Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Venres, 17 de xaneiro de 1997 Páx. 509

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 19 de decembro de 1996 pola que se regula a avaliación e cualificación dos alumnos e das alumnas que cursan o grao elemental das ensinanzas de danza e os graos elemental e medio das ensinanzas de música que se establecen na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no seu artigo 38 que as ensinanzas artísticas terán como finalidade proporcionarlles ós alumnos unha formación artística de calidade e garanti-la cualificación dos futuros profesionais da música e da danza. Así mesmo, capacitaraos para estudios posteriores. O artigo 42 condiciona a obtención do título profesional de música e danza á superación do terceiro ciclo do grao medio das ensinanzas correspondentes.

Os decretos 253/1993, do 29 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 25 de outubro) e 260/1994 do 29 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 16 de agosto), polo que se establecen os currículos dos graos elemental e medio das ensinanzas de música e o grao elemental das ensinanzas de danza, respectivamente, na Comunidade autónoma de Galicia dispoñen nos seus artigos 15 e 8 que a avaliación das aprendizaxes dos alumnos será continua e integradora, aínda que diferenciada segundo as distintas disciplinas do currículo. Así mesmo, establécese que os profesores avaliarán tanto a aprendizaxe dos alumnos como a súa propia práctica docente. Igualmente avaliarán o proxecto curricular que se estea a desenvolver e, se é o caso, procederán á súa modificación.

Establecidos pola Orde do 29 de maio de 1995 (Boletín Oficial del Estado do 7 de xuño), os elementos básicos dos informes de avaliación e os requisitos formais derivados do proceso de avaliación, que son precisos para garanti-la mobilidade do alumnado entre centros escolares do territorio nacional, procede que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dicte normas que rexan a avaliación e a cualificación nas ensinanzas de música e danza coa finalidade de proporcionarlle ó profesorado un instrumento que regule e facilite a avaliación conxunta do proceso de ensinanza-aprendizaxe, así como a información dela a tódolos estamentos implicados. Por outra banda, establécense os documentos básicos de avaliación nos que deberá consignarse a información obtida na avaliación como garantía de que os alumnos teñen adquiridas a madurez académica e as capacidades que lles permitirán realizar estudios posteriores. Así mesmo, o punto quinto. 2, da referida orde, establece que o libro de

cualificacións será editado polas administracións educativas con plenas competencias en materia de educación, que establecerán tamén o proce

demento de solicitude e rexistro do citado documento. Resulta, polo tanto, necesario dictar instruccións para cubri-los restantes documentos establecidos na citada Orde do 29 de maio de 1995, referentes ó expediente académico persoal do alumno, ás actas de avaliación, ó certificado académico para efectos de traslado e os informes de avaliación individualizados.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que lle confiren as disposicións derradeiras primeiras dos decretos 253/1993 e 260/1994, do 29 de xullo, polos que se establecen o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos e o currículo do grao elemental das ensinanzas de danza,

DISPÓN:

Capítulo I

Natureza e desenvolvemento da avaliación nas ensinanzas de música e danza

Artigo 1º

Os conservatorios e centros autorizados de música e danza da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan as ensinanzas establecidas nos decretos 253/1993, do 29 de xullo e 260/1994, do 29 de xullo, desenvolverán o proceso de avaliación de acordo co establecido na presente orde.

Artigo 2º

1. O referente para avalia-las aprendizaxes dos alumnos e das alumnas serán os obxectivos educativos do grao, do ciclo e os de cada unha das diferentes disciplinas, así como os criterios de avaliación que, para cada materia, se establezan no proxecto curricular do centro, aprobado polo claustro de profesores. O dito proxecto deberá conte-lo recollido nos Decretos 253/1993, do 29 de xullo e 260/1994, do 29 de xullo, polo que se establecen os currículos dos graos elemental e medio das ensinanzas de música e do grao elemental das ensinanzas de danza, respectivamente, na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A avaliación será realizada polo equipo de profesores do respectivo grupo de alumnos e alumnas, coordinado polo profesor titor.

Na avaliación das aprendizaxes dos alumnos, que se realizarán por materias, os profesores considerarán o conxunto das disciplinas do correspondente curso, así como a madurez académica dos alumnos en relación cos obxectivos xerais das ensinanzas de música ou de danza e as súas posibilidades de progreso en estudios posteriores.

3. Os resultados da avaliación expresaranse do seguinte xeito:

-No grao elemental das ensinanzas de música e danza mediante os termos de apto e non apto.

