Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 1997 Páx. 1.008

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 22 de novembro de 1996 pola que se lle outorga a Repsol Butano, S.A. concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas propano comercial no termo municipal de Boiro.

Visto o escrito presentado pola empresa Repsol Butano, S.A., con enderezo social r/ Arcipreste de Hita, 10, 28015 Madrid, e tendo en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-O día 5 de xullo de 1996, a empresa Repsol Butano, S.A., adicada á subministración de gases licuados do petróleo, solicitou, ó abeiro da Lei 10/1987, do 15 de xuño, de normas básicas para un desenvolvemento coordinado de actuacións no sector de combustibles, e do Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, a concesión administrativa para a prestación do servicio público de subministración de gas propano comercial no termo municipal de Boiro (A Coruña), para o efecto do cal presentou o preceptivo proxecto das instalacións obxecto da concesión á que fai referencia o artigo 10 do Decreto 2913/1973.

As características principais das instalacións son as seguintes:

-Estación de GLP, composta por 3 depósitos cunha capacidade total de almacenamento de 148,5 m, e dotada de equipo de gasificación, regulación e transvase axeitados ás necesidades de consumo.

-Rede básica de distribución, soterrada na súa totalidade, deseñada para a súa intercambiabilidade con gas natural e construída con tubería de polietileno de media densidade, de diversos diámetros segundo as necesidades de consumo.

O orzamento das instalacións ascende a setenta e un millóns, duascentas setenta e dous mil, duascentas catro pesetas (71.272.204 ptas).

Segundo.-De conformidade co establecido no citado decreto 2913/1973, a Dirección Xeral de Industria, dictou resolución do 24 de xullo de 1996 pola que se someteu a información pública a concesión administrativa de referencia, que se publicou no DOG do 7-8-1996, no BOP da Coruña do 7-9-1996, no BOE do 7-8-1996 e no xornal La Voz de Galicia do 7-8-1996, sen que se presentase ningunha alegación ó respecto.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia é competente para outorga-la correspondente concesión administrativa conforme o Estatuto de Autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas, o Decreto 209/1990, do 15 de marzo, modificado polo Decreto 140/1991, do 2 de maio, en relación coa Lei 10/1987, do 15 de xuño, e o Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, que continúa en vigor de acordo co establecido na disposición transitoria primeira da Lei 10/1987, en tanto non se aproben as disposicións de desenvolvemento desta.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, a Consellería de Industria e Comercio, por proposta da Dirección Xeral de Industria,

DISPÓN:

-Outorgarlle á empresa Repsol Butano, S.A., a concesión administrativa solicitada para o servicio público de subministración de gas propano comercial no termo municipal de Boiro.

A presente concesión administrativa axustarase a cantas prescricións se establecen na Lei 10/1987, do 15 de xuño, no Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, e a cantas outras disposicións se dictasen ou dicten sobre o servicio público de subministración de combustibles, así como ás seguintes condicións:

Primeira.-Repsol Butano, S.A., constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento da concesión, unha fianza por valor de 1.425.444 pesetas, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garanti-lo cumprimento das

súas obrigas, conforme o previsto no artigo 7, apartado b) da Lei 10/1987, do 15 de xuño, e no artigo 13 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11, apartado 3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e que se devolverá unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-De acordo co disposto no artigo 21 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles, dentro do prazo dun ano, contado a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, Repsol Butano, S.A. deberá solicitarlle á Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, a autorización administrativa para a montaxe das instalacións, presentando o proxecto detallado destas, e debendo cumprirse, en todo caso, os prazos previstos no proxecto de concesión, podendo os ditos prazos ser prorrogados por causa xustificada, logo da correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou a exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira.-As instalacións e as súas montaxes deberán cumpri-lo establecido no Regulamento de redes e conexións de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria, do 18 de novembro de 1974, modificada polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía, do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994, e deberán preverse para responder ós avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

O cambio das características do gas subministrado ou a substitución por outro intercambiable, requirirá a autorización da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 8, apartado c), do regulamento xeral do servicio público de gases combustibles.

As instalacións receptoras de gas, a partir da acometida, tanto as comúns como as individuais, deberán cumpri-las normas básicas de instalacións de gas en edificios habitados ou, se é o caso, aquelas que as modifiquen ou substitúan.

Cuarta.-O concesionario deberá manter unha correcta subministración e un axeitado e eficiente servicio de mantemento das instalacións, reparación de avarías, reclamacións e, en xeral, de atención ós usuarios, sendo responsable da conservación e bo funcionamento das instalacións.

Quinta.-A determinación das tarifas de venda de gas rexerase polas disposicións vixentes en cada momento sobre a materia.

Sexta.-A presente concesión outórgase por un prazo de setenta e cinco anos a partir da publicación desta orde no DOG. As instalacións obxecto desta concesión reverteranlle á Comunidade Autónoma de

Galicia ó transcorre-lo prazo sinalado, de acordo co artigo 7, apartado c) da Lei 10/1987, do 15 de xuño.

Sétima.-Repsol Butano, S.A. poderá transferir en calquera momento a concesión, requiríndose a autorización previa da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, e subrogándose o novo titular en tódalas obrigas e dereitos do transmitinte derivados da concesión.

Oitava.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña coidará do exacto cumprimento das condicións estipuladas por esta orde, así como da inspección das obras e montaxes efectuadas.

Os recoñecementos, ensaios e probas, de carácter xeral ou parcial, que, segundo as disposicións en vigor, teñan que realizarse nas instalacións obxecto desta concesión, deberán serlle comunicadas polo concesionario á citada delegación provincial coa debida antelación.

Novena.-Nos casos de incumprimento das obrigas do concesionario que poidan afectarlle á continuidade e seguridade do servicio público, e co fin de garantírlle-lo mantemento do servicio ós usuarios deste, a Xunta de Galicia poderá acorda-la intervención da correspondente empresa concesionaria, de acordo co artigo 128 da Constitución, adoptando as medidas oportunas para mante-las subministracións.

Décima.-Poderán ser causas de extinción da presente concesión, ademais das sinaladas no apartado e) do artigo 7 da Lei 10/1987, do 15 de xuño, as seguintes:

a) O incumprimento do apartado b, do artigo 7 da Lei 10/1987.

b) A introducción de calquera variación ou ampliación na execución dos proxectos, non autorizadas pola Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, salvando as modificacións precisas para que se cumpran as disposicións vixentes.

c) Se non se levasen a cabo as instalacións de acordo coas condicións impostas na resolución e na autorización para a montaxe destas.

Sen embargo, se por evolución da técnica ou a distribución de gas, por utilización de diferentes materias primas ou por outras causas, non fose axeitado o mantemento dalgunha ou algunhas das instalacións obxecto da presente orde, Repsol Butano, S.A., poderá solicitar da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia:

1.-Autorización para a modificación ou substitución das instalacións, sen altera-las restantes condicións da concesión e coa mesma data de reversión das instalacións substituídas, ou ben.

2.-A adaptación das cláusulas da concesión ás novas condicións existentes, co fin de mante-lo equi

librio económico financeiro dentro do prazo establecido na condición.

Décimo primeira.-A concesión outórgase sin prexuízo de terceiros, deixando a salvo os dereitos particulares e independentemente das autorizacións, licencia ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros, necesarios para a realización das obras das instalacións de gas.

Contra a presente orde, que é definitiva en vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación desta, logo da comunicación a esta consellería, conforme ó establecido no artigo 57.2º da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956, coa nova redacción dada pola disposición adicional décimo primeira da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 1996.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

419