A actividade do organismo autónomo Augas de Galicia leva consigo unha concentración de funcións no seu presidente que aconsella recorrer á delegación no Departamento de Xestión de Dominio Público Hidráulico da función de autorización dos gastos e ordenación dos pagamentos dentro dos créditos aprobados no orzamento do organismo para facilitar, dado o seu volume, a axilización necesaria tanto en beneficio do organismo como dos administrados dentro do respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe.
O artigo 12, letra d, da Lei 8/1993, do 23 de xuño da administración hidráulica de Galicia e o artigo 13, parágrafo 1, letra e, do Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, establecen como competencia do presidente do organismo a de autoriza-los gastos e ordena-los pagamentos dos créditos aprobados.
Así mesmo, o parágrafo 2 do citado artigo permite delega-las atribucións da citada letra parcialmente ou na súa totalidade, nun ou en varios dos titulares das unidades administrativas ás que se refire o artigo 39 do Decreto 108/1996, do 29 de febreiro.
Na súa virtude e de acordo co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,
RESOLVO:
Delegar no xefe de departamento de Xestión de Dominio Público Hidráulico a competencia atribuída ó presidente de Augas de Galicia no artigo 12, letra d, da Lei 8/1993, do 23 de xuño, e a do artigo 13, parágrafo 1, letra e, do Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, na súa totalidade.
As resolucións administrativas que se adopten, facendo uso da delegación contida na presente resolución, farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que as conferiu.
En calquera momento, o presidente do organismo poderá reclama-lo exercicio da competencia que é delegada por esta resolución.
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 1997.
Emilio García Gallego
Presidente de Augas de Galicia
569