-No grao medio das ensinanzas de música mediante a escala numérica de 1 a 10 sen decimais, considéranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco e negativas as inferiores a cinco.

Artigo 3º

1. A avaliación dos alumnos e das alumnas será continua ó longo de todo o proceso de aprendizaxe aínda que, ó remate de cada período lectivo, se fará unha avaliación final que valorará os resultados acadados por eles.

2. As sesións de avaliación e cualificación, dentro do proceso de ensinanza-aprendizaxe, son as reunións do conxunto de profesores do respectivo grupo de alumnos, coordinados polo titor, celebradas co obxecto de contrasta-las informacións proporcionadas polos profesores das distintas materias e valorar dunha maneira colexiada o progreso dos alumnos na adquisición de capacidades que os decretos 253/1993, do 29 de xullo e 260/1994, do 29 de xullo, establecen como obxectivos das respectivas ensinanzas.

3. Realizaranse tantas sesións de avaliación e cualificación por curso como se estableza no proxecto curricular do centro, cun mínimo de tres, coincidindo a última coa avaliación final.

4. As sesións de avaliación utilizarán como instrumento básico as informacións e cualificacións que, sobre cada alumno e sobre o grupo, acheguen os profesores e profesoras das distintas disciplinas.

5. O xefe de estudios convocará, presidirá e levantará acta do desenvolvemento das sesións de avaliación e cualificación, na que fará consta-los acordos acadados e as decisións adoptadas. Esta acta aprobarase na mesma sesión e será asinada polo xefe de estudios e polos profesores presentes.

6. As cualificacións outorgadas reflectiranse nos rexistros parciais de avaliación e cualificación, agás a cualificación final que, de acordo co disposto no artigo 20º da presente orde, se consignará na acta final.

Artigo 4º

O proceso de avaliación continua dos alumnos e das alumnas require a súa asistencia regular ás clases e ás actividades programadas para as distintas materias do currículo.

Artigo 5º

1. Rematado o período lectivo, na última sesión de avaliación e cualificación no mes de xuño, o profesorado emitirá a cualificación final despois de face-la valoración das aprendizaxes específicas das distintas disciplinas e da madurez académica acadada polos alumnos e polas alumnas en relación cos obxectivos xerais das respectivas ensinanzas de música e danza.

2. Na cualificación final do cuarto curso do grao elemental das ensinanzas de música e de danza e do sexto curso do grao medio das ensinanzas de música, o profesorado terá en conta, ademais dos elementos mencionados no apartado anterior, as posibilidades dos alumnos e das alumnas para proseguir estudios posteriores.

3. A avaliación final dos alumnos e das alumnas naquelas materias que se imparten con idéntica deno

minación en dous cursos estará supeditada á cualificación positiva da materia cursada no primeiro dos cursos. Cuando exista avaliación negativa no primeiro dos curso farase constar, nos documentos de avaliación, esta circunstancia co termo de pendente (P).

Artigo 6º

1. Promocionarán dun curso ó seguinte, nas ensinanzas de música e danza, os alumnos e as alumnas que fosen avaliados positivamente en tódalas disciplinas do curso e aqueloutros que fosen avaliados negativamente nunha materia.

2. Os alumnos e as alumnas que non promocionasen curso por teren avaliación negativa en dúas ou máis materias deberán repetir curso e seren avaliados de novo en tódalas disciplinas.

Os alumnos e alumnas con algunha cualificación negativa no cuarto curso de grao elemental das ensinanzas de música e danza ou no sexto curso de grao medio das ensinanzas de música deberán repetir, exclusivamente, a materia ou materias con avaliación negativa.

3. Nas ensinanzas dos graos elemental e medio de música, no suposto de materias pendentes referidas á práctica vocal ou instrumental, a recuperación da materia deberá realizarse na clase do curso ó que se promocionou, se esta materia forma parte del. No resto dos casos, os alumnos deberán asistir ás clases da materia non superada.

Nas ensinanzas do grao elemental de danza a recuperación da materia pendente, agás que esta corresponda ó cuarto curso, deberá realizarse na clase do curso ó que se promocionou. No caso de que a materia pendente corresponda ó cuarto curso, o alumno deberá realiza-la dita recuperación no devandito curso.

Artigo 7º

Para realiza-la proposta da expedición do título profesional de música na correspondente especialidade, será necesario que os alumnos e as alumnas obteñan avaliación positiva en tódalas materias do grao medio.

