Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 1997 Páx. 981

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de xaneiro de 1997 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Alminar.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Alminar, con domicilio en Vigo.

Supostos de feito.

1. Susana Beatriz Maceira Quinteiro, na súa calidade de presidenta da fundación, en escrito do once de setembro de 1996, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día nove de setembro 1996, perante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Manuel Martínez Rebollido co número mil douscentos oitenta e un do seu protocolo por Susana Beatriz Maceira Quinteiro, María José Domínguez Vázquez, interveñen no seu propio nome e dereito e ademais a primeira, en representación de Cecilia Ester Lagunas, Isabel Quinteiro Fernández e María da Concepción López Sarasua.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é propiciar actividades destinadas a facilitar e fomentar actividades culturais, co fin de desenvolver unha conciencia social enriquecedora na diversidade multicultural para a educación na convivencia e tolerancia.

4. O padroado da fundación estará constituído por Susana Beatriz Maceira Quinteiro como presidenta, Cecilia Ester Lagunas como vicepresidenta, María José Domínguez Vázquez como secretaria e, como vocais, Isabel Quinteiro Fernández e María da Concepción López Sarasua.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Alminar, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1 e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día vinte de xaneiro de 1997.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Alminar e adscribila á Consellería de Cultura e Comunicación Social, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

579