de Familia, Muller e Xuventude no prazo dun mes a contar desde o día seguinte

ó da recepción da notificación da resolución que se pretende impugnar.

Artigo 13º.-Rexistro de Entidades.

13.1. O recoñecemento implicará a inclusión da entidade no Rexistro de Entidades Acreditadas da Área do Autoemprego, constituído para o efecto na Dirección Xeral de Formación e Emprego.

13.2. A cada entidade asignaráselle un número de rexistro e ás que dispoñan de máis dun centro na mesma ou distinta localidade asiganaráselles un número distinto para cada un deles.

13.3 A obtención do recoñecemento como entidade acreditada é condición necesaria para poder desenvolve-las accións de información, asesoramento e orientación do programa: Área do Autoemprego, e, se é o caso, percibi-las correspondentes axudas.

Artigo 14º.-Perda da condición de entidade acreditada.

14.1. Perderán o seu recoñecemento como entidades acreditadas aquelas nas que concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Que a entidade non conserve as condicións que permitiron o seu recoñecemento como entidade acreditada.

b) Que as actuacións da entidade acreditada non se realicen de acordo cos criterios e procedementos establecidos no programa.

c) Que a entidade non cumpra as obrigas contidas neste decreto.

d) Pola cesión ou arrendamento das instalacións, dos recursos e medios dunha entidade acreditada que fai de intermediaria co obxecto de que outro titular diferente presente a solicitude de recoñecemento como entidade acreditada.

e) Pola subcontratación a un terceiro da xestión das accións que se acordaran.

f) Que o contido da documentación presentada pola entidade incorra en falsidade.

14.2. A perda da condición de entidade acreditada realizarase por resolución motivada do director xeral de Formación e Emprego. Contra ela poderá interpoñerse recurso ordinario ante a conselleira de Familia, Muller e Xuventude, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación da resolución que se pretende impugnar.

Artigo 15º.-Obrigas das entidades acreditadas.

As entidades que obteñan o recoñecemento como entidade acreditada estarán obrigadas a:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e supervisión que, en calquera momento, poida realiza-la Consellería de Familia, Muller e Xuventude, estando obrigadas a facilitar canta información se lles solicite.

b) Prestar unha atención personalizada e profesional ós emprendedores.

c) Non percibir cantidade ningunha dos beneficiarios da área do autoemprego polos servicios de información e asesoramento, nos termos que se establezan no convenio de colaboración.

d) Non facer constar, na publicidade que realice das súas actividades privadas, a súa condición de entidade acreditada do servicio da área do autoemprego da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

e) Comunicarlle á Dirección Xeral de Formación e Emprego calquera modificación nos recursos humanos e materiais que poidan afectar á prestación do servicio.

Artigo 16º.-Funcións das entidades acreditadas.

As entidades acreditadas, no ámbito de fomento e apoio ó autoemprego, deberán realiza-las seguintes funcións dirixidas ós emprendedores:

a) Asesoramento sobre a viabilidade en materia de creación de empresas e na elaboración do plan de empresa.

b) Titoría no proceso de creación e consolidación da empresa.

c) Entrega de impresos e documentación que achegará a Consellería de Familia, Muller e Xuventude, necesarios para a tramitación das solicitudes adecuadas.

Artigo 17º.-Colaboración das entidades acreditadas.

As entidades acreditadas deben colaborar coa Consellería de Familia, Muller e Xuventude no desenvolvemento das súas actuacións do seguinte xeito:

a) Elaboración das memorias e os informes correspondentes ás actividades desenvolvidas e a súa evolución para efectos de seguimento da área do autoemprego.

b) Comunicación á Consellería de Familia, Muller e Xuventude das incidencias que poida haber no desenvolvemento das súas actividades.

c) Cooperación nas accións de seguimento dos proxectos empresariais e de avaliación das diversas actuacións que se leven a cabo.

Artigo 18º.-Control.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude exercerá as accións de supervisión e control necesarias para garanti-la calidade e a homoxeneidade do servicio prestado polas entidades acreditadas.

Capítulo III

Dos emprendedores

Artigo 19º.-Emprendedor.

Para os efectos deste decreto considérase emprendedor aquela persoa física que teña a vontade de crear, polo menos, o seu propio posto de traballo

mediante a posta en marcha dunha actividade económica, baixo calquera forma xurídica, xerenciada por el.

Artigo 20º.-Dereitos e obrigas dos emprendedores.

20.1. O emprendedor ten o dereito a recibir unha atención personalizada, profesional e gratuíta por parte da entidade acreditada asesora.

20.2. O emprendedor poderá escoller, para recibi-lo asesoramento, unha entidade á que dirixirse de entre todas aquelas entidades acreditadas de Galicia.

20.3. No suposto de que o emprendedor non considere satisfactorios os servicios recibidos por parte da entidade acreditada, comunicarallo por escrito á Dirección Xeral de Formación e Emprego, e poderá optar por unha nova entidade.

20.4. O emprendedor terá garantida a confidencialidade de toda a información que lle comunique á entidade acreditada en relación co seu proxecto empresarial excepto aquela que sexa indispensable para realiza-las actividades de asesoramento, orientación e seguimento do proxecto, así como para a elaboración de estudios e para a investigación, de acordo coa Lei 5/1992, do 29 de outubro, de regulamentación do tratamento dos datos de carácter persoal.

20.5. Os emprendedores que participen nas actividades que ofrece este servicio colaborarán coa Consellería de Familia, Muller e Xuventude mediante a súa participación naquelas actividades que teñan como obxectivo conseguir un intercambio de experiencias, achegas e mellora do mencionado servicio.

disposicións adicionais

Primeira.-A Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá asinar convenios de colaboración con entidades públicas e privadas para o desenvolvemento das accións establecidas no capítulo primeiro do presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Familia, Muller e Xuventude para que dicte, no ámbito das súas competencias, as normas necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de xaneiro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

704