Artigo 8º

Os alumnos que se incorporen ós estudios de música e danza, procedentes doutra comunidade autónoma, incorporaranse ó curso que lles corresponda, segundo o número de materias que teñan pendentes do plan de estudios da comunidade autónoma de procedencia.

Capítulo II

Información e comunicación dos resultados da avaliación

Artigo 9º

1. O titor informará por escrito os pais, nais ou titores legais así como os alumnos sobre o seu aproveitamento académico e sobre a evolución do proceso educativo cando as circunstancias o aconsellen e, cando menos, despois de cada sesión de avaliación.

2. Coa finalidade de garanti-lo dereito dos alumnos e das alumnas a que o seu rendemento escolar sexa

avaliado conforme a criterios obxectivos, os centros darán a coñece-los obxectivos, contidos e criterios de avaliación establecidos nas programacións das diferentes materias como requisitos mínimos esixibles para obter unha cualificación positiva.

3. Os alumnos e alumnas ou os seus representantes legais poderán presentar reclamacións sobre as cualificacións finais obtidas, conforme o procedemento que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Capítulo III

Documentos de avaliación

Artigo 10º

1. Os documentos de avaliación no grao elemental das ensinanzas de música e danza son: o expediente académico persoal, as actas de avaliación, o certificado académico para efectos de traslado e os informes de avaliación individualizados.

2. Son documentos de avaliación no grao medio das ensinanzas de música: o expediente académico persoal, as actas de avaliación, o libro de cualificacións e os informes de avaliación individualizados.

Artigo 11º

1. O expediente dos alumnos e das alumnas que accedan ás ensinanzas de música e danza deberá ser cuberto e permanecer no centro no que se matricule o alumno ata o remate dos seus estudios. O dito expediente axustarase no seu deseño básico ó modelo que figura no anexo I da presente orde.

2. Cubrir, custodiar e arquiva-los expedientes é responsabilidade do secretario ou secretaria do centro. Os ditos expedientes conservaranse no centro, mentres este exista. As delegacións provinciais proverán as medidas necesarias para a súa conservación ou traslado no caso da súa supresión.

Sección primeira

O libro de cualificacións

Artigo 12º

O libro de cualificacións do grao medio de música é o documento oficial que reflicte as cualificacións e as decisións relativas ó progreso académico do alumno; ten valor acreditativo dos estudios realizados e posibilita a mobilidade dos alumnos entre centros onde se cursen os estudios correspondentes ó grao medio.

Artigo 13º

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria enviaralles cada ano ás delegacións provinciais o número de exemplares de libros de escolaridade que se consideren necesarios. Nos libros figurará a serie e o número que correspondan.

2. Os directores dos conservatorios remitiranlle ó Servicio de Inspección Educativa, ó longo do mes de outubro, unha relación por orde alfabética e por duplicado dos alumnos para os que se solicita o libro de cualificacións.

A solicitude formularase de acordo co modelo que se inclúe como anexo II.

3. Igualmente, incluirase a continuación, e separada dos anteriores por unha liña horizontal, a relación de alumnos de grao medio que se incorporen ó centro e carezan de libro de cualificacións.

En último lugar, e igualmente separados, relacionaranse os alumnos para os que se solicita un duplicado do libro, especificando no apartado de observacións as razóns da devandita solicitude.

Cando a solicitude de duplicado se formule desde un conservatorio profesional diferente daquel no que estivo custodiado con anterioridade o libro de cualificacións, o secretario do conservatorio, desde o que se formula a petición, solicitará do conservatorio no que estivese custodiado o libro, unha certificación na que consten a especialidade, os cursos realizados e os resultados de avaliación obtidos e trasladará o seu contido ás páxinas correspondentes do novo libro de cualificacións. A dita certificación axustarase ó modelo establecido no anexo III desta orde.

4. Os directores dos centros autorizados presentarán por triplicado a relación á que se refiren os apartados anteriores, ó conservatorio profesional ó que estean adscritos. O director do conservatorio deberá remitirllos, co seu visto e prace, ó Servicio de Inspección Educativa.

Artigo 14º

1. Os servicios de Inspección Educativa rexistrarán os libros de cualificación do grao medio das ensinanzas de música atribuíndo cada libro a un alumno e asignándolle un número de rexistro con carácter provincial, que constará de dúas partes separadas por un guión: a primeira parte, conformarase co número que corresponda empezando, para cada curso escolar, polo número 1 e seguindo correlativamente ata rematar polo último dos libros rexistrados para o devandito curso académico; a segunda parte, que será igual para todos, conformarase coas dúas últimas cifras correspondentes ó ano en que se solicita o libro.

