Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Xoves, 23 de xaneiro de 1997 Páx. 728

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 4/1997, do 9 de xaneiro, polo que se crea a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior.

En virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e tendo en conta os criterios de economía e eficiencia que deben inspira-la actuación e organización administrativa, considérase necesaria a creación dun órgano específico que dea resposta ás implicacións crecentes entre a actividade da Unión Europea e os intereses da Comunidade Autónoma e que impulse as actuacións que, nesta materia e no ámbito da acción exterior, realiza a Xunta de Galicia.

Un dos expoñentes máis claros do proceso para asegurar unha maior participación das comunidades autónomas nos asuntos europeos, constitúeno as actuacións tendentes a garanti-la presencia de representantes autonómicos nos comités da Comisión Europea, nun primer momento, e no Consello de Ministros, nun momento posterior. Esta participación directa en Bruxelas, que reforza extraordinariamente a que xa se vén producindo a través do Comité das Rexións, e a especial atención ós procedementos de notificación de axudas públicas -especialmente vixiadas trala aprobación do Tratado de Maastricht- e de atención ás queixas comunitarias, esixe e xustifica a creación dun órgano capaz de canaliza-la información necesaria, definir prioridades e conciliar actuacións, como interlocutor da Secretaría de Estado para a Política Exterior e Unión Europea.

Por outra banda, o aumento cualitativo da participación de Galicia en determinados foros interrexionais, potenciando, entre outras, unha estratexia atlántica que dinamice o desenvolvemento socioeconómico; o afondamento nas relacións, non suficientemente exploradas, con terceiros países, a actuación en materia de cooperación ó desenvolvemento, ou a consolidación das relacións coa Rexión Norte de Portugal, sitúannos na senda do que pode caracterizarse como acción exterior da Xunta de Galicia, o que obriga á articulación dos instrumentos necesarios para acada-los obxectivos perseguidos.

Finalmente, a necesaria cooperación entre os distintos departamentos da Xunta de Galicia para os asuntos europeos e con proxección exterior en xeral, aconsellan a localización na Presidencia dun órgano destas características unha vez cuberta e consolidada a etapa dunha acción exterior fundamentalmente baseada na optimización dos retornos financeiros comunitarios.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, e logo do informe da Consellería de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de xaneiro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Con dependencia directa e inmediata da Presidencia da Xunta de Galicia, créase a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior como órgano de apoio e asesoramento á Presidencia da Xunta en tódalas actuacións que en materia de relacións coa Unión Europea e acción exterior leve a cabo a Administración autonómica.

A Secretaría Xeral terá rango de dirección xeral e dependerá funcionalmente da Presidencia da Xunta e organicamente da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 2º

A Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior exercerá as seguintes funcións:

a) A dirección e execución da actividade europea e exterior da Xunta de Galicia como órgano de apoio ó seu presidente, sen prexuízo das competencias que a cada departamento lles correspondan.

b) A cooperación institucional e técnica en apoio das actuacións da Administración autonómica en relación co proceso de integración europea, especialmente naquelas materias relacionadas coas políticas rexionais e sectoriais, así como das diferentes organizacións rexionais europeas.

c) A xestión dos procedementos de notificación de axudas públicas e o tratamento das queixas comunitarias.

d) A representación da Comunidade Autónoma nos órganos de cooperación que sobre as cuestións xerais de integración europea e acción exterior existan entre a Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, sen prexuízo das competencias doutros órganos da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

e) O impulso da cooperación entre os departamentos da Xunta de Galicia para os asuntos relacionados coa Unión Europea e a acción exterior.

f) A canalización da información que se xere entre o ámbito da Unión Europea e que sexa de interese para os distintos departamentos da Xunta de Galicia en particular e para a sociedade galega en xeral.

Artigo 3º

Para o exercicio das súas funcións, a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior estructúrase nas seguintes unidades administrativas:

1. Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea.

1.1. Servicio de Asuntos Comunitarios.

2. Subdirección Xeral de Acción Exterior.

2.1. Servicio de Organizacións Rexionais Europeas e Acción Exterior.

3. Asesoría Xurídica, adscrita organicamente á Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior e funcionalmente á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

4. Servicio de Xestión. Baixo a dependencia directa do secretario xeral.

Artigo 4º

Ás unidades administrativas mencionadas no artigo anterior corresponderánlles-las seguintes funcións:

1. Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea:

a) O impulso, xestión e coordinación das actuacións que se desenvolvan no ámbito da Unión Europea, tanto no que se refire á presencia directa da Xunta de Galicia nos órganos comunitarios, como á participación da Comunidade Autónoma nos asuntos europeos en colaboración coa Administración xeral do Estado.

b) O fomento da cooperación entre os distintos departamentos da Xunta de Galicia nos asuntos europeos.

c) A canalización e a difusión da información sobre os asuntos relacionados coa Unión Europea.

1.1. Servicio de Asuntos Comunitarios:

a) O seguimento das actuacións levadas a cabo pola Xunta de Galicia dentro do marco dos organismos comunitarios, e en especial, no que se refire á participación no Comité das Rexións.

b) O impulso da participación autonómica nos comités ou grupos de traballo das institucións comunitarias.

c) O seguimento e información sobre programas comunitarios de interese para a Comunidade Autónoma, a xestión dos procedementos de notificación de axudas públicas e a xestión das queixas comunitarias.

2. Subdirección Xeral de Acción Exterior:

a) A participación da Comunidade Autónoma nos organismos interrexionais de ámbito europeo dos que Galicia forma parte, en particular o Consello de Europa.

b) O estímulo das relacións bilaterais entre Galicia e outras rexións estranxeiras, especialmente, o fomento e consolidación das relacións coa Rexión Norte de Portugal. Así mesmo a promoción de actuacións en materia de cooperación ó desenvolvemento, sen prexuízo das competencias que correspondan á Dirección Xeral de Relacións Institucionais.

c) A cooperación entre os distintos departamentos da Xunta de Galicia no relativo ós desprazamentos ó exterior do presidente da Xunta de Galicia, cando estes teñan unha finalidade compartida por varios órganos directivos, e o fomento da participación da Xunta de Galicia en programas de cooperación interrexional.

2.1. Servicio de Organizacións Rexionais Europeas e Acción Exterior:

a) O impulso e seguimento das actuacións da Administración autonómica en relación coas organizacións rexionais europeas.

b) A promoción das actuacións bilaterais no marco da cooperación transfronteiriza e interrexional.

c) A análise das consecuencias que se deriven das relacións entre Galicia e terceiros estados.

3. Asesoría Xurídica.

As súas funcións son as sinaladas no Decreto 370/1992, do 3 de decembro.

4. Servicio de Xestión

a) O seguimento das relacións de carácter financeiro derivadas dos programas de cooperación interrexional.

b) O seguimento da xestión da Fundación Galicia-Europa.

c) A xestión económica e administrativa da secretaría.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ou contradigan o establecido no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las normas complementarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de xaneiro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

79