Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Martes, 28 de xaneiro de 1997 Páx. 905

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 16 de xaneiro de 1997 pola que se regulan axudas para arrendatarios de predios rústicos, que exerzan o seu dereito á propiedade, pola aplicación da Lei 1/1992, do 10 de febreiro, relativa ós arrendamentos históricos.

A Lei 1/1992, do 10 de febreiro, de arrendamentos históricos, prorroga ata o día 31 de decembro de 1997 os arrendamentos recollidos na dita lei, e confírelle o dereito de acceso á propiedade, durante o referido prazo.

O Real decreto 1147/1992, do 25 de setembro, establece unha liña especial de axudas, para facilitarlles ós arrendatarios históricos o exercicio do dereito de acceso á propiedade, nas que participan o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Comunidade Autónoma, segundo o convenio establecido entre ámbalas dúas administracións.

Con independencia desta liña especial de axudas, a Comunidade Autónoma, co ánimo de facilita-lo exercicio do citado dereito, achegará dos seus propios fondos as cantidades necesarias para outros gastos por razóns fundamentais sociais e que contribúan a facer posible a finalidade que pretende a lei.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os arrendatarios de predios rústicos ós que se refiren a Lei 1/1992, do 10 de febreiro e 83/1980, do 31 de decembro, que comunicaron a súa intención de exerce-lo dereito de acceso á propiedade antes do día 12 de febreiro de 1994, poderán ser auxiliados cos préstamos e subvencións que establece o Real decreto 1147/1992, do 25 de setembro.

Artigo 2º.-Tipos de axudas.

As axudas consistirán en:

a) Subvencións directas de capital.

b) Subvencións de tramitación.

c) Préstamos con xuro bonificado.

d) Préstamos de xuro preferencial.

Artigo 3º.-Subvencións directas de capital.

1.-A subvención directa de capital só se poderá conceder por petición do beneficiario, cando este obteña máis do 50% da súa renda anual da actividade agraria e a súa explotación non supere dúas unidades de traballo-home. Para estes efectos enténdese por unidade de traballo-home, o traballo que un agricultor desenvolve durante mil novecentas vinte horas do ano.

2.-No caso de que o arrendatario estea xubilado e non obteña da actividade agraria máis do 50% da súa renda anual poderáselle concede-la axuda prevista no apartado anterior, sempre que teña un fillo que conviva con el, e que traballando na explotación do pai, obteña máis do 50% da súa renda anual da actividade agraria.

3.-A porcentaxe de subvención aplicarase sobre unha cantidade máxima de:

a) Dez millóns de pesetas cando a superficie do predio adquirido sexa superior á superficie que teña o arrendatario en propiedade antes da adquisición.

b) Seis millóns de pesetas cando a superficie do predio adquirido sexa inferior á superficie que teña o arrendatario en propiedade antes da adquisición.

4.-A contía máxima das subvencións directas expresada en porcentaxe do prezo do predio ou predios que se adquiran, ata os límites previstos no apartado 3, será do 40 por 100; o seu financiamento corresponderalle á Administración do Estado a través do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e á Comunidade Autónoma, segundo o convenio existente.

Artigo 4º.-Subvencións de tramitación.

Independentemente das subvencións directas de capital, a Comunidade Autónoma poderá subvencionar ata o 100% os gastos de tramitación, formalización de escrituras e inscrición rexistral, incluídos os que se deriven de hipotecas constituídas en garantías de créditos, así como os gastos derivados de realización de estudios cartográficos, de investigación de situación xurídica ou similares sobre os fondos arrendados e que coadxuven á obtención das axudas para facilita-lo acceso á propiedade.

Artigo 5º.-Préstamos con xuros bonificados.

1.-Poderán acollerse aqueles arrendatarios que non cumpran os requisitos do artigo 3º ou ben que cumpríndoos elixan este tipo de axuda. Os préstamos concedidos sobre o prezo dos predios adquiridos axustaranse ás condicións establecidas no artigo 7º. Neste caso non será de aplicación a subvención directa recollida no artigo 3º.

2.-O tipo de xuro resultante para os préstamos bonificados será:

a) Cando o adquirente cumpra as condicións establecidas no artigo 3º.

-O 6% se o predio está situado nas zonas desfavorecidas, declaradas de acordo co establecido nos artigos 2 e 3 da Directiva 75/268/CEE, do Consello, do 28 de abril de 1975.

