Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Luns, 20 de xaneiro de 1997 Páx. 572

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 3 de xaneiro de 1997 pola que se fixan as tarifas pola utilización de determinados servicios ofrecidos polo Centro de Innovación e Servicios (CIS) Deseño e Tecnoloxía do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

O Igape, no desenvolvemento das funcións atribuídas pola súa Lei de creación 5/1992, do 10 de xuño, puxo en funcionamento os Centros de Innovación e Servicios (CIS) Deseño e Tecnoloxía, constituídos como centros de apoio industrial coa finalidade, entre outras, de facilitar actividades de I+D e N+H e difundi-lo deseño industrial e a cultura tecnolóxica entre as pemes galegas.

Para a consecución dos ditos fins, os centros contan coas instalacións e medios técnicos e persoais axeitados, que, segundo a dispoñibilidade que permitan as actividades propias do centro e do Igape en xeral, poderán ser postos a disposición do público, percibindo o Igape como contraprestación un prezo por estes.

Resulta necesario, polo tanto, fixa-los prezos que os usuarios dos distintos servicios dos CIS deben satisfacer pola súa utilización, polo que, de conformidade coas disposicións da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade autónoma de Galicia e logo do informe favorable da Dirección Xeral de Tributos da Consellería de Economía e Facenda, en virtude das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a fixación dos prezos privados para percibir polo Instituto Galego de Promoción Económica nos Centros de Innovación e Servicios (CIS-Tecnoloxía e CIS-Deseño).

Artigo 2º.-Clases de prezos privados.

Establécense os seguintes prezos privados:

I. Instalacións xerais:

Logo da reserva e a salvo da dispoñibilidade destas, o CIS poderá arrenda-lo uso e equipamento das instalacións que a continuación se sinalan, a institucións, empresas e/ou asociacións de empresas alleos ó Igape sempre que o dito uso garde relación directa coas liñas de actividade do CIS e non prexudiquen a imaxe pública do centro.

1. Seminarios e salas de reunións.-Salas de formación e reunións con capacidade máxima de 20 persoas, incluíndo proxectores de transparencias e diapositivas, con exclusión doutros equipos opcionais.

2. Aulas.-Salas de formación, con capacidade máxima de 60 persoas, incluíndo proxectores de transparencias e diapositivas, con exclusión doutros equipos opcionais.

3. Salón de actos.-Auditorio con cabinas de traducción simultánea e capacidade máxima de 320 persoas, incluíndo canón de video proxección, transvideo, proxectores de transparencias, corpos opacos, diapositivas, CDI e auriculares inarámicos para traducción simultánea. O servicio inclúe a asistencia dun técnico de mantemento.

II. Instalacións específicas:

Logo da reserva e a salvo da dispoñibilidade destas, o CIS poderá arrenda-lo uso e equipamento das instalacións que a continuación se sinalan, a institucións, empresas e/ou asociacións de empresas alleos ó Igape sempre que o dito uso garde relación directa coas liñas de actividade do CIS e non prexudiquen a imaxe pública do centro.

1. Sala de prototipado.-Instalación formada por unha máquina e os seus accesorios, que xera prototipos industriais en materiais plásticos con funcionalidade real.

O servicio inclúe a supervisión técnica da maquinaria, pero non os custos do persoal técnico necesario para a execución de proxectos.

2. Sala de autómatas programables.-Instalación formada por doce autómatas de uso amplo con rede PROFIBUS para instalacións en plantas industriais baseado en tecnoloxía SIEMENS para actividades de formación e desenvolvemento de proxectos.

O servicio inclúe a supervisión técnica da maquinaria, pero non os custos do persoal técnico necesario para a execución de proxectos.

A posibilidade de arrenda-la sala completa queda limitada a circunstancias especiais que serán consideradas pola dirección do CIS.

