Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 1997 Páx. 786

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 10 de xaneiro de 1997 pola que se declara de interese galego a Fundación Galega para a Tutela de Adultos, e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Con data do 30 de decembro de 1996 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 19 de decembro de 1996, pola que se clasifica como mixta a Fundación Galega para a Tutela de Adultos adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 18 de outubro de 1996, perante o notario desta cidade, Manuel Julio Reigada Montoto, co número mil douscentos noventa e catro do seu protocolo, pola conselleira de Familia, Muller e Xuventude e o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, interveñen por razón dos seus cargos, en nome e representación da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto e finalidade, entre outros, o exercicio da tutela e curadoría das persoas maiores de idade incapacitadas legalmente, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, que carezan de familia, persoa ou institucións idóneas ou estas non se encontren en condicións de exercelas, nos termos fixados no Código Civil, cando así o determine a autoridade xudicial.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único:

1. Declarar de interese galego a Fundación Galega para a Tutela de Adultos ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación Galega para a Tutela de Adultos no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presi

dencia e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro de Presidencia e Administración Pública

381