2. O rexistro de libros de escolaridade de cada provincia será realizado polo Servicio de Inspección Educativa correspondente, utilizando para o efecto as propias relacións remitidas polos centros.

Unha vez rexistrados, remitiránselles ós respectivos centros os libros de escolaridade acompañados dunha das devanditas relacións para o seu arquivo no centro, no caso dos conservatorios profesionais, e de dúas, no caso dos centros autorizados. En ámbolos casos o exemplar restante será arquivado no Servicio Provincial de Inspección Educativa.

3. Os conservatorios profesionais arquivarán a relación referida ós seus alumnos, así como, de se-lo caso, un dos exemplares da relación correspondente a cada un dos centros autorizados que teñan adscritos, e remitiránlle-lo exemplar restante, para o seu arquivo, ós ditos centros.

Artigo 15º

Os servicios de Inspección Educativa enviaranlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ó longo do mes de decembro de cada ano, debidamente cuberto, o impreso, conforme o modelo de anexo IV, no que se recolla o número de libros de cualificación do grao medio de música que se tivesen rexistrado e o remanente deles, así como o número de exemplares que se consideren necesarios para o curso seguinte.

Artigo 16º

1. Correspóndelle ó conservatorio profesional no que o alumno estea matriculado ou, de se-lo caso, ó que estivese adscrito o centro autorizado no que o alumno cursa os seus estudios, cubri-lo libro de cualificacións do grao medio de música.

2. O libro de cualificacións levará as sinaturas fidedignas das persoas que correspondan en cada caso, identificadas debidamente, facendo constar debaixo delas o nome e os apelidos do asinante.

3. As correccións que procedan, en caso de erro, acreditaranse mediante dilixencia coa sinatura do secretario, na mesma páxina se é posible ou nas páxinas reservadas para observacións.

4. Ó rematar cada ano académico, o director do centro no que o alumno estivese matriculado ou, de se-lo caso, ó que estivese adscrito o centro autorizado, asinará a súa escolaridade correspondente.

Artigo 17º

1. O libro de cualificacións referirase ós estudios cursados dentro dunha única especialidade. No caso de alumnos que cursen máis dunha especialidade do plan de estudios regulado no Decreto 253/1993, do 29 de xullo (DOG do 25 de outubro), cubrirase un libro de cualificacións por cada especialidade cursada, indicándose, se é o caso, nas páxinas de estudios previos de grao medio noutras especialidades, as materias comúns superadas e as cualificacións obtidas.

2. Tamén se consignarán nos correspondentes apartados do libro as diferentes materias que constitúen o currículo, de acordo co disposto no Decreto 253/1993, do 29 de xullo, encabezadas pola especialidade instrumental ou vocal correspondente, as decisións de promoción do alumno, as materias non superadas e as validadas.

Artigo 18º

1. Na parte correspondente do libro de cualificacións do grao medio de música certificarase, cando proceda, a finalización do grao medio e, se é o caso, a consecución dos obxectivos correspondentes, así como que o alumno/a reúne as condicións necesarias para que lle sexa expedido o título profesional no que constará a especialidade cursada.

2. Certificarase igualmente a acreditación da avaliación, facendo consta-las cualificacións obtidas nas distintas materias.

3. A ampliación excepcional de permanencia no grao medio, prevista no artigo 16 do Decreto 253/1993, do 29 de xullo, farase constar mediante dilixencia

conforme a anexo V desta orde nas páxinas 31 e 32 ou na páxina 28 do libro de cualificacións do grao medio.

4. O libro de cualificacións do grao medio entregaráselle ó alumno ó remata-los estudios. Cubrirase a parte correspondente do libro e do expediente académico e deixarase constancia no centro mediante a sinatura de recepción do alumno.

Sección segunda

Mobilidade do alumnado

Artigo 19º

1. Cando un alumno se traslade de centro cubrirase o apartado correspondente do libro de cualificacións. Se este resultase insuficiente, cubrirase no apartado destinado a observacións e daráselle traslado disto ó centro receptor por petición do devandito centro. Cando o libro de cualificacións lles corresponda a alumnos de centros autorizados, esta dilixencia será cuberta polo conservatorio ó que estean adscritos.