-O 7% se o predio non está situado nas ditas zonas desfavorecidas.

b) Cando o adquirente non cumpra as condicións establecidas no artigo 3º, o 9%.

Artigo 6º.-Préstamos con tipos de xuro preferencial.

1.-Os beneficiarios das subvencións directas previstas no artigo 3º poderán solicita-los préstamos

non bonificados pola diferencia entre aquelas e o prezo do predio. A suma do dito préstamo e da subvención directa non poderá exceder de 15 millóns de pesetas.

2.-O tipo de xuro será o preferencial vixente no momento da formalización do préstamo.

Artigo 7º.-Condicións dos préstamos.

Os préstamos previstos nos artigos 5º e 6º axustaranse ás seguintes condicións.

a) A contía máxima dos préstamos poderá acada-lo prezo do predio ou predios que se adquiran, ata o límite de 15 millóns de pesetas.

b) A garantía para a devolución do préstamo poderá se-la hipotecaria sobre o predio ou predios adquiridos ou, no seu defecto, outras garantías suficientes.

c) O prazo de reintegro do préstamo será de 15 anos, contados a partir da data da súa formalización cunha carencia de tres anos, efectuándose a amortización do capital do préstamo a partir do cuarto ano, en doce mensualidades.

Artigo 8º.-Financiamento das axudas.

1.-As subvencións directas de capital serán financiadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Comunidade Autónoma, segundo as porcentaxes establecidas no convenio asinado para o efecto.

2.-Os gastos financeiros correspondentes á porcentaxe das subvencións directas de capital, segundo o convenio citado, que se sufragarán con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, así como os derivados das subvencións de tramitación recollidas no artigo 4º, imputaranse á aplicación 09.02.421A.770.0 (axudas para adquisición de terras procedentes de arrendamentos históricos), dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, dotada cun crédito de 100.000.000 de pesetas.

3.-A bonificación no tipo de xuro dos préstamos será financiada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, na súa totalidade.

Artigo 9º.-Tramitación das axudas.

A tramitación e resolución dos expedientes de solicitude das axudas por parte dos beneficiarios será realizada pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

As solicitudes de axudas presentaranse, segundo o modelo establecido no anexo da presente orde, nos servicios centrais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, así como nas delegacións provinciais, axencias comarcais da zona, axencias de extensión agraria, ou en calquera das dependencias ás que fai referencia o artigo 38.4 da Lei 30/1992,do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto coa seguinte documentación:

a) Copia compulsada da escritura de adquisición, onde se acredite a condición de arrendamento histórico.

b) Relación de gastos, cos seus xustificantes, obxecto da subvención.

c) Declaración da renda que acredite que obtén máis do 50 por 100 da renda anual da actividade agraria.

d) Certificación de estar afiliado á Seguridade Social Agraria.

e) Declaración expresa de non tener contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia.

f) Antes de proceder ó cobramento deberán acreditar que se encontran ó día das obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Outros documentos en función da axuda solicitada.

Artigo 10º

O arrendatario verase obrigado a subscribir contrato-tipo coa Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, de acordo coas estipulacións establecidas nel.

Artigo 11º

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de outubro de 1997.

Artigo 12º

Para a concesión destas axudas, terase en conta como criterios de prioridade, ó longo do exercicio económico, entre outros, a maior antigüidade no arrendamento, a superficie afectada por este, así como a existencia ou non, de mutuo acordo entre ámbalas dúas partes.

Disposicións adicionais

Primeira.-Consideranse como válidos, tódolos documentos presentados referidos a aqueles expedientes redactados e que non foron tramitados por falta de dotación orzamentaria. Non obstante, poderá esixirse unha nova solicitude formulada ó abeiro da presente orde.

Segunda.-Mentres non se produza a aprobación e conseguinte publicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, as solicitudes que se orixinen como consecuencia da publicación da orde de subvención serán tramitadas de conformidade e cos efectos contidos na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 2 de xuño de 1986 (DOG nº18, do 19-6-1986), modificada pola orde do 18 de outubro de 1991 (DOG nº229, do 26-11-1991).

A dotación orzamentaria está contida no proxecto dos orzamentos para 1997.

Terceira: facúltase ó director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural para dictar aquelas disposicións complementarias precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde, no ámbito das súas competencias.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

530