3. Laboratorio de redes.-Instalación formada por doce equipos e armarios de control que forman un sistema de redes baseado en Tokenring-Ethernet e ATM mediante sistemas Cabletrón, coas seguintes posibilidades de servicio:

a) Ensaio de redes.

b) Probas de aplicacións sobre contornos LAN e WAN.

c) Simulacións de interconexión de redes.

d) Análise e comparativa de topoloxías.

e) Probas das capacidades dos distintos sistemas de cableado.

f) Análise do comportamento da RDSI en contornos distribuídos.

g) Avaliación de capacidades ATM.

h) Probas de integración de voz, datos e video.

i) Servicios de xestión de redes.

j) Apoio informático ó centro.

O servicio inclúe a supervisión técnica da maquinaria, pero non os custos do persoal técnico necesario para a execución de proxectos.

A posibilidade de arrenda-la sala completa queda limitada a circunstancias especiais que serán consideradas pola dirección do CIS.

4. Sala de multimedia.-Instalación formada por doce equipos de contorno PC's con especificación multimedia, sistemas de gravación e captación de audio e video e sistemas de desenvolvemento de productos multimedia (mestura de datos, texto, son, gráficos, animación e imaxes fixas e móbiles almacenadas en forma dixital e accesibles de maneira interactiva), coas seguintes posibilidades de servicio:

a) Creación de animacións 2D e 3D.

b) Captura, dixitalización, comprensión (MPEG, IPEG, por compoñentes, composto e SUHS) e edición de video.

c) Dixitalización e edición de audio.

d) Retoque fotográfico.

e) Integración e programación multimedia.

f) Gravación de CD's (CD-video, CD-audio, CD-ROM).

g) Captura de imaxes fixas.

h) Captura de imaxes de sólidos.

O servicio inclúe a supervisión técnica da maquinaria, pero non os custos do persoal técnico necesario para a execución de proxectos.

A posibilidade de arrenda-la sala completa queda limitada a circunstancias especiais que serán consideradas pola dirección do CIS.

5. Sala de CAD.-Instalación formada por diversos equipos en multiplataforma Silicon e SUN en hardware, con varios tipos de software de deseño gráfico e conceptual para bocetos, así como plotters e equipos auxiliares, coas seguintes posibilidades de servicio:

a) Execución e transformación de planos en formato CAD así como a súa actualización mediante parametrización.

b) Formación en distintos sistemas de software aplicados a procesos de CAD.

c) Execución de planos en formato CAD para plasmación do prototipo a través da máquina de prototipado rápido.

O servicio inclúe a supervisión técnica da maquinaria, pero non os custos do persoal técnico necesario para a execución de proxectos.

A posibilidade de arrenda-la sala completa queda limitada a circunstancias especiais que serán consideradas pola dirección do CIS.

III. Persoal técnico.

Para a realización dos servicios que se poden ofrecer a través dos equipamentos indicados, precísase a participación de técnicos cualificados, e o seu traballo será sempre supervisado por un coordinador do CIS. Prevese a prestación de servicios de dúas categorías de persoal, cuantificadas polo seu custo/hora:

a) Técnico especialista.

b) Laborante ou auxiliar.

Artigo 3º.-Tarifas.

Os prezos privados esixiranse de acordo coas seguintes tarifas:

I. Instalacións xerais.

I.1. Seminarios e salas de reunións: 7.500 ptas./día ou fracción.

I.2. Aulas: 10.000 ptas./día ou fracción.

I.3. Salón de actos: 20.000 ptas./día ou fraccion.

II. Instalacións específicas.

II.1. Sala de prototipado: 10.000 ptas./día ou fracción.

II.2. Sala de autómatas programables:

a) Por máquina: 875 ptas./hora ou fracción.

b) Instalación completa: 10.000 ptas./hora ou fracción.

II.3. Laboratorio de redes:

a) Por máquina: 875 ptas./hora ou fracción.

b) Instalación completa: 10.000 ptas./hora ou fracción.

II.4. Sala de multimedia:

a) Por máquina: 875 ptas./hora ou fracción.

b) Instalación completa: 10.000 ptas./hora ou fracción.

II.5. Sala de CAD:

a) Por máquina: 875 ptas./hora ou fracción.

b) Instalación completa: 10.000 ptas./hora ou fracción.

III. Persoal técnico:

a) Técnico especialista: 7.500 ptas./hora.

b) Laborante ou auxiliar: 4.500 ptas./hora.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

176