2. De acordo co establecido na disposición segunda 3 da Orde de 29 do maio de 1995, no grao elemental das ensinanzas de música e danza terá a consideración de documento básico o certificado académico para os efectos de traslado de centro, segundo o modelo do anexo VI da presente orde.

3. Será necesario o traslado do libro de cualificacións do grao medio de música nos casos que de seguido se sinalan:

a) Traslado do alumno dun conservatorio profesional a outro.

b) Traslado do alumno dun centro autorizado a outro que estivese adscrito a un conservatorio profesional diferente.

c) Traslado do alumno dun conservatorio profesional a un centro autorizado adscrito a un conservatorio profesional diferente.

d) Traslado do alumno dun centro autorizado a un conservatorio profesional diferente daquel ó que estivese adscrito o dito centro.

4. O conservatorio profesional de destino procederá a reflectir no libro de cualificacións a inscrición do alumno, abrirá un novo expediente académico e trasladará a este os datos consignados no libro de cualificacións.

5. Sempre que o centro de destino sexa un centro autorizado, o conservatorio profesional de orixe expedirá, por solicitude do alumno, un certificado acreditativo dos estudios realizados conforme o modelo que figura no anexo III e remitirallo ó dito centro.

5. Para as demais circunstancias de traslado haberá que aterse ó establecido no número 5 da disposición quinta da Orde do 29 de maio de 1996.

Sección terceira

As actas de avaliación

Artigo 20º

1. As actas de cualificación estenderanse ó final de cada un dos cursos dos graos elementais de música e danza e do grao medio de música. Pecharanse ó finaliza-lo período lectivo ordinario no mes de xuño.

2. As actas comprenderán a relación nominal dos alumnos e das alumnas que compoñen o grupo xunto cos resultados da avaliación de cada materia. Incluirán tamén as decisións sobre promoción ó curso seguinte e, se é o caso, a permanencia dun ano máis no curso ou ciclo, de acordo coas normas que regulamentan este suposto.

3. A acta de avaliación final axustarase no seu deseño básico ó modelo que figura no anexo VII da presente orde, acompañado das claves indicativas das materias que figuran nel.

Nas actas correspondentes ó cuarto curso do grao elemental, das ensinanzas de música e danza, farase consta-la proposta de expedición do correspondente certificado por ter acadado os obxectivos establecidos para o dito grao.

Nas actas correspondentes ó sexto curso de grao medio das ensinanzas de música, farase consta-la proposta de expedición do título profesional na especialidade correspondente cando se superasen tódalas materias.

4. As actas de avaliación final serán asinadas por tódolos profesores do grupo co visto e prace da dirección do centro e serán arquivadas na secretaría para os efectos oportunos. Unha copia das actas de cada grupo remitiráselle ó Servicio Provincial da Inspección.

5. Os centros autorizados remitiranlle un exemplar das actas ó conservatorio ó que estean adscritos.

6. Despois da avaliación final reflectirase na acta as cualificacións obtidas nos termos establecidos no punto 3. do artigo 2º da presente orde.

7. A partir dos resultados consignados nas actas, elaborarase un informe dos resultados da avaliación final das alumnas e alumnos segundo o modelo que se recolle no anexo VIII da presente orde. Unha copia deste informe seralle remitido ó Servicio Provincial da Inspección Educativa antes do 15 de setembro.

Sección cuarta

Informe de avaliación individualizado

Artigo 21º

1. Cando un alumno se traslade a outro centro consignarase nun informe de avaliación individualizado aquela información que resulte necesaria para a continuidade do proceso de aprendizaxe.

2. O informe de avaliación será elaborado polo titor, a partir dos datos facilitados polos profesores e pro

fesoras das distintas materias do curso e conterá, polo menos, os seguintes elementos:

a) Apreciación sobre o grao de desenvolvemento das capacidades enunciadas nos obxectivos específicos da especialidade instrumental do alumno, así como sobre o grao de asimilación dos contidos referidos a esta.

b) Apreciación sobre o grao de desenvolvemento das capacidades enunciadas nos obxectivos específicos das restantes materias que configuran o currículo da especialidade do alumno, así como sobre o grao de asimilación dos contidos referidos a estas.

c) Cualificacións parciais ou valoracións da aprendizaxe no caso de que se tivesen emitido neste período.

3. O centro receptor trasladará do informe ó expediente os datos relativos ás posibles medidas de adaptación curricular, no caso de alumnos ós que, por procederen de comunidades autónomas que se atopen no pleno exercicio das súas competencias en materia educativa, o traslado lles supoña un cambio de currículo, e porá o informe a disposición do titor do alumno.

