Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Venres, 17 de xaneiro de 1997 Páx. 528

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 9 de xaneiro de 1997 sobre delegación de competencias no director xeral de Marisqueo e Acuicultura e nos delegados territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Para lles dar resolución ós problemas que presenta a concentración de funcións da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, no seu titular, así como para conseguir unha axilización máis axeitada na tramitación burocrática, en beneficio dos administrados, sen mingua da necesaria garantía xurídica, faise necesario delegar no director xeral de Marisqueo e Acuicultura e nos delegados territoriais determinadas funcións legalmente atribuídas ó conselleiro, sen esquece-lo debido respecto ós principios que forman a actividade administrativa e que a Constitución recolle no artigo 103.1º.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, do disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Deléganse no director xeral de Marisqueo e Acuicultura as seguintes funcións, de acordo co disposto no Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia:

A) Autorizacións para a constitución de hipotecas e outros dereitos de garantía sobre as concesións.

B) Autorización para o cambio de cultivo de especies autorizadas ou a realización de cultivos poliespecíficos.

C) Transmisión mortis causa das autorizacións experimentais.

D) Revogación das autorizacións experimentais.

E) Acordo de retirada, a costa do titular, do viveiro que, logo da comunicación ó seu titular de que este non reúne as condicións mínimas de seguridade esixibles e da perigosidade que representa, así como da necesidade de reparación inmediata, esta non se levará a efecto no prazo establecido.

F) Autorización para traslado de semente, desdobramento de adultos, entre distintas rías comprendidas en ámbitos territoriais correspondentes a máis dunha delegación.

Artigo 2º.-Deléganse nos delegados territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, as seguintes funcións, de acordo co disposto no Decreto

406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia:

A) Autorización de cambios de sistema.

B) Comunicación ó titular do viveiro que non reúne as condicións mínimas de seguridade esixibles, da perigosidade que aquel representa, así como da necesidade de reparación inmediata e o prazo para levala a efecto.

C) Autorizacións para o traslado de semente, desdobramento e adultos, entre distintas rías, sempre dentro do seu ámbito territorial.

D) Habilitacións para a extracción de semente de mexillón, como consecuencia dos acordos subscritos entre concesionarios de bateas ou as súas asociacións e as confrarías de pescadores ou agrupacións de mariscadores.

Artigo 3º.-As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas na presente orde, farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que as conferíu.

Artigo 4º.-O conselleiro poderá, en calquera momento, reclama-lo exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das que quedan excluídas, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no artigo 42.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 1997.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

189