Artigo 22º

En calquera momento, os conservatorios e centros autorizados de música e danza poderán emitir, por petición dos interesados, certificación dos estudios realizados na que se especifiquen as materias cursadas e as cualificacións obtidas. A certificación irá asinada polo secretario do centro e visada polo director ou a directora.

Capítulo IV

Titulación das ensinanzas de música e danza

Artigo 23º

De acordo co disposto nos artigos 18 e 11 dos decretos 260/1994, do 29 de xullo, e 253/1993, do 29 de xullo, respectivamente, os alumnos que ó remate do grao elemental, das ensinanzas de música e danza reguladas nos devanditos decretos, acaden os obxectivos destas ensinanzas recibirán o correspondente certificado acreditativo.

Artigo 24º

1. De acordo co disposto no artigo 18 do Decreto 253/1993, do 29 de xullo, os alumnos e alumnas que ó remate do grao medio acaden os obxectivos correspondentes terán dereito ó título profesional no que constará a especialidade cursada.

2. O centro no que os alumnos e alumnas finalizasen os estudios de música de grao medio proporá o alumno ou a alumna para a obtención do título profesional, de acordo co procedemento que se estableza.

3. De acordo co artigo 41.2º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, os alumnos que rematasen o terceiro ciclo do grao medio, das ensinanzas de música, obterán o título de bacharel se superan as materias comúns do bacharelato.

Capítulo V

Avaliación do proceso de ensinanza e do proxecto curricular

Artigo 25º

O profesorado, ademais da avaliación das aprendizaxes dos alumnos e das alumnas de acordo cos obxectivos xerais dos graos correspondentes e cos obxectivos propios de cada materia, avaliará os procesos de ensinanza e a súa propia práctica docente en relación coa consecución dos obxectivos educativos do currículo. Avaliará, así mesmo, o proxecto curricular, a programación docente e o desenvolvemento real do currículo.

Artigo 26º

A avaliación do proceso de ensino e da práctica docente, que terá como referente o proxecto curricular, deberá ter en conta, polo menos, os aspectos seguintes:

a) A organización e aproveitamento dos recursos do centro.

b) A atención á diversidade dos alumnos.

c) O carácter das relacións entre os profesores, entre os alumnos e entre o profesorado e o alumnado, así como os pais, nais ou titores legais dos alumnos.

d) A coordinación entre os órganos e persoas responsables no centro da planificación e desenvolvemento da práctica docente: equipo directivo, claustro de profesores, departamentos didácticos e titores.

Artigo 27º

Na avaliación do proxecto curricular, coordinada polo equipo directivo do centro, teranse en conta, polo menos, os seguintes aspectos:

a) A súa coherencia co proxecto educativo do centro.

b) A súa adaptación ás características do medio.

c) A adecuación dos obxectivos programados ás características dos alumnos.

d) A distribución equilibrada e apropiada dos contidos.

e) A idoneidade da metodoloxía e dos materiais curriculares empregados.

f) A validez dos criterios de avaliación establecidos.

g) As actividades de orientación educativa e profesional.

h) A idoneidade dos itinerarios académicos propostos e da oferta de materias optativas.

Artigo 28º

Os resultados da avaliación do proxecto curricular, que será aprobada polo claustro, faranse constar nun informe que se incluirá na memoria anual do centro e servirán de elemento referencial para a modificación

do proxecto curricular, do proceso de ensinanza e da práctica docente naqueles aspectos que se amosasen pouco axeitados ás características dos alumnos e das alumnas.

As modificacións que se acorden incluiranse para o curso seguinte nas programacións dos distintos departamentos didácticos.

Disposicións transitorias

Primeira.-En relación cos alumnos que se incorporaron no curso 1995/1996 ás ensinanzas do novo sistema educativo no grao medio de música, os directores dos conservatorios profesionais solicitarán os libros de cualificacións correspondentes no prazo dun mes contado a partir da data de publicación desta orde. A solicitude farase na forma que se indica nos apartados 2 e 3 do artigo 13º da presente orde.

Segunda.-Excepcionalmente, para os cursos académicos 1995/1996 e 1996/1997, a xustificación dos libros de cualificacións á que se refire o artigo 15º da presente orde, efectuarase no prazo dun mes contado a partir da data publicación desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para dicta-las normas que sexan precisas para a execución do establecido na presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 1996.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

130